A palabra para "oso" ten tamén algúns problemas. Soe dicirse que en Indoeuropeo era *rkþos. Mais históricamente, este termo falta en moitas das súas línguas. Os seus principais testemuños son sánscrito ŕksas, armenio arj, grego άρκτος, albanés ari, irlandés art e latín ursus, de onde deriva o noso oso. Malia que a palabra está ausente en moitos e importantes grupos coma o xermánico, o báltico e o eslavo, non pode poñerse en dúbida a súa ascendencia indoeuropea ao estar testemuñada en ámbolos dous estremos -oriental e occidental- do conxunto das línguas indoeuropeas. A explicación da súa ausencia en tales línguas debe buscar noutros eidos. Tamén entre os indoeuropeos era o oso un animal sagrado, totémico, e a súa figura inspiraba respecto e temor, ate o punto de que se evitaría pronunciar o seu nome. Este tipo de comportamento énos coñecido noutros ámbitos relixiosos e culturais. Os xudeos, por exemplo, evitaban pronunciá-lo nome do seu deus, que remataron por sustuír por unha perífrase: Yaveh, "o que é". O carácter sacro do oso entro os indoeuropeos conservouse ate épocas históricas nalgúns pobos. Entre os celtas da Galia existía unha deusa "osa" da que deixou testemuño unha inscripción latina Deae Artioni "á deusa osa". Entón, entre os indoeuropeos existiu a tendencia a evitá-lo nome do oso. E coñecemos incluso a perífrase -ou mellor, unha das perífrases. coa que se sustituía: consistía nunha palabra composta, que entre os indoeuropeos eran abondosas, co significado de "comedor de mel". En sánscrito conservouse tanto o nome xa citado como o da perífrase: madhvád. Entre os eslavos, a tendencia a evitá-lo nome do animal debeu de tornar en completa proibición, de tal xeito que o nome se perdeu e só ficou a perífrase: medu-edб, "o comedor de mel". Por razóns similares debeu de ser sustituída a vella palabra indoeuropea para oso nas línguas xermánicas, onde o inglés bear e o alemán Bär derivan dun mesmo adxetivo indoeuropeo de cor, *bheros "castaño, pardo", qu se aplicaba a diversos animais con esta cor no pelello. Pola contra, o nome indoeuropeo de oso atópase no vasco hartz "oso", malia que o vasco, como é ben sabido, non é unha língua indoeuropea. Do mesmo xeito atopámolo como nome propio de persoa -Harsus- na Aquitania prerromana que, segundo sabemos hoxe, estaba poboada polos antergos dos vascos e que falaban unha lingua que podemos chamar sinxelamente vasco antigo. No vasco debeu de entrar esta palabra coma préstamo das linguas celtas polas que estaba rodeado tanto nas Galias como en Hispania.
quarta-feira, março 14, 2007
Subscrever:
Enviar feedback (Atom)
6 comentários:
Esqueceume sinalar a fonte, para posibles interesados. O libro é "Los Indoeuropeos y los orígines de Europa" de Francisco Villar, publicado en Gredos.
Eu, que non teño nin os máis elementais coñecementos de lingüística e que tampouco teño moitos sobre osos, quero tan só engadir que precisamente parece ser ese 'hartz' euskero a orixe do García, tan común e tan aparentemente pouco vasco (o noso rei mártir García era un Oso do país, dos que xa non quedan). De todos modos, supoño que a disertatio débese a que estivo ollando fotos de Ursula Andrews, supoño, ou era só un falar por aleccionar e un aleccionar porque non hai lingüista que se resista ó mel da etimoloxía? Sexa como sexa, ou os García non son osos ou os García non son Indoeuropeos ou hai que darlle ó euskera máis valor do que se lle está dando e ubicar con precisión por qué con esa lingua se poden atopar certas respostas a interrogantes quer non teñen solución dende outras (falo, e falo por boca doutros, de moita toponimia nosa). Aí vos queda a pelota sobre o tellado ós especialistas, e aí tedes tamén os famosos e sesudos análises comparativos de adn (lembro esa tese na que vinculan touaregs-etruscos -vascos e que parece impoñerse á de fineses-maxiares-vascos). En fin, que para min abonda xa de ciencia fricción por hoxe e xa dixen moito máis do que sabía.
p.s.: entre a primavera e os versos nómadas de Gawain ando sen vivir en min, espero que non me bote por culpa deso o mal de ollo (o mel de ollo).
