Antigamente, os periodos vacacionais eran aqueles onde máis tempo tiña para ler; agora, cun pequeno de 3 anos, é o mundo ao revés, e chegamos á situación de que neste decembro declinante dun ano malemparellado coa fortuna, non dín rematado volume ningún nos pasados 30 días. Certo é tamén que na primeira quincena andiven moi agobiado con cursos de formación, o traballo de aula e a única (e densa) materia do grado co que pelexo, xunto coas súas numerosas probas titoriais. De todos xeitos, agardemos que o ano que ven produza colleita máis xenerosa de lecturas consumadas...
quarta-feira, dezembro 30, 2020
Libros do Mes
segunda-feira, dezembro 21, 2020
Loyalty versus Truth
No Exemplo XXVII do Conde Lucanor, Don Juan Manuel vennos a dicir que a muller ideal é aquela disposta a concordar co seu home en todo e a ver o mundo a través dos seus ollos, e exemplifícao coa historia de Alvar Háñez 'Minaya' e dona Vascuñana, que está disposta a defender que as égoas son vacas, as vacas égoas e a corrente dun río discorre en sentido contrario se tal é a opinión do seu marido. Malia que o autor pretenda moderar un chisco esta sumisión ("Et non entendades que fazía esto por le lisoniar, nin por le falagar"), esta fábula envelleceu mal, e contrasta non pouco coa inmediatamente anterior "de lo que contesçió al árvol de la mentira".
Anque mil anos anterior, resulta moita máis asisada a crítica que cun exemplo similar realiza o Gran Historiador Sima Qian do malvado eunuco Zhao Gao e que deu orixe a un idiom chinés que significa 'mentir deliberadamente'. A frase é 'chamarlle cervo a un cabalo' (指鹿為馬), e a historia que a orixina dí así:
"Zhao Gao estaba a cavilar en traizón, mais tiña medo de que os outros oficiais non fixesen caso das súas ordes, así que decidiu poñelos a proba primeiro. Fixo traer un cervo e presentoullo ao Segundo Emperador, mais alcumouno 'cabalo'. O Segundo Emperador riu, e dixo: 'Estará confundido o chanceler, chamándolle cabalo a un cervo?'. Logo o Emperador preguntou ao cortesáns que o rodeaban. Algúns ficaban calados, mais outros, desexando quedar ben diante de Zhao Gao, dicían que era un cabalo, e outros, que un cervo. Zhao Gao encargouse secretamente de levar ante os tribunais a todos os que dixeran que o animal era un cervo, e fíxoos executar ao instante. A partir de entón, tódolos oficiais ficaron aterrados de Zhao Gao".
domingo, dezembro 13, 2020
O Vernero que foi: Decembro '09
Finaba un ano máis, o derradeiro que me ía pillar sen emprego estábel e incorporado á orde mandarinesca para a cal daquela seguía a estudar. Anque non vexo referencia algunha na bitácora, penso que foi por decembro cando saiu o anuncio da convocatoria de 2010, anuncio que me deixou xeado ao non incluír Xeografía e Historia entre as especialidades e obrigándome, moi ao meu pesar, a preparar de xeito apresurado e pouco optimista as de secundaria - Inglés. É que como canta o himno de William Cowper, God Moves in a Mysterious Way.
Alén de ler ao Dante a moita literatura xaponesa, andaba ás voltas con contos do e-book e do e-commerce. O 2009 era o quinto ano desque comezara a mercar libros por Internet; algunhas cousas cambiaron moito dende aquela: os gastos de envío internacionais dende EEUU multiplicáronse por 4, por exemplo, o que en boa medida explica que usaba moito o Amazon usano e agora emprégoo ben pouco. A tenda amazónica expandiu tamén e absorveu a outras empresas ás que lle mercaba, coma Abebooks ou (máis tarde) Bookdepository. Ebay resultaba útil de cando en cando naqueles días, pero a día de hoxe xa non fai subastas e vende máis caro que o Grande Competidor. Unha das poucas cousas que non mudou en absoluto é a inutilidade das alternativas hispanas: Casa del Libro segue a ser igual de lenta e ineficiente, anque parece que xurdiu un novo portal para conectar directamente libreiros e compradores que debera resultarme útil á hora de mercar libros patrios (cousa sempre complicada, xa que as editoriais destrúen moi rápidamente stocks vellos, e a distribución é daquela maneira. Non sabedes a de voltas que tiven que dar recentemente para conseguir a versión de Mío Cid que publicou a RAE non van tantos anos atrás).
