terça-feira, dezembro 23, 2008

Os Oito (Nove) da Fama

Dado que vexo aos lectores moi pasivos por estas datas, a tendencia introspectiva e o rexistro de lecturas e actividades convértense nas raíñas do Pazo de Trasalba. Reprimo o vezo e o espectro de novas entradas sobre kitch socialista -neste caso, cristalizadas arredor de típicas e seductoras cancións soviéticas- para renderme incondicionalmente ao rexistro das obras que penso ler nestas datas. A entrada fica como memoria virtual, recriminación da preguiza e contraste entre expectativas iniciais e decepcións/sorpresas gratas colleitadas na lectura.

Falaba dos oito libros para o Nadal, mais un préstamo onte convertiunos en nove. O libro a maiores ficará inserido cos demais, e se vos pica o vezo podedes apostar a cal é. Temos, pois:

-Fiction 2000, Cyberpunk and the future of Narrative, de George Slusser and Tom Shippey (eds.); é unha recopilación algo vella (naceu dun congreso en Leeds no ano 89) de artigos sobre o futuro do xénero, e o primeiro volume que empecei destes.

-Cyberspace, cyberbodies, cyberpunk, de Mike Featherstone e Roger Burrows (eds.). Similar ao anterior pero máis pequeno e un pouco máis recente (a primeira edición é do 95).

-Cyberspace, first steps, de Michael Benedikt (ed.). É un clásico que se converteu en referencia repetida e monótona en volumes máis recentes, polo que decidín atacar ás fontes.

-The Virtual Community, de Howard Rheingold: Éste foi un dos primeiros popes da Red de Redes cando esta aínda se chamaba Arpanet, e cando o WELL era un dos seus foros principais, polo que agardo que a información estexa algo resesa...

-Prosthetic Territories, Politics and Hypertechnologies, de Gabriel Brahm Jr. e Mark Driscoll (eds.). Éste é dos que mellor pinta me ten, alén de levar dúas lexias de apoio de Donna Haraway e de Hayden White.

-How we became Posthuman, de N. Katherine Hayles. Outro clásico para acabar de destecer a madeixa do que significa iso do 'Posthumanismo' exactamente...

-La vida en la pantalla, de Sherry Turkle. É unha lectura en clave psicolóxica destes temas que ía empregar para unha exposición sobre MUDs, mais que agora lerei por capricho...

-Escenarios del caos, de Anxo Abuín. Xa lera algunha das entradas, mais aproveitarei as festas para completalo ao xeito da lectura clásica. De tamaño, é un dos máis pequenos.

-Sexual Dissidence, de Jonathan Dollimore. Xa lle tiña botado o ollo fai tempo, mais outro seminario (o de Materialismo Cultural) dame a excusa para comezalo e rematalo.

quinta-feira, dezembro 18, 2008

A blog's for all the year, not just for Christmas

Si, xa sei que vos teño de todo punto abandonados. Estes días atrás andiven moi liado cos seminarios do máster e coas lecturas correspondentes, e non atopei moito oco ou inspiración para facer as visitas habituais ao taboleiro virtual. Paradóxicamente, xa que o seminario que remata e no que máis estou traballando é o de Cibercultura.

A título provisional, podo dicir que a experiencia que tiven (tivemos: somos 4 con el) no taller de Jaime Alejandro Rodríguez foi a máis interesante das que se deron ate agora no máster (e sospeito que ha de ficar así), cun modelo moi dinámico baseado na lectura de textos para cada sesión e en debates bastante intensos, cunha curiosa fractura xenérica (os dous homes eramos máis escépticos sobre as posibilidades políticas e estéticas das ciberletras, alén de reacios ao discurso post-estructuralista que sustenta a maioría dos seus principios e propostas teóricas). De todos xeitos, é un modelo que só funciona se hai interese e tempo para ler sobre a materia (xa vos informara que lera algúns libros antes e durante o curso, a maiores dos textos mínimos obrigatorios); un interese e unhas lecturas que continuarán polo Nadal, con 8 volumes que agardan na estantería. Polo momento, acabo de rematar, ou estou a piques de, os exemplares de Janet Murray (Hamlet en la Holocubierta), Pierre Lévy (Cibercultura. Informe al Consejo de Europa) e Marie-Laure Ryan (La Narración como Realidad Virtual), dos que podo meter reseñas, resumos, fragmentos ou explicacións se vos come o vezo e mos solicitades.

Alén das lecturas, o Nadal preséntase bastante ocupado con traballos para éste e outros seminarios (algo sobre Macbeth e o Materialismo Cultural, estudos dun Melodrama e arrexuntar materiais para unha exposición sobre o Mundodisco), mais o aumento do tempo libre ha axudar a que vos manteña informados e ao día...

Como propina final da virtualidade (e reflexión oblicua sobre os debates da aula, onde me descubrín como acervo defensor do coñecemento científico e das ciencias duras) déixovos o Xerador Posmoderno, un programa electrónico que inventa falsos artigos de estilo Posmoderno e que sen dúbida enganan a primeiro golpe de vista (a combinación azarosa do primeiro que fixera xuntara dúas das miñas frikadas particulares: Marx e William Gibson).

sábado, dezembro 06, 2008

Fernand Léger - Les Loisirs sur fond rouge






Goréntame moito Léger desque o descubrín, case de sorpresa, nunha das salas do Pompidou, fai uns meses atrás. Non é que non tivese lido algunha cousa sobor del, ou ollado algunha lámina no correspondente libro de arte, mais como pasa con case tódolos cadros, a experiencia do directo (alén das mistificacións da aura das que falaba Benjamin) non ten nada que ver co pracer que se saca da mellor das fotografías. Os cadros de Fernand que tiñan no museo parisino pertencían á súa etapa do 'Olimpo Proletario', con escenas populares e carnavelescas debuxadas en trazos grosos e con adorábeis e intensas manchas de cor monócroma inscritas por enriba e creando un particular arco da vella. Visto o cal, resulta doado entender como todo o mundo pode e pretende apropiarse ao pintor de Argetan, dende os marxistas máis rancios ata os posmodernos bakhtineiros...

