domingo, março 04, 2007

Alberich III

1.-GALERIE DES GLACES

[luxoso salón envolto en brétema; apenas visibles molduras, candelabros, estatuas...; no centro da composición, fortemente iluminado por unha luz branca, érguese ALBERICH III, escoltado a dereita e esquerda por sendos espellos barrocos de tamaño desmesurado e dubidoso gusto, nos que se ve reflectido]

ALBERICH III: eu son Alberich TERCEIRO “o das cousas que serán” rei dos Albas Alberich o negro Alberich da noite rei dos nibelungos anano espírito da noite irmán de Mime pai de Hagen maldicente do amor creador do anel ideador do Tarnhelm co que me convertera en serpe e en sapo moro no corazón do solo na catedral da terra no imperio plutónico no meu fogar castigo os meus servos HELF´ ICH EUCH LAHMEN? - o pobo triste de escravos DER NIBLUNGEN NÄCHT´GES HEER - que súa e traballa na escuridade de Nibelheim ¡¡cavade galerías furade tuneis pasadizos mazmorras raspade-lamede na mollada e dura pedra!! por séculos construían a Metrópole subterránea roubáronlle a TERRA NEGRA NAI os seus tesouros que amorearon aos meus pés baixo a tépeda luz das forxas as máquinas da Metrópole subterránea forxaban flores de ferro armas de morte a espada Tyrfing o anel Draupnir o colar Brisingamen LIBRE CORRÍA A RIQUEZA COMO UN RÍO aos meus pés baixo a tépeda luz das forxas as máquinas da Metrópole subterránea dedos torres lanzas que se erguen e feren ás bóvedas soterradas sen luz onde o nocturno tropel dos Nibelungos raza escrava se multiplica como moscas danme escravos fillos de escravos netos de escravos toda a raza que para min súa e traballa na escuridade de Nibelheim...
Voltan outra vez máis como mulas de carga asfixiándose baixo o peso das xoias do ouro da prata amorean DORT ZU HAUF /SCHICHTET DEN HORT! mais desta vez será distinto xa que estou farto do corazón do solo da catedral de terra do imperio plutónico do meu fogar e ata do castigo aos meus servos érgome e canto sobre min mesmo:

OS QUE DURMIMOS
SOBRE LEITOS DE MARFÍN,
RECOSTÁMONOS EN DIVÁNS
COMEMOS CARNEIROS DO RABAÑO
E CUXOS DO ESTABLO
OS QUE CANTAMOS A BERROS
AO SON DA ARPA
E NOS INVENTAMOS, COMO DAVID
INSTRUMENTOS DE MÚSICA;
OS QUE BEBEMOS O VIÑO EN ÁNFORAS
E NOS UNXIMOS CO PERFUME MÁIS FINO,
POR ISO AGORA IREMOS DESTERRADOS
Á CABEZA DOS CAUTIVOS
E CESARÁ O XÚBILO DOS SIBARITAS

érgome a toda présa e antes de que os servos poidan reaccionar escapo a correr túnel arriba na ardente escuridade greto os meus pés descalzos coas rochas afiadas coma coitelos o sangue flúe docemente sobre o seixo as micas os esquistos os basaltos vago por horas -o tempo fluía como un río- sen rumbo co eco das voces dos meus escravos diluíndose como unha música de fondo cada vez máis lonxana atopo unha fenda unha luz cegadora e ferinte como nunca vira igual ascendo repto por ela saio do útero e volto despois de mil anos á superficie da terra e ao pobo dos homes...

[no interludio narrativo o Autor, para relaxarse, plántase por uns minutos diante da televisión -“Worship!” cried the clown, “I´m a T.V. making bandsmen go clockwork”- onde asiste estupefacto a un “western” mexicano lonxanamente reminiscente a “Que viva México” con Bud Spencer, Terence Hill e o actor de “Tuco” en “O Bo, o Feo e o Malo”. Tuco fai desta de “Kakopoulos”, e atado polos outros dous, permítese un excurso lírico sobre a súa ascendencia grega: “o meu avó era grego, como Sófocles, como Platón, como Ulises –e como Ulises, viaxou moito”. A cultura clásica aínda serve, logo, para facer guións. Noutras cadeas tertulianos teatrais recrean os temas “voyeurs” e a “literatura do ouriñal” do teatro e dos novelóns naturalistas. Cavilando despois o Autor na posibilidade de insertar nunha (imposible) representación teatral este pequeno excurso, fago que Alberich III se coloque por riba unha máscara do Autor ou, na súa falla, do teatro clásico, con pitillo nos falsos beizos e copa de whisky na man; un televexo posto en escea pode emitir varias imaxes para que as vaia comentando ao seu gusto]

