segunda-feira, dezembro 19, 2005

Estremecemento

Na páxina 153 do libro "Gulag" de Tomasz Kizny hai unha foto dun estraño artiluxio de madeira, en forma de roda, empregado nas obras da canle mar Branco-mar Báltico. Ao pé da foto, o seguinte texto:

Estes martinetes primitivos accionábanse coa forza muscular dos prisioneiros, que camiñaban polo interior da roda de madeira. 'Para cravá-las estacas no chan, procédese do seguinte xeito: os prisioneiros fabrican grandes rodas refozadas con táboas; catro prisioneiros camiñan polo interior da roda e, cando a cabeza do martelo se eleva á altura desexada, o quinto prisioneiro tira da corda e a cabeza cae dando un golpe na estaca. Como máximo, pódense dar dez golpes nunha hora, ou sexa, cen golpes nunha xornada de traballo de 10 horas. Nunha xornada, os prisioneiros cravan estaca e media. Hai que chantar unhas cinco mil estacas'
O máis estremecedor para mín é a similaridade desta maquinaria infernal cos aparatos da escenografía constructivista que, uns anos antes, empregaba Meyerhold nas súas montaxes. Concretamente, a roda parece unha adaptación 'práctica' da maquina exterminadora de "A morte de Tarelkin".




É que a realidade supera con creces á ficción. Por iso quixera colar esta impresión como prólogo ou apéndice dun traballo meu sobre cine e teatro soviético que sairá en breve.
Quede aquí testemuñado.

quarta-feira, dezembro 14, 2005

Xerxes fai azotar ao Helesponto

"...E cando se tenderan exitosamente as pontes, ergueuse unha gran tormenta que esnaquizou todo o traballado en anacos, e destruiu canto se erguera.
E cando Xerxes escoitou as novas montou en cólera, e deu ordes inmediatas de que se castigase ao Helesponto con trescentos latigazos, e despois se guindanse nel unha parella de grilletes. Incluso escoitei que mandou estigmatizar as augas cos ferros ao roxo. O que é seguro é que comandou aos que azoutaban o mar que, entre golpe e golpe, dixeran estas palabras bárbaras e malévolas: '¡¡Ou, auga amarga, o teu Señor castígache deste xeito porque o ofendiches sen causa, non tendo sufrido mal ás súas mans; En verdade el-rei Xerxes cruzará sobor de tí, queiralo ou non. Xustamente mereces que ningún home che honre con sacrificios, porque es en verdade un río traizoeiro e desagradábel!!".

Heródoto, libro VII (Polymnia)

sábado, dezembro 10, 2005

Foucault: Vixiar e Castigar

Quizaves hoxe nos avergoñen as nosas prisións. O século XIX sentíase orgulloso das fortalezas que construía nos límites e ás veces no corazón das cidades. Encantáballe esta nova benignidade que reemprazaba aos patíbulos. Marabillábase de non castigar xa os corpos e de saber corrixir daí en diante as almas. Aqueles muros, aqueles ferrollos, aquelas celas figuraban unha verdadeira empresa de ortopedia social.

Aos que rouban, encarcéraseos; aos que violan, encarcéraos; aos que matan tamén. ¿De onde ven esa estraña práctica e o curioso proxecto de pechar para corrixir que traen consigo os Códigos Penais da época moderna? ¿Unha vella herdanza das mazmorras da Idade Media? Máis ben unha tecnoloxía nova: o desenrolo, do século XVI ao XIX, dun verdadeiro conxunto de procedementos para dividir as zonas, controlar, medir, encauzar aos individuos e facelos á vez "dóciles e útiles". Vixiancia, exercicios, maniobras, calificacións, rangos e lugares, clasificacións, exames, rexistros, un xeito de someter os corpos, de dominar as multiplicidades humanas e de manipula-las forzas, desenrolouse no curso dos séculos clásicos, nos hospitais, no exército, nas escolas, nos colexios e nos talleres: a disciplina. O século XIX inventou, sen dúbida, as liberdades; pero deulles un subsolo profundo e sólido: a sociedade disciplinaria da que seguimos dependendo.





Para os interesados, o argumento prosegue (máis e mellor) no libro "Vixiar e Castigar" de Michel Foucault.

quarta-feira, dezembro 07, 2005

A Torre de Babel

Toda a terra falaba unha soa lingua e usaba as mesmas palabras.
Ao emigraren os homes desde o oriente, encontráronse nunha chaira, no país de Xinar, e establecéronse alí.
Dixéronse uns aos outros: -"Imos facer ladrillos e cocelos no lume". O ladrillo facíalles de pedra e o betume de cemento.
E nisto propuxeron: -"Imos construír unha cidade e unha torre, que chegue co cimo ata o ceo, e fagámonos un nome sonado, para non nos perder pola ancha face da terra".
Baixou o Señor para ver a cidade e a torre que os homes construían, e pensou:
-"Aquí hai un pobo unido que fala a mesma lingua. Se empeza facendo isto, ninguén podería privalos desde agora de faceren o que se lles veña á cabeza.