Facendo un pequeno exercicio numérico, nos anos 2008-2009-2010 vexo que mercaba arredor de 30 libros online por ano (logo de ascender ao mandarinato, subirían ata a cifra relativamente estábel de 50-60 que continúa na actualidade). Dos exactamente 29 do 2009 uns 2 procedían de Ebay (7%), 3 de Abebooks (10%), 4 do Amazon británico (14%) e 20 do americano (69%). Facendo a comparativa con este ano onde abusei algo máis do habitual-, dos exactamente 65 do 2020 uns 2 viñeron de Ebay (3%), 5 de Abebooks/Iberlibro (8%), 1 do Amazon británico (1.5%), 5 do americano (8%), 15 do español (23%), 1 do alemán (1.5%), 12 de Alibris (18%), 3 de Thriftbooks (5%), 13 de Springer (20%), 1 de Wallapop (1.5%) e 7 doutros vendedores (10.5%). Pódese concluír que diversifiquei un chisco os espazos das compras electrónicas.
terça-feira, dezembro 01, 2020
segunda-feira, novembro 30, 2020
Libros do Mes
The Gongyang Commentary of the Spring and Autumn Annals de Harry Miller (tr.) [E]
Chiang Yen de John Marney [R]
*The World According to Physics de Jim Al-Khalili [E]
*Lenguaje matemático, conjuntos y números de Miguel Delgado e Mª José Muñoz
sábado, novembro 28, 2020
O Vernero que foi: Novembro '09
Botando a ollada atrás, vexo que un feroz vento outonal fería gravemente á feixoeira que temos a carón das escaleiras da horta; ben lembro a imaxe e a mutilación, e nalgures (pensei que na bitácora, pero non) pendurara fotos do dano; mais coma a Besta do Apocalipse, a árbore sandou e segue ergueita, nobre e poderosa a uns cantos metros de mín no intre de escribir estas verbas. Debera engadir a xenerosidade entre as súas virtudes, pois segue ceibando ofrenda abondosa de froitas na temporada.
Lía naquel Ventôse solitario, entre outras tarefas e repasos de temario, o Diario Poético da Dama Daibu, que disfrutei grandemente, e do que aínda hoxe me custa entender a displicencia coa que o seu tradutor o trataba; pode que comparada con outras obras coetáneas sexa convencional e estereotipada, mais tivo o privilexio de ser dos primeiros textos do seu xénero que lín; a maiores, a miña simpatía polo clan dos Taira non podía máis que elevar nos meus ollos a unha cortesá que gozou dos éxitos e sufriu os ocasos destes. Anos atrás tiven ocasión de homenaxear con incenso e xenuflexión aos guerreiros e cortesáns Heike moi perto das ondas da súa derradeira derrota, en Dan-no-ura, nos estreitos de Shimonoseki, e de escoitar a unha artista cantando anacos da súa épica tralas portas vermellas e brancas do santuario de Akama (赤間神宮).
Once anos despois sacudo o po acumulado do Diario e busco un poema axeitado para esta noite; logo dunha pequena pescuda, doume por satisfeito con este:
A crocante xiada encol
das eiras amurchadas,
sexta-feira, novembro 27, 2020
Different Morphisms
Mes moi ocupado o que vai en curso; pouco tempo tiven para ler, e menos aínda para a bitácora... Agardemos que as cousas mellores en decembro.
Entre as cousas que me ocupan están os estudos de matemáticas, que van moito máis lento do que desexaría. Acabo de rematar a lectura to tema 4, que é unha introdución á álxebra abstracta; a metade do tema explica as estructuras básicas: grupos, aneis e corpos, definidas coma conxuntos cunha ou máis operacións e cunha serie de propiedades anexas (asociatividade, conmutatividade, presenza de elemento neutro e de simétricos) que satisfán en diferentes grados.
