segunda-feira, março 12, 2007

Žižek en Compostela

Sochantre, gosto máis de ouvirche ca de fornicar
Álvaro Cunqueiro



O venres pasado, o furacán Žižek boureaba por Compostela. Podedes topar crónicas do suceso na edición dixital do País e na páxina do Consello da Cultura Galega. Eiquí, pola contra, imos tan só a darlle unha lixeira volta ás ideas, pensamentos, sensacións que o Filósofo-Espectáculo xerou en FraVernero, un dos moitos asistentes ao acto.
O primeiro, confirmar que o esloveno é todo un showman de pes a cabeza, como predicían os videos en rede das súas conferencias. Hiperactivo, suoroso, parecía que acababa de chantarse doce doses de adrenalina nas veas; as ideas escapaban como balas de metralleta ou chispas de cortocircuito, encendendo ao público cunha habilidosa mestura de cultura pop, psicoanálise lacaniá e marxismo vulgaris. Alomenos comigo a súa estratexia de seducción funciona (non será alleo a isto, nembargantes, que a malia os meus denodados esforzos por converterme nunha persoa normal, a mostra de intelixencia estrema excítame do mesmo xeito que a proximidade dunha muller de beleza evidente).
Parte dese carácter espectacular é a que lle leva, supoño, a buscar escaparse continuamente do guión: o texto proposto como tal, que nos colgaran días antes na páxina do Consello foi, por suposto, obviado na súa case totalidade. Unha danza frenética levounos por moitos dos exempla que ilustran sobretodo o seu 'Repetir Lenin', cousa que podía comprobar doadamente calquera que tivese a súa lectura fresca (ou a falla diso, que tivese o libro a mán).
Chamaba tamén a atención o seu forte carácter agonal: boa parte da charla (e do coloquio) incluía unha intensa loita cara a cara coa maior parte dos intelectuais (pos)modernos, incluídos amigos seus. O exemplo emblemático incluiu unha crítica feminista á que ao aparecer puxera a caer dun burro nos seus primeiros traballos e coa que pasou pola situación embarazosa de pedirlle desculpas. Os ataques variaban da benevolente discrepancia (cun Badiou, por exemplo) a unha maior dureza (Hardt e Negri, aos que veu a definir indirectamente coma 'atrapados no pozo cenagoso do pensamento feble e do mesianismo infantil 'a revolución ás portas') ata a descalificación máxima, que se reservou para Emmanuel Lévinas, cuxa ética era equiparada ao 'mal absoluto', ou alomenos, a un proxecto contra o que Slavoj se posicionaba á contra con unllas e dentes.
Un detalle menor que pasou desapercibido, mais que escureceu en boa parte unha das imaxes coas que fedellou o señor Žižek é, ao meu ver, as súas verbas arredor do 'veciño' a coñecer, legado da tradición Xudeo-Cristiá e nó fulcral en debates do Outro. O chiste que se perdía é que a palabra sae dunha expresión feita na Biblia inglesa, que traduce o que nos pasamos por 'Ama ao teu irmán' por 'Love thy neighbour'. Non foi o único problema de traducción, sendo o outro a chapuceira cabina que montaron para a ídem espontánea, coa voz do esforzado homiño escoitándose en toda a sala, sen cascos, case ao mesmo nivel que a do Filósofo. Un eco molesto (e non falamos de Umberto...), o cal sería tamén un xeito breve, en 3 palabras, de definir toda a conferencia do esloveno. Un eco molesto para os defensores da Democracia Liberal, e do pensamento Feble.
Pra rematar, fica aledarse por conseguir levar a Žižek a unha posición algo máis clara e menos contradictoria no que ás súas ideas (e ideais) políticos se refire, xa que tende a ser esquivo como unha anguía ao respeito: provocadores títulos retromarxistas dos seus libros, e coqueteos con imaxes do Stalinismo e cos conceptos do Hismat-Diamat que non esconden unha posición tremendamente crítica co Socialismo Real e coa imposibilidade de repetir algunhas das prácticas do seu legado (algo que tamén se podía sacar da explicación final do título 'Repetir Lenin' no libro homónimo). En definitiva: “Pode que sexa mago”, ironizou o pensador, “pero non teño sombreiro nin coello que sacar del. Fico sendo un marxista no sentido de que o capitalismo global, hoxe por hoxe, aínda ten unhas tensións antagónicas no seu interior e a día de hoxe non foi capaz de resolvelas”.
Mentres seguimos agardando polo Mesías (Benjaminián) e confiamos na estratexia das favelas e do comandante Chávez, déixovos coa imaxe do documental-película que fixo e que me tarda ver.

9 comentários:

Arale Norimaki disse...

Hai dúas pelis: O divertido documental "Zizek!" que segue o modelo de "talking-head" onde o sr.Zz expón de xeito tan entretido como é costume as diferenzas entre real, simbólico e imaxinario e The Pervert's Guide to Cinema que fixo baixo a dirección de Sophie Fiennes, certamente entretida e que pode descarregar eiquí . Que lle aproveite!

