Tamén de camiño están o 4º exemplar de Persépolis, de Marjane Satrapi (xa resulta inatopábel por eiquí dende que sacaron de novo a obra en só dous volumes), Gloriana, de Michael Moorcock, e Ravensbruck: Everyday Life in a Women's Concentration Camp 1935-45, do profesor Jack G. Morrison. Este último é un estudo bastante exaustivo dun dos campos nazis que tiña como elemento característico a exclusiva presenza feminina. Leva tempo a comerme a orella, e por fín me decidín a mercalo cando a Xunta me ingresou (por fín!) os cartos da viaxe a Estonia...
Do libro de Moorcock só mencionar que é unha reconstrucción en mundo alternativo dunha tola e luxuriante Inglaterra Isabelina, que me chamou sobre todo polo baixo prezo (menos dun dólar, ao que temos que sumar os gastos de envío, claro) e pola presenza da personaxe do poeta Ernest Wheldrake, que xa paseara por unhas das mellores novelas de Michael: 'The Revenge of the Rose'. Teño tido malas experiencias coas novelas 'raras' deste autor (non me gorentou moito 'Bizantium Endures', ou a recopilación 'Earl Aubec' de relatos e novelas curtas que pillara por error), mais correrei de novo o risco.
Nas librerías de eiquí só rescatei, como auto-agasallo de Nadal, o tomo dos Konemann adicado ao Arte Gótico (as oposicións danme unha boa excusa para telo como obra de consulta); e nunha pequena visita á facultade atrapoume o 'Hipertexto', de George P. Landow, co que discrepo moitísimo máis que me está a resultar unha lectura amena (e quizais, incluso útil á hora de preparar cousas para as unidades didácticas e o emprego das novas tecnoloxías). Cando o remate, xa vos colarei algún fragmento na bitácora.
E iso é todo polo de agora. Que teñades unha boa entrada no 2008!