Baixemos e embarullemos alí mesmo a súa lingua, de xeito que non se entendan uns cos outros".
O Señor espallounos de alí por toda a terra, e deixaron de construír a cidade.
A esta chamóuselle Babel, porque alí embarullou o Señor a lingua de todo o mundo. Desde alí espallounos por toda a face da terra.

segunda-feira, dezembro 05, 2005

Lipovetsky: A era do vacío

Sociedade postmoderna: dito doutra maneira, cambio de rumbo histórico dos obxectivos e modalidades da socialización, na actualidade baixo a éxida de dispositivos abertos e plurais; dito doutra maneira, o individualismo hedonista e personalizado convértese en lexítimo e xa non atopa oposición (...) A sociedade postmoderna é aquela na que reina a indiferencia de masa, onde domina o sentimento de reiteración e estancamento, na que a autonomía privada non se discute, onde o novo acóllese como o antigo, onde se banaliza a innovación, na que o futuro non se asimila xa a un progreso ineluctable. A sociedade moderna era conquistadora, cría no futuro, na ciencia e na técnica, estableceuse unha rotura coas xerarquías de sangue e coa soberanía sagrada, coas tradicións e particularismos no nome do universal, da razón e da revolución. Esa época está a esvaerse a ollos vistos; en parte é contra eses principios futuristas que se establecen as nosas sociedades, daquela postmodernas, ávidas de identidade, de diferencia, de conservación, de tranquilidade, de realización persoal inmediata; disólvese a confianza, a fe no futuro, xa ninguén cre no porvir coruscante da revolución e o progreso, a xente quere vivir de contado, aquí e agora, manterse xove e non xa forxa-lo home novo (...) Os grandes eixos modernos, a revolución, as disciplinas, o laicismo, a vangarda foron desbotadas a forza de personalización hedonista (...)

Que erro ter pregoado precipitadamente a fin da sociedade de consumo, cando fica claro que o proceso de personalización non deixa de anchear os seus lindeiros (...)

...todo isto deixou paso, segundo din, a unha cultura postmoderna detectable por varios signos: procura de calidade de vida, paixón pola personalidade, sensibilidade ecolóxica, abandono dos grandes sistemas de sentido (...)

domingo, novembro 27, 2005

Chistes Soviéticos

Veña, os que me coñecedes sabedes que me encantan este tipo de cousas...

Os seis paradoxos do Comunismo
Todo o mundo ten traballo, pero ninguén traballa.
Ninguén traballa, pero as metas de producción sempre se acadan.
As metas de producción sempre se acadan, pero as tendas están sempre baleiras.
As tendas están sempre baleiras, pero todos teñen o que necesitan.
Todos teñen o que necesitan, pero ninguén está satisfeito.
Ninguén está satisfeito, pero sempre votan polos candidatos comunistas.


Stalin, Khrushev e Brezhnev viaxan xuntos nun vagón de tren. De súpeto, o tren párase. Stalin saca a cabeza pola xanela e berra: "¡Fusilade ao conductor!", pero o tren non se pon en marcha. Entón Krushev berra: "¡Reabilitade ao conductor!", pero a locomotora segue en silencio. Entón Brezhnev dí: "Camaradas, camaradas, pechemos as cortinas, encendamos o gramófono e finxamos que o tren está a se mover".


"¡Camarada Stalin, este home é absolutamente igual a ti!. -Ben. Fusiládeo. -Quizaves deberiamos mellor afeitarlle o bigote. -¡Boa idea!. Afeitádello e despois fusiládeo".


Pregunta: ¿Qué é unha sorte?
Resposta: Vivir na nosa Gran Patria Socialista.
P.: ¿E unha desgracia?
R.: Unha desgracia é ter esa sorte.



quinta-feira, novembro 24, 2005

The Willow Song

Este ano non me teño pasado moito polo Cineuropa. A primeira (e sospeito que última) película que fun ver onte non sorprenderá a aqueles que coñezan a miña bardolatría: "Othello", adaptación do clásico shakesperiano dirixida por Stuart Burge en 1965, e con Laurence Olivier (¿quén se non?) e unha xovencísima Maggie Smith nos papeis estelares.
Non é a mellor versión que teño visto. A teatralidade é excesiva -Olivier berra demasiado- e está mal traducida para o medio cinematográfico (escenarios de cartón pedra, xestos esaxerados, texto íntegro da obra, o que arrastra a case tres horas de película...).
E nembargantes, como lle dicía a princesa Leia a Han Solo (perdóenme bologneses, pero un tamén cede ocasionalmente aos encantos da cultura pop): "You have your moments. Not many of them, but you do have them".
A chispa que ameaza benjaminescamenque con facer saltar o continuum da historia está para min nas esceas inmediatamente anteriores ao asasinato de Desdémona. Na atmósfera ominosa, a Señora solicítalle á criada ser soterrada coas sabas da súa boda, para despois cantar a tristísima canción dunha muller que toleou por amor, e finou cantándoa: a canción do Salgueiro:


