Eis unha mostra dese cosmopolitismo desarraigado e cosmopolita no que tanto me regodeo...
As miñas relacións coa cultura polaca son escasas. Malia terlle botado o ollo a unha gramática desa curiosa lingua e a algúns textos traducidos (Kochanovsky, por Seamus Heaney), non teño ido máis alá dun curioso exotismo. Alén, a miña opinión (algo dogmática) é que calquer intento de profundizar a cultura dun país mentres non se coñeza a súa língua en profundidade é absolutamente ridícula...
Nembargantes, venme de atrás certa atracción polo país do leste. Xa Payne (no seu libro 'España Imperial') trazaba interesantes paralelos entre a Monarquía Católica do XVII e o Reino Unido Polaco-Lituano: ámbolos dous imperios en decadencia, ferventemente católicos, internamente heteroxéneos... Hai, ao parecer, uns sermóns á dieta polaca do xesuíta Piotr Skarga que poñen polas nubes a algún dos Habsburgos españois (creo que a Felipe III) como modelo de rei cristián e piadoso.
Rescato hoxe unha figura moi popular ao parecer entre os polacos, tanto na súa historia como nas súas letras: Stańczyk, "o bufón de el-rei" que diría Risco.
Stanisław Gąska (que ese sería o verdadeiro nome do personaxe) foi o bufón de corte máis famoso da Historia de Polonia. Estivo ao servizo de tres reis ao longo do século XVI: Alexandre, Sexismundo o Vello (¿a vida é soño?) e Sexismundo Augusto.
A sona venlle de que era considerado no seu tempo algo máis que un mero bufón. Ao parecer, o noso Stańczyk contaba cunha fina intelixencia política, que envolvía nun agudo pensamento satírico. Son moitas as anécdotas laudatorias que narran sobre el os cronistas da época.
Entre elas, cóntase que nun episodio de caza, en 1533, un enorme oso lituano que o soberano ceivara para cazar cargou contra el-rei, a raíña (caeu do cabalo e tivo un aborto) e os cortesáns; cando Sexismundo lle recriminou ao tolo que fuxira covardemente, éste respostou: "Maior loucura é ceivar ao oso pechado nunha gaiola". A afirmación soe entenderse como unha referencia velada á política exterior do rei, que derrotara aos prusianos pero non os incorporara á coroa.
Outra historia podédela ver ilustrada neste famoso cadro de Jan Matejko: o bufón é a única persoa na festa real que se preocupa diante das noticias da caída da cidade de Smolensk en mans dos rusos.
Tralas particións e a desaparación de Polonia do mapa, este personaxe converteuse nunha figura emblemática da literatura oprimida, nun símbolo da loita pola independencia. Pola contra, uns publicistas conservadores tamén tentaron apropiarse da súa imaxe e sacaron uns panfletos co seu nome nos que ridiculizaban os alzamentos armados e suxerían seguir o camiño do desenrolo económico e o compromiso cos inimigos do país.
Pero iso xa é outra historia...
7 comentários:
Messer Sibari rivaliza contigo agora no seu polaquismo...
podes confirmarme un dato que sempre repito como verdade totémica: penso que un dos redactores da primeira constitucion polaca no XIX foi Jan Potocki (autor do xustamente célebre "Manuscrito atopado en Zaragoza", obra que sei que non che é indiferente)...
Acollome a tua infinita sapiencia...
Iso...
Veño agora do acto de 'Papi Chulo', ao que estou seguro deveceríades por asistir... Como de costume, estaba a crema e nata finamente esparexida no hall da caixa-galiza -tal a manteiga escorrega lenamente sobre as torradas.
Canto á túa pregunta (a resposta é máis cortesía da wikipedia ca de min mesmo -fállame a memoria-), creo que caíche no comprensíbel erro de mesturar ao noso famosérrimo escritor e místico (merecería unha entrada nestas lides; para os que poidades ler inglés: http://www.forteantimes.com/articles/140_potocki.shtml) e o tamén nobre polaco Roman Ignacy Potocki, ese sí co-autor da constitución polaca do tres de Maio de 1791.
Numerosa familia a dos potocki...
Bacci
Ah...
(diria mentres escoitaba unha das suites da arlesiana de Bizet)
EMPLAZO A ZACHARIAS A UN EXERCICIO QUE TODOS OS COMPARATISTAS ASIDUOS DESTE BLOG DEBERAN APOIAR: UNHA DESCRICION ALEGORICO-FESTIVA DO ACTO DE "PAPI-CHULO" COMO A QUE FACIA MARTIN SANTOS EN CLAVE ORNITOLOXICA DA FESTA DE SOCIEDADE EN HONRA DO SABIO OFICIAL (ISTO é, PARODIA JOYCEANA).
PENSO QUE O MANTENEDOR DESTE BLOG TEN O TALENTO ESPECIFICO PARA ACTUAR DE CRONISTA. MOITOS DOS EXILIADOS AGRADECERIAMOS MOITO TAL INFORME.
A luva e o poema de Stevens quedan para que os recollas se queres igual que todo o que aqui vou deixando...
N.
Post scriptum...
reconhezo que boa parte das inclinacions misticas de Potocki non me eran conhecidas, non ata ese punto vaia. Non sei a razon: pero sempre o asociei a un modo de escritura raramente ilustrado que teria non menos raras correspondencias en "Jacques le fataliste", en Sade e mais obviamente en Hoffmann. Que opinas ti? Deixo o tema para unha nota sucesiva se tes interese...
Iso...
Curiosa constelación a que trazas... Creo que o patricio Adorno e o noso admirado Benjamin atoparían moi productiva a suxerencia...
Sade xa aparece comparado con Fourier e Loyola nun escandalosamente encantador libriño de Barthes, destes laranxas tan careiros de Cátedra.
Éche boa idea. Deberíamos discutilo pausadamente -copa de porto na man- este Nadal.
Canto ao Aquelarre -Sinfonía no Monte Pelado- de papi Chulo, prometo meter algunha crónica...
E o poema, hoxe ou mañá.
Bacci
Discutirase todo o que se deba discutir e ainda mais... falando do simpatico monsieur Barthes: conheces o seu opusculo sobre Arcimboldo?
Sir Gawain
Metin unha entrada duas veces: xa eliminaras unha delas.
Sir Gawain
Enviar um comentário