sexta-feira, novembro 28, 2008

As listas de Borges

Como de costume, podíamos hoxe falar dunha morea de cousas. Temos a nova victoria electoral do bolivarianismo nas urnas -un novo puntapé na bocaza e nas gadoupas de lobo da contrarrevolución canalla-, o curso de Cibercultura que estou a facer na Universidade (e a nivel privado e celebracional, a concesión de bolsa para o Máster no que se insire o dito curso), o poeta estoniano Juhan Liiv; mais aquilo que me chama é este pequeno fragmento de 'Otras Inquisiciones', de Borges (en concreto, parte de 'El idioma analítico de John Wilkins'), que anos despois reciclaría mâitre Foucault para o prefacio (creo lembrar) de Les mots e les choses. Subliñar, alén do encanto da pasaxe, a curiosa asimetría na asimilación do Porteño, que soe erguerse como paradigma de escritura posmoderna no Vello Mundo e nos EEUU e de modernismo en América Latina...

Esas ambigüedades, redundancias y deficiencias recuerdan las que el doctor Franz Kuhn atribuye a cierta enciclopedia china que se titula Emporio celestial de conocimientos benévolos. En sus remotas páginas está escrito que los animales se dividen en a) pertenecientes al Emperador, b) embalsamados, c) amaestrados, d) lechones, e) sirenas, f) fabulosos, g) perros sueltos, h) incluidos en esta clasificación, i) que se agitan como locos, j) innumerables, k) dibujados con un pincel finísimo de pelo de camello, l) etcétera, m) que acaban de romper el jarrón, n) que de lejos parecen moscas.

quarta-feira, novembro 19, 2008

R.B. Kitaj - O asasinato de Rosa Luxemburg



"Hai xente á que non lle gustan os museos porque os ven como tumbas, ou como algo negativo. Eu sempre os adorei. Para mín son os faros da utopía e do benestar social".

sexta-feira, novembro 14, 2008

Outras Inquisicións

Non estaba pensando nestas, senón nas que se producen nos varios libros que estou a ler, e dos que aproveito o caderno de bitácora para facer memoria futura e pública, alén de coller título emprestado...

Despois de rematar o tomo I (Pintura) da 'Arte del siglo 20', de K. Ruhrberg (edita Taschen), pensaba deixar aparcados os volumes artísticos (incluído o segundo deste, adicado a escultura e novos medios) para un futuro incondicional, mais unha amiga acaba de emprestarme un monumental 'Art in theory. 1900-1990', de Charles Harrison e Paul Wood (ed.), case 1.200 páxinas de escolmas de textos críticos e teóricos, moitos de grande interese, sobre os que navegarei de forma errática ao longo deste mes e do que ven.
A relectura do 'Criticón' gracianesco vai chegando ao porto final, malia ficar aínda unhas 200 páxinas do Invierno de la Vejez nas que acompañar as andanzas e pelerinaxes de Andrenio e de Critilo.
Dentro das lecturas interesadas, mencionar as 'Otras Inquisiciones' de Jorge Luís Borges e 'La narración como realidad virtual' de Marie-Laure Ryan, ámbolos dous conectados con futuros seminarios do máster -o segundo con máis inmediatez que o primeiro-.

Manoseando polo volume borgesco na miña peculiar mini-biblioteca de Babel, certo azar quixo que botara man dun veciño, a 'Segunda Antolojía Poética' de Juan Ramón Jiménez, do que se desprendeu un anaquiño de papel coa miña persoal 'antoloxía da antoloxía', en 10 poemas. Cantando os números coma no bingo, son: o 15; o 106; o 108; o 112; o 153; o 194; o 326; o 409; o 411 e o 465. Destes só o primeiro sobrevive como sublime na subxetiva valorización de FraVernero, anque os demais non están mal.
A miña afición ao poeta de Moguer foi unha das primeiras manías poéticas que tiven, logo de descubrir o xénero bastante tarde, con 17 anos, e de ter amosado unha inmensa antipatía (que aínda subsiste) pola poesía ñoña, cursi e baratamente sentimental á que nos tiñan acostumados as introduccións e prexuízos da época (básicamente, grandes carretadas de romanticismo e os seus epígonos; español amais, que é dos peores de Europa). A apertura ao eido da poesis veu determinada por 4 factores/autores:
1) Charles Bukowsky, do que descubrín daquela para o meu estupor que facía versos, e ao que aprezaba tantísimo pola súa absoluta carencia de sentimentalismo e a crueza entretida coa que trataba as miserias e a sexualidade humana. Se este home tecía versos, o terreo tiña que ter algún interese e unha maior variedade temática do que sospeitaba.
2) Vladimir Maiakovski: o verso broncíneo e bolchevique afagaba o meu propio dogmatismo político, alén de que o moi raposo era quen de agachar o seu enorme sentimentalismo detrás dunha imaxinería futurista, urbá e chocante e dun verso vangardista que colaban a mercadoría de contrabando.
3) Os poetas do Colectivo 'Sacou'. Non só por ser amigo deles e por ter que ler os seus poemas á forza, cando os pasaba para a nosa revista 'A Caramuxa', recén constituída no 98. Os debates, tertulias e lecturas e o pracer xenuíno que experimentaba con algúns dos seus textos tamén axudaban a desbrozar a selva dos prexuízos.
4) JRJ: neste caso, a imensa paixón e amor literario da profesora de literatura española de COU, que tiña a Juan Ramón no pedestal, algo me influíron tamén, co que se demostra que a paixón é tan contaxiosa como calquera outra enfermidade, e un requisito indispensábel nun bo profesor.

