domingo, novembro 04, 2007

O Oitavo

No MundoDisco de Pratchett, o número oito ten unha especial significación máxica. Evoca tamén a oitava cor, octarina, que só poden ver os magos, e o famoso Oitavo, o grimorio cos oito feitizos que empregou o Creador do Universo cando se puxo a choiar nun tan absurdo como para flotar nun disco enriba de catro elefantes e unha tartaruga cósmica...

Pero o oito que me trae eiquí non é ese, senón outro meme que nesta ocasión me empaquetou o Mario. Como neste caso se trata dun octaedro de libre escolla, de 8 cousas calisquer que o Mantedor queira listar/comentar/narrar, o epicúreo dentro de mín escolle 8 momentos de notoria felicidade e satisfacción existencial...

1 - A primeira é, claro, o primeiro amor. Ou máis exactamente, a noite que me decatei, non sen moitos esforzos (dada a mítica torpeza da FraVernero no referente a descifrar a psicoloxía feminina) de que esa comunista madrileña que se empeñaba en provocarme estaba en realidade toliña por mín. Despois dunha mirada desas magmáticas que derretirían ás pedras, o Mantedor marchou contente, baixo un ceo estrelado e con esa ledicia explosiva que non che cabe no corpo e che obriga a brincar, danzar, moverte...

2- Fai uns anos tivera lugar un congreso de Poesía en Compostela, organizado polo PenClube, co gallo do Día Mundial da Poesía. Foron uns días entretidos e interesantes, nos que o meu fetichismo se veu satisfeito ao escoitar e entrevistar a xente como Wole Soyinka, Derek Walcott e outros, menos coñecidos pero tamén moi bos (como Charles Tomlinson, ao que lle andaba a facer as beiras e que por algún motivo me provoca unha inmensa timidez ao tentar abordalo). O Congreso daría para moitas entradas, pero agora quédome co recital que fixeron os meus colegas Sacousos, Manuel Lôpez e Ramón Blanco, a primeira noite. Sentado no Momo, Gin-Tonic na man e versos deles a escorregar, tiven o nirvana dos instantes extáticos e irrepetíbeis...

3-Voume ter que facer máis breve, ou o post será interminábel... Estar no Prado na mesma sala co 'Xardín das Delicias' do Bosco e 'O triunfo da Morte', de Brueghel (os meus dous cadros favoritos) fíxoseme moi breve. Só unha hora para admirar como se merecen, en vivo, as dúas xigantescas pezas.



4- Hai moitos libros e novelas que, como fanático lector, me tiveron enganchadísimo, e me provocaron a euforia que habitualmente só causan certas sustancias sólidas, líquidas e fumables... No tempo en que seguía as bibliotecas de Borges e as traducía a Paraíso Persoal, rescatei da colección poeirenta de libros ingleses da biblioteca da Serra unha edición moi chula do 'Nome da Rosa' de Eco, e tamén me perdín na biblioteca de dentro da ficción... Días despois tentaría tamén facer a tarta da que se dá a receta nas páxinas dese 'proxecto de novela posmoderna definitiva' (anque daquela, do demo se sabía o que 'posmoderno' significaba, malia ter lido a algúns dos seus escritores canónicos).

5- Voltando á mitomanía, a primeira vez que o noso colectivo trouxo a Ferrín para unha charla-coloquio sobre 'O ventre do silencio' (saíra por aquelas datas) tamén foi unha xornada de nerviosismo e alegría. No noso maxín mitificador, víamos ao autor sacando un nove curto de Moncho Reboiras á menor provocación, pregunta espiñenta ou tratamento do reintegracionismo. Pola contra, estivo moi simpático, alén de demostrar unha paixón desmesurada polos calamares frixidos...

6- Premio! Ou non... Neste caso, o blogueiro Nadador, naquelas datas amigo íntimo do mantedor, presentárase dun xeito rocambolesco a un premio literario de cuxas posibilidades era realmente escéptico (e iso que xa publicara un libro nese selo editorial). Eu expresáballe a miña confianza cega en que ía a conseguir gañar o certame, e no medio dunha película que xa non lembro, na aula de imaxe e son (podía ser Matrix? Ou Sospeitosos Habituais? Sei que me perdín o momento climático), chegaron para avisarme a mín (Nadador dera o meu teléfono) de que chamaban do certame. A emoción facíame baixar as escaleiras de 5 en 5. Ao final non gañara o premio, pero queríanlle publicar o libro igual (varias visicitudes seguiron a iso, e o libro ao final non veu a luz)...