Vou facer unha observación tan "non de letras" que pode provocar vergoña allea, pero sorprendíame moito, na miña época estructuralista de lectora ávida de Dumézil, o xeito que teñen/tedes os ligüistas de falar do indoeuropeo, case como se fora una lingua totalmente coñecida e estudada. Realmente pódese chegar a saber con precisión como era o indoeuropeo?
É moi curioso os da palabras tabú, unha delas aplicado ao noso ámbito cultural era o nome latino mustela (donicela), que seica era considerado de mal agoiro e por tanto tentaba non pronunciarse. En español acabóuselle chamando "comadreja", pero aquí trataban de facerlle a pelota ao becho para que non trouxese mala sorte e chamábaselle por nomes bonitos derivados de "dona", de aí que haxa tantas variantes: donicela,doniña donosiña, denociña, etc...
Me encanta aprender a min destas cousas sobre orixes identitarias europeas e raíces varias coas que tanto me teño topado nas lides mitolóxicas pero das que nunca controlei un pemento...
O outro día estiven lendo sobre os arianistas do século XIX, que comezaron a partir da crenza de que tóda-las línguas europeas, fosen romances, xermánicas, ou o que fosen, proviñan dúnha única língua dun povo antecesor denominado ário do que se orixinaran os cinco grandes troncos étnicos europeos... con iso da fama que lle deron ás teorías arianistas os nazis é complicado atopar fontes sobre o tema, pero levo tempo intrigado por esta carallada, mira ti.
Grazas a tod@s polas vosas aportacións e comentarios!
Uncle Joe fai a súa sabia aportacións transmutándose no nosos oso Yogi particular. Confesamos descoñecer a información aportada (sí sabía, por Historia Medieval dos Reinos Cristiáns que García (e Aznar, e Galindo...) son nomes frecuentes dos primeiros soberanos de Aragón e de Pamplona. O euskera tende a sufrir certa marxinación -alén de ser fillo orfo, carece dunha literatura potente. Deberíamos aprender máis línguas menos canónicas -o que tamén inclúe africanas e asiáticas.
Os osos (co o aberto) de García seguen a apodrecer, encadeados, no Panteón dos Reis de León... Canto ás causas do post, de cando en cando releo libros no acceso directo da biblioteca para matar horas mortas, e desta volta tocou un manual de indoeuropeística...
A querida raíña abrúmame con iso de 'vos os lingüístas' (eu non son desas cousas, creo), anque no do modelo do Indoeuropeo, diría, polo que sei, que é unha teoría vixente e sólidamente establecida, como a Evolución darwiniá (anque igual ca esta, non pretende ser verdade absoluta, senón científica: é a mellor e máis sisuda explicación de fenómenos observábeis e permite facer prediccións. Sen ela, innúmeros fenómenos coincidirían dun xeito verdadeiramente incríbel), anque con tódolos avances, o máis probábel é que nunca saibamos exactamente como era o antigo indoeuropeo (sobretodo falado) ou de qué momento do indoeuropeo estamos a falar (seguramente houbo varias migracións, algunhas delas xa só presentes en raíces dos nomes dos ríos e que non perduraron ata hoxe).
Dumezil, por certo, está bastante atacado hoxendía, alomenos no seu modelo trifuncional...
As denociñas, Mario, son un animal moi do gusto do mantedor. Eis os restos do noso animismo orixinario, tan encantador e proto-ecoloxista, que inclúe alén a personificación do lume como se unha persoa fose...
Last, not least, O Moucho alértanos dos pasados escuros da disciplina (tamén estudados, anque cunha base filolóxica moi endeble, polo curioso libro 'Atenea Negra' de Martin Bernal). O noso pasado común (lingüístico, que non racial; tales cousas non consideron que existan, ou teñan unha sólido fundamento científico) ten a súa interese, anque xa dentro del mesmo, é unha historia de hibridacións e mestizaxes, a anos luz daquelas estúpidas fantasmagorías imperiais e nazis de razas puras de ollos azuis e cabelos loiros (rasgo de tódolos báltico-escandinavos, indoeuropeos ou non) conquistando a cabalo a outros pobos non se sosteñen xa... Non esquezamos que a maior parte dos elementos de civilización (máis na época da que estamos a falar) son froito das *razas* (sic) semíticas.
Enviar um comentário