A segunda parte ocúpase dalgo aínda máis abstracto, a saber, os homomorfismos, que serían un xeito de comparar estruturas alxebraicas (principalmente, grupos) os uns cos outros. Un homomorfismo de grupo é unha aplicación f que mapea os elementos dun grupo G con operación interna ⊕ aos elementos doutro grupo, chamémoslle H, con operación interna ⊗. Emprego estes símbolos adrede para evitar os convencionais da suma e multiplicación, xa que as operacións internas que poden ter os grupos son do máis variadas.
A lei principal dun homomorfismo é que f é unha aplicación homomórfica cando se cumpre que f(a ⊕ b) = f(a) ⊗ f(b). Isto quere dicir que se collemos un par de elementos calquera do primeiro grupo, chamémoslles a e b, os combinamos coa operación ⊕, xerando un terceiro elemento do grupo, chamémoslle c, e logo aplicamos f(c), o resultado que obtemos, chamémoslle c', e pertencente ao segundo grupo, é o mesmo ca se primeiro aplicásemos f(a) -obtendo un elemento a' no segundo conxunto- e f(b) -obtendo un elemento b' no segundo conxunto- e logo combinásemos os dous coa operación do segundo conxunto: a' ⊗ b' = c'.
Hai varios tipos de homomorfismos dependendo das propiedades da aplicación e das operacións; así, por exemplo, temos endomorfismos (cando a operación é a mesma nun grupo e no outro), isomorfismos (cando a aplicación é bixectiva) e automorfismos (cando se dan as 2 condicións anteriores).
Tamén importantes (anque aínda non me ficou de todo claro porqué; teño que repasalo) son a Imaxe de f, f(G) e o que en español se chama o 'núcleo' (in inglés, kernel), Ke(f), que ven a medir o grado en que a aplicación f non é bixectiva (con varios elementos do grupo inicial mapeando ao elemento neutro do segundo grupo).
Todo como vedes moi abstracto e bastante denso. Mañá teño a proba do tema; xa vos direi como foi...
segunda-feira, novembro 02, 2020
sexta-feira, outubro 30, 2020
Libros do Mes
The Letter to Ren An de Stephen Durrant et al.
State and Scholars in T’ang China de David McMullen [E]
*Chiang Yen de John Marney [R]
*The World According to Physics de Jim Al-Khalili [E]
*Lenguaje matemático, conjuntos y números de Miguel Delgado e Mª José Muñoz
quarta-feira, outubro 14, 2020
O Vernero que foi: Outubro '09
Viaxando a través das vellas entradas ao outubro de van once anos, aparéceme diante dos ollos o Mantedor daquela e a súa vida; o máster do universo ficaba rematado, e ancorado nun certo día da marmota, a miña vida cotián nos últimos meses do 2009 volvía en parte a dous anos atrás. Os días adicábaos a ir preparando de novo as oposicións de Historia, pulindo os temas ata o troppo finito, e con algo de exercicio físico na forma de carreiriñas de arredor dunha hora. Ficaba enraizado na casa á que non había tanto que nos mudáramos, con moi pequenas excursións máis alá, incluíndo a sonada e multitudinaria manifestación a prol do galego do 18 de outubro, que acapara dúas breves entradas visuais, ou unha pequena visita a Rianxo para conectar cun dos numerosos e fascinantes proxectos do filósofo e mestre máxico Roberto Abuín, e que me enleou para traducirlle o TAZ de Hakim Bey para a súa nacente editorial Axouxere. No eido das lecturas, albisco que andaba ás voltas co excelente The Black Jacobins, de CLR James, apoixonada e épica crónica da revolta de escravos de Haití (1794-1803), e co teatro noh. Por esas ou similares datas chegábanme tamén de América e lía Keywords: A Vocabulary of Culture and Society de Raymond Williams, unha especie de mini-diccionario marxistón da cultura e The Jews of Khazaria de Kevin Brook, unha crónica dun curioso estado turco alto-medieval cuxas élites se convertiran ao xudaísmo.
