Non, amigos. Non pretendo hoxe facer unha reseña ou comentario da célebre novela de Houllebecq (nese caso aproveitaríavos mellor o artigo que Ur Apalategui escribiu sobre a variada producción do autor francés e que expuxo no congreso de Kiel). Malia ser FraVernero un home de letras, non pode negar certa fascinación diletante pola Ciencia Pura, e notoriamente, pola Física e as Matemáticas, que algún día agarda poder entender a nivel de leigo.
A este respeito, lembro unha asignatura que a USC creou o ano que naceron as asignaturas 'específicas' de Libre Configuración, e que tiven a sorte de facer; chamábase 'Historias do Universo para non expertos' (en román paladino, Astrofísica for dummies). As aulas dábanse na facultade de Física, un dos últimos círculos do infernal Campus Sur (digamos Caína, cos aparatos medidores de refulxente cobre atrapados non no xeo do Cocito, senón nas vitrinas de cristal). Dous profesores (un deles o antigo rector Carlos Pajares) desnovelaban para nós as partículas elementais, os quarks, tixolos da materia de cromática unión e poéticos nomes; as danzas do espín (tamén poema de Outeiriño, por certo) e as galaxias sempre expandindo. Libro recomendado de lectura era a 'Historia Natural do Tempo' de Stephen Hawking, que conseguín barato en Follas Vellas, e fíxoseme tan ameno que o seguín algo despois con outro famoso bestseller científico como é 'Os primeiros tres minutos do Universo', de Stephen Weinberg.
Hai unha beleza natural nas fórmulas da matemática e na xeometría das teorías físicas que escapa os burdos intentos (poesía-matemática?) de tender a ponte co mundo das letras e das artes. Só dúas mostras que lembre lle fan algo de xustiza aos dous mundos (e probábelmente máis ao estético), coma son o poema 'π' de Wisława Szymborska ou algunha desas láminas de vidro (nitróxeno ou helio líquido?) nas que o CERN, o superlaboratorio sito en Suiza, consegue grabar o choque e as traxectorias das partículas que fan chocar e estoupar a tremendas velocidades.
E para o voso disfrute (e o meu), velaí unha mostra:
7 comentários:
Casualmente eu tamén ando ás voltas con Houellebecq e coas resonancias científicas en "A posibilidade dunha illa". É agradable ver como xente de letras se interesa por estes temas, que a min tamén me parecen incriblemente fermosos e evocadores.
Sempre pensei que a Astrofísica e a Física foron moi castigadas pola literatura posto que teñen moito de poético, e iso sen falar xa da física cuántica, que é tanto física como filosofía. A miña formación académica foi bastante caótica pero nunca me arrepentirei de ter feito ciencias puras en secundaria malia optar logo por unha carreira de letras, mágoa que se esqueza todo tan axiña... Se cadra debería asistir de oínte a esas clases de Astrofísica for dummies :)
PD: Espero que os exames que te tiveron alonxado da blogosfera foran ben e convídote a botarlle unha ollada ao divertimento inverliterario que posteei aí atrás.
Moi divertido, imaxínote na nave de Star TReck con Yolanda Castaño escoitando unha conferencia do profesor Mira.
Por certo, moitos libros vende o cabronazo de Houellebecq!
Houellebecq ten o mérito, pouco habitual, de achegarse dende as letras (as humanidades ou o que se quiser) a unha cousa tan fascinante como é a ciencia. Realmente a ciencia ficción é só a ponta do iceberg do enorme potencial narrativo dos coñecementos científicos. Por certo, sorprendeume moito que na súa web xunto os seus libros (de literatura) favoritos tamén puxese os libros de física cuántica dos que máis gosta.
A beleza das matemáticas e da física tamén ten o aditivo do descoñecido. No instituto non lembro que me resultasen tan atractivas, anque algunhas cousas cambian cos anos...
Nembargantes, raíña, temo que a maior parte da xente de letras non tende a interesarse por estes temas, e tampouco é algo que poida recriminarse: a hiperespecialización dos saberes obrigaa traballar nun fragmento (namais) ata da propia disciplina... Mais un acercamento mínimo ás ciencias da natureza pode que non nos viñera mal.
ARALE, na diversidade está o gusto (anque suporía nunha nena robitizada maiores apriorismos a favor dos números). Ei tentar algo co divertimento, anque xa se me adiantaron...
Canto a Star Treck, Suroesteira, tería que facer un papel de Klingon, polo de comunistas (soterrados) e amantes de Shakespeare. Ou meter algunha entrada sobre a língua (que existe, e ten moitos seguidores).
Last, not least, Mario, alédame -anque non me sorprende- que coincidamos, como ven sendo habitual. Iso sí, sorpréndeme esa fórmula de cortesía (somos de idades similares e hai confianza)e sobrevaloras as miñas lecturas (os libros dos dous Stephens tamén entran na categoría de 'Astrofísica for dummies', anque lembro outro ('Do Big Bang aos buracos negros', creo que se chamaba) que me quedou un rapaz con el e que, malia os dibuxiños, xa requería algo máis de nivel e unhas cantas fórmulas...
Se che serve d ealgo, eu son de ciencias e estou segura de que na miña clase (e refírome á facultade) estou segura de que ninguén sabe sequera quen é Hawking, para canto máis lelo, aínda que sexa a nivel dummie. Supoño que a hipersepecialización tamén ten a culpa, porque incluso nas ciencias, cada un péchase (ou pechámonos) na nosa propia parceliña. Unha pena.
Pois si que anda Houellebecq espeso!
Eu apoio totalmente a mestura de ciencia e literatura. Grandes froitos teñen saido desta unión. Asimov, po exemplo, foi un grande divulgador científico, e na súa obra aparecen tanto ficcións coma estudos históricos e científicos.
Para os que non tivemos moita formación en ciencias na secundaria, o camiño pode ser Hawking.
Enviar um comentário