O remate é, evidentemente, o poema nº 15, parte das 'Arias Tristes', e que parece sobremaneira unha reescritura dun famoso romance das letras castelás:

Río de cristal, dormido
y encantado; dulce valle,
dulces riberas de álamos
blancos y de verdes sauces.
-El valle tiene un ensueño
y un corazón: sueña y sabe
dar con su sueño un son lánguido
de flautas y de cantares-.
Río encantado; las ramas
soñolientas de los sauces,
en los remansos caídos,
besan los claros cristales.
Y el cielo es plácido y blando,
un cielo bajo y flotante,
que con su bruma de plata
acaricia ondas y árboles.
-Mi corazón ha soñado
con la ribera y el valle,
y ha llegado hasta la orilla
serena, para embarcarse;
pero al pasar por la senda,
lloró de amor, con un aire
viejo, que estaba cantando
no se quién, por otro valle-.

domingo, novembro 09, 2008

de Hipertextos

Últimamente, estou a traballar moito e a ler moito deste eido, anque non sexa terreo totalmente descoñecido por mín. A base explicativa cífrase para falantes de língua hispana en dous volumes cos que conta a USC: 'Hipertexto', de George P. Landow, e a compilación 'Teoría del Hipertexto. La literatura en la era electrónica' de Anxo Abuín e Teresa Vilariño, en Arco Libros. Os leigos e preguiceiros podedes botar unha ollada rápida ás entradas na wikipedia hispana nos epígrafes Hipertexto e Narrativa hipertextual, anque se tedes don de línguas eu recomendaría mellor as versións inglesas das entradas, que soen ser máis completas.

Deixando aparte os 'hipertextos serios', con vontade literaria (cousas coma afternoon. A story, de M. Joyce, Patchwork Girl, de Shelley Jackson ou Hegirascope de Stuart Moulthrop), entre outros, polos que amais hai que pagar e mercar o diskette, o meu recordo primeirizo do toparme con esta tecnoloxía foi baixo a estrela da sorpresa e da frustración. Debeu ser polo ano 2000 cando o meu amigo Carlos me pasou varios discos do grupo de Rock Progresivo King Crimson (especialmente o seu Lizard). Prestáronme tanto que me puxen a buscar información sobre eles na Rede de Redes (recén instalada neses días cunha conexión antediluviana e lentísima que me estremezo só de lembrala), e atopei unha páxina estremadamente curiosa, e que aínda hoxe segue en vigor: Promenade the Puzzle: The Poetic Vision of Peter Seinfield. A páxina (por chamarlle dalgunha maneira) é un percorrido alucinante en vintedous capítulos e moitísimas máis páxinas subordinadas aos 4 primeiros discos da banda. A tese que defende o autor (ou autores?) é que en todos eses discos se pode seguir unha madeixa de referencias simbólicas, alquímicas e místicas que xiran arredor da figura central do 'Rei Vermello', unha metáfora inspirada no emperador medieval Federico II e na lectura por parte dos membros da banda da idealizada biografía deste que escribiu Ernst Kantorowicz en 1927. Así descrito, o proxecto resulta un tanto prosaico, mais o percorrido polas páxinas, co equilibrio estupendo de imaxes e textos seductores, hermenéutica estreita e lectura das letras das cancións (a veces dúas liñas ocupan unha páxina enteira!) alén dos innumerábeis hipervículos que permiten ampliar ou desviar o fío narrativo principal ad infinitum (conectan con páxinas web de todo tipo a partir dunha idea ou cita do texto principal: outras páxinas, librerías, enciclopedias virtuais, distintas seccións deste mismo portal), e que parten como punto de partida non só de liñas, senón de imaxes suxerentes e estrañas.

Unha vez inmerso na lectura, o realismo ou a veracidade da tese, xa que logo, perde toda importancia. O pracer da ficción, das lecturas múltiples e do percorrido fai que resulte indiferente se a tese está collida polos pelos ou se é rematadamente falsa, ou verdadeira. Mais xunto co pracer (para mín, alomenos) viña certa ansiedade ante o interminábel labirinto textual: como 'ler' a páxina proposta? Había que interrumpir o fío xeral cos hipervínculos constantes? E caso de entrar nestes, seguir os propios hipervínculos que incluían os textos derivativos nunha espiral de potencialidade infinita? O labirinto textual tornábase mareante, máxime para unha persoa coma mín que sente a necesidade imperiosa de ler tódalas notas a pé de páxina dun libro, na esperanza case sempre frustrada de que inclúan necesaria información a maiores (é por iso que na miña propia práctica académica distingo entre notas bibliográficas, só ao final do artigo, e notas informativas, a pé de páxina). Algúns dos links, alén, non funcionaban, xerando outra pequena frustración a maiores cando o tema a ampliar tiñas pintas realmente interesantes. Visto en perspectiva, e co que sei e lín dende aquela, poderíamos dicir que o Mantedor padecía (como aínda padece) do síndrome de lectura Modernista fronte á escrita Posmoderna. FraVernero segue intensa e fanáticamente namorado das totalidades e metarrelatos (non só na escrita, senón tamén na política), na orde e na explicación global e unilineal, como moito con certa desviación Hegeliá para rematar volvendo ao rego, percibindo (igual que o Eliot da 'unreal city') o caos e a fragmentación como trauma e como perda, e non como liberación carnavalesca ou 'empoderecemento' (permitídeme este palabro, tosca traducción de empowerment) do lector...

Se todo o que dixen vos picou o vezo, non tedes máis que seguir a ligazón e facer o voso propio percorrido. No meu caso, este profético anticipo da escrita hipertextual 'literaria' valería case perfectamente como exemplo, e tería suficiente calidade estética e suxestiva, fose ou non a vontade do autor. Alén, é gratuito, e podedes percorrer nel unha proposta innovadora destas escritas electrónicas (un hipertexto literario máis ao uso -sen texto principal, autocontido, posibilidade limitada de ver os anacos de texto lidos con anterioridade-, gratuito e en español podedes velo tamén na Gabriela Infinita de Jaime Alejandro Rodríguez.

sábado, novembro 01, 2008

Dia de los Muertos/Serguei Eisenstein

Xa que estamos a Día de Difuntos, e malia que un sexa ateo, aproveito para lembrar ao meu director de cine favorito, xunto co meu director de teatro favorito; ámbolos dous rusos e revolucionarios, artistas de Vangarda, discípulo e mestre.

