quarta-feira, junho 06, 2007

Cherchez la femme (3)

non me esquezo de ti no concerto barroco da noite...

a mente vaga, ausente, mentres esvara o rigoroso pranto dos violíns. un Bach vello e arcaizante fai de Saturno que devora aos seus fillos musicais, feblísima prole e murcha flor de trapo dun pre-clasicismo que segue a agardar por Haydn e os versos de Metastasio, poeta cesáreo. Viena como Roma lamacenta e xermánica xogando á cobra e á mangosta cos turcos na (sublime) porta. penso noutro concerto barroco with a burning violine escrito polo amigo e poeta no que debera bastar tempo allegro e aturar a ansia irresistíbel de tocarche, tan cércana no asento non do Auditorio, senón da biblioteca, e tan lonxana ao tempo, circunda dun abismo infranqueábel do lume no que eu me consumo e non ardes, ne fiamma d’esto incendio non m’assale. namentres siga habendo un aquel punxente e agochado que enrosca no corazón do xenxibre e do seu sabor espolvoreado de zucre, non poderás se-la cerva no abrente do día, nos amenceres dun soneto petrarquista transplantado á húmida terra de Albión, Whoso list to hunt, I know where is an hind, / But as for me, hélas, I may no more. a cerva é Ana Bolena cantada por Thomas Wyatt que, preso na Torre de Londres, asistiu á execución da súa amada, e ergueu despois outra torre máis outa de bágoas e de verbas para lembrala. Once have I seen them gentle, tame, and meek, / That now are wild, and do not once remember. non che quixera xentil, mansa e dócil, senón libre e salvaxe coma o extinto Tigre de Hircania, tamén un lugar común da escrita isabelina. utopía do amor como promesa e pacto mutuo -kantián- do intercambio de afectos entre seres libres, racionais e soberanos.

o tigre ronda pola sala, os pasos felinos silenciados polo veludo e alfombra, racha coa partitura. a música corta e a orquestra torna partida de caza. arcos como frechas son os dos violíns que disparan na pescuda das túas carnes rosadas. a sección dos metais cuspe unha salva de lume, chumbo e balas de fogueo, en retorcidas imitacións de mosquete e arcabuz. a arpa sen sombra é unha rede ou gaiola de finísimo barrotes de aramio e arpegios na que tenta atraparche unha instrumentista/retiaria. na túa defensa só acude un new-fangled clavicémbalo feroz, marcador de baixos continuos e alter ego teu nesta horrorosa selva musical, que abre unhas inmensas fauces de madeira de caoba brosladas de dísticos latinos, óleos holandeses e dos grottesche que descubrira o Renacemento nos restos da Domus Aurea. oxymoron do teclado de marfín e ébano que gruñe, ameazante.

quixera erguerme como un novo Orfeo, e rescato o traxe formal do acto de licenciatura, termo do micro e nunha pose vagamente reminiscente á de Frank Sinatra en Las Vegas, vou debullando as liñas de ‘I get a kick out of you’, de Cole Porter:

I get a kick every time I see you standing there before me

I get a kick though it’s clear to see you obviously don’t adore me

I get no kick in a plane

Flying too high with some girl in the sky, it’s

Mi idea of nothing to do,

Yet I get a kick out of you.


devorarame o Tigre de Hircania escapado das páxinas de Shakespeare, concretamente Tamora do Titus Andronicus, a obra posmoderna e non comprendida de Will? é ben sabido que Orfeo sempre remata mal, a cabeza no alto da pica das bacantes. So for her many a wight did die [A row of heads is revealed] As yon grim looks do testify. que ti me devorases, Ginger Lady, daría o xusto contrapunto e fuga ao sabor punxente e superficialmente doce do que falabamos antes, nun xesto máis de extrapolación da paixón violenta na Outra e na Cultura, ti que eres lume e non ardes, a maior predadora das terras salvaxes de Compostela, a wilderness of tigers. ou como dicía William Blake no poema máis antologado da literatura inglesa:

Tyger! Tyger! Burning bright
In the forests of the night,
What immortal hand or eye
Could frame thy fearful symmetry?...

28 comentários:

Laurindinha disse...