Navegando no correo topo como curiosidade un texto literario que debín escribir para a revista Terra de Outes -encirrado por Ramón Blanco- encol da capela de Santiago, no centro da vila. Para o voso disfrute, aquí vos vai esta Danza Tumultuosa do Espectro Arquitectónico:
Mas no de esotra parte en la ribera / Dejará la memoria en donde ardía. Coma nos versos de Quevedo, destoutra parte da ribeira do Tines ardeu nos tempos da guerra e de paixóns encadeadas a capela de Santiago. Mais as chamas deste incendio que a asaltaban non eran das metafóricas, e esfarelaron coa pedra vella e o espazo sacral. Corresponderíalle despois ao réxime nacional-catolicista dar comezo á reconstrución nos falsos anos da paz, mais de novo a metáfora insire, tenaz, na construción arquitectónica. Tal como testemuña a fotografía e a realidade actual do que se acerca ao templo, os soños neo-románicos ficaron reducidos á parte baixa do templo, onde o simulacro das arquerías fai un pétreo arco-da-vella por riba duns capiteis ben modestos e lonxanos da reviravolta bestiaria ou naturalista que ascendeu ao alto en San Martín de Frómista ou nos capiteis historiados das catedrais. A reconstrución incompleta transmuta a pedra polo modesto tixolo e encalado e os grosos cristais esmerilados (branco e verde en forma de cruz) que fan un pálido eco das vidreiras.
Mais o lume, coma nos heroes homéricos, consumiu a carne –ou a pedra– que facía de cárcere e prisión inxusta para os anhelos da igrexa. A súa pantasma asenta as raíces e a nova pedra fundacional nas ribeiras máis tépedas e tenebrosas do Leteo; co tempo decide quizais emigrar nunha peculiar viaxe ou peregrinación á Pantasma das Cidades, un espazo plátonico e ideal onde conviven en tumultuosa danza e disharmonía tódalas cidades e edificios que algunha vez foron nalgún lugar da terra. Miles de formas e de estilos estenden en todas as direccións, tecendo un tapiz onde as torres, os minaretes, os pazos e templos e as prazas son coma cores dun cadro, ou notas dunha complexísima e interminábel melodía. A carón de espléndidas avenidas, a Capela de Santiago contempla as estatuas e as árbores mortas, e admírase dunha cidade carente de habitantes vivos e cuxa razón de ser é a de rememorar os espazos perdidos para os homes.
Miramos de novo para o abano matizado de grises da estampa que o tempo quixo apreixar para sempre: o edificio a medio facer evoca o encanto da ruína, a noción do tempo e da prisión de Cronos, o implacábel, o ancián que remata adiantando a todos na carreira. É ben sabido que os arquitectos historicistas de finais do século dezanove gorentaban de construír falsas antigüidades e construcións ruinosas coas que agasallar ao paseante de parques e xardíns. Na peza a medio facer inscríbese un teorema de posibilidades pasadas ou futuras, espirais de tinta rosada, escarlata e cobalto, e un aviso terminal e certeiro do carácter inxenuo, ilusorio e da insatisfacción última que conleva a pedra final ou a restauración máis ou menos afortunada. Mellor xogue o espectro e dance a arquitectura invisíbel; despois de todo as pedras Serán ceniza, mas tendrá sentido. Na poeira desta cinza erguemos unha nube e escalamos (asaltamos) os ceos para negrumear dende as alturas e seguir á igrexa inmaterial no seu paseo pola Pantasma das Cidades.