7- Agora, a inversa (máis ou menos), é que un amigo meu, o fotologueiro Varela, nun dos meus recurrentes periodos de depresión galopante, tristeza e depresión absoluta, deu en sorprenderme co agasallo inesperado dunha edición de luxo do comic 'Watchmen', de Alan Moore. Por suposto, a ledicia non ven do agasallo (anque tamén se agradece, claro) senón do detalle, e da demostración empírica do moito que che queren os teus amigos cando máis necesitas deles.

8- Para rematar, e como bo galego, tería que saír un episodio gastronómico. Mais a prezo de decepcionarvos, e de irar aos lectores que xa me acusan de nostálxico, teño que mencionar os días da LOU, que para mín foron como un amor e borrachera de dous meses e o celme da felicidade colectiva. A Revolución debe ser mellor, pero esa creo que xa me provocaría un infarto. Mais a ledicia sempre se paga, e a resaca daqueles días, no político e tamén no sentimental (xa que o corazón gastado tamén vibrou, e non só por amor colectivo) aínda a sigo pagando relixiosamente, como unha hipoteca.

Aí tedes. Fica pasar o relevo. Como non quero ser cruel, indultarei á metade, e só lle deixo o encargo a Leopold Bloom, novo nestas lides blogueiras e memeiras, a Suroeste, que estes días está moi calada, ao Nadador, pola parte que lle toca, e a Pris, que nunca me dí que non a un meme e xa me encasquetou algúns...

14 comentários:

torredebabel disse...

pois era de esperar que o meme atopara nesta casa unha versión interesante e rica en matices. Terei que inspirarme, que tamén teño a tarefa...

Raposo disse...

Tes razón, unha hora para deterse e admirar o Xardín das delicias é moi pouco. Polo que a min respecta, algúns cadros de Dali tamén me merecen parecida admiración.
Apertas.

Anónimo disse...

E as tentacións de San Antonio, xa non o tes?

Laurindinha disse...

Sempre me marabillou esa imaxe de catro elefantes e unha tartaruga...

Laurindinha disse...

Un post magnífico!
Coincido contigo no do amor e o desexo, a sala do Prado co "Xardín das delicias" (a min tamén me eleva cada vez que entro) e os libros!

FraVernero disse...

Torre, afágasme, como de costume. Xa agardo con impaciencia a ver cal é a figura de oitos coa que nos sorprendes na túa casa...

Oso do Rap: cada quén ten as súas escollas fetiche. A hora non dependía de mín (eu botaría meses só mirando eses cadros), e alén, como ben saberás, en vivo non hai punto de comparanza co diferido do libro de arte. Sobretodo cando os cadros son enormes, e os detalles, infindos.

Anónimo, as tentacións é un gran cadro (con detalles verdadeiramente seductores) anque está en Lisboa, creo, non no Prado. E sí, teño un díptico del de cartón e un boli que me agasallaron unha vez.

Lauridinha(s), é bo que aparezades de novo, trala cautividade babilónica de silenzo coa que cubríchedes a bitácora... Coincidencias e marabillas como a de topar a unha de vós por Compos na vella facultade...

Nébeda Piñeiro Barros disse...

encántame a túa lista. a min invitoume o Paideleo a facer unha. a ver que tal sae.

FraVernero disse...

O encanto é meu, Nebeda, sobretodo cando exploro a túa bitácora. A ver se nos cociñas a lista lo... agardamos impacientes...

Nébeda Piñeiro Barros disse...

entre ti e eu... non son da Coruña. Son do Morrazo ;)

SurOeste disse...

Ajjjj, outra lista de éxitos. Haste arepentir por meterme no fregado.

FraVernero disse...

Sul, ten paciencia oh, que este encargo é pequechiño e moldeábel, como as sustancias que pasan polos frascos e transformacións da alquimia...

Nébeda, xa dicía eu que non me encaixabas coa Deusa Atlántica... he, he...

Mario disse...

Pois agradécense esas oito fiestras polas que coñecer mellor ao Fra.

SurOeste disse...

Aló, xa sei de que vou escribir cando teña un vagar.

Unknown disse...

Vaia vaia vaia... non pode unha retirarse do mundanal ruido nin un tempiño de nada... que ven o Fra co atizador a che quentar o cú e recordarche as túas obrigas blogueiras...
Como che dixen, Fra, teño unha idea revoloteando pola cachola, pero ata que calle non a vou plasmar. De momento, conténtante cos oito praceres virtuais que confeso. É sorprendente que, malia non ser os mesmos, en "espírito" os nosos praceres si se parecen bastante...
Bicos e avisa cando veñas por Compostela, que a última vez foi por sorpresa!! (e ben boa, por certo)