terça-feira, maio 27, 2008

Pride and Prejudice

Si, miñas donas e meus señores. Confeso o pecado. Son o meu propio fiscal Vyshinsky, e declárome culpábel deste terríbel delito. Eu tamén teño os meus prexuízos. Nunha xerarquía negativa, e por orde crecente de antipatía, estarían:

1) Os actores

2) Os franceses en xeral

3) A cultura española (sobretodo a peninsular)

As raíces da animadversión soen ser as mesmas nos tres casos, a saber: trátase de grupos de xente que (alomenos no trato que teño tido con eles) amosan unha incríbel arrogancia, están inmensamente pagados de sí mesmos e satisfeitos de terse coñecido. A soberbia é algo que se perdoa, anque desagrade, cando alomenos ten detrás unhas virtudes e capacidades claras e evidentes. Mais nestes casos, non soe ser sempre así, nen moito menos...

No que se refire aos actores, certo é que pesa tamén o meu textocentrismo radical, que me fai velos como un estorbo menor (ou maior) na posta en escea de textos teatrais (que leo moito máis do que os vexo represantados). A simpatía do mantedor vai cara os dramaturgos, normalmente hábiles, intelixentes, bos escritores, ou por defecto, cara os directores (sobretodo cando falamos dun director-estrela, un Laurence Olivier, un Vsévolod Meyerhold, un Tadeusz Kantor, un Peter Brook, un Erwin Piscator). O problema é que os actores teñen unha enorme tendencia ao divismo e a pensar que son máis listos que os anteriormente citados (o que rara vez se cumpre. Unha notoria excepción é sir Ian Mc Kellen, 'Gandalf' para os frikies, 'Serena' para os amigos). Escoitar unha reportaxe de making-of (véxase, por exemplo, aos actores do 'Richard III' de Loncraine) ou simplemente as súas tertulias de café é dabondo para, no mellor dos casos, ruborizarse en extremo, e no peor, para sentir cómo o cerebro se licua e vai escorregando orellas abaixo...

O dos franceses é tamén antolóxico, xa que con rarísimas excepcións, todos os que teño topado son uns bordes arrogantísimos. Neste caso, diría que o motor é a súa posición de Lingüicidas Confesos e Imperialistas Fracasados, agora que París xa non é a capital do século XXI (e moito menos do XX), e que os da periferia miramos cara outros centros e estudamos inglés. Non toleran o de tornarse provincianos! Esta arrogancia borde tamén se da entre os grandes escritores e filósofos que teñen e que tanto me gorentan, mais como eses son xenios, teñen algún tipo de excusa. Ao respeito, quédome cos comentarios de Sir Gawain en París ('eiquí, o truco para que che atendan en calquer tenda ou restaurante é amosarte aínda máis chulo e faltón ca eles') e coas moitas risas que me provocaba a súa constante atitude de 'perdoarnos a vida'. Certo é, en aras da xustiza, que unha das rapazas do congreso (Clotilde) era a amabilidade e o encanto en persoa, e que malia que se fumasen case tódalas charlas, os franceses deste ano nos prepararon unha soiree moi divertida nunha das pasadas noites parisinas...

Last, not least, a cultura española. Neste caso, como de costume, son un mal calco dos franceses, tamén nos seus defectos (lévanos imitando con pobres resultados dende o XVIII polo menos, tamén nas institucións políticas). Evidentemente, como separatista visceral, xa miro con lentes escuros á institución cultural que pretende fagocitarnos e exibir o seu estátus asentado na 'utilidade' , 'calidade' e 'cosmopolitismo' das súas letras. E nembargantes, é a cultura española unha de inmensos abismos e saltos (na modesta opinión do mantedor, todo o que escribiron entre 1700 e 1910 podería guindarse a un enorme caldeiro de lixo. Irónicamente, poderiamos dicir que eles tamén viviron os seus 'Séculos Escuros'.), e unha na que o que actualmente máis me interesa se produce na súa periferia (a saber o mundo Latinoamericano).

FraVernero é, de todas maneiras, home de mentalidade mol e flexíbel, e agradeceríalle aos acusados (ou vítimas) dos seus resquemores que se puxeran en contacto con el e o axudasen a saír do pozo tenebroso das súas anti-afinidades electivas. Despois de todo, sería o primeiro en recoñecer a parcialidade mendaz destes criterios ('Y yo el primero, por la senda constitucional') e en celebrar o enterramento de prexuízos (e aproveito para publicitar o monumento ás víctimas homosexuais dos Campos de Concentración que acaban de construír en Berlín, no Tiergarten).

