segunda-feira, junho 11, 2007

Cherchez la femme (4)

ou de cómo FraVernero templa, axeonllado, un sitar eléctrico mentres contempla e soña con desfacer os veos de Maya, de pé diante del, nunha estampa popeira e de barata imitación de maiúscula medieval decorada [1]

Once upon a time soñara con (d)escribir un Teatro do Silencio. ritual, solemne, artaudián. a montaxe ía ter lugar nas paisaxes oníricas de Lovecraft e lord Dunsany, ou nun dos países imaxinarios de Borges (Tlön, Uqbar, Orbis Tertius) no que é de supoñer que a Arte evoluiu nunha especie de relixión e o sagrado vestiu as luxosas roupaxes do estético. xoguemos coa etimoloxía das palabras! luxo procede da raíz latina *luxus, ‘abondoso’ e enxendra dous fillos alomenos, luxo e luxuria, digna parella de irmáns incestuosos e ensortillados. o teatro imaxinado é como unha desas igrexas armenias ou xeorxianas do Cáucaso, templetes tallados nunha rocha gris, as paredes e portas ricamente decoradas con arabescos e filigranas, árbores con granadas pendurándolles das pólas e follas entretecidas con uvas. no medio dunha pranta cruciforme, catro xigantescas columnas coroan cun falso acanto e sosteñen nos seus lombos o tellado de pedra e unha cúpula en forma de gorro puntiagudo con estalactitas. dende os furados da bóveda fíltrase a luz que converxe -iluminación natural- nunha rostra deseñada para os cregos/actores. o público ateigou ata os mínimos currunchos do espazo, forxando un magma visguento e suoroso con múltiples corpos fundidos nunha soa carne. no espectáculo todo está permitido, agás a palabra. florecen a danza e o mimo, os triunfos e alegorías. coreografías que buscan mesturar nunha única textura os fíos que escorregan das frautas e tambores primordiais, das txalapartas de pedra mariña e dos complexos e alongados instrumentos de madeira e cordas (cítaras, kanteles, laúdes, violas bastardas, đàn tỳ bàs de forma de pera). a melodía invoca o trance, posúe os corpos, arrastra os actores nun baile ritual onde o máis mínimo dos xestos significa nunha cadea e cadro semióticos rixidamente soldada e establecida dende a noite dos tempos. na posesión diabólica, a máscara tornou persona, e a persoa parte dun fresco móbil e colorista que crea e recrea, coma se as páxinas dun manuscrito astrolóxico renacentista foran postas en marcha por algún tolo e eléctrico zootropo. reis imperiais iluminan a escea, arrastrados por carros de leóns, envoltos en túnicas dos mil tons distintos e diverxentes de marrón e dourado. toca o corno e o facho incandescente, e unha muller núa cos pés coma rodas fai de faro para a naves que montan nun mar entolecido de pequenos curutos azuis; o ladrón corre ao mencer coa bolsa das esperanzas da mocidade e con paso alado chega aos Prados Amorosos onde a belida fita no espello, tortura o xardín de imaxes e selva escura que imita nun xesto harmonías de arpa e de corazóns perfectamente afinados en la a 480 herzios, do mesmo xeito que os órganos alemáns que tocaba Bach. torres humanas como dedos despois, foxos e tendas de seda axedrezada de emblemas e sillas de montar para os cabaleiros: a batalla. polonesa de lanzas e longas espadas, de bestas e cabalos montados solfeando no pentagrama dos muros de aceite fervendo. o xadrezado medra e fai agora de chan para cidade, e trucos de luz e holograma converten as tendas de campaña en tendas burguesas onde comerciantes e lazzi trabucan eternamente os recados e as brincadeiras nunha urbana espiral de derrotas e amoríos. fúnebres badaladas e pasos con botas che chumbo marcan as horas nun cambio da idade media provecta ao ermo decadente da vellez, e azuis escuros e apagados, como despois dun gran lume, trenzan os ocos do reloxo de area cos lenzos desmoronados da parede. trala morte o renacer como mago creativo e celeste, un actor solitario de múltiples brazos centra na táboas con varios trucos e pases, saltos arriscados e cancións como fogos artificiais a estourar no maxín dos espectadores. a última escea inclúe líquidas ensoñacións debuxadas nun lenzo místico de coros de voces femininas, canto de sereas acuáticas que se disolve no silencio. ao rematar todo se eslúe no caleidoscopio e río de cores puras con arrecendo a vidreira ou cadro de Chagall...