ALBERICH III-AUTOR: A súa paixón por retornar cos humanos e buscar o verdadeiro amor que só se dá entre libres arricara a Alberich das covas / da escuridade / do reino tenebroso mais aínda tardou un tempo en acostumarse á natureza e aos raios ferintes do sol a nova vida florecía fortaleceuno e fíxoo sentir máis novo máis forte púxose por meta a Cidade da Pedra e cara alí encamiñou os seus pasos entrando nela como un Conquistador que retorna mais que o único tesouro que trae de volta das súas viaxes é el mesmo nela viviu aprendeu sorprendeuse creu e loitou por causas que cría nobres namorouse quereu e non foi querido perdeu ilusións / esperanzas ardeu e consumiuse no Lume Amargo das cinzas sempre amargas sairía un novo Alberich O ICH TROPF! ICH TRÄUMENDER THOR! WIE DUMM TRAUT´ICH DEM DIEBISCHEN TRUG! FURCHTBARE RACHE RÄCHE DEN FEHL! (quítase a máscara de Autor) voltei para o meu piso xa non contemplaba os bicos obscenos que lanzaban as lampreas dende as súas gaiolas da Rúa da Tristeza deixei de buscar ás doncelas do Rhin deixei a facultade mediocre que só salvaban as ringleiras de libros abandonados que ninguén le pero entre as que é agradable pasear refuxieime no piso Napoleón engulía reinos e testas coroadas HEGEL PERCORRÍA AS RÚAS DA CIDADE ARDENTE E SAQUEADA COA FENOMENOLOXÍA DO ESPÍRITO NOS PETOS MENUDOS PETOS DEBÍAN SER eu traguei libros e mais libros e con eles erguinme unha outa fortaleza un castelo impenetrable de verbas e pensamentos as obras acugulábanse en almeas troneiras dinteis elevadas lanzas foxos pontes levadizas e sobre a entrada dous dísticos gravados a lume:
“SÓ AQUEL QUE DESPREZA A FELICIDADE CHEGA AO COÑECEMENTO”
e
“SENTIMENTO NO INTRE DUN ESTADO SEMELLANTE Á MORTE: TÓDOLOS HOMES SON DIGNOS DE AMOR. AO ESPERTAR, SENTES A AMARGURA DO MUNDO; NELA ESTÁ TODA A TÚA CULPA IRREDENTA; A TÚA POESÍA É UNHA EXPIACIÓN IMPERFECTA”
lambía Alberich as feridas do seu corazón doído e lume sobre terra pechouse en sí mesmo O INFERNO SON OS DEMAIS voltouse escéptico e amargado con tódalas causas e grandes principios só usaba do seu saber para humillar os que estaban por baixo escondendo a Gran Renuncia detrás dunha nova bandeira “¡VIVA LONGOS ANOS / A POSMODERNIDADE!” e así foi como renunciou ao amor:
“SO VERFLUCH´ICH DIE LIEBE ”

4 comentários:

Laurindinha disse...

E que viva longos anos a posmodernidade! De todo este abano de "ralladuras de fra vernero" (hehe), quédome coa mención a "O bo, o feo e o malo", o meu western favorito, o Clint Eastwood máis xenial, a banda sonora encaixando á perfección... e que golpes de efecto!
Pois non se preocupe por non ter aguantado moito o xoves... pasou que o mércores de camiño á miña última clase práctica do CAP (no IES Fontiñas), esvarei nunha placa metálica de teléfonica e fun quedar incluso sen fala durante uns segundos... ao mediodía xa non aguantei máis coa dor e tiven que pasarme por urxencias do Clínico... finalmente nada grave, aínda que supoño que terei que enchufarme nunhas sesións reparadoras porque polo que me dixeron teño a inflamación por dentro. Así é que o xoves saín á rúa a penas media hora e para casa. Cousas da vida!
Pero agora xa case recuperada, o próximo mércores espero estar xa dando guerra polas rúas compostelás!
Bicos!!!

Marcos Valcárcel López disse...

Homenaxe a Carlos Casares. Convite á blogosfera galega

O próximo venres, 9 de marzo, vanse cumprir cinco anos da morte de Carlos Casares, falecido en Vigo o 9 de marzo do 2002. Carlos Casares foi un excelente escritor, un magnífico conversador e tertuliano e, para moitos/as, un amigo e un referente moral.
Propóñovos, se vos parece ben, facerlle unha pequena homenaxe dende a blogosfera galega (refírome a todos os blogs de galegos, de nacemento e de corazón, que se reparten por todo o planeta). Ó cabo, Carlos era un apaixonado dos aparatos e trebellos tecnolóxicos máis orixinais e tamén estaba entusiasmado co mundo virtual e as posibilidades de Internet. Non chegou a escribir un blog, pero tiña un xeito de blog nos xornais (“Á marxe” en La Voz de Galicia), co que comunicaba todos os días con milleiros de galegos e galegas, sendo o columnista máis seguido da prensa galega. Consta ademais que moitos dos seus amigos e colegas chamábano a cotío dándolle datos ou comentarios sobre os temas que trataba nas súas columnas: o equivalente ó que hoxe son os comentarios ós nosos textos nos blogs.
En fin, que se vos parece pertinente, sería moi fermoso que o 9 de marzo todos os blogs que queiran publiquen un pequeno texto en homenaxe a Carlos Casares, lembrando a súa obra e a súa personalidade. Queda feito o convite.
(www.asuvasnasolaina.blogspot.com)

FraVernero disse...

Sí, vexo que compartimos simpatías, Lauridinha...

Estas 'ralladas' veñen xa de vello, e forman parte dunha inconclusa peziña teatral que escribira. Moi mala, pero un tenlle cariño tamén aos seus fillos deformes. Unha crítica moi halagadora definira o texto como 'Unha má copia de Joyce' (a cal ao meu ver pode ser moito mellor que boas copias da maioría dos demais autores).
A ver se hoxe, sen accidentes dos que teñas que sandar-recuperarte, che vemos pola noite compostelá...

FraVernero disse...

Esquencíame do convite de Marcos...

Conto con meter mañá unha entrada sobre Casares, lo. Malia termos concepcións estético-políticas bastante dispares, Casares foi unha persoa á que o finado Colectivo Sacou lle está moi agradecida, sempre amosándose amábel e colaborador (viñera ás primeiras Xornadas que organizáramos), entrado na nosa mitosfera particular coma un gracioso bon vivant alén de escritor...