Que texto tan fermoso...
A min tamén me apaixonan os tigres e ese poema de Blake... É curiosa a influencia da figura do tigre na literatura inglesa... tamén é marabilloso cando aparece nas páxinas de Virxinia Woolf...
Na viaxe que fixen a finde pasada a Portugal coñecín a unha antiga profe (agora mesmo coordina as bibliotecas escolares galegas) que te coñece... non me lembro se deu clase en Outes ou é de Outes...

Margot Tenenbaum disse...

Manoliño, darling, al final no bajé a ese lugar siniestro y oscuro llamado Filología porque me dio un poco de pereza. Entre el calor pegajoso y el tiempo que me lleva llegar, se me quitaron las ganas ... A ver si bajo antes de que acabe la semana ...

FraVernero disse...

Lucy, my dear, moito che gusta facerte de rogar, eh? Vendes máis cara a túa presenza do que o Mercader Venecián aquela famosa libra da carne cristiá...

Pensa que tamén hai lugares frescos na facultade nos que tomar unha copiña dalgo.

Lauridinha(s), alédome de que a escrita fora tan do teu agrado. O tigres (tres tristes) teñen unha longa historia literaria na que o referente máis inmediato que me ven á mente está na máis accesíbel língua, non escrita, de Borjes (é en Ficciones ou no Aleph onde está o relato aquel do tigre?).
Unha profe que me coñece? Quen será? Ben pouco teño estudado en Outes (1 ano no galpón de cemento onde ensinaba dona Pura; 3 no colexio público do Cruceiro, o Emilio de Navasqües. O resto son estadías en Inglaterra ou en Noia...).
Anque sexa indigno da rebeldía fravernérica, lembro unha particular e compracente sumisión miña ao poder profesoral cando era pequecho. Adoraba ás miñas profesoras, un sentimento que, como aplicadiño, educado, cariñoseiro e mimoso estudante que era, resultaba compartido.

Pris disse...

Direiche, querido Fra, que o Tyger Tyger recítao un dos replicantes que vai cometer un asasinato animal (de animais, enténdase) xusto ao comezo do videoxogo Blade Runner (ejem...). É moi curiosa tamén a relación Blake-Blade Runner, en calquera dos tres medios nos que se ten expresado esa historia. Algún día repaso as notas da tesiña e tomamos un café-debate poético, paréceche?

Anónimo disse...

?

FraVernero disse...

Paréceme, paréceme, Pris. O que contas soa do máis interesante. Alén, non che resulta alleo o meu interese en traballar (quizais nun remoto traballo académico) sobre estes textos de ciencia ficción que tanto nos gorentan e as súas encarnacións nos diferentes medios... Iso sí, no café-debate poético agradeceríanse algúns deses caramelos de xenxibre que se mencionaron antes e que venden no Corte Inglés...
Un anónimo ficou sorprendido, polo que vexo, anque non foi o suficientemente claro para expresar aquilo que lle causa sorpresa...

tío Pepin disse...

Cada tolo co seu tema. A min o tigre lémbrame a cervexería de Praga que se fixo famosa porque nela pasaba as horas Bohumil e empipábase de cervexa (alí foron visitalo primeiro Heinrich Bäll e anos despois o mesmo presidente dos Estados Unidos, Clinton, con Havel: "Tigre de Ouro".
Lástima que cando eu fun a Praga xa non existía Bohumil e, por enriba, a cervexería estaba pechada. Quedoume o sabor agridoce dunha foto na porta, co tigre dourado e o nome en checo (sempre chego tarde a todo).

tío Pepin disse...

De Correctione Rusticorum: onde escribín (?) Bäll debería ter escrito Böll (xa sei que as lectoras e lectores deste blog non precisabades deste apuntiño, pero eu quedo así máis satisfeito).

FraVernero disse...

Ai, meu aprezado Uncle Joe, non me fale vostede de agridoces sabores de cervexa, que o martes pasado fun fiando un colar delas que paguei ao día seguinte na Xoiería da Ardente Resaca...
Praga debe ser belida, case tanto (anque non tanto) como a Ginger Lady. Algún día agardo pasar por alí, pensando nos bonecos, en Kafka, na illa de Kampa dos poemas de Holan e no valente soldado Shweij...

varela disse...