The poor soul sat sighing by a sycamore tree
Sing all a green willow
Her hand on her bosom, her head on her knee
cho: Sing willow, willow, willow, willow!
Sing willow, willow, willow, willow!
My garland shall be;
Sing all a green willow, willow, willow, willow
Sing all a green willow
My garland shall be.
The fresh streams ran by her, and murmer'd her moans
Sing willow, willow, willow
Her salt tears fell from her and soft'ned the stones.
Let nobody blame him, his scorn I approve
Sing willow, willow, willow
He was born to be fair, I to die for his love,
I call'd my love false love but what said he then?
Sing willow, willow, willow
If I court more women, you'll couch with more men.


Non sendo eu unha persoa que se emocione doadamente, non puiden resistir o pathos tráxico da escea, non sen repetirme, con certa ironía: "Is it not monstrous that this player here, But in a fiction, in a dream of passion, Could force his soul so to his own conceit That from her working all his visage wanned, Tears in his eyes, distraction in his aspect, A broken voice, and his whole function suiting With forms to his conceit? And all for nothing, For Hecuba! What's Hecuba to him, or he to Hecuba, That he should weep for her?". Pois aquel no que as bágoas riscaban por saír non era o actor/atriz, senón eu mesmo.
Consolémonos pensando que tamén Orfeu arrincara bágoas de ferro ao implacábel Hades. Doutra banda, a música da canción tamén axudaba. A melodía conservouse nun libro para laúdes de 1583, e alomenos un cd de cancións shakesperianas a inclúe. Se podedes, escoitádeo. E ricorditti di me...

domingo, novembro 20, 2005

Orfeu en soños

Hoxe é día de banquete e celebración. Xa teño nas miñas mans un exemplar de 'Orfeu en soños' -e así se chama o primeiro libro de poesía publicado por Ramón Blanco, cifra de letras nas que se esconde o home de ben, xenial poeta, o amigo xeneroso. Marcará esta saída, anunciada con sopros de tuba de prata, o nacemento dunha estrela na constelación de novos e bos autores dos que tan necesitadas andan as nosas letras.
"E o terceiro Anxo tocou a trompeta, e unha enorme estrela, brillante como un facho, caeu do ceo sobor da terza parte dos ríos e das fontes de auga - o nome da estrela é Absinto. Un terzo das augas tornáronse amargas, e moita xente morreu das augas que se tornaran amargas".
É este libro complexo artefauto de verbas e Absinto, pois alimenta dos que beben nel e só cataliza o veleno naqueles que xa están estragados por dentro, "e son consumidos polo lume".
Baleiro a copa de cristal para un novo brinde; o licor verde esmeralda danza nas gorxas -a fada verde- e alédame ofrendarvos unha mostra -o primeiro poema- deste noso "miglior fabbro", o mellor escritor do Colectivo Sacou.

IN GIRUM IMUS NOCTE ET CONSUMIMUR IGNI

(Salutación de Guy Debord aos espectadores e ao Conde d Paço Tristão)

Cinza sombra deste incendio
que se estende
máis alá
das marxes do (h)orto,
lonxe do martirio da sintaxe
e do fogo que arde sen se ver e que alí afina
a ígnea corrupción do centro de madeira
do violín tatuado,
tocando a pel ardente
papel queimado.

Pode que os mortos aínda respiren
nestes versos igual que os vosos ollos
escoitaban na película a noite
americana ou o testamento de Orfeu,
fumando no leito baldío
despois de escribir Sonata de inferno cos ollos irritados cubertos
polo fume, ascendendo despois cara ao teito,
na lámpada a vista baila
atrapada no círculo do desexo

O danse mon papillon noir!

