terça-feira, agosto 23, 2005

Mythos

Hai dúas aficións que levan moito tempo comigo: unha sorprenderá aos meus amigos; a outra non. Son a Microbioloxía e a Mitoloxía respectivamente.
Eu tamén fun un rapaz pequeno (parece mentira). Sempre fun un lector precoz, pero con 6 anos literatura non lía moita (os meus pais estimulábanme a ler, pero eles mesmos non é que tocasen os libros de cando en cando, polo que difícilmente podían recomendar e dirixir lecturas). O da microbioloxía debeu ter orixe con aquela serie, 'Erase unha vez... o corpo humano'. Resultábame fascinante como esas criaturas microscópicas, os virus e bacterias, nos podían facer tanto mal. Nos libros de medicina tomaban formas xeométricas e fermosas, e presentaban síntomas e efectos do máis variado sobor de nós. Daquela foi doado aprender o mecanismo básico dos virus bacteriófagos (é o esquema que sempre aparece nos libros sobre como actúan os virus); nembargantes, aínda a día de hoxe ignoro a relación entre uns bichiños matando células e o xurdimento de pústulas por todo o corpo (varicela, sarampelo), as febres (rubeola, febre amarela), aparición de bubóns (peste) ou cavidades pulmonares (tuberculose)... Quizaves fagan falla datos demasiado técnicos para explicalo...
Pero voltando aos Mitos... Éstes constitúen unha continuación lóxica e entretida dos contos para rapaces (noutro lugar explicaremos as coincidencias e separacións do mítico e o folklórico). Lembro o percorrido polas páxinas da 'Crónica da Humanidade' parándome nas entradas con debuxos-fotos do Libro dos Mortos exipcio e dos Deuses gregos-romanos esculpidos en mármore.





Anos máis tarde (cando estaba en Inglaterra) mercara un libro fascinante, que aínda conservo comigo: "Classic Ancient Mythology". Era un percorrido a través de fotos e textos breves das crenzas exipcias, gregas e romanas. A súa lectura está detrás dun textiño vello que escribira na (por fortuna) case desaparecida Caramuxa nº1: 'Dialéctica da Mitoloxía'.
Lembro tamén uns libros que sacaba Xerais, moi ben ilustrados, e que foron unha primeira aproximación a lendas vikingas, africanas, rusas e xudeas. E moitos máis libros despois...
No instituto, o fascinio pola Guerra de Troia. A lectura emocionada da Ilíada e a Odisea, viaxando con Odiseo, 'fecundo en ardides' por terras ignotas, chorando a morte de Héctor e a excidio Troiae..., buscando con sede insaciábel os episodios que se lle esquenceran a Homero...
Hoxe quero lembrar simplemente a lenda de Gaio Mucio Scaevola. Este nobre romano teríase prestado voluntario para asasinar ao caudillo Etrusco Lars Porsenna, inimigo da nacente república. Infiltrouse no campamento rival mais, por erro, asasinou ao secretario do rei en vez de ao seu obxetivo. Despois disto, e para demostrar que os romanos eran homes destemidos, meteu a man dereita no lume, deixando impávido que se consumise.



¿E porqué Scaevola? En latín, a palabriña significa 'zurdo', e levábaa como apelido unha gens famosa, presunta descendente do heroe mítico. Eu tamén son zurdo, anque non queimase a man dereita nun acto glorioso: M. Scaevola tamén me acae como nome (non Mucius; Manuelus, supoño, da 2ª declinación). Manolo o Zurdo, vamos.
¿E qué diredes dunha persoa tan racional coma min enguedellado nas redes de bronce* do mítico? ¿Evasión?¿Dialéctica negativa?
O mundo está cheo de sorpresas.
*En redes de bronce conta tamén o mito que foron atrapados Ares e Afrodita polo marido celoso, e suxeitos despois a público escarnio nos cumios do Olimpo.

terça-feira, agosto 16, 2005

A Montaña Máxica

Solicitaba Noel unha entrada arredor dese magnífico novelista que foi Thomas Mann, co gallo do cabodano nº 51 que tivo lugar o venres pasado. Porén, unhas liñas...
O noso breve século XX deu unha manchea de escritores que, malia a cegueira que impón a curta distancia, podemos apostar que perdurarán no tempo. Os textos que ceibaron as súas plumas amosan as máis altas cotas de xenio e profundidade; e un dos que compoñen esta Santa Compaña de artistas, da estirpe de Kafka, de Joyce e de Proust é Thomas Mann (1875-1955).



Anque a súa producción é moi variada, aquilo polo que é xustamente recoñecido é pola xenialidade das súas novelas, coroadas de épica e sutil ironía. Entre os títulos que o fixeron famoso están 'Os Buddenbrooks', 'A morte en Venecia', 'Xosé e os seus irmáns', o 'Doutor Fausto' e, sobretodo, a máis coñecida: 'A montaña máxica'.
Máis coñecida non significa, por desgracia, a máis lida. O tamaño desta magnífica opus é considerábel (case 1000 páxinas de letra pequena e papel delgado na miña edición (sic) de peto. E ¿qué topamos nesta novela? Mellor preguntémonos polo que non topamos.
Estas páxinas luminosas pintan diante nosa o fresco dun mundo que remata: a Europa feliz e apacíbel denantes da treboada final: a Gran Guerra. A imaxe lémbranos outros esforzos similares noutras artes (pensamos na 'Grande Ilusión' de Renoir), mais ningunha acada a profundidade do mestre de Lübeck.
Ao longo deste auténtico (e parodiado) Bildungsroman seguimos, pois, as peripecias de Hans Castorp, que nos outos cumios de Davos (Suíza) aprenderá todo sobre arte, amor e política. Esta última da man do conflicto entre dúas figuras irreconcilíabeis: Settembrini -o seguidor de Carducci, ilustrado e Enciclopedista- e Naphta -o xesuíta conservador, reaccionario e totalitario-. Mais como dixemos, é un mundo a piques de virse abaixo -alla Casa Usher-. Coma os demais elementos, as ideoloxías decimonónicas marchan con Castorp ás trincheiras das que nunca voltarán con vida.
Rematamos cun fragmento da épica: o enfrontamento final entre os dous sabios:

-Comecemos -declarou Naphta. ¡Avance, señor, e dispare! -berroulle ao seu adversario, e comezou él mesmo a avanzar co brazo tendido e a pistola dirixida cara Settembrini á altura do peito. Settembrini fixo o mesmo, e ao terceiro paso (o outro xa chegara á barreira) elevou a pistola desviándoa a apretou o gatillo.
A seca detoación foi repetida por un eco múltiple. As montañas devolvían o son. Hans Castorp pensou que aquilo ía intranquilizar a tódolos habitantes da rexión.
-Vostede disparou ao aire -dixo Naphta dominándose e baixando a arma.

