En vista de que Tío Pepín me recrimina a miña preguiza á hora de actualizá-la bitácora (eu tamén teño exames, señores!) e xa que nos puxemos a falar de capitais, resulta inexcusábel que non mencione brevemente algunhas experiencias e vistas de Roma, cidade que tiven oportunidade de visitar por uns cinco días alá polo anos 2001 ou 2002.
Era unha visita, por suposto, moi planificada: a excursión anual dos alumnos de Arqueoloxía Xeral. Nun primeiro momento ancoramos na pequena vila napolitana de Bacoli, onde FraVernero e os seus compañeiros de habitación tiveron a oportunidade de botar unhas boas risas coas condicións verdadeiramente prehistóricas do aloxamento. Dende ese centro puidemos visitar (cos nosos mestres facendo de guías) as fabulosas ruinas de Paestum, as cidades soterradas, sumerxidas na pedra dura, de Pompeia e Herculano (non sei se sabedes que o que iniciou as excavacións alí foi un antepasado do Borbón, o que daquela era Rei de Nápoles e despois sería Carlos III de España), e o Museo Arqueolóxico Nacional de Nápoles, que incluía case tódolos mosaicos chulos arrincados das mencionadas vilas (como ese tan famoso no que saen Alexandre Magno e el-rei Darío), momias e mármores varios (a Venus Kallipygos, o Hercules Farnese) ou o bronce do pseudo-Séneca. Para a nosa mala sorte, tamén había unha exposición temporal sobre obxetos sexuais e o erotismo na época romana á que non puidemos acceder...
[por suposto, son consciente de que cada espazo, e tamén os que seguen, merecería unha entrada de por sí, mais polo de agora imos mapeando unha panorámica, e xa veremos se entramos nun futuro nos detalles, os preciosos detalles...]
Roma eran tan só dúas liñas de metro, laranxa e azul (ou Battistini-Anagnina chocando en Termini coa Rebibbia-Laurentina), o que tamén se agradecía, ao ser a primeira vez que o Mantedor viaxaba neses espazos subterráneos que tanto o fascinan agora. Tamén era unha calor e sede interminábel, os pés destrozados polas camiñatas e os brincos de entusiasmo ao ver calquera das marabillas da Cidade Eterna e uns macarróns malísimos que tomamos unha noite de cea nun chilote de mala morte. A pirámide de Cestio e o Coliseo xusto á vista despois de saír das estacións de metro correspondentes. O xigantesco tamaño das termas (de Diocleciano, de Caracalla). Pasear dun estremo a outro dos Foros Romanos, e visualizando a cada paso nas ruinas os feitos da historia. Na Rostra, un Marco Aurelio/Marlon Brando de Mankiewicz solta o seu famoso discurso (outros pensan máis ben en Mario e Sila nas novelas de Colleen McCullough). O Arco de Tito e os xudeus escravos (Iudea Capta) carrexando a Menorah para regocixo do proletariado romano, esixente amante de espectáculos públicos. No pazo de Augusto, no Palatino, o discreto encanto do Ninfeo ovalado. Santa Maria Maggiore, o antigo templo de Cybeles e agora seductor despropósito do luxo interior dunha igrexa que deixa pampos aos que xa estaban acostumados ao esplendor local do Apóstolo-Drag Queen e de volta de todo. O Panteón, mistura de imposíbel fachada clásica con interiores de mezquita, nunha pequena praza acolledora e de fonte ridente, moi perto da Piazza Navona (onde estaba aquela xeladería que adorábamos, e as fontes e fachadas de Bernini e Borromini que fan o orgullo da Roma Barroca). Logo a Fontana di Trevi coas monedas acostumadas que hai que guindar e o espectro de Fellini no inconsciente, a pescuda fructuosa daquela igrexa agochada onde fita con orgullo o Moisés de Miguel Anxo. A espera impaciente para entrar nos restos da Domus Aurea. As carreiras na pescuda da Rocha Tarpeia, de onde os Romanos guindaban aos traidores. Podería adicar un libro enteiro só a describir as cousas que vimos de pasada na Capela Sixtina, nos interminábeis Museos Vaticanos ou en San Pedro, mais tampouco me collerían as imaxes, e só anoto a tremenda frustración de non ter un mes ou unha vida enteira para fitar tanto arte...
A ollada inquisidora e arqueolóxica refugaba da Roma Moderna coma un cancro extendido sobre a cidade soñada de Cónsules, Emperadores e Tribunos, Cola di Rienzo e Alarico, e unha longa procesión de Papas, todos montados en sedia gestatoria. Con ansia imaxinábamos o derrube de tódolos edificios que non tiveran máis de trescentos anos de Antigüidade...