Aínda que tarden en arder as follas murchas unha tarde
han entrar xirando polas xanelas abertas
nas almas de mil douscentos e pico
perdemos o sen,
buscades asento na escuridade,
cando xa comezou o espectáculo
e imos en círculo na noite e somos consumidos polo lume.

sábado, novembro 19, 2005

Keats

Xa que os meus estimados colegas van homenaxear hoxe ao Inmortal Poeta, non xunto aos ríos de Babilonia ("onde nos sentabamos / e chorabamos lembrándonos de Sión / Sobor dos salgueiros, en medio dela / colgábamos as nosas arpas"), senón a carón do Tiber, ese trasunto pagán e helenístico da capital mesopotámica (ben sabía o Profeta do Apocalipse cando boureaba aquilo da Prostituta de Babilonia, "vestida de púrpura e escarlata, enxoiada con ouro, pedras preciosas e pérolas.; levaba na súa man unha copa de ouro chea das abominacións e impurezas da súa fornicación, e na súa fronte un nome escrito que é un misterio"; pero deixemos á prostituta nas noites de Cabiria), tamén quero eu ofrendar unha modesta flor de trapo, ou feixe de verbas segadas do meu escaso maxín, á memoria de Keats.

¿Ousarei evocar a sinestesia? Contemplo na cabeceira da cama unha postal que mercara na súa casa-museo en Londres. Contén o debuxo por parte do poeta dunha urna grega. E ben sabemos que para el -só para el- "A beleza é verdade, verdade beleza, e iso é todo / o que sabemos e necesitamos saber".

Polo fío musical escorrega o terceiro movemento (Finale - Allegro energico) do Concerto para Violino nº 1 de Bruch. Brindo coa copa de Porto, escura coma homérico mar que separa ao poeta da súa patria; e a ledicia desborda dos corazóns cando imaxinamos ao paporroibo cantando en Roma para Keats no seu eterno repouso -non baixo a ameixeira, senón na mandorla cintilante dos seus versos.

"Here lies One Whose name was writ in water"


quarta-feira, novembro 16, 2005

Wallace Stevens - The Ultimate Poem is Abstract

O Derradeiro(1) Poema é Abstracto

¿Retórcese este día con qué? O disertador
Sobor Deste Marabilloso Mundo Noso componse a sí mesmo
E cubre á rosa do planeta, e torpemente a describe madura,

E vermella, e correcta. A pregunta específica -aquí
A resposta específica á pregunta específica
non é o esencial - a pregunta é o esencial.

Se o día se retorce, non é coas revelacións.
Un segue facendo preguntas. Iso, entón, é unha
Das categorías. Dito deste xeito, este plácido lugar

Muda. Non é tan azul como pensábamos. Para ser azul
Ten que non haber máis preguntas. É un intelecto
De reviravolta sinuosa, e esquivar un lado e outro,

Torceduras en ángulos e distancias equivocadas,
Non un intelecto evanescente: presente
En tódolos sitios de golpe, eixo de nubes(2)

Da comunicación. Sería dabondo
Se algunha vez, só unha, estiveramos no centro, fixados
Neste Marabilloso Mundo Noso e non como agora

Desesperados, no borde, dabondo para estarmos
Completos, porque no centro, anque sexa somentes no sentido,
E nese sentido enorme, simplesmentes disfrute.

(1) En inglés, "Ultimate" pódese referir ao mesmo tempo a "último dunha serie" e a "fundamental, definitivo". O segundo significado, malia a miña escolla, é (creo) o máis preciso.
(2) "Cloud-pole", a non ser que sexa un idiom que descoñeza, paréceme que se refire a un eixo ou estructura de dúas puntas, xa sexa composto por nubes o unindo o celestial co terreo.

sábado, novembro 12, 2005

Stańczyk

Eis unha mostra dese cosmopolitismo desarraigado e cosmopolita no que tanto me regodeo...
As miñas relacións coa cultura polaca son escasas. Malia terlle botado o ollo a unha gramática desa curiosa lingua e a algúns textos traducidos (Kochanovsky, por Seamus Heaney), non teño ido máis alá dun curioso exotismo. Alén, a miña opinión (algo dogmática) é que calquer intento de profundizar a cultura dun país mentres non se coñeza a súa língua en profundidade é absolutamente ridícula...
Nembargantes, venme de atrás certa atracción polo país do leste. Xa Payne (no seu libro 'España Imperial') trazaba interesantes paralelos entre a Monarquía Católica do XVII e o Reino Unido Polaco-Lituano: ámbolos dous imperios en decadencia, ferventemente católicos, internamente heteroxéneos... Hai, ao parecer, uns sermóns á dieta polaca do xesuíta Piotr Skarga que poñen polas nubes a algún dos Habsburgos españois (creo que a Felipe III) como modelo de rei cristián e piadoso.
Rescato hoxe unha figura moi popular ao parecer entre os polacos, tanto na súa historia como nas súas letras: Stańczyk, "o bufón de el-rei" que diría Risco.
Stanisław Gąska (que ese sería o verdadeiro nome do personaxe) foi o bufón de corte máis famoso da Historia de Polonia. Estivo ao servizo de tres reis ao longo do século XVI: Alexandre, Sexismundo o Vello (¿a vida é soño?) e Sexismundo Augusto.