-Disparo como me peta.
-¿Vai a disparar outra volta?
-Non penso facelo. Agora correspóndelle a vostede.
Settembrini fitaba cara o ceo e puxérase lixeiramente de perfil. Notábase que escoitara dicir que non era convinte presentarse ao adversario en toda a súa anchura, e inspirábase nese consello.
-¡Covarde! -berrou Naphta, facendo con este berro unha concesión ao sentimento humano de que era necesario máis valor para disparar que para que disparen. E elevando a súa pistola dun xeito que non tiña nada que ver cun combate, disparouse na cabeza.
¡Un espectáculo lamentábel e inolvidábel! Titubeou e caeu ao chan, mentres as montañas xogaban á pelota co ruído seco.
Todos ficaron por uns intres inmóviles. Settembrini guindou lonxe de sí a arma e foi o primeiro en agacharse sobor do seu adversario.
-Infelice! - exclamou-. Che cosa fai, per l´Amor di Dio!
Hans Castorp axudoulle a voltar o corpo. Viron un buraco vermello e negro na testa, e viron o seu rostro, que foi cuberto inmediatamente cun pano de seda que asomaba dende o peto da chaqueta de Naphta".

sexta-feira, agosto 12, 2005

Airas Nunez

Unha das xoias da nosa literatura medieval:


Bailemos nós ja todas tres, ai amigas,
so aquestas avelaneiras frolidas,
e quen for velida como nós, velidas,
se amigo amar,
so aquestas avelaneiras frolidas
verrá bailar.

Bailemos nós ja todas tres, ai irmanas,
so aqueste ramo d’estas avelanas,
e quen for louçana como nós, louçanas,
se amigo amar,
so aqueste ramo d’estas avelanas,
verra bailar.

Por Deus, ai amigas, mentr’al nom fazemos,
so aqueste ramo frolido bailemos,
e quen ben parecer como nós parecemos,
se amigo amar,
so aqueste ramo, sol que nós bailemos
verra bailar.

Zacarías Werner

Eis a figura do home que inspirou unhas das mellores pezas da literatura galega e da pluma do patriarca de Trasalba.

Maître Obscur

"Polo centro da Rúa do Vilar camiñaba, bambeándose, unha alta figura de gabardina castaña e chapeu negro con aba ancha. Protexíase cun parachuvas. Sentiu Príncipe ciumes. Narda seguía, como cada domingo, a Maître Obscur. Iría, coma sempre, atrás súa deica a catedral. Mimetizaríase logo nalgún curruncho para observar a Maître Obscur so o Pórtico da Gloria, seguindo distraído a misa e o sermón monótono dalgún cóengo que non soubera prescindir do sistema vocálico galego. Narda pechaba entón os ollos e soñaba as saudades de Maître Obscur, seguíalle coa imaxinación o torrente interno de evocacións históricas, a vertixe nacional na que vagaba Xelmires, Prisciliano confundíase co cosmos nas montañas e unha poulareda de almas labregas compuñan o canto coral da aldea da Galiza. O imaxinar de Maître Obscur era imaxinado por Narda no curruncho de pedra no que se ela agachaba, onda a Capela das Reliquias".

X.L. Méndez Ferrín
- No ventre do silencio

quarta-feira, agosto 03, 2005

Da G(h)ándara Irta

Érase unha vez un Colectivo que -fai moitísimo tempo- facía cousas de vez en cando; nunha ocasión ocorreusenos sacar adiante unha especie de recopilatorio-revista anual que incluíse nela os mellores textos das 'caramuxas' e algunha cousa de nova creación. O proxecto non viu á luz, pero pasamos varias noites discutindo o nome do volume.
Isto debeu de acontecer polo ano 2001 (ou comezos de 2002), xa que o nome que eu propuxera tirárao do último libro de Helena de Carlos, lectura recente daquela: "1999". "Da Gándara Irta" (penúltimo verso do seu poema "O home que chegou da friaxe") parecíame evocador e poético dabondo para o que necesitábamos. Pero queríavos falar hoxe doutra gándara (con h desta volta): un antigo país que viviu na súa terra sucesos singulares.
Despois da morte de Alexandre Magno, os seus xenerais (os diádocos) repartíronse os despoxos do Imperio; e nas marxes do río Indo, o gobernador de Bactria -Diodoto- proclamouse independente, dando nacimento a un curioso híbrido cultural: un estado greco-indio.



Sería o rei Demetrio, un descendente de Diodoto, o que levaría a falanxe macedonia ata as terras da India propiamente dita, chegando ata a capital imperial de Pataliputra. Conservamos unha moeda de prata na que aparece o conquistador coroado cunha cabeleira de Elefante, símbolo das súas conquistas.



Nos perto de douscentos anos que durou esta hexemonía asistimos, pois, a un fenómeno de sincretismo sen precedentes; os reis mesturaron as línguas e os símbolos, as prácticas relixiosas do helenismo coas búdicas.
Un exemplo desta mistura dánola o rei Menandro, descendente de Demetrio. As súas dracmas de prata presentan dobre inscripción: "o rei salvador Menandro" en grego (BASILEOS SOTHROS MENANDROY) e en Kharosthi (MAHARAJA TRATASA MENADRASA).



Este rei tería levado a cabo unha laboura de protección e espallamento do Budismo, ao que segundo as fontes locais, se tería convertido. O texto pali "Milinda Panha" rexistraría as súas conversas co monxe Nagasena.
Desta fusión sairá a arte coñecida como greco/búdica, ou "de gandhara". Así, aparécennos Atlas sostendo nos seus ombros un templo budista, Herakles escoltando a Gautama Sidharta ou Buda nun capitel corintio.
Moitas mostras quedan no tinteiro: a estatuaria (as representacións de Buda nacen nesta época), a arquitectura, a simboloxía nas moedas... todo apunta neste camiño de mestizaxe e mestura. Despois de todo, a simpatía co diferente non é patrimonio exclusivo da sensibilidade posmoderna.

sábado, julho 30, 2005

Angelus Novus

As miñas azas están preparadas para o voo
Mais preferiría voltar
Pois de ter parado o tempo mortal
Mala sorte tería tido.
Gerhard Scholem, “Saúdos Anxélicos”






Hai un cadro de Klee chamado Angelus Novus. Nel está representado un anxo que mira coma se estivera a piques de distanciarse dalgo que está a ollar fixamente. Os seus ollos e a súa boca están completamente abertos, e as azas extendidas. O Anxo da Historia tamén debe de ser así. A súa face volta cara o pasado. Onde nós vemos unha cadea de acontecementos, el ve unha única catástrofe que incesantemente apila escombro sobre escombro e guíndao aos seus pés. Gustaríalle deterse 'por un instante tan fermoso' para resucitar aos mortos e xuntar de volta os anacos do que foi derruído. Mais brúa unha treboada dende o Paraíso que se enguedellou nas súas azas e que sopra tan forte que o anxo non é quen de face-las pechar. A tormenta arrástrao irresistíbelmente cara o futuro, ao que dá as costas, namentras que a morea de escombros diante del medra ate asaltar os ceos. Aquilo que chamamos progreso é esta tormenta.

