segunda-feira, junho 04, 2007

Iakov Chernikhov - Gótico Socialista

Teño que agradecerlle a Tomás que me descubrise, nun correo recente, as fantasías e fantasmagorías de Gótico Socialista deseñadas polo arquitecto soviético Iakov Chernikhov. Para un fanático de todo o que xunte as palabras 'comunismo' e 'vangarda' resulta especialmente sangrante saber tan pouco do periodo 'formalista' da arquitectura rusa dos anos 20-30 (a famosa escola Constructivista) alén da tópica Torre de Tatlin, monumento á Terceira Internacional e serie de pavillóns nunca construídos (el era ante todo pintor, non arquitecto) ou de algunha cousiña fotomontada por El Lissitzky. Unha vez estivera a piques de mercar un libro de segunda man sobre o tema na librería 'Trasgo', mais o paxaro voara cando fun a por el. Aproveitarei o verán e dous libros da biblioteca universitaria para porme ao día...
Namentras, déixovos cun dos seus debuxos para 'Pazos do Comunismo' [26/7/18 - xa non está dispoñíbel na vella ligazón. Ains...]. Podedes topar máis del na ligazón que adxuntei na Glossolalia (páxinas en línguas estranxeiras).

9 comentários:

Anónimo disse...

Já sabia que ias gostar, friki, que es um friki. Por certo a semana passada chegou-me a minha espada ropeira tipo s. XVI para practicar esgrima antiga. Quando queiras combinamos e dou-che umha malheira, que já me estou ganhando fama de assassino valentom em Casco Vello.

Anónimo disse...

O link que pos ao final é verdeiramente fascinante polo material gráfico en forma de debuxos e esbozos que inclúe. No fondo non hai tanta distancia aos capricci pictoricos de Carlevarijs ou aos proxectos nunca feitos de C. N. Ledoux. Variantes na historia da fracción da arte que topa coa realidade como obstáculo demasiado obtuso.

Arale Norimaki disse...

Vaia, vaia! Pois eu voulle ter que estar agradecida a ese tal Tomás e á súa interesante empresa libre por descubrircho!
Eses "contos arquitectónicos" vénse do máis atractivo, e polo pouco que me deu tempo a ollar coido que moitas das súas "fantasías" xa inspiraron a máis de un con ansias e cartos para materializalas...

FraVernero disse...

TOM Bombadil, sabes que este tipo de frikada sempre me seduce. Alén, dame ideas sobre os sitios dos que sacaron os seus deseños de gótico futurista-sinistro os homiños de Warhammer 40k...
Coidado coas mazaduras!

M. de la Loyre, nós ben sabemos da laboura sufrir de petar coas cabezas no muro frío e burocrático de inmobilismo kafkián... algo de luz e de cor en forma de vangarda rusa adoban ben o noso padal e pintan de cores o cemento...

Robota, seguro que o agradecemento o podes materializar de xeitos que lle resulten gratos facendo unha versión impresa das túas reflexións virtuais, ou mercando o libro finés que o autor ten traducido (Bosque dos Raposos Aforcados, de Pasiilina, en Rinoceronte Editora). O único que viu a luz dunha fantasía destas é (polo que lembro) a luxosa estación de metro do que ía ser o 'Pazo dos Sóviets'...

Anónimo disse...

Boas, Frei! Aínda non conseguín saber quén traducira o texto de "Goodbye to Berlin" - a palabra "lonxana" aínda me dá arrepíos cada vez que a vexo.

Mrs. Chan

Anónimo disse...

Crónicas para edificios que nunca existiron...!!! Gilles Deleuze dá un lugar para productos semellantes nun artigo titulado "Simulacre et philosophie antique".

Anónimo disse...

Fra, porque (permíteme entrometerme) non colgas tamén o 'American Gothic', o de Grant Wood, quero dicir? Xa de friki, postos... Ademais, penso que daría para moito (esgrima, parellas, virxilio, puritáns, michael landon, new deal, acción de gracias, caza de bruxas, etc., etc., et.).

FraVernero disse...

Mrs. Chan, debe facer caer vostede a machada sobre a miña cabeza culpábel, xa que a traducción do Isherwood que estaba lendo fíxena eu. Certamente, borre o palabro e coloque unha forma máis correcta (*lonxíncua, malia que soe totalmente portuguesa?). Quizais esta lle dea arpexios e non arrepíos...

Maese Gawain, non coñezo ese libriño de Deleuze, xa mo pasarás e/ou falarás del.

Uncle Joe, malia que o universo que me descrebe me resulta algo menos grato ca este, eino de compracer, e tronzarei nalgún elo desa cadea de significantes que forxou vostede arredor do Gótico Americano.

Anónimo disse...

"Lonxincua" non ten por qué soar a portugués (só pode "semellar" portugués co til sobre o "i"). É un termo latino perfectamente normal, pero estou de acordo en que un cultismo a priori prescindible. Suxiro "afastada": moito máis corrente, menos grandilocuente e indubidablemente galega.

Mrs. Chan