Noutro lado xa falei dos dous, polo que alí remito aos interesados. De todos xeitos, a escolla na evocación de hoxe tampouco é accidental ou mera cuestión de gusto, xa que a moitos vos sonará certo proxecto que o director soviético tentou levar a cabo no chan do Anáhuac, baixo título 'Que viva México!', e que rematou no máis estrepitoso dos fracasos, e convertíndose nunha peculiar traxedia persoal de Eisenstein.

Malia que a película nunca foi rematada por Serguei Miháilovitch (a explicación levaríanos por unha longa, sórdida e enrevesada senda que inclúe problemas de orzamento, a mente brumenta do ruso, certos escarceos homosexuais e pornográficos e os temores ás posíbeis represalias do Tío Joe alá na fría Moscovia), o material foi empregado, sen permiso e para rabia inmensa do director, en varias outras películas: Thunder Over Mexico, Eisenstein in Mexico, Death Day, e Time in the Sun. Anos despois, trala súa morte, o seu amigo, actor e tamén cineasta Grigori Alexandrov foi quen de reproducir unha versión considerábelmente fiel ao proxecto inicial, que consistía nun prólogo, un epílogo e nunha serie de 4 frescos relativamente independentes (Sandunga, Maguey, Fiesta e Soldadera) que reflexaban a historia de México dende a época precolonial ata o presente. Un presente que remataba xustamente co Dia De Los Muertos, que malia ser festividade case internacional, é especialmente festexada no país de Moctezuma con, entre outras cousas, unhas caveiras ornamentais e comestíbeis de zucre...

Pequena homenaxe a Eisenstein e ao México fiel ás súas tradicións autóctonas e híbridas, e fundida no fotograma máis explícito do que todas as miñas verbas, malia o puritanismo colorista:

sexta-feira, outubro 24, 2008

Lagarto, lagarto!

Debeu ser polo ano 86. No particular imaxinario dun FraVernero de 6 anos, a serie 'V' conflúe en collage xunto coa 'Bola de Cristal' (cando un programa para nenos incluía descarada propaganda marxista encarnada en marionetas eléctricas! 'Viva el mal, viva el Capital!'. Do que non gustaba tanto era dos videos de Miguel Bosé en mallas, e o significante 'Posmodernidade' que tanto repetían no programa era totalmente baleiro para mín), o 'Un, dos tres' de Mayra Gómez Kemp -'Chollo' e o vampírico 'Anti-chollo'-, as desventuras da saga dos Ewing e do malvadérrimo J.R. en 'Dallas', o 'Prezo Xusto' e as posteriores sesións de Hitchcock. Mais V descola pola forte carga libidinal e a mestura de terror e desexo que moldeou na miña daquela inocente psique infantil (ou non tan inocente. Mais iso fica para outras entradas e para o Dr. Freud, 'matasáns vienés').

Á maioría (sobretodo aos coetáneos e aos máis vellos) soarávos a historia, polo que só fica un pequeno resumo, e redirixir aos máis novos cara á wikipedia. 'V' naceu como unha pequena miniserie en 2 partes na que se narraba a chegada á terra en grandes pratos voadores da raza alieníxena dos 'Visitantes'. Despois de varios incidentes, descubríase que os Visitantes, malia a apariencia humana, eran en realidade horríbeis seres reptiliáns que engulían animais vivos, e que viñan á Terra para levarse a auga e a moitos de nós, converténdonos en comida enlatada. Inmediatamente xurdía un movemento de Resistencia encabezado (alomenos en L.A., que é onde transcorría case toda a acción) polo xornalista Mike Donovan (Marc Singer) e a doutora Juliet Parrish (Faye Grant). O éxito da miniserie foi rotundo, e xerou dúas continuacións: V - A Batalla Final, que engadía 3 episodios máis ate a derrota dos alieníxenas co socorrido recurso á arma bacteriolóxica (o 'pó vermello') e V - A Teleserie, con 19 capítulos. Nesta última, a franquicia deu comezo a unha brutal caída libre motivada en boa medida pola carencia de presuposto e uns guións cada vez máis endebles (a famosa 'nena das estrelas' e os seus poderes máxicos tornaban en habitual deus ex machina, e os planos orixinais eran pirateados con absoluto descaro para case tódalas escenas de persecución e loita coas naves espaciais). Por suposto, daquela -e na versión española- non tiñamos idea desta triple cesura, xa que TVE emitiu todo xunto e sen cortes.

No proxecto orixinal da serie, o seu creador/director pretendera bosquexar un simple thriller político sobre a posibilidade dun goberno feixista nos EEUU, mais a cadea presionou (por unha vez, con acerto) para algo máis cercano á ciencia-ficción (pensade no éxito naqueles anos das vella triloxía da 'Guerra das Galaxias'). O producto final (alomenos, nos primeiros capítulos) segue a ser unha evidente alegoría crítica do nazismo, homenaxeando (ou plaxiando) a obra de Brecht 'Terror e miseria no Terceiro Reich'. A estética dos Visitantes, dende os uniformes, os comportamentos e o símbolo falan por sí sós. E moitos aspectos do discurso implícito da serie (incluíndo unha apoloxía do 'terrorismo' e da loita armada contra o invasor) serían moi difíciles de volver a topar nun producto mainstream.

Ironías aparte, o 'prato forte' da serie era a maquiavélica Diana (Jane Badler), científica e xefa na nave-nodriza de L.A., e unha mestura a partes iguais de modelo e Doutor Mengele; esta lagartona (literal) tíñao todo: magnetismo hipnótico, sádico e erótico, fisicidade evidente, traxes cada vez máis descarados segundo adiantaba a serie, e unha conducta entre o coqueto e o malevolentísimo; só ficaba engadir unhas pingas de lesbianismo soterrado (nas súas relacións coa Parrish cando a está torturando no Convertidor, e coa xornalista dos primeiros episodios) e unha sexualidade liberal que non excluía escarceos cos mesmísimos humanos para convertela na mellor encarnación que teño visto da estetización do feixismo, deixando moi por detrás outros pobres esforzos, críticos (Pasolini) ou non (Veit Harlan).