Walter Benjamin
(IXª das 'Teses sobre a Historia')

[o alemán aínda segue sendo asignatura pendente para mín, polo que esta traducción ven do inglés. Aqueles benaventurados que dominedes a lingua tedesca xa poderedes acceder ao orixinal, e agradecereivos calquer correción do texto que me recomendedes]

terça-feira, julho 26, 2005

É... Outeiriño

A poesía é unha medida aritmética
Pounderada:
ecuación entre aires
da miña terra
e patria celta ou descomposición
factorial do silencio,
artificio
e exilio: Irish da miña terra

de LETRAS VENCIDAS


Na resaca do Día da Patria, facemos catálogo e balance do Bo e do Malo: das decepcións -¿seguro que o camiño nunca se desanda, malia a voz do poeta?- e das Pequenas Alegrías que celebraba un cadro exquisito de Kandinsky ('Todo o cadro lémbrame as gotas caendo na auga, que teñen un sonido claro e variado'). A conversa de onte con Chus foi unha delas. Outra parte desas ledicias lenes que nos axudan a tirar do carro está composta polos poemas de Manuel Outeiriño Gallego, uns versos que exudan un purísimo Joie de vivre. Cumprindo co prometido, velaiquí teredes o poema homónimo do seu último libro, 'É', que saiu uns meses atrás deste noso ano 2005.
Dúas palabras verbo do autor. Quizaves a maioría de vós non teñades pasado polas aulas outeiriñescas da facultade de Xornalismo; eu colárame nalgunha cando a facultade destes aínda estaba na Praza de Mazarelos, veciña de Historia, coa sombra de Montero Ríos montando garda diante do edificio xesuítico. Nese entorno teatral resplandecía o famoso profesor, inconoclasta enfant terrible que mesturaba -para desconcerto dos rapaces- os teóricos da comunicación con ‘Roncho Ronchiño’ (Humpty Dumpty), cos filósofos franceses da Posmodernidade e con Mazzinger Z. O seu libro circulaba como un segredo a voces. Daquela pousamos as mans sobre o ‘Depósito de espantos’ que lle publicara Positivas. A intelixencia e o humor alla Shandy boureaban en cada páxina: ‘Como o porco vai á maseira por move-lo fuciño, / así quero eu beber auga de Mondariz’. Outra mostra: ‘Ser un deserto inmenso e sentir inocentes, / escasos / reptís, aves e múridos / os recordos. / Tamén outras especies no espacio ardente’.
Un tempo despois (no ‘días da revolución’ da L.O.U.), descubrir o seu segundo libro: ‘Letras Vencidas’: Caixa 365 A pantera negra, / como un bosque ardido. / Fumazo. / Os libros de Dante quedaran no canizo: / completamente escarallados. / A pantera negra, cheirenta, / a peor. Caixa 156 Escocia, MacPherson, Petróleo!...
Lembro tamén con especial emoción un recital que celebramos en Noia; os convidados, Helena de Carlos (presentaba o seu libro 1999) e Outeiriño. Adoptando o rol de ‘segundo presentador’, o Manuel leu unha traducción propia (creo que Wallace Stevens) e uns poemas de Helena.
Porén, sen máis reviravoltas, que diría Polonio, ‘É’, de Manuel Outeiriño:

VIN A CURUXA. Arrepiei.
Reparei logo. Era fermosa.
Saudoume.

Podo curar se chamo ás cousas
polo nome.
É.

Cruzo quizais o río de sempre
onde afogara ritual
parvo, pero nestora
o tempo me resta
sae a frote, salvado
na voz amable que non torce as palabras,
esa que fala aí, no momento:
é.

Nado nun intre novamente nado,
nun nadiña de nós.

terça-feira, julho 19, 2005

O Debuxo de Peacham

¿E de qué está a falar esta vez o Senescal, preguntarédesvos? ¿Qué é o debuxo de Peacham? Ben, calquera persoa moi fanática ou versada nas obras do Cisne de Avon poderavos dar unha sinxela resposta. Corría o ano 1596. O aínda mozo William Shakespeare acababa de escribir unha das súas pezas menos coñecidas e aprezadas (anque o público da época non pensou o mesmo): Titus Andronicus. Despois dalgunhas montaxes en Londres, os teatreiros teríana circulado por provincias, e o primeiro de Xaneiro dese ano de 1596 tivo lugar unha función na casa de campo de Sir John Harington. Aquí é onde entra o noso Peacham.
Henry Peacham é un coñecido debuxante da época, autor de obras como 'The art of Drawing with the Pen', 'Minerva Britanna' e 'The Complete Gentleman'. Debeu de estar na función que mencionamos, xa que nun manuscrito coa súa firma e con ese ano topamos unha transcripción de pasaxes do Titus e unha verdadeira xoia: a única ilustración contemporánea da escea shakesperiana.
Como podedes supoñer, trátase dun documento de valor inestimábel á hora de reconstruir o vestiario e a imaxe que podía ter o teatro shakesperiano. Nembargantes (como soe acontecer nestes casos), o material é causa de tantas preguntas como respostas.
Anque a escea sexa recoñecible (Acto I, escea 1; a raíña Tamora implóralle a Tito Andrónico pola vida dos seus fillos. Nembargantes, na obra a raíña está a implorar por un terceiro fillo, Alarbo, que non aparece debuxado e que será sacrificado polo inflexible romano ad manes fratrum), non estamos ante unha recreación directa. A figura da estrema dereita (o malvado mouro Aarón) non pinta ren nesta ocasión, e menos con esa espada e atitude. Isto non é, contodo, un problema: nas ilustracións de textos teatrais da época soíanse misturar varios episodios e personaxes da obra no mesmo gravado. Dunha balada contemporánea inspirada tamén na lenda de Tito Andrónico conservamos un gravado en madeira no que se compaxinan esceas de caza, o castigo de Aaron e a execución dos fillos de Tamora, Lavinia escribindo en terra os nomes dos seus violadores e o banquete grotesco no que Tamora engule unha empanada cos seus propios fillos de raxo.
Canto ás roupas, é doado comprobar que hai unha alternancia: os soldados (personaxes secundarios) aparecen en escea vestidos con roupas contemporáneas (podemos supoñer que os personaxes menores das obras rexiríanse por este criterio). Pola contra, coas figuras principais hai un esforzo maior por 'crear ambiente' (máis nesta obra 'romana', anque sexa totalmente ahistórica), con túnicas, sandalias e elementos similares de atrezzo.
Isto ven ao caso, alén de polo meu frikismo por William, por un simpático paralelismo actual. Unha das miñas aficións na literatura pop é Terry Pratchett e as súas novelas do MundoDisco. As portadas destas (podédelas atopar no enderezo www.lspace.org), obra exquisita de artistas como Paul Kidby ou Josh Kirby, obedecen unha lóxica similar. Deste xeito, unha das diversións (alén da lectura do libro) é a de contemplar a fermosa portada e tentar adiviñar o contexto e as esceas. Algúns personaxes son doadamente identificables. Os novos de cada novela, non...

