quarta-feira, novembro 21, 2007

A creación polas letras

No intre da creación, os elementos constituíntes non eran puros; a flor de cada un deles aínda estaba mesturada coas súas impurezas. Asemade, todo carecía de orde, coma o trazo producido por unha pluma pequena cargada cos pousos do tinteiro. Foi, grazas ao nome gravado por corenta e dúas letras, cando o mundo tomou unha forma nítida. Toda forma existente no mundo emana destas corenta e dúas letras, que son, de certo xeito, a coroa do nome sagrado. Ao combinarse entre elas, superpoñéndose e formando así certas figuras arriba e certas outras abaixo, deron orixe aos catro puntos cardinais e a tódalas formas e imaxes existentes.

8 comentários:

Nébeda Piñeiro Barros disse...

bonito o texto.


a Roxiña a perfección non lle interesa nada. Ten máis miga a impureza, verdade?

Un bico!

torredebabel disse...

as cousas que carecen de orde, moitas veces, son as mais interesantes. Non sempre, pero si moitas veces...

cave canem disse...

Pero Fra, van atoparlle o gato negro e rematarán facéndolle lume debaixo dos pés.
Esoterismo puro e duro. E non é a primeira vez (de feito esa inclinación kandinskyana que manifestou en máis dunha ocasión é parte do todo: teosofía).
Prognostícolle que de seguir así acabará facendo tarot no blog e/ou nas tardes da galega.
Ollo, puro humor negro (adapted by).

FraVernero disse...

Certamente, certamente... mais confese, precavedor canino, que lles había resultar pavero verme pluriempregado como Madame Sosostris nos intres de lecer...

Kandinsky fora a primeira escolla inocente dun no Arte Abstracto (anque despois de ler 'De lo espiritual en el arte', que me gustara como prosa poética, sorprendérame o extremo misticismo do autor). Anque agora tirase máis cara Malévich, Lissitsky ou o ascetismo de de Stijl, un ten que manterse leal ás primeiras escollas, xa que valoro enormemente a fidelidade...

Nébeda: creo que a perfección sería un chisco de máis aburrida, mais é mera hipótese, xa que sempre se nos escapa as vulgares mortais. Temos que conformarnos coa fugacidade das cousas boas, o cal será en todo caso o único dique da contención/perfección para as túas gracias.

Torre, onde non hai orde nós tentamos imprimir o selo. É parte dos nosos xogos, e da nosa estructura xenético-cognitiva. Quizais, quizais...

Anónimo disse...

Prefiro o desorde, sempre que penso na orde lémbrome das marchas militares.

Anónimo disse...

Frade, pídolle entón cita. Hai un par de cousiñas que querería saber (pero non sei se me atreverei a preguntar).

FraVernero disse...

Está ben, Uncle Joe... apúntoo no Libro... Iso sí, para seguir os pasos de Madame Blavatsky, tería que empezar con aprender a cambiar de sexo (Glen or Glenda) e a botar peitos, coma Tiresias...

Um, curioso, raposo. Eu en cambio tendo a ser un amante da Orde, anque seguramente a entendo dun xeito distinto á Dereita. Esa ánsia de orde é a que me fixo marxista, e a que fai que, con todo, prefiro a desorde á inxustiza, non pace o señor Goethe.

Anónimo disse...

Non se podía explicar mellor o texto.
Coincido coa opinión de torredebabel.
Un saúdo.