O único problema é que eiquí é onde fallaba a mímese, alomenos dende a miña perspectiva. A ero-tanática criatura exudaba unha seducción tal que facía moi difícil asimilar aspectos da narración. Sinaladamente, resultábame inverosímil que o heroe da resistencia non estivese tolo por liarse coa lagarta, fronte á insulsa doutora humana, loira e anglosaxona (tempo despois, na teleserie, engadirían outra lagartona tamén loira que facía un pálido contrapunto e sombra para Diana: Lydia (June Chadwick). Anque a verdade sexa dita, as dúas loiras tampouco estaban nada mal, malia os peiteados oitentís. A suma de curvas e de uniformes facía estragos, e brincabas do terror reptilián (música tenebrosa, humanos procesados, língua bífida, carne escamosa) ao desexo. O plus ultra do adictivo, vamos.

Só ficaría artellar unha pequena homenaxe privada para Diana, auténtica iniciadora das fantasías do Eros, anque en certo senso, é innecesaria. O seu espectro, dunha forma ou outra, está encravado no imaxinario do Mantedor e na recorrente imaxe da femme fatale que persegue os seus textos e pesadelos. Canto á actriz, e malia estar xa nunha idade máis que madura, segue traballando a día de hoxe cun espectáculo de cabaret, segundo teño entendido...

sábado, outubro 18, 2008

Multiple Choice

Xa sabedes que os azares da vida blogueira deparan unha curiosa irregularidade e teoría do caos no referente á frecuencia, calidade e variedade das entradas. Hai días que o(s) autor(es/as) ten moitas cousas que dicir -o espazo compreme- e días nos que non ten gran cousa que contar, e a inercia da preguiza tampouco axuda ao respecto...

Hoxe, pola contra, sóbranme temas que tratar, mais non me dou decidido. Por iso encho unha entrada con significante baleiro e espírito ergódico, e deixo nas vosas mans a escolla do tema da próxima entrada. As posibilidades son:

1) Lecturas actuais e libros recibidos por parte do Mantedor

2) Stelarc, e a súa famosa 'Terceira Man'

3) Qué é iso do 'espírito ergódico'?

4) Anecdotario: Máster de Teoría da Literatura, recitais, vídeos e debates varios

5) Íntimo e indiscreto: a serie 'V' e a líbido incipiente de Fra Vernero

6) Gracián, xenio barroco e incomprendido: fragmentos

7) Oniromancia: soños recentes (antonte, con Chus Pato)

8) Elexía: Ramiro Fonte

9) Contra o Pensamento Único (post-estructuralista)

10) Reseña de libros (posibilidades: Scott Bukatman, 'Terminal Identity', Neal Stephenson 'Snow Crash', William Gibson, 'Burning Chrome', William J. Mitchell, 'City of Bits', David Porter (ed.), 'Internet Culture')

11) Problemas da literatura galega: Steiner, Paco Rodríguez, Caneiro, Fernán Vello, Franco Grande e outros bichos

12) O 'Instituto Walter Benjamin de Estudos Sociais', e outras fantasías frustradas

13) Buzón do lector (propoñede algo!)

quarta-feira, outubro 15, 2008

Crisi Primera: Reforma Universal

Dado o meu gusto polos títulos equívocos, xa suporíades que non vou falar do 'Criticón' de Gracián (un libro e un autor que admiro moitísimo), deixando a xuizosa e cortesá filosofía para o outono da varonil idade desta bitácora. As crises do conceptista serven de adro para unha breve reflexión do Mantedor sobre a crise actual (digo breve, dentro das miñas proverbiais limitacións para a síntese, dado que o formato blogueiro acorda mal coas reflexións longas, e adora imaxes e aforismos).

Seguramente é algo temperán para facer xuízos sobre a situación; máxime cando os medios informativos cultivaron un discurso de pánico apocalíptico ("unha crise peor que a do 29" dicían varios titulares) que aínda está por ver se se cumpre. De todos xeitos, as masivas intervencións bancarias por parte dos estados e as reconversións de coñecidos políticos liberais ao discurso neo-keynesián do capitalismo intervencionista soan bastante serias. É hora do pranto e rinchar de dentes para os profetas do (neo)liberalismo (alomenos, ata que a economía volte ao rego do ascenso, cando os seus cantos de serea voltarán coa mesma brusquedade coa que hoxe son desterrados); aqueles que levaban 20 anos vivindo das rendas da certeza autocompracente afrontan agora o que para eles é o 'comunismo' (vid. Friedrich Hayek, The Road to Serfdom) e totalitarismo inevitábeis ao que levan toda regulación rigorosa do mercado.

Evidentemente (a risco de resultar eu mesmo o autocompracente agora), a crise non é ningunha sorpresa para aqueles que, aínda dentro dunha cosmovisión marxista do social e económico, seguíamos á espreita desas rupturas masivas entre valor de uso e valor de cambio que o sistema capitalista non é quen de evitar a longo prazo. E iso é algo que ningunha regulamentación do sistema vai a poder solucionar: igual que na traxedia grega, na lóxica mesma da circulación do Capital e na dobre face da mercadoría está inscrita a crise e o repregamento. Mais iso é algo que podedes topar mellor explicado nos libros de Marx, e non no meu resumo-vulgata.