Nada novo baixo o sol. Pero moi bonito, de tódolos xeitos.

sábado, julho 16, 2005

Espejo de Paciencia

O Pasado é un verme insidioso que non desaproveita ningunha oportunidade para ir rillando ata o corazón. Do seu carro triunfal turran dúas enormes moscas, verdosas e abotargadas, que zugan a trousada dos azúcares doces que tomaron antes: Memoria e Nostalxia son os seus nomes.
Unha imaxe deste pasado conxelado témola mellor expresada do que eu son capaz na novela de Michael Moorcock 'A Fortaleza da Perla', primeira que lín do autor, e que vos recomendo encarecidamente. Nunha cidade xigantesca, os seus habitantes ficaban atrapados como moscas en ámbar, co último rictus desesperado gravado nas súas faces.
Isto ven ao caso dado que últimamente estamos a exorcizar fantasmas, e entre hoxe e onte caeume unha de cal e outra de area. O mellor é que non sei cal é cal...
Nun dos casos, é un abandono: o piso no que botei tantas horas-días-anos en Santiago non se alquila o curso que vén; hoxe levei a cabo a mudanza. O sabor é agridoce, por suposto. Somos un animal ridículo: botamos pouco tempo aquí, e apousentámonos como se fosemos a durar; collémoslle cariño ás cousas e aos sitios, e dotámolos de vida propia. Incluso escribira unha peziña teatral ambientada na xeografía daquelas paredes que me gardaron (¿ou aprisionaron?), que agora cobra para min significados insospeitados. Pasei moitas horas ledas nese piso, anque a conta sacaría moitas máis das outras: a soidade, a depresión, as paredes botándoseche enriba. E aínda así, despídoo como a un vello amigo ao que non voltarei a ver xamais... Cousa que nos entristece ata dos nosos inimigos. A Morte vaise levando pouco a pouco os mobles... 'Ti tamén terás que marchar', que dicía o poema náhuatl.
O outro espectro presenta fazula máis agradable (ergo, máis perigoso): no Coliseo Noela tocaba onte a 'Troba de Camagüey'. Mirar o escenario era case poñer en acción a máquina do tempo e voltar un ano atrás (mes arriba, mes abaixo) aos días luminosos que botei en Cuba na compaña do Manuel ('atuarisa'). Igual que no caso do piso (e neste caso, en menos tempo) rápidamente collemos familiaridade con cousas e persoas que se esvaecen logo, como sombras, da nosa vida. Anque nunca esqueceremos a Gaby e a Babarita brincando no parque 'Lenin' (amais, un amante do kitch socialista coma min ten que disfrutar horrores lembrando ese busto xigante de Vladimir Ilich no medio do parque), a Malena, Manolo co 'ronsito', Reinier acolléndonos con todo cariño na 'Casa das Américas', e outros máis que fican no tinteiro...
Pequena homenaxe a Cuba que desexaría escribir: fai un tempo atopei no libro 'As Terceiras Mulleres' de María do Cebreiro un artigo e un poeta: Francisco de Terrazas. Acordeime entón da que é considerada peza fundadora da literatura isleña, 'Espejo de Paciencia' de Silvestre de Balboa, tamén de época colonial, e conseguín dar con ela. No enlace de máis arriba podedes acceder ao texto. Cando teña tempo, quizaves, escribirei un artigo sobre esa obra visionaria, verdadeiramente adiantada ao seu tempo. Anque de todos xeitos, aquí queda a intención grabada. Se algún de vós o le e se adianta, conta co meu beneplácito.
E xa falamos de máis por hoxe. 'O resto é silencio', que diría Hamlet.

terça-feira, julho 12, 2005

A Nave dos Tolos

Outro título para esta entrada podería ser 'Elexia polo Colectivo Sacou'.
Unha das imaxes recurrentes do arte e da literatura medievais era a da 'Nave dos Tolos', presente sobre todo nas sátiras relixiosas. Xa entrados no Renacemento (máis serodio nas terras xermanas) temos un texto de 1494, obra do teólogo Sebastian Brant. Máis interesante, hai moitos gravados sobre o tema (un de Durero) e un cadro famoso do meu pintor favorito, Hieronymus Bosch.