domingo, outubro 11, 2020
進士
"O exame que xeraba o maior prestixio era o chin shih. Este exame -tal coma quedou fixado no reinado de Hsüan tsung- constaba de tres partes: primeiro un test de coñecemento memorizado dos clásicos confucianos, a seguir unha proba de destreza literaria e finalmente unha serie de disertacións. No que atinxe á primeira sección do chin shih e doutros exames regulares, os textos canónicos organizábanse en series de 9, clasificados en maiores -o Li chi e o Tso chuan-, medianos -Mao shih, I li e Chou li- e menores -o Chou i, o Shang shu, o Kung-yang chuan e o Ku-liang chuan- (...). A segunda sección do chin shih era unha proba de composición literaria, incluíndo habitualmente a escrita dun poema (shih) e dunha rapsodia (fu) con tema e rimas prescritas. Finalmente había unha sección de 'disertacións sobre problemas de actualidade', con cinco preguntas principais que se dividían en múltiples preguntas secundarias, cada unha das cales requería un par de frases de comentario por parte dos candidatos".
David McMullen - State and Scholars in T'ang China
sexta-feira, outubro 02, 2020
quarta-feira, setembro 30, 2020
Libros do Mes
Hasta que el álgebra os separe de Javier Fresán
*The Letter to Ren An de Stephen Durrant et al.
*Lenguaje matemático, conjuntos y números de Miguel Delgado e Mª José Muñoz
*Deep Down Things: The Breathtaking Beauty of Particle Physics de Bruce A. Schumm [E]
*The Princeton Companion to Mathematics de Timothy Gowers (ed.)
sábado, setembro 12, 2020
O Vernero que foi - Setembro '09
A chegada do outono topábame co máster do universo rematado e ben rematado, e coa volta á rutina de estudo e preparación de oposición que deixara aparcada por un ano. Contaba erradamente, como se demostraría uns meses despois, con que o ciclo bienal -tal as cenouras- había traerme en 2010 un segundo intento de acceder ao mandarinato inferior de Xeografía e Historia, e comecei a repasar novamente o temario. On the side, proseguía a miña colaboración co suplemento cultural do ABC galego, que neses días me deparou a agradábel sorpresa dunha entrevista a Salman Rushdie na Fundación Caixa Galicia de Coruña, onda mariña de cristal e metacrilato adentrándose nos cantóns da cidade medieval.
De Rushdie só lera daquela Os Versos Satánicos, cortesía dos fondos sen fondo da facultade de filoloxía; levaba para asinar a recén saída A Encantadora de Florencia (edición en inglés de tapa branda; moi difícil conseguir en pouco tempo unha edición máis permanente), que había ler tempo despois, xunto coa que discutíbelmente é a súa mellor novela, Os Fillos da Medianoite. A seguinte que querería ollar é Shame, mais (volvendo ao rego do fetichismo das edicións) aínda non dei topado unha edición boa que mercar.
A entrevista (breve, e moi mellorábel; seguramente a poidades topar logo dalgunha pescuda virtual) permitiume, porén, estar perto do Grande e parolar un chisco con este xenio de Mumbai, algo que un mitómano coma mín non deixa de agradecer.
sábado, setembro 05, 2020
a*0 = 0
Como vos contaba nunha entrada recente, o tema 4 de Lenguaje Matemático ocúpase de estruturas alxebraicas elementais: grupos, aneis e corpos. En todas elas temos a combinación dun conxunto de elementos (que non teñen porqué ser números) e unha ou varias operacións para combinar eses elementos (que non teñen porqué ser operacións coñecidas e familiares como a suma ou a multiplicación, anque os símbolos de ámbalas dúas soen empregarse nestes eidos). Dependendo das 'restriccións' que impoñemos, falamos dunha ou doutra estrutura.