A sona venlle de que era considerado no seu tempo algo máis que un mero bufón. Ao parecer, o noso Stańczyk contaba cunha fina intelixencia política, que envolvía nun agudo pensamento satírico. Son moitas as anécdotas laudatorias que narran sobre el os cronistas da época.
Entre elas, cóntase que nun episodio de caza, en 1533, un enorme oso lituano que o soberano ceivara para cazar cargou contra el-rei, a raíña (caeu do cabalo e tivo un aborto) e os cortesáns; cando Sexismundo lle recriminou ao tolo que fuxira covardemente, éste respostou: "Maior loucura é ceivar ao oso pechado nunha gaiola". A afirmación soe entenderse como unha referencia velada á política exterior do rei, que derrotara aos prusianos pero non os incorporara á coroa.
Outra historia podédela ver ilustrada neste famoso cadro de Jan Matejko: o bufón é a única persoa na festa real que se preocupa diante das noticias da caída da cidade de Smolensk en mans dos rusos.

Tralas particións e a desaparación de Polonia do mapa, este personaxe converteuse nunha figura emblemática da literatura oprimida, nun símbolo da loita pola independencia. Pola contra, uns publicistas conservadores tamén tentaron apropiarse da súa imaxe e sacaron uns panfletos co seu nome nos que ridiculizaban os alzamentos armados e suxerían seguir o camiño do desenrolo económico e o compromiso cos inimigos do país.
Pero iso xa é outra historia...

Cirkus

En efecto, para os que non o saibades, o mundo é un circo. Calderón preferiría aquilo do 'Gran Teatro do Mundo' pero, a efeitos prácticos, ven a ser o mesmo.
Malia a decadencia actual dos espectáculos circenses, a imaxe é socorrida, podéndose interpretar coma o enésimo revival da 'Nave dos Tolos' da literatura medieval e renacentista., das pinturas do Bosco e das xilografías, do poema de Sebastian Brant. Nun mundo absurdo e sen sentido, o noso caro metarrelato parece que fai augas, e só acuden á cuberta os espectros do corpo, a política do Carnavelesco Bakhtiniano.
Xa que Freud e os psicoanalistas fracasaron nos seus intentos de curar a esquizofrenia e a neurose -o marxismo agoniza na mesma loita a un nivel superior-, voltamos á vella costume medieval: recollemos aos lunáticos e parados nunha carreta e enviámolos a mendigar. Imaxe eternamente inmortalizada na 'Loucura e Civilización' do Magister Dementiae, San Foucault.
Collemos un espello roto, metáfora das nosas múltiples persoalidades (literarias ou non), a fusta e unha máscara amarela de carnaval veneciano. Xunto ao ringmaster (quizaves Panero o poeta) diriximos a función:





"¡¡AQUÍ hai de todo: dinosauras, rinocerontas, cocodrilas, DRAGONAS sen azas, hipopótomas, panteras, tigresas, lobas, ratas que abandoan o barco, ratas de alcantarillas, cadelas, pumas, cangrexas hermitañas, elefantas, arroaces...!!"

... O Domador axita o seu látigo. De súpeto, Jacques Lacan sae do espello, con Julia Kristeva e Simone de Beauvoir enbrindadas a cadro patas...

sábado, novembro 05, 2005

sábado, outubro 22, 2005

Franco Battiato - Oh sweet were the hours

Colamos eiquí unha colaboración boloñesa que me manda Mourelle dende Italia, onde o último disco de Battiato -xenial compositor pop, alumno de Stockhausen; un dos poucos que sabe mesturar touziño e velocidade- "Come un camello in una grondaia" está a causar furor entre o grupo comparatista.
A música pona o sempre contemporáneo Ludwig van (¿qué peza?), e a letra debe de ser do santón italiano de túnicas anchas. Recende a poesía báquica, anacreóntica -Omar Khayyám zuga nos pousos da derradeira copa de viño e Ibn Quzman esixe que o enterren cunha viña entre os párpados, pámpanos por turbante e follas de mortalla).
Como dato curioso, en breve poderei contemplar o lúdico-cómico 'live in Baghdad' de Battiato na Guerra do Golfo (a primeira), onde a nosa estrela mediática (tamén percorredora do 'Luar' nalgunhas ocasións) abrázase entusiasta a Tareq Aziz e a neniños ao tempo que pide nons á guerra. Cortesía de Panero.