O caso é que esta imaxe sempre me pareceu unha alegoría ideal do colectivo literario no que levo xa 7 anos de andaina. No verán de 1998 nacía en Noia unha asociación de rapaces novos co obxetivo de defender á cultura galega, promocionar aos escritores novos e dinamizar a (por aquelas datas) esmorecente vida cultural da comarca. O Colectivo non tardou en escoller un nome ('Sacou') e en sacar unha revista (daquela consistía nun DinA3 doblado pola metade), 'A Caramuxa', que despois iría medrando (4 ou 5 DinA3s; máis tarde, a editorial Toxosoutos pasou a facerse cargo da tiraxe e da maquetación). Uniuse máis xente ao grupo, e tamén chegaron os recitais (varios en Noia, Santiago, Boiro, Ourense, Vigo, Muros, Cacheiras, Allariz, Porto do Son...) e as Xornadas de Defensa da Cultura Galega, celebradas tódolos anos en Noia; por esas xornadas (e noutros actos) desfilaron varias figuras das nosas letras: Ferrín, Chus Pato, Álvarez Cáccamo, Casares, Anxo Angueira, Xavier Navaza, Chao Rego, Camilo Nogueira, Yolanda Castaño, Emma Couceiro (sí, tamén poesía dos 90), Ana Romaní e un longo etcétera. En colaboración con outras persoas tamén participamos no 'Concerto Expansivo' contra a Marea Negra, nun recital da Fundación Enclave homenaxeando a Avilés de Taramancos (figura da que tentamos ser promotores e para a cal solicitaramos o Día das Letras Galegas con varios actos e campañas), dúas exposicións de Arte Independente Galega, ... É que sete anos dan para moitas cousas.
Anque deteste os símiles orgánico-naturais (alla Spengler), o caso é que o Colectivo está vello. Varias foron as persoas que se foron; outras, arrastradas pola escuma dos días, só poden facer presencia de cando en vez nas reunións semanais que celebramos os venres pola noite. Fai moito tempo que os escasos que quedamos perdemos o pulo de organizar actos, alén de esporádicas presentacións de libros e recitais. A revista, por causas alleas a nós, leva case un ano atascada no prelo...
Sempre fomos, aliás, unha panda de nostálxicos. Mais nos días do Agora, no outono e crepúsculo de tantos anos de traballo, loita e amizade (e esta última estou seguro que perdurará, xunto coa creación individual, por mil primaveras máis), quixera resucitar dende esta bitácora os feitos, as lembranzas, as anécdotas dun periodo que remata e que, para todos nós, representou algo moi especial. En sucesivas entradas sairán á luz estampas e siluetas dunha outra bitácora -nós tamén navegar-, e das visicitudes dunha 'Nave de Tolos' que sorteou escollos e tormentas na súa feliz, lunática e surrealista singradura. Pois
É hora, capitán, collamos rumbo / de cara o tempo que ficou no olvido, / ese espello de brétemas que ás veces / se ilumina no fondo da memória / e fai brillar en lampos unha tarde / que nunca volverá. Pero está viva.

domingo, julho 10, 2005

Revista das Letras

Eis o exemplar do que falaba na entrada anterior. Aqueles que non teñades acceso ao texto impreso podédelo consultar aquí na rede.
Unha aperta.

sábado, julho 09, 2005

Poema de David Souto Alcalde

Este xoves (cousa que se me esquenceu comentar na última entrada que fixen) saiu á rúa o número 573 da Revista das Letras, o suplemento cultural de Galicia Hoxe, adicado monográficamente aos poetas 'comparatistas' de Compostela. A todos aqueles que non tivéchedes ocasión de mercar o xornal, recoméndovos que lle botedes un ollo nunha biblioteca se queredes facervos (alén das entradas nesta bitácora) unha idea dos textos e das apariencias destes rapaces (hai unhas cantas fotos no especial). Alén dos poemas, atoparedes tamén un manifesto, baixo o epígrafe 'De Rerum Natura' que estou seguro dará moito de que falar.
Gabámonos hoxe de tallar un pequeno nicho neste templo -panteón romano e bitácora- para a voz poética de David Souto. O verso pulido, poderoso, perigosamente intelixente deste rapaz non necesita pais que buscarlle, anque as nosas manías xenealóxicas poderían apuntar algunhas das voces coas que dialoga a súa riquísima polifonía: o mellor Ferrín, Ramiro Fonte, Aquilino Iglesia Alvariño, Cunqueiro, Pound, Sibari, Valente, Bonnefoy, Vladimir Holan... E un longo etcétera. Só unha figura máis (non se pretende tampouco abrumar, xa que como dicía Marx, o peso dos mortos abafa aos vivos): Pere Gimferrer (o seu celebérrimo poema 'Oda a Venecia ante el mar de los teatros' fora a súa escolla particular como pórtico e homenaxe no recital que tivemos con el en Noia).
Sen máis preámbulos, xa vos deixo co poeta, que é o principal. Agardo que o disfrutedes.

LEMBRANZAS DE CALPURNIO

neve: ombros; unha cidade pasou sen se deter
A illa das mulleres loucas


Sobre a praia atoparon unha máscara.
¿Como baixar agora do castelo,
mortos pola dor? Inverno na aldea.
O camión impactou contra o cruceiro.
¡Unha confluencia de xeracións!
Viño nas estradas, bocois de leite
remontan o río cara á metrópole.
A estación do outono tenta embarcar.
Libera a natureza ás súas trabes.

A bacaloura pousouse no armario,
deixou ovos no peto do teu traxe.
Os salgueiros impóñense na fraga.
Puxeron escaleiras sobre as noites.
¡Curuxas! Escoita con atención,
no vento descodifícanse os astros.

No crematorio reúnense os meses.
Reinventar a estética do terrible,
velaquí a túa obsesión, afastarte
da brancura eterna dos calendarios.
¡¿Épica para a incerteza?!

Dafnis e Cloe son tan só un actante,
apodrecen coma unha flor. É tarde,
nas dornas non admiten máis viaxeiros,
cómpre disolverse no aire, transitar.
Sobre as cúpulas cae un mar de prata,
os tellados convértense en lugares
adecuados para a evasión. A gárgola
de cemento queixase polo seu ser.
O groso das mulleres axeónllanse;
un espello que representa o pasado.
Avergóñaste de ti mesmo. Home,
lixo, humidade, residuo, luz;
os vencedores destrozan a historia.

Nos cavorcos da alma canta un lagarto.
O xofre esténdese coas súas raíces,
chega ó mar para transformarse en alga,
transtorna o ritmo das respiracións.
¡A Emilia Pardo Bazán conxélaselle
o periodo nunha praza de Viena!
As formigas baixan moi lentamente
polos pasamáns do rústico pazo.
Os cans ladran coma se algo atacara
ás legumes que se cultivan na horta.
Nas rochas, o esqueleto da serea
é contemplado polos mariñeiros.
¡Que ledicia amarnos en inverno!
Non bebas o viño,

xa abonda por hoxe.

Naceron moitos nenos estes meses.
O millo antepúxose ós semáforos;
sobre os cemiterios viviu o ruido.
Destrúense as máquinas do peirao.