[outra so(r/n)oridade etimolóxica: arte e artificio. Todo arte é artificioso. mariposa en cenizas desatada. Art is difficult dicíalle o poeta ao outro poeta. e con todo non son quen de topar os labirintos e pozos escuros do teu arte]


Remato a fantasía cromática, rompo a vidreira, non o silencio. comeza outro teatro de sombras mudas e ollos globulares, cifrado nos 3 segundos de ollarse mutuo nese hall hortera da facultade. mais qué entorno non ficaría pobre e oropel barato ao teu carón? o instante é eterno, e o ollar puro. na relixión que te adora e na arte que che pinta (vanamente) soan nostalxias eternas de corpo fosilizado e momento sempre a repetirse, eterno retorno nietzschián para verche, serpe ouroboros, bhavacakra. ou nas verbas de Thomas Browne (vid. Religio Medici, 1643):

And in this sense, I say, the world was before the Creation, and at an end before it had a beginning; and thus was I dead before I was alive, though my grave be England, my dying place was Paradise, and Eve miscarried of me before she conceived of Cain.





[1]Unha clave iconográfica que se pode ver baixo a letra ‘R’ no disco Lizard, de King Crimson.

16 comentários:

SurOeste disse...

Ginger Rogers reparou xa na túa materialidade?

SurOeste disse...

Coido que chegou o momento de íreslle coa rosa nos dentes, así coma quen non quere a cousa e, por suposto evitando poñerte colorado.

SurOeste disse...

E anda lixeiro, antes de que a rosa se che desfolle nos dentes e antes de que a túa materialidade perda a turxencia propia da túa fresca e rexa xuventude.

FraVernero disse...

Vaia, ou... Suroeste por triplicado, como Hécate. Fóronche xurdindo as ideas tan pronto rematabas de enviar as liñas?

O da rosa entre os dentes resultaría unha estampa cómica, anque correría o risco de ser confundido cun militante do PSOE, o cal está moi cercano ao meu concepto do mal...

Anónimo disse...

Desculpe, Fra, sei que non vén a conto incluír este vaso de augardente nesta entrada, mais acabo de reparar en que as miñas reflexións lingüísticas sobre a súa tradución tiña un ton de fondo impertinente que non era intencionado. Pardon!

Mrs. Chan

Anónimo disse...

Máis impertinente, un pouco airado incluso considerando que se está a falar da vida allea, son as análises do "clínico" que me atopei na última entrada.

Despois de ler isto, eu reitérome na miña comparación cos postizos de Valle Inclán. E non penso que vostede reprima o sexo en absoluto - de feito, a única posible fantasía romántica cunha descoñecida é á fin e ao cabo unha fantasía sexual (tal vez edulcorada, verbalizada e sofisticada a través dun attrezzo de reminiscencias pictóricas - mais non son case todas as nosas fantasías nunha porcentaxe escandalosa puramente attrezzo?).

Experimento, non entanto, unha estraña anguria, cando vexo na súa escrita as pegadas dun home que tal vez foxe en boa parte de poñer en práctica un amor real, un amor que sexa diálogo, risco, que sexa espirse, aceptarse, desculparse - e non só un monólogo protexido pola invulnerabilidade que concede o anonimato.

Novamente desculpe, se a miña análise tamén é entrometida. Se percibe como agresión expoñer aquí a súa intimidade, atreveríame incluso a porpor continuar esta análise co e-mail tradicional.

Mrs. Chan

SurOeste disse...

Señor Fra, saiba que o meu pensamento é unha rosa de mil follas... e desculpe a invasión.

FraVernero disse...

Mrs. Chan, Suroeste, non as considero a vostedes invasivas en absoluto, senón parte da herba semanada da que falaba o Mesías, que dá froito en abundancia tras caer en terra fértil. Invasión de rosas e ultracorpos? Quizais, quizais...
A corrección lingüística é de rigor, alén, e agradécese (non hai outro xeito de aprender, e o castelanismo é un pecado do que refugo sempe que podo).
Canto ao restante, non se esquenzan que estamos nun espazo de escritura (virtual), toda a cal ten sempre un grado maior ou menor de mentira e de ficcionalidade, tamén nas propostas sentimentais da voz narradora/poética. Arte é artificio, e xogo de mudar as máscaras tamén...
Iso sí, se lle prace falar comigo polo correo electrónico, sería un pracer ter verbas súas. Cría que o meu perfil facilitaba o meu enderezo, mais xa que non o vexo, pode escribirme a: carrodetespis@hotmail.com
Un saúdo!

tío Pepin disse...

Dear Fra: como moi ben sabe vostede, 'ars longa, vita brevis', ou, en traducción lírica de Ángel González, 'Largo es el arte; la vida en cambio corta / como un cuchillo.'
Non vaia ser que a súa obsesión xa (creo)case 'enfermiza' faga precisa unha desas intervencións que tan ben representou O Bosco, unha 'cutting of the Stone'. Ou aínda peor, a ver se deixándose levar pola arrebatada forza dos impulsos se nos converte (vostede, novamente) nun Werther posmoderno e nos fai sufrir cun suicidio virtual ou algo así.
E por certo, o poema de Ángel González remata co verso rotundo que di: 'este amor ya sin mí te amará siempre.' Aínda que supoño que hai máis en vostede de concupiscencia ca de amor puro (espero).
Eu, como 'tío Pepin' que son, remítoo ó libro do profesor Batista ou, se fora preciso, ós 'Ensayos' de Montaigne.
Un abrazo.