Mais falando do verdadeiramente tráxico, éo para mín o feito de que a crise colleu á esquerda totalmente desarmada e incapaz de resposta algunha eficaz, e nos variados foros que opinaron sobre o presente, a unanimidade esquerda-dereita sobre o pouco que esta crise pon en perigo a organización económica actual da sociedade resultaba abraiante. Aínda no remol do ano 89 (xa choveron 20 anos daquela, mais parece que as reciclaxes do pensamento levan moito tempo), a esquerda segue atrapada nunha dicotomía insatisfactoria: a dos que chamaremos 'Nostálxicos', ou 'Moradores do Monte Medulio', que ignoran a realidade e os serios problemas (económicos, políticos, intelectuais) aos que dera lugar o Socialismo Real e se limitan a certa dogmática marxinalidade e culto estático da teoría crítica impresa (outras opcións: aferrarse ao restos do naufraxio, xa sexa máis -Corea- ou menos -Cuba- panóptico, ou agardar, coma as Testemuñas de Xeová, que o Dies Irae do Proletariado estexa en realidade á volta da esquina -hoxe cea no Liñares, mañá Revolución!), e a dos que se renderon honorábelmente (a inmensa maioría: tamén alcumados 'Esquerda Post-Moderna', ou -con menos simpatía- os 'Vendidos'), convencidos de que a queda do Muro demostraba definitivamente a imposibilidade de toda alternativa ao Capitalismo e á actual organización económica, coa única opción de crear un 'capitalismo con rostro humano' (á inversa dos checos do 68) e das terceiras vías (non entre socialismo e capitalismo, evidentemente, senón entre capitalismo keynesiano e libre mercado salvaxe).

Parece que aínda non temos saída do pozo nen luz ao final do tunel, malia que un quixera rematar cunha nota optimista. O discurso anti-globalizador e a micropolítica posmoderna dos Dereitos e dos Outros xa teñen sido fustigadas con razón (-instrumental, ou sen ela!-; neste caso, entre múltiples referencias, vid. Slavoj Zizek, que tamén comentou recentemente, e moi ben, sobre a crise e as eleccións nos EEUU). A nova crítica acabará por xurdir, agardamos (o noso deber é estar traballando nela nestes mismos intres), e debera poder recoñecer claramante ao marxismo clásico como a súa tradición e o seu antecesor máis inmediato, anque libre de ataduras. Namentras, remataremos cun chiste:

Trala caída do socialismo, un obreiro de a pé ponse a increpar a un antigo apparatchik do Partido. "Ah, canalla! Todo o que nos dicíades do Socialismo non eran máis ca mentiras!". O apparatchik, azorado, resposta: "Iso non é o peor. O peor é que todo o que vos dicíamos do Capitalismo eran verdade!".

quinta-feira, outubro 09, 2008

And the winner is...

Hoxe, como posíbelmente saibades, van fallar o premio Nóbel de Literatura para este ano. Ábrense cábalas e apostas, que en poucas horas han topar resposta e caladoiro definitivo (alomenos, ate o ano que ven).

A peculiar institución sueca merecería un estudo detallado e particular do seu ser, do seu papel canonizador, evidente dende xa fai moitos anos, de certas lóxicas de escolla. Moito choveu dende as instancias testamentarias do dinamiteiro ("para a obra máis destacada de tendencia idealista"), e coma outros clubes canónicos privados, foise abrindo co paso dos anos, ata o extremo de que moitas das escollas das primeiras décadas resultan difícilmente explicábeis, alén de ter pasado ao esquecemento; nomes coma (o Mantedor pide perdón por adiantado se algún furioso lector da bitácora e destes autores ten a ben rescatalos en ardente resposta) os de Jacinto Benavente, Echegaray, Sully Prudhomme, Bjørnstjerne Bjørnson, Selma Lagerhöf, Henrik Pontoppidan, Frans Eemil Sillanpää, Winston Churchill (sic...) ou Pär Lagerkvist.

De certo que non pasa desapercibida a altísima presenza de escritores escandinavos nas fornadas iniciais (lóxicamente, os académicos poden abandeirar libros cuxas línguas puidesen ler, ou que contasen con oportunas traduccións. Isto é algo que conseguiron mellorar moitos nos últimos anos). As ausencias tamén son tan elocuentes como as presenzas, destacando as frecuentemente mencionadas (nas zonas de fala hispánica) de Cortázar ou de Borges. Un persoalmente tende a subliñar o feito de que con anterioridade a 1989, o número de premiados comunista é virtualmente inexistente: están Sartre, que con toda coerencia, rexeitou o premio, e Sholokhov, o autor canónico do Realismo Socialista; o feito de que os restantes rusos escollidos fosen todos persoas con (no mellor dos casos) 'conflictivas' relacións co poder soviético resulta moi significativo. Tendo en conta que xa non existen os Premios Lenin da Paz (que viñan a ser un laxo equivalente soviético, e que lista algúns rancios moi do gusto do Mantedor: Yannis Ritsos, Bertold Brecht, Jorge Amado, Nicolás Guillén, Mahmoud Darwish ou Faiz Ahmed Faiz), un alédase de que dende a caída do Muro algúns destes foran topando nicho (xunto cos escritores post-coloniais no mundo anglofalante, ou propostas arriscadas e polémicas, como a de Jelinek...).

Apenas acabo de escribir estas liñas cando vexo nas novas virtuais cal é o gañador deste ano: Jean-Marie Gustave Le Clézio, autor, segundo a Academia, de "novas saídas, aventura poética e éctase sensual, explorador dunha humanidade máis alá e por debaixo da civilización actual'. Facía moito que non llo daban a un francés (anque Gao Xinjian creo que escribía nesa língua).

sábado, outubro 04, 2008

David Souto - Parigi risuonava de instromenti

Ben sei que non sodes moi entusiastas comentaristas de poesía, mais non me privo de colarvos hoxe un dos poemas de David, que anda percorrendo estes días o canón do Colorado, ou nas lindes, e que forma parte d' 'A Árbore Seca' á que lle adicamos unha entrada xa van alá uns meses. Imaxino que non tardará moito en saír o seu outro libro, 'Vertixe da Chuvia', publicado por Toxosoutos.

escalar pretendiendo el monte en vano
Soledad Segunda

As persianas baixáronse. Fica conxelada
unha imaxe do bafo dentro da habitación.
Íntima celebración do abandono.

Desfanse,
coma nun río de inverno, os brazos da memoria,
cánsanse de loitar contra o granito das ondas.
Continúan existindo as boias. As rapazas
morren coa ilusión de acadar a luz do horizonte,
deságranse sobre rochas de metal. Ladrillos
de antigas construccións sepúltanlles o desexo.
O nadador non consegue avanzar, berra á neve
que se reproduce en arbustos nas súas veas;
un desexo do estatismo, unha voz do musgo.