¿Atoparás os meus vellos pulmóns
entre estas latitudes?

quinta-feira, julho 07, 2005

Don Quixote Liberado

Eis o título dunha peziña teatral de Anatoly Lunatcharsky, Comisario do Pobo para a Instrucción Pública, 'bolchevique entre os intelectuais, intelectual entre os bolcheviques'. Seguindo os modelos do teatro simbolista, o personaxe cervantino resucita, e continúa a percorrer as terras manchegas, sendo desta volta un testigo idealista de revolta e revolución.
A imaxe liberada penso que me acae ben a min mesmo, agora que estou 'liberado' de exames (que non dalgúns traballiños que farei este fín de semana; do que saque nun virá outra entrada neste blog). Estando xa en vacacións, xa podo dar comezo (ou máis ben, continuación) ás lecturas que tiña atascadas ou en punto morto.
Terei que retomar, xa que logo, o Tristram Shandy, a excelente e subversiva novela de Sterne. Ía polo sexto libro cando tivera que deixalo aparcado. Igualmente, o 'Libro dos Mortos' exipcios leva semanas botando pó. Xa mo han de reclamar na biblioteca da Serra...
E os libros de entretemento: nas horas mortas nas que quería pasar o tempo pero non comezar unha lectura seria ou densa, adicábame a dous textos de distinto signo: Heródoto (os 9 libros de Historia; tamén vou polo 6º) e Terry Pratchett (autor das hilarantes novelas sobre o MundoDisco). Ámbolos dous lense con tremendo gusto. O tipo de libros que che enganchan pola lapela da chaqueta e non che soltan ata que os tes rematados, exaustos, enriba do sofá ou da cama. Sacas un cigarro e comentas as melloras xogadas.
Non deixa de ter un efecto desacougante, de todas maneiras, o feito de que ningún dos dous produce unha maior impresión de realidade que o outro. Quizaves porque o xeito de facer Historia do cidadán de Halicarnaso xa nos quedou moi atrás, sendo empregando na actualidade só nas pezas literarias. As cidades, os coregos, estrategas, e ministros persas e tiranos revoltados de Xonia parecen tan reais ao lector contemporáneo como as pestilentes calexas de Ankh-Morpork, os silencios inquedantes do Patricio ou as cómicas patochadas de Rincewind, aprendiz de Mago.
Lembro que fai moitos anos fora a victoria ateniense de Salamina contra o invasor (lida nos 'Persas' de Esquilo e non na voluminosa obra herodotea) a que me inspirara un artigo chispeante nos días do 'Glorioso Movimento Asambleario' da L.O.U. (xa me sae a vena rancia...). O Artigo perdeuse, e quizais para mellor (alomenos no que a calidade literaria se refire). Comparaba nel aos estudantes cos atenienses sitiados por Darío -víl sátrapa- e auguraba una Salamina que se esborranchou e esluiu totalmente...

Eala þeodnes þrym! Hu seo þrag gewat, genap under nihthelm, swa heo no wære
'...¡Como pasou aquel tempo baixo o xelmo negro da noite, como se nunca fose!'

domingo, julho 03, 2005

Hildegarda e o Carro de Tespis

Fatue, fatue, quid prodest tibi laborare?
Respice mundum, et amplectetur te magno honore*
Ei-lo Demo na súa primeira intervención. Estamos na peza chamada 'Ordo Virtutum' de Hildegarda de Bingen, unha obra de curiosa filigrana escrita para festexar a fundación do convento de Rupertsberg, do que a escritora era a abadesa. A obra foi probablemente representada na estrea por dezaséis das cincuenta monxas do claustro, e o papel do Demo recitado polo único home presente na comunidade, o monxe Volmar, administrador dos sacramentos e secretario de Hildegarda.

Que est hec Potestas, quod nullus sit preter deum? Ego autem dico, qui voluerit me et voluntatem meam sequi, dabo illi omnia. Tu vero, tuis sequacibus nichil habes quod dare possis, quia etiam vos omnes nescitis quid sitis**
É esta amais unha obra marabillosa que vos recomendo; conxuga tres das miñas aficións: o teatro, a música e a Idade Media. Porque o texto vai acompañado dunha música altamente orixinal e seductora.
O caso é que o Demo sempre dou moito xogo como personaxe literario. Na Biblia fai aparicións breves de 'artista convidado' (presentador no libro de Xob; serpe sibilina na Xénese), reservando as mellores esceas para o final, co lago de Xofre, as bestas e todo o atrezzo da imaxinería apocalíptica. Dante dalle un papel algo titánico, ríxido (capital románico) e engolado no seu Inferno, chantado no medio do Cocito mentras chucha os ósos de Bruto e de Xudas. O Mefistófeles do Fausto parece un tipo simpático co que pasar a noite de Walpurgis tomando cervexas e acariñando as coxas de rollizas mulleres tedescas. Pero o mellor, para o meu gusto, é o Satán de Milton: heroico, fermoso e contradictorio. Un pensa que, inconscientemente, o puritano Milton fai del a personaxe máis interesante da súa obra, e quizais ao seu pesar; o hálito de Cromwell, os levellers e a Revolución Inglesa que decapitou ao Rei cheirase na pólvora que levan os anxos rebeldes ao reino dos ceos.
(asaltar os ceos: cousa da que saben os bolcheviques)
O último Risco, meapilas e nacional-catolicista, tamén tentou sorte cun tema que o fascinaba. A súa 'Satanás. Historia del Diablo' é entretida, malia os lastres que arrastra a beatería de baratillo do seu autor.
Voltando ao tema do teatro: éste é un medio que sempre me interesou, anque probablemente (cousas dun lector impenitente) sempre o enfoquei dende a perspectiva do texto, e non tanto da representación (tampouco teño ido a tantas). Fai un tempo estaba nun grupo de teatro aficionado (agora pechado por derribo), e a verdade é que se pasa ben sobre as taboas, dándolle vida a personaxes aos que aprendes a amar.
E dentro do teatro, os textos estranos, lonxanos da nosa mentalidade e do mundo. Non se trata de facer arqueoloxía, senón de levar a cabo o tour de force que lle devolva a vida a textos que morreron para nós (ou que nunca viviron): as pezas litúrxicas medievais, o teatro noh, as sombras balinesas, commedia dell arte, os xoglares, a traxedia clásica (sobretodo Esquilo)...
Nun pasado xa relativamente remoto, adicábame a chatear (tiña moito tempo libre) baixo o mote de "Tespis", o afamado inventor do teatro grego. No seu percorrido polos templos arrastraba un carro (como o que vedes no selo) no que levaba os enseres do seu oficio e profesión.





Igual que o fundador, os membros de "éteatro" temos un fértil anecdotario de viaxes e postas en escea, de viaxes en 'carro' dignos dun camarote dos irmáns Marx. Mais por hoxe xa falamos dabondo. O anecdotario quede para outro día.