7 comentários:

Mario disse...

Home, eu teño algún amigo francés e moit@s amig@s que traballan acttuando. O que si creo é que "cultura española" é un concepto estilo "música militar" ou "xelado quente", é dicir que dá resultados patéticos ou tende á imposibilidade. De todos xeitos a culpa é do lobby ignorante, poderoso, e pagado de si mesmo que leva séculos a malconstruir o concepto "español", e non da pobre xente que son (somos) os seus obxectivos.

Anónimo disse...

no caso do que escribiron os españois podería estender a data límite até a actualidade, apenas estabelecendo unha présa de excepcións (é razón súa: o mellor castelán non se escribe no reino peninsular dende hai, practicamente, séculos)

Laurindinha disse...

xD Divertidísima a túa publicación!
Certa cultura española ten un elemento rancio detrás moi mediocre e gris, tes razón...
E ultimamente todo o mundo quere ser actor, DJ ou fotógrafo! XDD
Aínda que iso de atopar xente desagradable nas tendas tamén pasa aquí... e o truco está en facer o mesmo que Sir Gawain! xD

SurOeste disse...

Frater síntome de novo en profunda irmandade con vostede. Os actores e todos aqueles que van de divos son insoporteibols. O dos parisiéns é alucinante: lembro a unha señora que case me esgharra na cara por ter eu a ousadía de lle preguntar se ía ben para o museo (e iso que non lle pedín un pitillo). A cultura española é en xeral pobre e pretensiosa.O século XVIII é para chorar, o XIX para rir, e o XX, despois de purgar aos que valían algo fora mellor apagar a luz. Lembro a cara de estupefacción que me puxo un asturiano cando lle comuniquei que calquera poeta do Rexurdimento noso comía a Becquer e a Espronceda con patacas fritidas e unha chouriza. Ohhh!
Ala, veñan aquí a defenderse e a chamarnos brutos e ignorantes provincianos, que se non é moi aburrido.

FraVernero disse...

Notas dispersas, como un concerto de Alban Berg...

O do xelado quente é algo que teño que defender, Mario (o restaurante chinés de Noia consegue uns resultados moi satisfactorios excepto para as miñas arterias)...

Anónimo, certamente... Un non é so fanático dos Realismos Máxicos e dos Incribles Arxentinos, senón que xa retrotrae a constelación particular de filias á literatura 'colonial' (Espejo de Paciencia, os romanceros en Náhuatl)...

Ah, Lauridinha... de certo que oes a todo o mundo con esa tríada que dis. Como me comentaba un amigo meu: 'a vida de DJ é estupenda. Percorres as praias de medio mundo, disfrutando da climatoloxía e de grandes cantidades de membros do sexo oposto en escasez de roupa'. Xa dicía Marx que o traballo realiza ao home...

Sul, goréntame moito a ola de camaradaxe, anque sospeito que os atacados non han facer acto de presenza (quizaves algún actor), entre outras cousas pola barreira, e a preguiza, lingüística...

torredebabel disse...

Pois como Mario eu coñezo franceses e francesas que son un encanto e actores e actrices que tamén. O da cultura española xa vai sendo mais dificil de defender e, teña piedade de min, que por riba vivo nun país no que (menos mal que non exclusivamente pero si bastante) tomouna nalgunhas cousas como parámetro!!
En fin. Que somos nós e os nosos prexuizos.

El joven Bryan Superstar disse...

a verdade é que todos os prexuizos son tontos.
Se agora dixera que os coruñeses son pijos, os asturianos falsos, os de ourense desconfiados, os cataláns tacaños,... pois de quen peor estaría a falar sería de min.

Hai que diferenciar actores e artistillas, no que hai moita tontería, do mesmo xeito que a hai no mundo literario, musical, científico,...

A cultura francesa ten moita que envidiar, ao igual que a española.

Porque non sei a que te refires como cultura española. Se falas de lolailos, toros e cousas así, da españa rancia, pois estarías outra vez falando mal de ti, pq a cultura dun país tan amplio é grandísima e variada, do mesmo xeito que a galega.

Considerarse millor que os demais é un síntoma de complexo de inferioridade.

O digo sen ánimo de molestar, pero penso que hai que reflexionar mais as cousas.