Mais non todo ía ser arte. Remato por hoxe con dúas estampas, ámbalas dúas fillas da embriaguez nocturna das demasiadas botellas de birra e de limoncello: a discusión entre os amigos arredor do mellor Emperador Romano (os fanáticos do filósofo rei, Marco Aurelio, a quen víramos ese día acabalo, conseguimos silenciar aos discrepantes, seguidores de Augusto ou de Hadriano) ao tempo que mirábamos, con asombro e grima, a horterísima fealdade do Monumento a Vittorio Emanuele II, o cal deixa a nota agre que sempre se cola incluso na maior das felicidades terreais.
15 comentários:
Buff!!que derroche de cultura!! es un viaxeiro ao estilo daqueles lores ingleses. De veradde, así non me estranha que as churris-visitantes do teu blog queiran viaxar contigo á capital do amor, oh la lá...
Debera respostar 'a besta', mais nese caso sumaríame á anonimia...
A cultura nunca se derrocha, xa que unha das súas virtudes é que canto máis se reparte, máis rico fai ao doador...
Cal sería, en todo caso, a capital do amor, bela?
Roma es una auténtica maravilla. Jamás olvidaré la primera vez que la pisé, fue después de una noche entera en tren. Estaba cansada y necesitaba ducharme, pero, cuando vi toda aquella gradiosidad, sentí que todo daba igual, lo único que me importaba era Roma.
Los colores de las casas,
las plantas en los balcones,
el bullicio de las calles,
la mímesis entre lo antiguo y lo moderno ... Roma Roma Roma ... qué ganas de volver ...
Fra, eu agardo por urbes máis exóticas, estáseme quedando no standard, vostede, un namorado dos sicomoros. A ver cando unha viaxe iniciática fóra do embigo, aínda que sexa virtual, algo así tipo Ulam Bator ou Ouagodougou, que lle parece? Eso si que debe ser alteridade!
Xa ve, eu estou en plan cizañento (sen 'acritude', créame).
p.s.: a Gawain, lembrarlle que, como ben sabe, Juliétte Greco c'est moi (ou non?).
Aaa, uncle Joe... tentarei compracelo, mais as capitais máis lonxanas e exóticas nas que teño estado até o de agora só son a Habana e Xerusalén (xa se gañaran entradas elas tamén, sí). A alteridade do estremo Sul ou Oriente estaría ben, mais a miña carteira é pequena...
Se Tallin lle resulta suxerente (Riga tamén), quizais as visite este verán.
Mar(a)gotiña, alédame ver que tu tamén visitache (e amache) a cidade dos Césares. De seguro estaría ben ler as túas impresións na túa Casa Virtual...
Si, si, eu estou con Tío Pepín (evidentemente, Juliette Greco, c'est toi)... para cando viaxes nas que o viaxeiro se expoña a certas incomodidades, aínda que sexa pasando costo pola frontera ou visitando ás tribus nativas na illa de Reunion (que segundo Patiño beben cos mortos)...
E o de Wallerstein era irónico unicamente en certo senso. Eu creo que é máis serio que ese simpático lingüista ó que tanto admiras e que os modelos de análise que propón son máis sólidos dado que se trata dun profesional nese campo. Eu creo que o mellor que nos pode dar a teoría nese ámbito son esas pequenas revelacións redactadas a nivel de informe apocalíptico...
Roma é unha cidade incrible da que podería estar falando moito. Pero non...
Ben, terá que valer, anque segues sen convencerme moito... Chomsky tamén é un 'experto', sólido e serio no seu (ou sexa, a lingüística xenerativa transformacional) e un sólido aplicador dos principios da Ilustración a outros eidos. Non creo que o politólogo medio poida presumir de máis rigor do ca el na análise da política exterior norteamericana...
Canto a Wallerstein, é unha imaxe moi parcial e pouco representativa a de collelo como 'autor de pequenas revelacións apocalípticas' (iso cáelle mellor a Derrida), sendo un sistematizador notorio (véxanse os tes grosos volumes sobre 'The Modern World-System') que faría torcer a napia aos fustigadores tradicionais de macrorelatos...
Canto a Roma, fala, fala dela! Estaremos encantados de escoitarche.
