sábado, novembro 10, 2007

Alcolea, Alcolea!

"una serpiente es más humana que un fascista o un racista; un tigre es más humano que un fascista o un racista"
Hugo Chávez

Estan son as derradeiras palabras que empregou o dirixente da República Bolivariana para referirse ao ex-presidente do goberno, ese ananiño con cara de leite agria e look de burócrata de provincias. O pouco amor que cara o señor Aznar amosan os latinoamericanos (xa Fidel se adiantara co mote de Führercito) só coñece excepcións parciais nuns Estados Unidos de forte recendo neocón. Mais parece ser que a laboura de lacaio dos intereses imperialistas e embaixador latinizante non eximen de ter que pagar as débedas para conseguir a Medalla de Honor do Congreso...

O cumio latino está que arde. Ás repetidas calificacións de 'feixista', entre outras cousas, que choveron sobre o bigotudo, para ira de Bambi e do Borbón, sumáronse despois os ataques de Daniel Ortega. A portas fechadas, a lectura de beizos parece indicar que os distintos mandatarios estiveron a tirarse os trastos á cabeza, cunha cesura cada vez maior entre o bloco progresista (Venezuela, Nicaragua, Ecuador, Bolivia, Brasil) e os Sicofantas do Libre Comercio, coma o colombiano Uribe. Pero a imaxe coa que nos atronarán estes días é a do Rei español, cun vermello cangrexil nas fazulas que denota cabreo tremendo ou tremenda embriaguez (no caso dos Borbóns, calquera das dúas opcións é válida...) mandándolle calar a Chávez e liscando da sala por uns minutos. Mentres, o Bambi idolatrado da esquerda posmoderna europea pedía respecto por un dirixente 'elixido por tódolos españois' (non coma o Borbón, entón, ao que tampouco podemos faltarlle ao respecto). Podía extender a man cara Adolfo, non Súarez, senón Hitler, que tamén foi elixido por (non todos, iso sí) os alemáns aló polos anos trinta...

Fai moito tempo que o Mantedor quería dar unha mostra do seu apoio (condicional, claro; cústame entender as eternizacións no goberno, e despois de certos incidentes do século XX e o bando dos 'bos e xenerosos' nos que a intelligentsia mirou cara outros lados, toca ser máis cautos que nunca) á República Bolivariana e expresar a súa admiración polo presidente Chávez; velaiquí que me serven unha oportunidade en bandexa. Con tódolos defectos e personalismos que se lle poidan imputar ao venezolano (e máis dende unha conciencia occidental acostumada a outros modos...), é a única persoa que está a facer políticas socialistas hoxendía. E facendo a cuadratura do círculo, que é a de respectar os dereitos democráticos e empregar os medios 'legais' para facer as cousas, cando os revolucionarios clásicos, forxados por defecto nos moldes do marxismo-leninismo tenden a ser poucos fetichistas (por dicilo lixeiramente) cos dereitos e liberdades de orixe liberal e burguesa, mais que acaban por resultar imprescidíbeis para evitar o Mal Maior. Só toca o lamento de non poder estudar máis detidamente todo o que está a suceder no espazo da República Bolivariana (e non só alá: Bolivia, Nicaragua, Ecuador e, algo menos, Brasil están a dar mostras de que hai política posíbel aínda no Deserto do Real. E non só as ampliacións de dereitos para minorías baixo un marco neo-liberal na economía)...

E se a alguén lle toca calar, supoño que é máis ben ao Borbón, que sentiría ramalazos de mala conciencia (se é que os Borbóns son capaces diso; anque a única laboura que cumpren ben, sospeito, é a de vivir de rentas e poñer a cabeza a ritmo na peza da guillotina, como o cidadán Lois Capeto) cando oe increpar a Aznar, aquel 'falanxista republicano' (sic!) na súa xuventude. Ben sabemos nós que o Príncipe de España foi peón efectivo do vello dictador, anque soubera reconvertirse e protagonizar esa farsa grotesca, esa reconversión por parte dos sectores intelixentes da dictadura (UCD) e dos dunha esquerda covarde e derrotada (PSOE e PCE), ese aborto e fracaso histórico que chaman 'A Transición'.

O dito. Se hai algunha esperanza nestes días tenebrosos, virá do Novo Continente en caravela inversa. Eiquí só fica berrar por outra Alcolea que envíe dunha vez aos Borbóns a un exilio definitivo.


P.S.: Vaia... non sabía ata fai uns días que o deseñador de Brasilia, ese arquitecto xenial que é Óscar Niemeyer, é comunista (anque as listas de Premios Lenin da Paz, que percorro con frecuencia en busca de escritores, deberían terme avisado)...

19 comentários:

Anónimo disse...