Sir Gawain disse...

Fra Vernero: "la femme n'existe pas";

a túa estetización da muller resulta análoga á do "musical" hollywoodiano, de feito estou vendo á túa amada como unha especie de strawberry Leslie Caron saltando entre fondo de distintas cores...

(MINUTO DE SILENCIO POLA ALMA DO PROF. RICHARD RORTY)

... en realidade o espello da natureza ten que ser liberado da obsesión dunha acumulación que debe ser, así se formula, liberadora da propia e allea materialidade detestada.

O que pasa é que a túa muller mostra a súa alma no seu corpo (vid: Augusto Monterroso, "Teatro Crítico Universal")... e nós, viceversa. Fra Vernero non resolve a aporía do espírito que se produce na carne porque, como home que renegou da revolución, espera que o texto a resolva acumulando a materialidade ata acadar a destrucción da carne.

¿Como Platón vendo un filme de Derek Jarman con guión de Terry Eagleton (existe)?



p.s.: tío, Ángel González e Michel de Montaigne (!?)... ma che stiamo facendo? ma che sta sucedendo? ma quando vedremo il sole...?

FraVernero disse...

CODA

Certa vea empirista, alén da desconfianza innata nas verdades da literatura (xa sabedes, os poetas expulsos da República…), fan rexeitar como pouco verosímiles algúns pasaxes. Suspension of disbelief? Por exemplo, cando na Eneida (ou era na Odisea?) se descrebe o encontro de Menelao coa súa traidora muller, Helena. A súa arrebatadora beleza fai que deixe de termar a arma e esquenza as pulsións homicidas...
Tí, que es máis real (polo momento, alomenos) que Helena das un vivo testemuño de veracidade á escea. O teu indescriptíbel e seductor encanto agora que sorrís ou torces, coqueta e medio xogando, os bucles dos teus cabelos, asasinan con violencia á Razón Ilustrada e a toda a superestructura, que cae envolta en chamas, coma o Pazo de Príamo.
A clave está noutra épica do desexo sensual nas verbas e nas formas. Paradise Lost e Milton que termo nas mans, pensando que todo o que escribín é un bo Pandemonium para pechar nel o teu demónico ser. Anon out of The earth a Fabrick huge / Rose like an Exhalation, with The sound / Of Dulcet Symphonies and voices sweet: /Built like a Temple where pilasters round / Were set, and golden pillars overlaid / With Gold’n Arquitrave.
Ben pensado, o pracer da doce voz, a sinfonía, é o único que me tes negado ata o momento. Só algunha lene gargallada e o teu maino borboriñar fan de eco e espello quebrado ao verso do poeta cego e xusto, o Poeta da Revolución favorito de FraVernero, que non sendo quen de ver tanta beleza, torneouna nas sinuosidades duns versos que agora sempre me lembran a ti...
Arrédemo, como me tolea esta rapaza...

Anónimo disse...

Apoio a moción: extirpación da pedra da loucura xa!

Pero que traian a un anestesista, por favor!

Mrs. Chan

tío Pepin disse...

Sir Gawain, que quere que lle recomende a un frade namorado ou (perdón, please), 'encoñado'?

SurOeste disse...

Que feo é iso de encoñado, Pepín, o castelán é unha ligua moi fea para faire l´amour.

Varela disse...

¡Aaaaah, cabrão!

Manolo, ti ben sabes o que tes que facer: achegarte a esa rapaza co paxariño por fora dos pantalóns e dicirlle: "Nena, hai alguén a quen che quero presentar". Sabes que o éxito está asegurado.

P.D.: Podes aderezar a escea engadindo cousas como ¡KINO GlAZ!
P.D.2: De non funcionar a estrataxema, o máis probábel é que teñas que sair por patas ó máis puro estilo Benny Hill mentres berras: "¡Ay, ay, en la cabesa no, que estoy estudiando!"

FraVernero disse...

Ben, para o voso descanso pódovos anunciar que ides ter alomenos dúas entradas de tema variado antes de que volte, posíbelmente, ao último texto -un quinteto, conxunto heterodoxo, xa que me apoiei tanto na imaxinería musical- desta vaga.

A pedra supoño que se extraerá sola cando deixe de ver á belida, dentro dunhas semanas, e probábelmente para sempre (a ela aínda lle quedarán 4 anos por diante en Compostela, mais a min non).
O de 'encoñado' , Uncle Joe, é de certo unha expresión moi empregada no noso círculo, sí señor...

Last, not least, (bar)varela, tentarei imaxinar algún mundo de fantasía onde as túas hipotéticas recomendacións rematasen nun sitio que non fose a comisaría...