A casa pende dun reloxo, é un intre de aire
que excede os límites da eternidade. Calcínase
coma unha pedra que nega a súa natureza;
sentimos os últimos pasos do home no barro,
os beizos que son corrompidos polo pedrazo
dunha atmósfera embalsamada. Pero os muros
continúan vivos, gardan a mortal esencia.
No frigorífico as algas recordan a marea.
Acendemos a televisión, morte por auga
ó deconstruír a realidade.

Collo a daga,
empúñoa coa forza e desfágome o peito. ¡Ánimo,
contemplade as miñas vísceras, recordo de Troia
e do sangue de mármore do anciano Roldán!
É ridícula a esperanza, inxenuo ese ave fénix
que soña con conquistar fogueiras, con cantar
a cíclica fugacidade da vida. Nada
subsiste nos corredoiros, ningunha pintura
coa que enganar ó tempo,

ningún rastro de ficción.

O xardín é ocupado por soldados, tambores
de guerra anuncian unha grande poda. Revólvense
as sementes intentando opoñer resistencia.
O edificio quéimase por completo, esfúmase
co desencadeamento do anunciado ocaso.
Os meus ollos oxídanse envoltos baixo terra.

segunda-feira, setembro 29, 2008

La Cuestión Palpitante

Pois sí, miñas donas e meus señores. En vista da avalancha e dos ríos de tinta que fixo correr o fallo do Premio González Garcés (se algún lector estivo na estratosfera, nun búnker nuclear ou meditando á marxe das coordenadas do espazo-tempo, pode topar a noticia eiquí, e seguir doadamente as ampliacións, comunicados varios das partes e algunhas das bitácoras que deron a súa opinión sobre o asunto) un, que non é parte implicada (descoñecezo case totalmente a ámbolos dous participantes, Eduardo Estévez e Xavier Lama), tamén aportará os seus grans de area ao xigantesco reloxo-deserto do blogomillo...

O problema versa sobre unha cuestión de límites e de confianza. Ata qué punto os textos de Estévez podían ser considerados 'inéditos', visto que un bo feixe dos poemas premiados foran exibidos, discutidos e retocados -dentro e fora, suponse- por longo tempo nunha bitácora aberta? Ata qué punto tal publicación viola un principio de anonimato (que segundo lin non estaba presente nas bases, anque dende logo é de recibo nestes casos)? Ata qué punto é lícito leclamar ou incluso ameazar con levar o asunto aos tribunais? Lidas as argumentacións dunha e outra parte, atopo elementos insatisfactorios nos dous bandos, anque globalmente, paréceme que Xavier Lama ten máis razón nisto que Estévez. Vexamos...

Descoñezo o marco legal do asunto, e o que dirían os abogados (Deus nos libre deles! Aínda andarán os de Yoli buscando rastros virtuais dos Alfandegueiros...), pero persoalmente, non me parece ético enviar a un premio un poemario do que unha parte considerábel xa foi publicado e modificado na rede. É moi posíbel que non se violase a letra das bases ou da lexislación (algo que os editores, un chisco cínicos, coidaron de subliñar), pero sí o espírito.

Neste tipo de situacións, as fronteiras son sempre, claro é, porosas. Publicar dous ou tres poemas dun poemario de 30 nunha revista consideraríase vulneración do carácter inédito? Que pasa se son 5? E 10? E se son 7 pero considerábelmente modificados? Cada quen sabe o seu (e os xurados teñen cancha) pero algo máis do meramente marxinal (2, 3 textos) eu o consideraría 'publicado', e aproveitábel para moitas cousas, mais non para enviar a un premio.

Os editores, como dicía, insisten en que 'editado' é un termo moi preciso que esixe publicación con ánimo de lucro, ISBN mediante, ou formato descarga (pdf e similares). Sen dúbida. Mais con ese argumento, un podería autopublicar todo un libro, ou soltar todo un poemario por entregas en revistas como a finada 'Caramuxa' e dicir que, santas pascuas, o libriño segue inédito. O mesmo pasa cunha bitácora (máxime se tivo textos colgados durante anos, puidendo calquera descargar, ler e imprimir os textos en cuestión).

Algúns dos defensores de Estévez retrucan que resulta inevitábel e moi frecuente que algúns poemas dunha obra inédita circulen, xa sexa mediante recitais ou publicacións en revistas de poesía. Conforme. Mais tornamos ao mesmo: non é o mesmo publicar dous ou tres poemas en Dorna (ou se nos poñemos máis modestos, na 'Xanela') que publicar 12, ou 20. No caso da poesía recitada, o efémero do fenómeno (exceptuando fans moi entusiastas armados de gravadoras) e un número limitado de poemas debera levarnos de volta ao que xa dixemos para os textos vestidos de letra de molde.

Outra argumentación que lín versa sobre o 'conservadurismo' dos membros do xurado ou de non se sabe qué Cova Céltica de carcas carpetovetónicos e inimigos da poesía dos 90 e as súas formas populares -bares e Rede de Redes-. Un aplaude e valora con entusiasmo as iniciativas de creación nos novos medios (esta bitácora é testemuña), cousas coma o Proxecto Identidade, o fundido xeroglífico de imaxe/verso do cave canem, a propia idea e labor de Estévez con esta work in progress que facilita o intercambio co público e as flexibilidades da tecnoloxía blogueira... Mais non considero que asumir textos publicados neste medio como editados e invalidados sexa quitarlle importancia (antes ao revés: é darlle tanta importancia como unha publicación e libro!). Non é momento de iniciar, tampouco, un debate sobre as calidades ou problemas da publicación en Rede (incluíndo o necesaria anque incómoda aplicación de filtros e mecanismos de escolla ante a simplemente inabarcábel cantidade de material circulante), mais de todas maneiras, non vexo neste caso unha 'discriminación ignorante' contra os usuarios da nova tecnoloxía.