Todo isto está moi ben, pero o teu público segue agardando con gran impaciencia todo o que tes que dicir sobre o colectivo obeso e a súa característica forma de andar bailando...

tío Pepin disse...

Por certo, Fra, cando eu era adolescente (?) lembro que os domingos á noite botaban na tele unha serie creo que alemana en branco e negro baseada na novela (novelón) de Hassek. Nunca a repuxeron, que eu teña noticias. Lástima. O soldado Schweik é unha icona da cultura checa e eu merquei (turista a tope) un boneco articulado de madeira reproducíndoo.

FraVernero disse...

Qué bonito! Nunca aprendín, e dubido que aprenda a manexalos, máis un dos meus soños frustrados (como aprender ben latín e grego e algunha língua marxinal e sen literatura) é o de ser marionetista nos meus intres de ocio. Algo con bonecos da Commedia del' Arte ou o teatro de sombras wayang de Indonesia...
Varela, es un cadelo e un calumniador. O que fala de gordos danzaríns es tu, para hilaridade xeral. Alén das túas cartas, claro. "Querido contenedor de Basura: te respeto más que..."

SurOeste disse...

Non nos desviemos do tema, o desfaredes a fermosa visión que acabo de ter dun music hall con tigres danzantes (sen paraugas) mentres, no centro, o querido camarada lle fai a revolución á Ginger Lady galego-portuguesa.

FraVernero disse...

Gústame o Music-Hall, e moito máis aínda a Ginger Lady. A perspectiva de facerlle o amor (no senso clásico: cortexala; non sexades mal pensados) resúltame tan terrorífica como o soe ser o saír á escena para os actores de teatro.
Nembargante, podes fiar os dous tópicos, imaxinando os danzaríns tigre, FraVernero e Doncela como marionetas da súa fantasía, movéndose polos fíos da escrita (que tristemente, non son os da realidade).

clínico disse...

Vostede, meu querido amigo, ten unha insubornable tendencia a fantasear, a deixarse levar por arroutadas líricas que agochan unha líbido reprimida e, por ende, pouco equilibrada.

Di que non sexamos mal pensados por afirmar que lle quere "facer o amor" a unha moza e, azorado, engade que non sexamos mal pensados.

Diso dedúcese claramente que vostede ten unha sexualidade atormentada, vivenciada como pecado da carne, como noxento intercambio de fluídos.

Iso, meu amigo, non lle é nada recomendable. Quizais para un do Opus teña algunha eficacia masturbatoria e polimorfa. Pero para alguén que coma vostede presume de comunista (o reino da abundancia e da desalienación) non deixa de ser un síntoma de inmadurez extrema.

Dito en prata: necesita vostede follar, refolilarse placenteiramente nos corpos suorosos e lúbricos, desexantes e latexantes. O desexo non pode ser comprimido, cohibido, reprimido. Sábeo ben na teoría. Agora o que lle fai falta é práctica.

Anímese, déixese de complexos e de visións de infantario de colexio de monxas, e quizais se abran para vostede novas portas á percepción, que boa fala lle fai.

Atentamente,

Clínico

FraVernero disse...

Ben, obviariei o ton claramente patrocinador do último comentario. O clínico é libre de tentar psicoanalizarme, anque non estou dacordo co que dí por moitas razóns.
Non hai nada pecaminoso no sexo (alomenos, non para un ateo), anque sí algo desagrádabel, para un idealista, na atadura inflexíbel aos instintos naturais que coutan a nosa liberdade. A mera maquinaria bestial de comer-reproducirse-durmir non apunta cara os escasos logros do ser humano que fan unha existencia absurda e sen sentido digna de ser vivida (alén da inercia e dun epicureísmo tosco condenado de antemán ao fracaso). De certo somos unha máquina libidinal e desexante sempre frustrada, dun ou doutro xeito. O que interesa é se sabemos forxar algo máis ca tristura desas frustracións. Como Arte, ou discursos sobre a Moral e o tipo de mundos máis xustos e mellores que desexamos.
Niso, o sexo polo mero sexo é un pracer, como outros. Está ben, pero decepciona as promesas nel depositadas. O que funciona é, como en política, a utopía: a meta a acadar (quizais imposíbel) que garantiza as promesas do desexo: xa sexa desexo de pracer, de xustiza, de liberdade ou do que se preste.
Evite, por favor, os lugares comúns e sesenta-e-oitistas da liberdade-polo-pracer. Por experiencia pódolle dicir que o sexo regular non nos fai mellores nen (notoriamente) máis felices, benévolos ou creativos.