Anónimo disse...

Comentarei aquí algunhas cousas sobre un acto ó que eu tamén asistín, se ben non puiden quedar ata a fin.

Pero iso será nos días vindeiros, por agora direi o que digo sempre sobre o de sempre: os bos son bos aínda que non sexa bos, ergo, Polanco bien vale una misa e a xeración dos herdeiros campa polos seus respectos.

Cfr. "As you like it" (II/7)

cambote disse...

para min foi unha mágoa non poder acodir a escoitar ó señor pope-zizek, o malabarista das palabras-imaxe.
Na crónica describes o ambiente e algunha das circunstancias, dis que se afastou bastante do guión establecido -que eu quería comezar a ler en breve-. Pero a ver, móllese de verdade sñor fravernero, e diga, a ver: incidentes, preguntas capciosas, escaqueos, truculencias... non houbo máis chicha da que conta?????

FraVernero disse...

Ben, agradecido á nosa androide favorita pola información -no finde semana conto con ver a guía de pervertidos-, e ao Chevalier (non Maurice) pola promesa in nuce de comentarios, seguramente cáusticos co filósofo esloveno...

Unha magoa de certo, cambote, que non puideras acudir ao Circo Slavoj. Eu móllome o que faga falla, máis tampouco creas que houbo máis truculencias das narradas. Outros, alén de mín mesmo, practican o culto á personalidade. Se alguén defendía cousas diversas ás do esloveno, non se lle pasou pola cabeza dicir 'esta boca es mía'. Iso sí, Villares poñía unhas tremendas caras de aburrimento (inglés algo atravesado de Zizek?), e cónstame que no público había xentes que non deberon tomarse a ben a burla impenitente e desprezativa cara o dueto Hardt-Negri. A pregunta política (que lle fixen eu) podíase entender como lixeiramente capciosa: o seu subtexto incluía a idea de que, malia as súas provocadoras formas marxistas, a súa obra e práctica tampouco resulta moi desemellante en moitos aspectos da doutros 'académicos da esquerda' aos que en cambio fustiga inmisericorde e mete no mesmo saco que os liberais, como Rorty ('todos son tépedamente social-demócratas'). Moitos teléfonos caían repetidas veces, e as persoas que resultaba evidente que sabían inglés (minoría, anque a maioría negábase a empregá-los cascos) baixaban as cabezas afirmativamente e rían cada mal chiste, nunha demostración constante de 'me estoy enterando de todo'.
Canto a escaqueos, supoño que sen mala fé, e dada a amplitude de case tódalas preguntas, pódese dicir que o Zizek foise polas nubes (anque á política contestou de xeito claro e directo). Polo resto, o dito (que eu lembre): ni chicha ni limoná, só culto á persoalidá.

Anónimo disse...

Eu sopesei o esforzo de ir a renderlle pleitesí­a a unha figura pública (algo que só farí­a con eses seres máxicos que son os escritores, polo menos cos que non me perderon a maxia) ou quedar na casa e ler o discurso esta semana. Gañou a segunda, e non me arrepinto. Da crónica rosa xa me puxeron ao tanto (por certo a crí­tica feminista é a mí­tica Judith Butler), pero prefiro ficar co texto espido que é máis interesante que o personaxe.

Anónimo disse...

Eu non puiden ir, lin o guión da conferencia, o que polo visto non tivo moito que ver coa conferencia en sí­, así­ que me quedo coa lectura dun bo artigo. Pero chegou ás miñas longas orellas que o Mestre se marcara algún que outro comentario homófobo. Provocación? Móllese mais, Señor de Trasalba. As masas queren morbo;)

Anónimo disse...

Querida xeración desherdada:

Acabo de chegar e ver o saboroso post que nos preparou o frater, mais xa con tanto sono que non me lambo.
Mañá é outro dí­a, que dicí­a o outro.

Gawain espero que destiles toda a túa maldade no comentario que prometes.

FraVernero disse...

Non lembro en qué consistían, exactamente, as verbas provocadoras de Zizek arredor da Butler. Podían ser algo duras (alguén quizaves nos poida refrescar a memoria), anque non moito máis das que emprega cos críticos posmodernos e poscoloniais...

Anónimo disse...

Seica Zizek chamou "disgusting lesbian" e outras cousas peores á pobre Judith Butler nunha mesa redonda, máis tarde desculpouse persoalmente...

no fondo Zizek demostrou cal é a antinomia principal do seu pensamento, a saber, querería ser dos bos e xenerosos pero no fondo son un neoadorniano...

hai verdade e ilustración e revolución pero eu non constrúo obxectivación nin supero o marco metodolóxico do posestruturalismo (máis ben tendo a saquealo cinicamente cando me convén) nin produzo teoría política sólida que se poida soster alén dos chascarrillos comentados polo mantenedor...

polo demais foi divertido e un tanto frívolo...

Bicos para o tío Pepín (expulsado do hortus deliciarum?)