sábado, junho 23, 2007

Non Lugares

No congreso de Kiel no que estiven xusto antes de Nadal (e do que xa vos teño falado oblicuamente en anteriores ocasións...) lembro que se fixera reiterada mención e emprego do antropólogo Marc Augé e do seu concepto dos Non-Lieux, que parecían inzar tódolos recunchos da literatura e a cidade posmodernas. Na mellor das conferencias para o meu gusto, o profesor Anxo Abuín debullaba as aplicacións da teoría enriba de varias películas, sinaladamente Play Time, de Jacques Tati. Para aqueles a quen non vos sone (eu tampouco sabía ren destas cousas, anque agora xa me fixen cun libriño do autor francés publicado por Gedisa: Los no lugares. Espacios del anonimato. Una antropología de la sobremodernidad), o de 'non lugares' refírese a eses espazos de tránsito e de confluencia anónimas, onde as persoas tecen momentos de espera: hoteis, aeroportos, saídas do tren ou do metro que ha de chegar. Espazos no que a xente se cruza en números inxentes mais nos que non se atopa, alén dos furtivos cruces do ollar.



Todos temos rituais establecidos neses espazos, nos que o local e diverxente repta, infructuoso, mentres tenta deixar pegada en edificios monótonos e feos que poderían estar por igual en Santiago, en Brasil ou nas illas Fidji. Aeroportos de cemento e tendas duty free, con algún guiño á cultura local nas pinturas ou tendas de agasallos. Colgantes 'celtas' e mural xacobeu na Lavacolla. En Stansted, o aeroporto barato e a desmán de Londres, sempre que vou merco un libro de Terry Pratchett na súa segunda librería. É que Amazón só vende edicións feas, americanas, mentras que as inglesas -as da editorial Corgy- ostentan as hilarantes portadas de Josh Kirby (alomenos, antes de que finara). Comer uns muffins. A pastelería anglosaxona afaga ao padal, e neste caso foi o amigo Javier Rodríguez 'Panero' (que en breve estará en Londres, por certo, xunto co tamén amigo David para asistiren os dous ao congreso trosko que organiza o SWP) quen mos descubriu...
Portia, a protagonista de 'The Death of the Heart', que estou lendo agora, é tamén ao seu pesar unha orfa desamparada que coñece a fondo outro dos non-lugares: os hoteis. No meu caso, que botei tamén neles boa parte da miña segunda estadía na cidade natal, o vello Taurus Park cobrou un aire de fantasmagoría: o edificio foi derrubado (o único cambio que topei en Bournemouth despois de anos de ausencias) para dar paso a un bloque de vivendas. Non agardamos que as pedras nas que vivimos se desfagan antes do ca nós. Só pervive unha ala onde estaban as dúas habitacións dos residentes fixos e o cuarto das camareras, agora reconvertido nunha especie de piso longo e deslabazado. Cociña no cuarto de Mrs. Miller. Dormitorio no cuarto de Mr. Tombelyn, aquel vello medio tolo que rompía moreas e moreas de periódicos e logo os guindaba pola cisterna abaixo. Agora o espello fumegante coa imaxe de eu mesmo enriba da cama, o Oxford Shakespeare aberto en Henry VI part 3 (ese día estivera no lugar exacto en que alguén, non Richard Gloster, asasinou a el-rei), os pés cansos e un lamb korma agardándome como cea pesada...
Só unha porta de incendios dá ao baleiro onde se conectaba antano esta zona co resto do hotel; detrás da porta (tabicada) xa non hai ren, só un pasado que se eslúe como un mal soño ou relembrar nostálxico, dependendo do día e do estado de ánimo...

10 comentários:

A Raíña Vermella disse...

Este tipo de sitios lémbranme aos cadros de Hopper, un dos meus pintores favoritos: lugares nos que estás soa, agardando e en certo modo desamparada, pero non me resultan particularmente desagradables, salvo as estacións de bus, que odio.
Nos hoteis si desplego as miñas pequenas manías:
1. Desfago a maleta. Aínda que marche ao día seguinte.
2. Poño na mesa de noite o libro de turno e unha botella con auga
3. Busco un sitio onde teñan menú vexetariano. Non son vexetariana (estricta), pero cando estás fóra, é o único xeito de comer algo que non che tupa as arterias para sempre.
4. Trato de fuxir do "look guiri", e vestir o mais normal posible. Estar cómoda non xustifica determinadas aberracións estéticas.

En suma, trato de sentirme o mais como na casa posible, aínda que sexa difícil. O peor son as esperas.

tío friki disse...