SurOeste disse...

Ohhh, Deus o Fra é en verdade un dos grandes Padres de la Iglesia que en el mundo han sido. Estou a puntiño de convertirme ao lúcido e productivo (por biolóxicamente improdutivo) celibato que sempre defenderon os cráneos privilexiados: Santo Agostiño, San Tomé, ou andando os anos o mesmiño pixaplana de Kant.
Reflexionarei sobre o asunto.
Reflexionai vós tamén!

FraVernero disse...

Et tu, brute? Dos vosos comentarios parecería desprenderse que son un beato meapilas e que o sexo me causa arrepíos. Un non defende o celibato -o sexo é un dos grandes praceres da vida- mais topa cómico que se vexa como panacea e solución de problemas. A realidade é absurda e sórdida con ou sen sexo, a vontade vese frustrada nunha existencia breve sen máis alá. A trascendencia está (se algunha hai) no forxar vías e camiños cara un Ideal pescudado no que o Sexo transmutou en máxima comuñón afectiva, física e intelectual con outra persoa; no que a Arte deixa de ser un luxo e transforma á vida nunha experiencia estética e creadora; e no que os axiomas político-morais nos que cremos toman corpo e melloran o destino do home sobor da terra.

clínico disse...

Por que borrou o meu último post, meu querido amigo?

FraVernero disse...

Se vostede ten interese en debatir ou comentar sobre estes temas, eu estarei encantado de seguirlle. Iso sí, sempre respectando certas formas de propiedade e bo gusto que o mantedor xa notaba ausentes na súa primeira entrada e que topou insolentes de máis na segunda. Mantéñase correcto e esta poderá seguir sendo a súa casa. O dito.

Clínico disse...

Xa, non me veña con esas, que non lle cola, meu amigo. As categorías de insolente e de bo gusto son categorías burguesas, que vostede di odiar tanto. Véselle a vostede un afán censor digno de mellores causas.

Se ten valor, faga vostede unha proba: repoña a miña mensaxe e que a xente opine.

Ademais, carece vostede do máis mínimo sentido do humor e da ironía. Rirse un pouco de si mesmo -e tamén que se rían dun- é algo moi san... tanto como o sexo, meu querido amigo.

Pense niso.

FraVernero disse...

Lamento non poder satisfacelo, mais a entrada foi eliminada definitivamente, un naufraxio do que non hai rescate posíbel...
En xeral, os bos costumes son algo anteriores á sociedade burguesa, e serven para non despedazarnos mutuamente. A eles me remito (vid.
tamén a esfera de acción comunicativa, que non soe recurrir a argumentacións ad hominem...).
Non me considero censor romano, nen carente de humor ironía. Escasamente tolero, iso é verdade, o crúo e demasiado evidente.
Xa que se gaba tanto da amizade, estou seguro de que saberá manterse nos códigos que tamén ordean os intercambios verbais destas.

clínico disse...

Podo preguntarlle cantos anos ten?

FraVernero disse...

Vaia... sorprédeme vostede. Para ser unha persoa que se gaba de coñecerme tan ben, incluídos os detalles máis íntimos e persoais do ser, as súas fontes non lle informaron dos meus anos...

Conque lle bote un ollo ao meu perfil, ou a unha das entradas que adico ao meu aniversario, os seus desexos faranse pronto realidade.

Clínico disse...

Podía ter o detalle de aforrarme o traballo, non?

FraVernero disse...

que preguiceiro, oh, se mirar o perfil é só picar unha vez... teño un ano máis que estes numerosos comentarios, a saber: 27.

clínico disse...

Grazas polo dato. Era simplemente para facer un cálculo.

torredebabel disse...

fermoso si. Como todo o mundo sabe e en relación co que anota Laurindinha, Borges tomou a figura do tigre moitas e repetidas veces na sua literatura. Concordo co dono de casa, no Aleph, pero tamén en moitísimos poemas.