*Parvo, Parvo, ¿de qué che serve o traballar? Volta ao Mundo, que él che abrazará con grandes honores.
**¿Qué é este poder, como se non houbese ningún máis que Deus? Eu digo que a calquera que queira seguirme e facer a miña vontade, dareillo todo. Canto a tí, Humildade, non tes nada para darlle aos teus seguidores: ¡ninguén de vós sabe tan sequera qué sodes!

sexta-feira, julho 01, 2005

Poema de Xavier Patiño Loira

Saúdote, besta irmá, dende esta noite infernal
de lúa tépeda
e amo o teu odio ao que eu teño odio
e non creo que doce estracto de herbas de namorar, (...)
X.L. Méndez Ferrín, "Tito Lucrecio Caro"


Uns versos de Ferrín e unhas rosas equilibristas veñen ben como antepórtico da poesía de Xavier Patiño Loira, mozo tamén vigués, do que hoxe colamos un poema eiquí. E uns versos de Ferrín presidindo o banquete non só pola (mini)patria común dos implicados: paréceme sentir un bafo do mellor Ferrín (deste Ferrín do Tito Lucrecio Caro, ao meu entender un dos seus mellores poemas) apousentado nos poemas de Xavier. Vós diredes...
Aínda que coñecendo as reaccións pasionais que suscitou o poema de Noel, teño máis razón para sospeitar que este poema (máis cristalinamente culturalista e provocador) dará comezo ao periodo de caza, e a que nesta pequena barraca de feira cada quén colla a escopeta de balíns e se poña a disparar, na espera de conseguir o premio gordo. Mais sospeito que a nosa Lebre de Marzo ou Renard de Fox poderá esquivar as balas con gracilidade e moito humor.
De antemán pídolle desculpas ao autor por non poder respetar as tabulacións, pero este aparato de Satanás (ata onde eu sei) non as dá incluído na versión publicada. Paciencia...


...de reuolutione scientium;

Nalgures namorei de Nosferatu.

Invádeme o desexo alienador
de ser un libro póstumo.
Qué ocorre...
O axóuxere aforroulle algúns problemas ó Estado,
di Aristóteles (Πολιτικων βιβλία, VIII, 1340c).

A barca, nun océano de cinza,
naufraga como a morte nun perfume,
afirma a súa arte
destruíndome.

(De súpeto percibo noutro ritmo
a afín monstruosidade do bucólico.)

Pousou a tartaruga sobre a neve
a súa vocación de antiga ciencia
-e foi asi o meu guía mantuano
no lento decorrer
das arduas tempestades.

Escollo o vestuario para as nais
que xogan cos seus nenos asasinos
e soño que morreu en Waterloo
a derradeira e triste prostituta
que levou
un paraugas na mirada.

O tempo transformouse noutra cousa:
o cesto baixo a luz
non é xa un signo.

quarta-feira, junho 29, 2005

Os estertores da Besta... e os seus Lacaios

Pareime sobre as areas do mar e vín rubir del unha besta que tiña sete cabezas e dez cornos; e nos seus cornos, dez diademas; e sobre as súas cabezas, un nome blasfemo. E a besta que vin era semellante a un leopardo, os seus pés como de oso, e a súa boca como boca de león. E o Dragón deulle o seu poder e o seu trono, e grande autoridade.
Vin unha das súas cabezas como ferida de de morte, pero a súa ferida mortal foi sandada.
¿Sandada? Pois vai ser que non...

Boas, parroquia. Non pretendía mandar unha nova entrada tan cedo (xa vedes que teño a manía de escribir moitas, e aínda non me comentaron case as primeiras), pero lendo as páxinas do Galicia Hoxe de hoxe (vala a redundancia) atópome coas seguintes declaracións de Fraga na súa derradeira entrega das 'Medallas Castelao' aos intelectuais orgánicos/estómagos agradecidos:
"Fraga, que se emocionou durante o acto, comparou os versos 'pesimistas' do escritor ourensán José Luis (sic) Méndez Ferrín, dirixente do grupo independentista Fronte Popular Galega (FPG), cos optimistas de Luis González Tosar, 'un de tantos galegos nados en Bos Aires', no relativo á visión que ambos os dous teñen desta terra (...). 'De lirismo, si, tamén de lirismo; pero non de calquera lirismo', adrediño, para se referir á poesía de Méndez Ferrín, que cualificou de 'triste, negra, que enerva e acovarda, que nos devolve ao século XIX, responsable de que se perdese a riqueza e o impulso alcanzados polos galegos no século XVIII'. En contraposición, resaltou a visión reflectida na poesía de González Tosar, un dos distinguidos, porque anuncia 'unha Galicia que se vai facer realidade co esforzo de todos os galegos e galegas ó longo do novo milenio que comeza' ".
Na última apoteose do fraguismo agónico hai algo de novela gótica, ou caída da casa Usher: os que dan e os que reciben as medalliñas parecen fantasmas, cadáveres vivientes. O seu reino 'xa non é deste mundo', senón da Oposición, onde é o pranto e o rinchar de dentes, o país dos cans raibosos que ladran o seu rencor polas esquinas. Un aire irreal -fantasmagórico- pinta as fazulas dos conselleiros, que xa se ven fóra dos sillóns da prezada Xunta. Os premiados padecen unha evidente incomidade nesta danza macabra, xa que o bafo de espectros e un peso como de bolas e cadeas de ferro (¿catalizado polas medallas que lles agasallan?) turra deles para abaixo e asóciaos co Fraga Caído. Igualiño que na Habana dos últimos días de Batista, o que se estila agora é máis ben o '¡Sálvese quen poida!', e non estas engorrosas exaltacións, tocando os instrumentos nun 'Titanic' que se afunde.
Mais o caso será quizaves que xa se consideran perdidos de antemán, e tentan arrapiñar as últimas migallas da mesa fraguista. Lembremos que estamos a falar de personajillos, carentes de catadura moral: un González Tosar (alias 'Ché') antigo escudeiro de Lister e dende fai tempo Lamecús, Bufón Oficial de Fraga e babexante reencarnación poética do don Celidonio de Risco. Da súa corda o mediocre Darío Villanueva, cuxo maior mérito é ter comezado cousas que outros sí que saben facer e (dende a perspectiva do seu Amo) o terlle ensinado aos estudantes revoltados fai catro anos de quén era a Universidade. ¡Eis os salvadores da Patria e a Revolución!
É a festa de despedida. En breves instantes, os Insignes e Ilustrísimos Intelectuais Áulicos pasarán a un estadio máis alto, lonxe das maldades do mundo e os dardos e frechas da ultraxante fortuna: "á morea de esterco da historia" (Trotsky dixit), o sitio que lles corresponde. Gañáchedelo a pulso, rapaces. Agora, a disfrutar da paga polos servizos prestados...

terça-feira, junho 28, 2005

A Estraña Victoria

¡Como caíches do ceo, Lucifer, fillo da mañá! Cortado fostes por terra, tí que debilitabas ás nacións. Tí que dicías no teu corazón: rubirei aos ceos; no alto, a carón das estrelas de Deus erguerei o meu trono, e no Monte do Testemuño sentarei, aos lados do norde; sobre as alturas das nubes subirei, e serei semellante ao Altísimo