Manolo, non serei eu quen polemice sobre este asunto, pero xa sabes aquilo de "díxolle a pota ó caldeiro". Pois iso, King África que se dedique a ameniza-lo verán, que é o seu.

FraVernero disse...

Querido home fora do tempo, sabes que sobre Chávez como individuo, poderíamos falar e discutir durante décadas. A mín non me chistan os aspectos 'populistas' que lle poida ver, ou a absoluta falta de corrección política. Pero a mín o que me contan son os feitos, o aquí o que está expropiando empresas, repartindo os beneficios do petróleo, devolvéndolle dereitos aos indíxenas, consolidando órgaos de poder e expresión obreira, facendo reformas agrarias, levando libros de Chomsky á ONU... é o señor Chávez. Recoñezo que a miña sensibilidade snob imaxinaría mellor unha figura máis culterana e Europea (como cando Beiras nos consolaba das derrotas citando a intelectuais e escritores), pero confórmome cos que fan cambios que van máis aló do estético.

SurOeste disse...

Por que nunca se aclarou o turbo asunto que denuncia Chaves da suposta participación de España no conato de golpe de estado en Venezuela?

Nébeda Piñeiro Barros disse...

un pouco de respecto polas serpes e os tigres, señor Chávez. ;)



Un bico e gracias polas verbas de ánimo.

Leopold Bloom disse...

Ahh Fravernero, artigo moi apoixoado. Coido que mitificas a Don Hugo porque sabes que xa non temos moitas esperanzas...

FraVernero disse...

LEOPOLD, gustoume moito a túa versión dos feitos na túa bitácora. Agardo que moitos lectores pasen e lean a túa 'repetición da xogada'. Canto ás esperanzas, agarrámanos a clavos ardentes, que son os que nos quedan...

NÉBEDA, de certo é sempre un pracer. E os animais, en efecto, non teñen culpa ningunha para comparalos co bigotes...

SUL, a túa pregunta leva implícita a resposta. Ben sabemos das duplas varas de medir, e dos silenzos manipulados dos media...

O Nadador disse...

Temos unha conta pendente:
http://nadaquedicir.blogspot.com/2007/11/8-cancins-que-suman-e-non-restan.html

Lea este post e entenderao.

FraVernero disse...

Vaia... serás perraco, NADADOR! Non só esquivas o meme que che guindara (bueno, supoño que me conformarei co que fixeche por elianínhico encargo...), senón que me arrebolas outro máis a mín!

Xa lín o encargo. A ver o que dou sacado da chisteira...

torredebabel disse...

Chavez ten un estilo particular e levao onde vai, con todo dereito, por certo. E pode que non fora ese o sitio para lembrar e denunciar a participación non aclarada de Aznar nese intento de golpe de Estado do que falou. Pero mandalo calar, foi dende logo, o menos intelixente que puido facer este home que pensa que é rei tamén fora de España.
Logo, o paripé de sair, e logo de volver porque a presidenta de Chile foi buscalo... bueno, de teleteatro cutre.
Pode gustarlles mais ou menos pero Chavez foi votado polos venezolanos (sobre todo, os pobres). E despóis de todo, o propio rei e o primeiro herdeiro do sistema feixista (que ninguen o votou porque chegoulle o voto de Franco).

Anónimo disse...

Oví, ová...

Chávez, cada día te quiero má...

Si, señor, fantástico ese momento no que el-Rei mostra todo o seu grande talante democrático e transicionil e manda calar a Chávez...

The Empire Strikes Back?

Teño sempre os meus escepticismos co modelo chavista pero son privados, como Lenin esixía sempre vixiante pero sempre traballando no terreo do posible... e non teñen nada que ver con "Aló presidente"...


p.s.: sin embargo, o rei non se levantou e marchou (iso me pareceu ler) durante a intervención de Ortega na que apoiaba o discurso de Chávez e critica duramente o férreo monopolio enerxético de Unión Fenosa en Nicaragua?

FraVernero disse...

Por suposto, os resquemores maiores do modelo chavista son para mín os da figura caudillista. Nun escenario ideal, as reformas bolivarianas deberan servir para movilizar un pobo activo, e crear sólidos órgaos de poder e control por parte deste. Como se compaxina iso cun poder presidencial máis sólido e extendido á perpetuidade é máis difícil. Temo os personalismos e o poder corruptor do poder (valla a redundancia). Non proceso revolucionario san, ninguén debera ser imprescindíbel (anque Trotsky non pensaba o mesmo cando escribía retrospectivamente sobre Lenin en Outubro...).