Oh sweet were the hours, when in mirth's frolic throng
I led up the reeds with dance and with song;
When brisk from the fountain, and bright as the day,
my spirits o'erflow'd, and ran sparkling away!
Wine! Come bring me wine to cheer me,
Friend of my heart! Come pledge me high!
Wine! Till the dreams of youth again are near me,
Why must they leave me, tell me, why?
Retourn, ye sweet hours! Once again let me see
Your airly light forms of enchantment and glee.
Come, give an old friend, while he crowns his gay glass,
A nod as you part and a smile as you pass.
Wine! Come bring me wine... I cannot forget you, I would not resign
There's health in my pulse, and a spell in my wine!
And sunshine in autumn, tho' passing too soon
Is sweeter and dearer than sunshine in June.
Wine! Come bring me wine...

sexta-feira, outubro 21, 2005

A Letra Escarlata

Chove en Santiago. Da miña retirada vida monacal compostelá tráiovos uns comentarios arredor da última novela que acabo de ler, e que me deixou moi gratamente sorprendido: "A letra Escarlata", de Nathaniel Hawthorne.
Na peza (máis propiamente romance que novela, anque non imos entrar agora na casuística das diferencias) asistimos ás desventuras de Hester Prynne. A Nova Inglaterra do século XVII vese trastocada co nacemento dunha nena, froito de adulterio, que dá a luz a protagonista. Obrigada pola ruda poboación puritana a vestir de por vida a letra escarlata na súa vestimenta, Hester loitará contra o ostracismo e a vergoña, recuperando co tempo a estima da súa comunidade. Con Hester suben ao estrado dos personaxes destacados a súa filla Pearl, 'pequeno elfo', o crego Arthur Dimmesdale e o marido burlado, Roger Chillingworth, na implacábel pescuda de vinganza.



Teño que confesar que a priori partía de bastantes prexuízos con respecto ao autor, que ten fama de abusar das alegorías e do moralismo nos seus escritos, cousa que atestiguan, malia tamén ter unha calidade máis que aceptábel os seus relatos breves 'My kinsman, Major Molineux' e 'Young Goodman Brown'. Nembargantes, a 'Letra Escarlata' (anque inclúa estes elementos) é unha peza excepcional, na que parece producirse a cuadratura do círculo: amena e divertida ao tempo que sólida alimentación estética e espiritual.
Porque a obra fai pensar e sentir, e escapa de mistificacións simplistas. E anque sempre sorría malévolamente cando se esgrimen argumentos sobre os valores morais, éticos e políticos nas pezas literarias, e sobretodo se van na liña dos valores 'humanistas' da escrita, e da aportación que ésta faría ás persoas (facéndonos máis tolerantes, sabios e mellores), debo confesar que esta peziña está moi cercana a cumprir algúns deses obxetivos satisfactoriamente.
Por todo iso, anímovos a que, cando teñades un intre, lle botedes un ollo. Tampouco é demasiado gorda (unhas duascentas e pico páxinas), ou sexa que xa sabedes...

sexta-feira, outubro 07, 2005

SANCTUARIUM

Para o último número de 'Barbantia' -o especial cultural que esta asociación cultural do Barbanza saca cada fin de mes na Voz de Galicia- solicitáraseme un texto sobre algún monumento local. Para os que non accedérades a el, velaiquí o tedes de novo. Non é que teña moito arte, pero tamén se lle quere aos fillos febles e enfermizos que saen do maxín dun:

No cumio boscoso de San Cosme habitaron un día sátiros e ménades danzantes, ninfas das fontes e das fragas, tódalas criaturas dos mitos das orixes. Eran os días lonxanos dos Castros e os machados de Bronce, pan de landra e mulleres guerreiras. Roma ficaba lonxe. Cantaban os nativos no alto:“HONOREMOS a Pico e a Fauno, / e a aqueles que bailan no miolo dos bosques / e baten cos osos na pedra abisal; / reverbera o aire de ritmos e coros / e do arrecendo a sangue / e do compás mollado / que axexa nas costas de rito e tambor”. Tambores non había daquela, e os espíritos que adoraban os nosos devanceiros non pasaran polo barniz helenístico. Moito menos pola Cruz que serodiamente ocupou o lugar, erguendo nel a triunfante igrexa.
Tampouco queda rastro do primitivo templo (capela románica quizaves, cantando na súa pétrea austeridade as monodias da nova fé). O edificio que alza hoxe sobre dobre escalinata é recente: as obras terían comezado no 1751. Nembargantes, a ergueita masa de austera elegancia parece un canto a días do Pasado máis remoto. Cando se contempla esta masa por vez primeira dá a impresión de que as súas pedras naceron do mesmo chan que coroan. Voe a imaxinación, esquezamos que a Igrexa é obra humana: algún xigante antediluvián tallou o monte con infindo esmero, desfacendo as laxes entre os dedos e arrincado San Cosme do seu interior -tal Miguel Anxo facía falar os marbres-. Anque o canteiro-xigante non entendese de florituras, reservou o toque maestro para as pilastras, pináculos e balaustradas da torre.
Dentro topamos a maxia da Alquimia: a pedra cede o sitial á madeira, dúctil e sumisa, mellor materia para labrar soños -tales son os tres retábulos que coroan a dianteira do templo-. Engaiola os ollos o Teatro Barroco, os dourados, a melodía graciosa das columnas salomónicas, a sinfonía das froitas, de anxiños e volutas, medallóns e follas. Mais a pintura e as láminas despréndese do altar, e o deslumbre fica apagado, anque latexe baixo o pó, agardando para voltar á luz a pouco que se limpe a escuma dos séculos. Santos de gastada policromía reanudan lentamente as conversas interrumpidas, os misteriosos símbolos que terman son labirintos a desnovelar: a palma traizoa a Santa Bárbara, as cunchas e bordóns a Santiago; no máis outo, ascenso vertixinoso da Virxe, tan elevada que coidamos asistir ao derradeiro instante antes de que envexosas nubes nola arrebaten. Escreben os Evanxelistas: San Mateo -a túnica escura ricamente decorada, manto vermello, flores e follas de ouro- pecha a polifonía, co xesto de ergué-la pluma. ¿Rematou a escrita? Só por hoxe.

