sábado, maio 20, 2006

Slavoj Žižek - Benvidos ao Deserto do Real

A idea do Acto político radical como saída deste punto morto democrático non pode, obviamente, senón provocar a reacción agardada dos liberais. A crítica estándar alude ao carácter pretendidamente 'absoluto' da ruptura radicalo, que fai imposíbel distinguir entre un Acto verdadeiramente ético e, digamos, unha monstruosidade nazi: ¿non é certo que un acto está sempre situado nun contexto socio-simbólico específico? A resposta a este reproche é clara: por suposto, un Acto é sempre unha intervención específica nun contexto socio-simbólico; no mesmo xesto pode ser un acto ou unha ridícula postura baleira, dependendo do contexto (por exemplo, facer unha declaración ética en público cando xa é demasiado tarde convirte unha intervención valente nun xesto irrelevante). ¿Onde reside entón o malentendido? Hai algo máis que perturba aos críticos do concepto lacanián de Acto: é certo, un Acto está situado sempre nun contexto determinado; nembargantes, isto non quere dicir que esté de todo determinado polo seu contexto. Un Acto implica sempre un risco radical, o que Derrida, seguindo a Kierkegaard, chama a loucura dunha decisión: é un paso no baleiro, sen garantía nengunha de éxito. ¿Por qué? Porque un acto cambia de forma retroactiva as coordenadas nas que intervén. Esta falla de garantía é o que os críticos non poden tolerar: queren un Acto sen risco, e non só sen riscos empíricos, senón sen o 'risco trascendental' moito máis radical de que o Acto non só fracasesenón que sexa un erro radical. En poucas palabras, e parafraseando a Robespierre, os que se opoñen ao 'Acto absoluto' opóñense ao Acto en canto tal, queren un Acto sen Acto. O que queren é homólogo do que querían os oportunistas 'demócratas' que, como dixo Lenin en 1917, queren unha revolución 'lexitimada democráticamente' como se un puidera organizar un referéndum e só despois, tras obter unha clara maioría, tomar o poder... Aquí podemos ver de qué xeito o Acto non pode encaixar nos límites da democracia (concebida como sistema positivo de lexitimación do poder mediante eleccións libres). O Acto acontece nunha emerxencia, cando un ten que correr o risco e decidir sen lexitimación, comprometéndose nunha especie de aposta pascaliana coa idea de que o propio Acto creará despois as condicións dunha lextimización 'democrática' retroactiva. Por exemplo, cando en 1940, trala derrota francesa, de Gaulle chamou á prosecución da guerra contra os alemáns, o seu xesto non tiña unha 'lexitimación democrática' (naquel momento, unha grande maioría dos franceses apoiaba sen nengunha ambigüidade ao mariscal Petain, Jacques Duclos, dirixente comunista francés, escribiu que se se tivesen celebrado 'eleccións libres' na Francia de 1940, Petain tería obtido o 90 por 100 dos votos). Nembargantes, e malia esta falla de 'lexitimación democrática', a verdade estaba de parte de de Gaulle, que esta a falar de feito no nome de Francia, do pobo francés como tal. Isto tamén nos permite respostar ao reproche demócrata fundamental: o acto absoluto (autorreferencial) carece de calquer control externo que poida previr excesos terríbeis; é dicer, ¿pode lexitimarse algo de forma autorreferencial? A resposta está clara: como amosa o caso da Francia de 1940 (entre outros), a democracia non pode ter unha garantía semellante, non hai garantía contra a posibilidade do exceso. Hai que asumí-lo risco, é parte do eido da política.

2 comentários:

FraVernero disse...

By the way, un elemento máis (alén da súa intelixente mestura lacaniano-marxista, da forza do seu pensamento e da súa presente desenfada defensa da revolución sobre o consenso democrático) estimula a miña admiración-envexa polo célebre filósofo: ao parecer, acaba de casarse cunha modelo arxentina (Analia Hounie)trinta anos máis nova ca el. ¿Repetición do modelo Rushdie-Lakshmi, Bestia-Bela?. Xulgades vós mesmos:

http://www.unet.univie.ac.at/~a0252290/mt/images/zizekwed.jpg

Anónimo disse...

Vexo que segues o meu consello...

Benvidos á pos-pos-modernidade?

Quizais, a próxima vez?


N.