Son ben coñecidos estes versículos do profeta Isaías. Tradicionalmente víñanse asociando ao 'Anxo Rebelde' que se erguera contra Deus. A moderna eséxese bíblica, pola contra, apunta a que se trata dun alegato contra o rei Nabucodonosor de Babilonia, o mesmo que conquistara o reino dos xudeus e destruíra o Templo, deportando despois á inteligentsia hebrea a carón dos ríos de Babilonia onde, segundo Bonnie M: "where we sat down / there we wept / as we remembered Zion".
Onte pola noite puidemos celebrar a caída de Fraga, a derrota do Señor Escuro sobre o Trono Escuro, nas terras galegas onde (dicían algúns autores clásicos) se extenden as sombras. Sombras máis lixeiras agora que o Monte Pío deixa de ser centro de aquelarres.
É curioso cómo ás veces sente un que se está a pasar da historia (vivida, con h minúscula) á Historia (conxelada, tallada en bronce ou granito e encadeada pola pata aos grosos tomos que enchen os estantes das bibliotecas). E onte foi un deses momentos en que mudou a face de Clío. O fraguismo é Historia. Nos derradeiros espasmos do cadáver, lembramos aqueles momentos en que nunca o creramos posíbel (e lembramos tamén toda unha vida, no caso das persoas novas coma min, que nunca coñeceu outro presidente da Xunta; sendo máis macabros, poderíamos ir un chisco máis para atrás, ata a dictadura da que este individuo foi ministro e co-torturador).
Mais como cantábamos onte, "¿De quén é a rúa agora"?. Varremos as telarañas do pasado. E acabamos co monstro da forma que había que facelo: vencéndoo nas urnas. O Dictador morreu tranquilo na cama. Pero a Fraga expulsámolo como un cancro do goberno no que nunca tiña que ter entrado.
Falando do vello e do empolvado, sería bo saber agora se a Pirámide/mausoleo do Porco (a mal chamada 'Cidade da Cultura), que xa queimou 300 millóns de Euros e do que se ven as faraónicas torres a medio facer no Monte Gaiás, vai a ser rematada. A miña proposta: emparedar nos seus muros a Fraga-Ramsés e ao seu Visir, Goebbels-Varela. Despois sementar os campos de sal.
Mais non sexamos rencorosos. Aos vencedores perténcelles exercer o dereito da magnanimidade. É día de festa. E onte, unha multitude bailaba, como nos tempos do glorioso movimento Asambleario da L.O.U. na Quintana, á luz das estrelas, e arredor da Árbore da Liberdade.

quinta-feira, junho 23, 2005

Poema de Noel Blanco Mourelle

Eis unha pequena mostra dos versos de Noel, poeta novo e prometedor que confío dará moito que falar nas nosas letras. Este poema é o primeiro do seu libro "Mecánicas Celestes", que agardo teñades a oportunidade de ler (ou mellor, degustar, como os bos viños ou as verdadeiras obras de arte):

O pesadelo do debuxante

¡Visións estrañas! Tanto tempo levas
nos ollos ese medo como a luz
illada no profundo do faiado.
Ás veces a nenez, baixo a apariencia
dunha cosmogonía escura, volve
a fin de mesturarse co presente:

a catedral que esmorece nos ecos
da violencia do río, da estación.
E na noite aparecen elas como
a voraz primavera da blasfemia

que invocan -belas, místicas, terribles.

De súpeto a man sobre un fondo negro;
quizais ese lento e grande animal
devore tamén a culpa do artista.

segunda-feira, junho 20, 2005

¿O Afundimento?

Tus casos fallaçes, Fortuna, cantamos,
estados de gentes que giras e trocas;
tus grandes discordias, tus firmezas pocas,
y los que en tu rueda quexosos fallamos.


Juan de Mena, 'Laberinto de Fortuna'


Fai uns meses estreábase na carteleira galega a película 'O Afundimento', de Oliver Hirschbiegel (máis coñecido nos nosos lares pola teleserie 'Rex -un policía diferente'). Nela visualizábanse (con bastante rigor histórico) os últimos días do Terceiro Reich: Berlín asediado, Hitler e os seus lacaios na surrealista atmósfera do Führerbunker, movendo divisións inexistentes e evadíndose da realidade con moitas doses de licor. O sangue e as balas correndo. E o dictador, fantoche de opereta, soñando cun Götterdämmerung wagneriano. Canto aos alemáns, as súas vidas non importaban ren; xa o dicía Goebbels: "Que non se equivoquen. Foron eles os que nos elixiron. E agora cortaranlle o pescozo a eles".
A película inspírase no libro do historiador alemán Joachim Fest "El hundimiento: Hitler y el final del Tercer Reich", libro extremadamente ameno que vos recomendo. Véxome un venres calquera (xa farán seis meses diso) camiño da facultade. De súpeto púxose a chover e, resgardado nun portal, non fun quen de resistirme á súa lectura adictiva: saqueino do peto e estiven ata que escampou percorrendo outros escenarios de chuvia: as colinas enlamadas de Seelow, as rúas destrozadas da capital do Reich por onde avanzaban os tanques e a infantería rusas, acabando coa Nova Cartago.
Todo isto ven ao caso a teor doutro afundimento que tivemos onte a oportunidade de comtemplar. Mais non foi, como desexaríamos, o do Fragasaurio e as súas hostes (aínda á espera de que o voto emigrante dictamine se conta ou non coa maioría absoluta), senón a do nacionalismo galego, cun retroceso histórico ata resultados do ano 91.
(como dicía Marx, a historia repítese primeiro como traxedia, e despois como farsa).
¿En cal das dúas estamos?
Vendo as caras impasibles (cemento armado) dos bloqueiros que se situaban onte detrás de Quintana, un imaxina as máscaras da Traxedia Grega. O sorriso sardónico do alaricano, en cambio, tira cara o music-hall, vodevil, opereta e teatro de variedades. O seu discurso tamén era cómico (e repetía a mesma frase catro ou cinco veces. Debía ter outro discurso preparado nos puños da camisa, mais como o Charlot de 'Tempos Modernos', saiulle escopetado na danza triunfal -ou macabra-).
Unha comparanza con Hitler é odiosa, mais resulta traxicómica a imaxe de Quin contemplando un panorama desolado e refuxiándose no Führerbunker de Allariz. Igual que os xerarcas nazis, dubido que os bloqueiros saiban facer autocrítica e analizar (e reformar) os problemas da realidade que se levan lastrando dende fai uns anos, e que marcan unha deriva descendente para o nacionalismo.
Doutra banda, e xa acostumados como estamos ás derrotas, botase en falta a presencia dun Beiras caro á inteligentsia soltándonos un discurso trufado de citas de Sartre. Alomenos facía que non sentísemos mellor (os bos e xenerosos, xa se sabe).
Veremos o que se fai dende a Xunta...