Logo está o escenario. Vendo as cousas dende un fóra imposíbel (en realidade, do pouso liberal e democrático), un pode sentir que o foro para queixarse de Aznar non era o máis indicado, ou que as formas democráticas do turno de palabra tamén requiren de certo respecto... pero a realidade é sempre complexa, e as máscaras de equilibrio sempre agochan pozos tenebrosos. O mesmo foro que presume do diálogo democrático agocha, coma toda democracia liberal, a antítese ao igualitarismo e á democracia en sí mesma, nas desigualdades económicas (do mesmo xeito, nese foro, a participación neo-imperial do estado Español apoiando aos seus empresarios-expoliadores na labor de facer de novo as Américas).

Pero xa escribín de máis. E sí, Sir, el-Rei marchou cando falou Ortega, pero creo que iso pasou pouco despois da intervención de Chávez.

Anónimo disse...

Pois si...Niemeyer era persoa comprometida...Recomendo escritos de Jorge Amado (amigo persoal de de Niemeyer). E recomendo tamén visita a Paris, a sede do PCF é obra de Niemeyer!

Anónimo disse...

Que foi todo unha performance deseñada por Suso de Toro como parte da campaña promocional do seu 'Madeira de Zapatero'! O.K.? Chévere.

Anónimo disse...

Moi bo texto. Sobre Chavez, xa escribín no meu blog, pero o certo é que me produce sensacións ambivalentes. Gústame como axitador de masas, pero non sei se terá a suficinte habilidade política para construír algo duradeiro... Ogallá.

Raposo disse...

Chavez é un político de verborrea excesiva as veces, showman e estrafalario, quizais atípico dende o punto de vista europeo. Pero ten mais dignidade democrática que o Borbón, nomeado por un dictador noxento e que vive moi ben, el e a súa familia, a conta do erario público.
Pola outra banda, cando Chavez dí que Aznar é fascista non creo que se equivoque moito ¿porqué alporizarse pois?
Quen tiña que calarse é o rei; e mais, non tiña nin que estar alá, el o único que non foi elexido pobo pobo.

Mararía disse...

Para min Chávez desprestixia a política, paréceme un paiaso de circo, e ademáis é un dictador - todo o que queiras de socialista. O socialismo está obsoleto, é xa unha ideoloxía morta e non chega para facer frente o capitalismo, non hai contrapeso. É a miña opinión subxectiva, claro.

FraVernero disse...

Argh! Respecto a túa opinión, Silvana, pero como tamén comprenderás, non a comparto en absoluto...

Non vou entrar no de paiaso (aí xa entran en xogos distintas sensibilidades, e quen máis quen menos, todos expresaron certo sentimento de outridade cara o espectáculo danzarín e cantor), pero non acepto o de dictador. A qué esa teima de alcumalo así? Chávez gañou e gaña eleccións democráticas unha tras outra (e con observadores internacionais, americanos, como Carter, garantindo a súa limpeza democrática). As reformas todas que fai as fai cumprindo coa lei. E se se eterniza no poder, outros o teñen feito cos mesmos medios, e estou seguro de que non os alcumas de 'dictadores' (como Felipe González, Fraga, Ibarra, Andreotti, Adenauer, etc...).
Se entendemos por dictador, xa que logo, alguén que tomara o poder pola forza (ou non: a Hitler votárono, anque non moi libremente nas últimas, iso sí), ou que se conserva no poder cun poder despótico e sen lexitimidades maiores que a violencia, Chávez non é un dictador. Se me ofreces outra definición (e xogamos coas palabras), podemos discutilo.
Canto ao socialismo, eu non diría que está 'obsoleto'. Concordaría en que certas formas da súa loita no século XX (coma o leninismo) probábelmente sí o están, e requiran novas alternativas. Tamén estamos nunha etapa de refluxo, anque por primeira vez, nos últimos anos, un líder político (e ese é Hugo) ousa meter palabras como 'socialismo' no seu programa e tentar levalas a cabo. E iso, xa é moito.

Anónimo disse...

Di o culterano FraVernero:

"Pero a mín o que me contan son os feitos, o aquí o que está expropiando empresas, repartindo os beneficios do petróleo, devolvéndolle dereitos aos indíxenas, consolidando órgaos de poder e expresión obreira, facendo reformas agrarias, levando libros de Chomsky á ONU... é o señor Chávez".

Home, o de levar un libro á ONU é certo. Todo o demais é máis que discutible que sexa tal e como vostede o di. Non debería crer todo o que conta a propaganda chavista, FraVernero.

FraVernero disse...

Estamos no problema de sempre, sospeito, que é o de verificar a información, e sacar o gran da palla. No caso chavista, non dubido que haxa un moito de propaganda, mais tamén o hai (en maior grado) nos seus detractores. Ao final quedámonos coas versións da xente que confiamos. E eu non confío na 'Liberdade Dixital' (sic) e nos seus atláteres, e algo máis en Chomsky e similares, anque como xa dixera no corpo de texto, os accidentes do século 20 entre a intelligentisa e os líderes emancipadores nos obriguen sempre agora a unha enorme, enorme prudencia.