Como dicía un deses cantantes relacionados coa mafia que tanto che gustan (non sei se Dean Martin ou Frank Sinatra): "Arrivederci Roma". O que non entendo é, falando de cantantes, como non te apresuraches a escribir sobre a morte do teu ídolo EL FARY, o Bob Dylan castizo, e sobre o apenado que estás pola súa perda. Armando Blanco, ese grande da política co que compartes afinidade ideolóxica e algunhas bandeiras franquistas, xa se apresurou a escribir un artigo sobre a morte do seu amigo nun exercicio periodístico sen precedentes nese fabuloso xornal que é "Luns A Venres".
P.D.: ¡Ah, malvado Manolo... ser dunha iniquidade tal que non se pode describir!
Ao fio de Roma e do comentario de Varela vou contar unha anécdota. O pequeno enclave rural onde vivo, coma todos, compártoo cunha serie de personaxes curiosos de pura cepa autóctona, que a min xa non me chaman a atención pero que a ollos dun forasteiro deben ser "rara avis". O caso é que teño unha veciña italiana que foi festivamente saudada cando se asomou á ventá por un home da miña tribu que fixo parar ao cabalo que tiraba dun carro de herba para cantarlle de pé sobre o carro e abrindo os brazos expresivamente para cantarlle, precisamente, Arrivederci Roma.
A tua viaxe levoume á miña, alguns anos antes e con moito menos coñecemento dende logo. Graciñas polo paseo!
Entrando desde a via Ripetta, a máis occidental do trivium que ordeara o papa Chigi (raíñas chegaban do norde lonxano), xorde a piazza del Popolo e o espazo devora calqueira consideración, coma o útero dunha gorda inmensa da facultade.
É ese baixar inmenso cara a praza, que se repite, un tras doutro, todos os días da miña vida desde hai un ano; como dis, a maior das felicidades terreais.
E unha praza que de súpeto se abre no Trastevere, fontes brancas de fráxil travertino, que parece que a auga vai quebrar.
É como ese surtidor caranguexoidal de cor rosada que aparece no paraíso do Bosco. Non bota auga, pero así basta.
"Cal sería, en todo caso, a capital do amor, bela?", preguntas, cravando nos meus ollos a túa pupila... Todo o mundo sabe que a capital do amor é Genua ou, en todo caso, Lancre, querido Fra. Mentira parece...
É unha desas viaxes que teño pendente e pola que agardo con especial ilusión. Todo ten que ser distinto despois de poñerlle aos templos e a cada obra de arte ou ruína que soñamos na distancia unha paisaxe que as rodee, un tacto...
E o dos macarróns non me estraña nada, eu aínda dubido de que goste máis da pasta dos italianos que da que fago eu (e falo coa experiencia de convivir cunha romana) :)
Da miña viaxe a Roma, lembro especialmente un café frappé preto do Panteón, e que tódolos camiños levaban, xa non a Roma, senón concretamente ao monumento a Victor Manuel II. A de voltas que demos buscando San Pietro in Vincoli!!
Canto comentario! :-)
Varela, Tu sei un pazzo! Como que homenaxe ao Fary? Ben, en todo caso, que descanse tranquilo. Lembro cando viñera a Noia, e foramos a velo. O espectáculo tiña un aquel de divertido, sobretodo cando o público o increpaba ('Feo! Feeeo!')e el respostaba, sorridente; 'Gracias, amigos, gracias'.
Sul: sabes que desexamos que debulles ese anecdotario de tipos dignos dos Outros Feirantes nesa casa túa na que tanto tempo pasamos...
Torre: tamén estiveche por Roma? Ao final, resulta que todos imos ter pasado pola cidade. Alédome de lembrarche cousas. Seguro que tu poderías evocarme moito mellor a metrópole porteña na que vives.
Señor do Loira: non agardaba menos de vostede, que co seu peculiar estilo derrota e supera os meus esforzos en breves liñas de texto. Seguramente ten presadas de versos que lle tarda en amosarme con esmaltadas imaxes trastiberinas...
Pris: Chámaslle a Lancre cidade? Logo a Serra tamén o debe ser... hehehehe.
Arqueira: déixasnos coas gañas de probar eses espaguetes ou macarróns que tan ben preparas. De certo, as cousas nunca son como cando as imaxinas, pero non por iso teñen porqué decepcionar (a pasta esa decepcionoume, mais a cidade, non).
Ah, Raíña... nos topamos San Pietro en obras e cheo de andamios (anque non tapaban o esencial) e tomamos auga, non café, nunha calurosa tarde fronte ao Panteón...
Enviar um comentário