sábado, setembro 24, 2005

Eusebio Lorenzo Baleirón

Now cracks a noble heart. Good night, sweet prince,
And flights of angels sing thee to thy rest.
Shakespeare - Hamlet
Queríamos hoxe dende esta bitácora facerlle unha pequena homenaxe á voz ferida de Eusebio, tráxicamente truncada no final dunha singradura de tres libros e unha vida intensa. A mellor poesía dos oitenta que, de ter seguido, tería dado lugar ao discutíbelmente mellor poeta da literatura galega.
Non che esquencemos.
FINAL
"E poi ch´a riguardare oltre mi diedi,
vidi genti alla riva d´un gran fiume"
Inferno. III, 70-71

Ao entregar os anos a esa treva
deterei-me na ourela deste rio
por onde as barcas pasan cara á morte.
Anos que son palabras advertindo
a estraña condición que me acompaña.
Por este corazón anugallado
que me fala da morte eu son apenas.
A sombra deixará ver sobre a folla
morta que quede morta no meu paso
outra sombra que son e agora teño.



terça-feira, setembro 20, 2005

POLITIKÊ

"¡Menudo Vilán Ilustrado! / Dádelle para que lea / a Política de Aristóteles"
Lope de Vega, 'Fuenteovejuna'


Fai moitos anos (nos primeiros exemplares da nosa 'caramuxa') adicábame a escribir sen ton nen son sobre calquera tema que me interesase. Era, amais, bastante prepotente daquela, e iso que non sabía moito dos eidos que comentaba.
Dende unha postura máis modesta, o formato blogueiro vaime permitir recuperar o pouco bo que podían ter aqueles artigos abertos. Nestas liñas, unha breve reflexión sobre a ideoloxía e os partidos políticos que os politólogos (se algún visita esta bitácora) poderán corrixir a pracer.
Imos aló.
O tema que traio a colación é o conflicto que todo partido político experimenta entre dous sectores estructurais da súa militancia e filiación: poderíamos chamalos o sector empírico-pragmático e o sector ideolóxico-idealista.
En teoría, todo partido político se constitúe arredor dunha determinada visión da realidade e dunha serie de obxetivos que pretende acadar por diversos medios. Este conxunto de teorías unifícanse nun corpus ideolóxico que, a priori, asúmese que todo membro do partido (incluídas incorporacións) aceptan con matices como 'a verdade'.
¿Pero qué pasa cando o conxunto teórico (como se dou o caso, por exemplo, nos partidos social-demócratas de finais do XIX) plantexa un modelo (neste caso, revolución social; destrucción da división clasista da sociedade) que está moi afastado da praxe cotiá á que esa organización se vé sometida?
Os partidos e as ideas non viven nun espazo sideral, senón nun mundo real con loitas e desequilibrios de poder. Rara vez contan cos medios para impoñer total e absolutamente as súas ideas. Este contacto coa realidade pode plantexar (e plantexa) oposicións con respecto ás ideas iniciais e ao 'programa ideolóxico'. Un programa que por natureza é difícil de modificar: é o motor inicial do partido e asúmese como un repertorio de 'verdades' non doadamente renunciábeis.
Un partido que conte cun desfase notable entre a súa teoría e a súa praxe política pode pasar por periodos máis ou menos longos de equilibrio inestábel (por exemplo, mantendo o discurso 'revolucionario' cara a galería ou cara un futuro considerado polo momento moi lonxano, namentras leva a cabo unha política 'real' de presencia nas institucións e de micropolítica -en concellos, asociacións veciñais, culturais, etc...); nembargantes, é previsíbel que a partir de certo momento, as novas inercias creadas, o peso cada vez maior de sectores 'empírico-pragmáticos' no partido (burócratas, novos afiliados) vaia desprazando os esquemas ideolóxicos, ata chegar á renuncia oficial e/ou adecuación ao marco político imperante (léase o revisionismo, Suresnes e os progresivos aggiornamentos polos que pasa o BNG). Unha tendencia que o desempeño de 'política real' (a chegada a cargos de poder) acelera aínda máis.
¿É acaso unha tendencia inevitábel?
Doutra banda, temos o exacto contrario. Neste caso, trátase dos pequenos partidos do extremo político. Carentes totalmente de poder político real, dos medios para transformar a sociedade segundo os seus desexos, tampouco necesitan adaptar os seus esquemas ideolóxicos á realidade. Poden sentirse 'xustos' e 'puros', e captan á súa militancia polo método inverso que os grandes partidos: neste caso, os sectores ideolóxico-idealistas son os que pesan no partido.
Mais iso ten pinta, claro, dun autoengano sectario, un consolo que se plasma na imposibilidade de facer algo máis que 'xogar a revolucionarios'.
¿Qué vos parece?