Eses 'non lugares' son tal porque independente da súa localización espacial non é doado determinar diferencias sustanciais (un Zara de Nova York debe ser igual a un Zara de Tokio e así sucesivamente), están ou poden estar cheos de xente pero, á vez, están deshumanizados, son mecánicos, metódicos, fríos, asépticos... Eu identifico esa sensación do non lugar nos putos tanatorios e nos putos crematorios (a fin de contas son non lugares extremos).
Xa sei que non está ben que un 'friki' recén 'caído da burra' diga o que vou dicir, pero creo que no fondo está acontecendo que boa parte das persoas están/estamos empezando a a ser mero mobiliario do 'non lugar': deambular polo centro comercial, pola estación, polo aeroporto, pola sala de espera (in)hospitalaria, etc., e, por enriba, embutidos nos cascos do ipod ou do mp3/4, ou coa orella pegada ó nokia gti 150 cv., ou, dependendo das idades, coa gameboy, etc.
...pero é posible que xa non estea a falar dos non lugares.

Anónimo disse...

¿Que carallo é esto? Unha raíña vermella que non quere look guiri e un tío friki que caeu dunha burra. Mi madriña. Voume.

Arale Norimaki disse...

Mal día escollín para visitar o honorable pazo, xusto veño de pegarme unha enchenta nostálxica con lugares e entornos que só perviven na miña memoria...
A miña particular reacción á vida nos aeroportos (non son poucas horas de vida pasadas neles) é a análise da fauna, e, se estou de humor e se tercia, a descuberta de historias. Moita xente devece por contar un anaquiño da súa biografía, e é ben curioso como a deshumanización reinante nos non-lugares e a efemeridade do seu ambiente provocan acotío unha familiaridade curiosa entre as persoas que ousan cruzar a barreira do mp3 ou da desconfiaza contra o descoñecido.

Yolanda disse...

Estoy alucinada con este blog. ¡Qué derroche de cultura y erudición la de su autor! Mis mayores felicitaciones. Permitidme una broma: ¡qué pena que tenga novia! Disculpas por no poder escribir en gallego, soy de Castellón y vivo en Murcia. Gracias.

FraVernero disse...

Raíña: de certo, o peor son as esperas. En última instancia, levamos a casa con nós (o noso corpo e dous ou tres artefactos que nos fan sentir cómodos) mentres arrincamos a coitelo un espazo privado (walman e lentes escuras no metro introvertido).

Uncle Friki-Joe: totalmente dacordo co teu diagnóstico, e que vai na liña dunha 'perda de autenticidade' que é o reverso tenebroso da globalización e asimilación capitalista. Todos somos iguais para un mercado que nos atomiza e disolve toda diverxencia en pequeno kitch exótico e tamén mercantilizábel.

Roboteira: xuntamos os dous, logo, restos de naufraxio. É curioso cómo ás veces o home (que a medias é un animal social) se mantén pechado, e noutras se abre. Basta nun tren pechado e introvertido que se faga o escuro para que a xente, solitaria e amedada, comece conversacións que senón calaría...

yolanda: alédome de que che gustara a bitácora, anque eu non a describiría como 'derroche de erudicción e cultura'...

Sir Gawain disse...

Queridos todos,

si pero non. A categoría non é subxectiva e non depende do espectador. Creo que moitas veces caemos nunha lectura demonizante e nostálxica do tipo: la casita de mi abuela con sus colchas y su olor a lavanda (anuncio de Mimosín) vs. aeropuertos, supermercados y cia. Os non-lieux posibilitan o imposible, como se ve no filme "Lost in Translation" (segundo o sabio V.A. Ferretti da Kiel Universität o filme que mellor ilustra a noción de non-lieux, sen guión non é o mesmo)...

Claro que un se atopa incómodo e anónimo desastido da aura: pero todo iso ten implicacións narrativas realmente decisivas e doutro xeito vexan a simpática (que non comparto en todos os puntos) posdata ás sociedades de control que propón Augé no seu libro.

Espero que Panero e máis Davitz o pasen moi ben no congreso marxistón londinense e que aprendan moito de Gilroy, Callinicos, Zizek, Stoppard, Billy Bragg, Soweto Finch e outros...

(Mantenedor, débesme a dirección de certo fotolog...)

Yolanda disse...

Ya que Fravernero viaja tanto, me ofrezco gustosa a acompañarle. Me enseñaría todas las ciudades, todas sus interioridades. Y yo volvería más sabia, más colmada... de saberes.
Un biquiño (¿es así, no?).

tío Friki disse...

Sir Gawain, creo que debatir todo esto levaríanos á invención do ferrocarril e, como ben di vostede, si pero non.

torredebabel disse...

o concepto de non lugares é fabuloso. Moi empregado aquí por sociólogos e antropólogos dende fai anos e, claro, completamente contemporáneo. Sen dúbida, vai moi en sintonía coa idea da identidade de Bauman da que falabamos (elipticamente) no blog esta semana.