Por exemplo, un grupo é un conxunto (chamémoslle U) cunha soa operación (representada exemplo polo símbolo + ) e coas seguintes propiedades:
-a operación é interna (o que quere dicir que se compós dous elementos, a e b, do conxunto U mediante a operación do grupo, o resultado tamén é un elemento do conxunto U: a + b = c e a, b, c ∈ U
-a operación é asociativa, tal que para calesquera elementos a, b e c ∈ U, (a+b) + c = a + (b+c)
-a operación conta cun elemento neutro e, tal que calquera elemento composto con e resulta no mesmo elemento: a + e = e + a = a. Se a operación é a suma, o neutro sería o 0, xa que a + 0 = 0 + a = a
-a operación conta, para cada elemento do grupo, cun inverso, (-a), tal que a + (-a) = e
Os grupos resultan ser moi útiles nas matemáticas tanto teóricas como aplicadas. Pasando á seguinte estrutura (a que estou estudando agora) temos os aneis, que se definen así:
Un anel é un conxunto (chamémoslle U) con dúas operacións internas (por exemplo, + e *) e coas seguintes propiedades:
-baixo unha das operacións (+), o conxunto forma un grupo conmutativo, ou abeliano (isto é un tipo especial de grupo onde para calesquera elementos a e b ∈ U, a orde en que se compoñen non altera o resultado final: a + b = b + a. Isto pode parecer obvio, pero a maioría dos grupos non o cumpren)
-a segunda operación é asociativa: (a*b) * c = a * (b*c)
-a segunda operación é distributiva con respecto á primeira, é dicir: a*(b+c) = (a*b) + (a*c)
Un xeito de velo é dicir que un anel é un intento parcialmente frustrado (ou parcialmente exitoso; o caso é ver o vaso medio cheo ou medio baleiro) de construír dous grupos a partir dun conxunto e de dúas operacións. Temos un grupo completo cunha das operacións e outro a medias coa outra, con algunhas das características dos grupos, pero non todas.
Os números que aprendemos na escola permíten que nos topemos algúns exemplos coñecidos destas estruturas. Así, Z+ é un grupo (o dos números enteiros, ... -2, -1, 0, 1, 2 ... baixo a operación suma) e Z un anel (os números enteiros de novo baixo as dúas operacións de suma e multiplicación).
Entre os exemplos de cousas non triviais que hai que demostrar partindo destas definicións é a seguinte, que aparecía no título desta entrada: a*0 = 0, ou algo máis prolixamente: a composición dun elemento calquera dun anel con 0 (lembrade, o elemento neutro do anel baixo a primeira operación, +) mediante a segunda operación (*) é igual a 0. Chámaselle a 0 o absorvente do produto. Unha posíbel demostración sería a seguinte:
1) para comezar, asumimos que o elemento 0, que pertence ao anel ao ser o elemento neutro deste baixo a suma, satisfai a propiedade de ser igual a sí mesmo (como tódolos demais elementos do anel); logo 0 = 0
2) Lembremos que 0 non é un elemento calquera do anel, senón a identidade deste baixo a suma. Iso quería dicir, se lembrades, que 0 sumado a calquera outro elemento danos o mesmo elemento: a + 0 = 0 + a = a. Qué nos sae se decidimos que a sexa = 0? Pois 0 + 0 = 0
3) Dado que o anel ten dúas operacións, podemos aplicarlle a segunda delas cun elemento calquera do anel ás dúas partes desta igualdade: a * (0 + 0) = a*0
4) Dado que a segunda operación é distributiva con respecto á primeira, a expresión anterior podémola transformar en a*0 + a*0 = a*0
5) Coma 0 é a identidade baixo a suma, se lle sumamos 0 á parte dereita da ecuación non se cambia nada (xa que a*0 + 0 = a*0), e podemos reescribila coma a*0 + a*0 = a*0 + 0
6) Non sabemos aínda qué poida ser a*0, pero como ámbolos dous son elementos de U e * é unha operación interna, sabemos que a súa composición ten que ser outro elemento de U. Aquí podemos botar man da chamada propiedade cancelativa, que ven a dicir que se a + b = a + c, logo b = c (podes 'cancelar' os elementos iguais a ámbolos dous lados da igualdade e baixo a mesma operación; algo que practicamos moito na álxebra da educación secundaria, como cando resolves a ecuación 1 + x = 3 restándolle un aos dous lados da ecuación - na práctica, transformaches esta en 1 + x = 1 + 2, e cancelaches os uns). Se na ecuación ca que estamos a traballar, a*0 + a*0 = a*0 + 0, podemos entón 'cancelar' o primeiro sumando de ámbolos dous lados da igualdade, e fica a*0 = 0, que era o que queríamos demostrar.