sábado, setembro 17, 2005

Herba aquí ou acolá

Eis o mellor Cunqueiro, autor sempre pracenteiro de ler, que ensina deleitando.

Todo pende en que ún esteña morto
perguntando póla herba que nasce derriba
coma por un novo corpo máis levián,
abaneado pólo vento,
- que trae e que leva a semente -
Herba no monte ou nas rúas da cidade
- aquí podían ser os pés dos vagabundos
que ún se soñara nús unha mañán de cedo -

Canto vai da memoria á herba
por onde terreas pensativas azas
caladamente te recomezan. Ouh abril,
tí liberdado dos vermes e dos ósos
dos ouvidos por onde estabas apegado
a aqueles outros pasaxeiros de traxe novo!
Cando chove adeprendo a beber auga.
Por unha boca que non tiven, abrancuxados
fíos que zugan no terrón e medran:
foron percisos nubes e sol e un sacho
- namentras te valeiras
esqueces os cantos ledos do verán e o merlo
o pan o lume e esa doce sorrisa
que todos tivemos unha vez pousada no peito -

Todo pende en que ún esteña morto
e queira volver ao val e á noite
esmola de home, pasteiro comunal
onde brancas ovellas alindadas por unha vella
pacen seguido sin erguer a cabeza
sin decatarse de ónde ven a herba
que moen e remoen os dentes apertados.

Sin decatarse da resurreción da carne de Álvaro Cunqueiro,
un novo corpo limpo que soñaba co vento,
— beira dun río, quizaves,
ou nun alto —.

sábado, setembro 03, 2005

Terry... vostede sí que sabe

Hai varias peticións formuladas por parte do meu exiguo público. Nembargantes, antes de satisfacelas, permítome colar unha traducción do gran teórico literario marxista Terry Eagleton, cuxas consideracións sobre marxismo e retórica (véxase o seu libro 'Walter Benjamin, or towards a revolutionary criticism') me parecen dignas de ser meditadas e discutidas.


Ata onde afecta á retórica, entón, un Marxista ten que ser platónico dun certo xeito. Os efectos retóricos están calculados na luz da teoría da polis coma un todo, non simplesmentes na luz da coxuntura pragmática fetichistizada polo post-marxismo. Retórica e dialéctica, axitación propaganda, están próximamente artelladas; o que as une para Platón é a xustiza, por sí mesmo un concepto moral só posíbel en base dun coñecemento social, oposto á doxa, opinión ideolóxica. En vista de que toda arte é retórica, as tarefas do traballador cultural revolucionario son, en esencia, estas tres: primeiro, participar na producción de obras e actos que, dentro de medios 'culturais' transformados, ficcionalizan ata tal punto o 'real' como para conseguir que eses efectos conduzan á victoria do socialismo. Segundo, como 'crítico', expoñer as estructuras retóricas polas cales obras non socialistas producen resultados políticamente indesexables, como un xeito de combatir o que agora está demodé chamar falsa conciencia. Terceiro, interpretar esas obras, na medida do posíbel, analizar esas obras malia os prexuízos, para absorver delas o que poida ser de valor para o socialismo. A laboura dun traballador cultural socialista, en breve, é proxectiva, polémica e apropiativa. Estas actividades poden incluir, de cando en cando, cousas como estímular aos demais a sacar pracer das belezas da imaxinería relixiosa, estimular a producciòn de obras carentes de calquera contido político explícito, e discutindo en lugares e momentos concretos a favor da 'grandeza', 'verdade', 'profundamente conmovedora', 'leda', 'marabillosa', 'estupenda' virtude de obras concretas.