sábado, junho 30, 2007

Homo Ludens

Son un ludópata. Recoñézoo. Con isto non quero dicir que me pase horas e horas apostando ao póker, ou gastando o diñeiro nas tragaperras (non teremos un nome ben enxebre para esas maquiniñas de luces e sonidos? As comecartos, quizais...), senón que me tolean todo tipo de xogos, dende os máis sinxelos (o parchís, a oca, o backgammon, os alquerques) aos máis elaborados, incluindo as modernas aventuras gráficas para computador e consola, Civilization III e IV, Age of Empires, as varias edicións do Heroes of Might and Magic, batallas con miniaturas Warhammer e a interpretación imaxinativa e ambiental do Rol.
O tema ven a conto non porque vaia a falar do libro homónimo de Huizinga, senón como telón de fondo á miña lixeira ausencia. Como sempre que collo vacacións, é raro que non me re-enganche ao viciosísimo MUD do Mundodisco, un xogo online formato MUD e inspirado nos mundos de fantasía do escritor inglés Terry Pratchett.
Para os que non os coñezades, os MUDs (do inglés Multi-User Dungeon) son uns primitivos xogos de computador baseados en textos e descripcións, xunto con accións varias que o teu personaxe pode realizar a través dunha serie de comandos escritos. Dado que inclúen personaxes xerados por un computador e outros, persoas tamén conectadas á rede e ao xogo concreto, pódese dicir que representan unha mestura do que sería un xogo de Rol estándar cun xogo de Computador normal. Algunhas interaccións son máis ricas, outras máis coutadas.
Este tipo de xogos descubríraos alá polo ano 91, en Inglaterra. Na aula de matemáticas tiñamos un computador (un computador!) que entre outras cousas, contaba cun destes xogos instalados. Non permitía, iso sí, interacción con outros xogadores, e tratábase nunha serie de enigmas e acertixos matemáticos que resolvías nun espazo pechado. Lembro estar enganchadísimo e levarme as probas para casa (chaves a tallar, números primos e xardíns e árbores a agrupar en conxuntos...).
Daquela tamén consumía moito libro-xogos (sobretodo o excelente Deathtrap Dungeon que tiñan na biblioteca), anque eses xa os descubrira, nun formato máis soso, nos libros vermellos de 'Vive tu propia aventura' que che levaban á cunca do Amazonas ou a un infernal mundo de tiránicas formigas. O modelo de libro inglés, en perspectiva, era algo máis roleiro (ao comezo do libro había unha ficha de personaxe, e supoñíase que tiñas que facer tiradas cando combatías con monstros. Por suposto, sempre trampeabas, e ías directamente á páxina que che poñía que foses se gañabas o combate).
Sorprende o absorvente que poden ser estes mecanismos. Poden dar un pracer culpábel (cando estou con eles, os libros languidecen, pechados, enriba da mesiña de noite) mais a vida é breve de máis para recurtar nas cousas que nos fan disfrutar un chisco.
De xogos seguiremos falando máis adiante, anque de xogos algo máis vellos...

7 comentários:

Raposo disse...

Pois eu sonche mais ben do subastado e de fulepe.

Anónimo disse...

,,Wir spielen, bis uns der Tod abholt." Kurt Schwitters, Brief an Christoph Spengemann v. 24.07.1946.

Anónimo disse...

Vexo que o opinionista antes coñecido como Tío Pepín devolve o xogo ó seu reinado: o dadaísmo alén do dadaísmo (Merz)? Pregunta indiscreta: por que o nome enxebre da tragaperras non o decide o insigne "mago do soneto" tan afeito a elas?

A Raíña Vermella disse...

Que ben o teño pasado cos libriños eses de "Elige tu propia aventura", moito antes de saber sequera o que era o rol. Ao Mundodisco engancheime moito mais tarde, en versión videoaventura, pero tamén fixo que os libros ( e os apuntes) languideceran pechados na miña mesa. Pero eu non me sinto culpable por esas cousas, a menos que impliquen un suspenso e unha mais para setembro:p

Anónimo disse...

Meu!! Un tema dos que me gustan a mn por fin!! Vivan os MUDs, MOOS, MMRPG e demáis calaña!! Teño pendente que me des un tutorialciño sobre como fedellar coa infernal máquina do Discworld MUD para me poder unir a tí en aventuras sen fin.
Que o Grande Ío sexa contigo nas túas andanzas e te guíe polo bo camiño, amigo (melón?).

FraVernero disse...

Argh! Advírtoche que o xogo é infernalmente adictivo, eh, Pris? Logo non me veñas con reclamaciós...

Cando queiras falamos longo e tendido do xogo. Na páxina mesma do xogo que teño nas ligazóns aparéceche moita información, incluídos os básicos sobre cada Gremio. Dentro do xogo, son Winswand, Mago de 5º Nivel dos Sabios do Círculo Rachado. Calquera axuda que necesites só tes que pedila (e se son cuestións sobre este gremio en particular, tamén poderei ilustrache a fondo...).
Mira se é vicioso o choio que abrín unha bitácora só para listar e comentar feitizos e grimorios do xogo (xunto con cousas que poidan pasarlle á personaxe nel). Mira 'Winswand's Grimoire' nas ligazóns...

Anónimo disse...

quen é o "mago do soneto"?