Tiña dereito (ou por mellor dicir, lexitimidade) Lama para reclamar? Non me cabe dúbida, dende o momento en que Lama considerase que o seu rival e gañador do Premio incumprira, ao seu parecer, coas bases deste (seguramente, pola forma en que o mesmo Estévez falou do proxecto, sen ter a sensación de estalas incumprindo, iso é verdade). Algúns falan de finezza e elegancia, e de saber perder (certamente, o xurado escolleu unha obra, a de Estévez, sobre a outra), mais se un cre que as bases se incumpriron, para mín está plenamente xustificado o inquirir e o insistir ao respecto. A penitencia xa se paga precisamente coa frustración de gañar ao final por un mero resquicio legal. Igualmente comenta un vello coñecido meu que "non hai que esquecer que non todos somos funcionarios e que a arte non é gratis e que hai quen pode ter falta de 6000 euros (se cadra iso outorgaría unha elegancia que se non é innata, tamén vale para o caso)". Quizaves o xurado tiña que ter pensado en deixar o premio deserto, en vez de transferilo ao accésit (un accésit que xa inclúe publicación)? Non sei, e prefiro non meterme nesas augas pantanosas.

Ao remate, mal que ven, todo fica como está, e case todos contentos, 'el catalán en sus trece / y Juan de Braganza rey': Estévez verá o seu libro publicado por Positivas, e dotado xa gratuitamente dunha intensa campaña publicitaria (iso sí, fica sen os cartos do premio). Lama verá o seu libro publicado e o diñeiro ingresado (anque seguramente non se poida librar da sombra de ser o segundo e ter conseguido o podio con artes escuras; amén da previsíbel animadversión que lle quedará entre os numerosos amigos de Estévez e os editores, que non é peccata minuta).

sábado, setembro 27, 2008

TecnoUtopistas, e outros bichos

Ando estes días moi absorvido (close reading e toma de notas) co libro 'Terminal Identity' de Scott Bukatman, unha análise moi interesante do actual suxeito en crise e do seu reflexo na literatura posmoderna e na ciencia ficción máis recente. Tanto que só me chegan os ecos da batalla cotián, da que quizaves fale un pouco nos días que seguen (refírome aos temas estrela do blogomillo -que é o polémico asunto do Garcés- e da prensa de onte -informe ultracrítico coa Cidade da Cultura que emitiron con toda razón e xustiza os asesores da UNESCO-). Agora unhas liñas tan só sobre o tema das tecno-utopías que tanto atopo no libro de Bukatman e noutras lecturas previas...

Por tecnoutopías entendo todos estes discursos inxenuos sobre as posibilidades emancipatorias da mera tecnoloxía aos que estamos acostumados dende seguramente os anos 60 (Marshall Mc Luhan é un dos odiosos fundadores da secta). Envoltos en fantasías de dominio técnico e de satisfacción de tódalas necesidades humanas, a tecnoloxía convértese nestes autores no motor da historia e do cambio social, ao tempo que facilita a teodicea e perpetuación feliz da sociedade capitalista, liberal e consumista. As antinomias (quen posúe esas tecnoloxías, para qué se empregan) agóchanse debaixo da alfombra e trompetéase unha doxa mesmamente tosca sobre como esta ciencia-técnica disolve os conflictos sociais (o soño de Bill Gates dun 'capitalismo sen rozamento'; o ciberespazo como esfera do capitalismo igualitario, feliz e sen límites).

Deixando para outra ocasión o culto respectuoso do mantedor pola ciencia 'dura' (niso en total desacordo coas críticas posmodernas ao discurso e á razón científicas), a miña atitude cara a tecnoloxía ríxese pola ambivalencia. Unha ambivalencia que xa está presente (é o que che ten a dialéctica) nas lecturas de Don Carlos, non de Schiller, senón de Tréveris (Das Kapital, Tomo 1, 4ª parte, capítulo 15: 'Maquinaria e gran Industria').

Partindo dos textos, a tradición marxista sobre a técnica seguiu un camiño dobre. Por un lado está a interpretación 'prometeica': a maquinaria é vista con bos ollos como libertadora das forzas productivas da natureza, postas ao servizo do home. A tecnoloxía permite a nosa mellor apropiación e sometemento do noso entorno, a maior producción de bens na menor cantidade de tempo, a posibilidade da liberación do traballo máis duro e repetitivo, que deixaríamos para os nosos tecno-servos de músculos de metal e sangue-electricidade. É a visión que tivo máis éxito na URSS (lembremos, amais, os eloxios de Lenin pola efectividade da producción Taylorista), amén de escasamente sensíbel aos lados tenebrosos da industria, incluída a contaminación masiva e destrucción de recursos (algo no que os países socialistas bateron tódalas marcas).

A outra liña, presente no capítulo citado, apunta á visión en parte negativa da maquinaria: as promesas emancipatorias desta cúmprense á inversa. En vez de liberar traballo e mellorar as condicións de vida, a maquinaria xera xornadas máis longas e paro en aumento. O home torna instrumento e a máquina soberano. A tecnificación do sector industrial obedece, amais, á lóxica do Capital (ao que a técnica e a ciencia están subordinados) de producir máis plusvalía relativa (reducción dos custos da man de obra), e como ferramenta empregada na loita de clases.

Unha lectura satisfactoria debera ter en conta estes dous factores, e con isto tornamos ao comezo e aos tecnoutopistas. As tecnoloxías de por sí carecen de moralidade, e os seus usos nunca son quen de escapar dos sistemas sociais que as crean e as determinan. Doutra banda, esa mesma tecnoloxía é sempre un factor desestabilizador das nocións claras que temos arredor de nós mesmos e o noso mundo (como ben poden testemuñar o heliocentrismo, a teoría da evolución ou a psicoanálise freudiá), e ás que nos custa moito traballo renunciar. Coma de costume, quixeramos nadar e gardar a roupa: disfrutar do poder e dominio desatados polas novas técnicas sen sufrir as ameazas aos dogmas e ás ideas que temos de nós e da nosa posición no mundo...

Mais chega por hoxe. Teño que retornar a Bukatman, que outros libros agardan impacientes na estantería: a 'City of Bits' de William J. Mitchell, 'Internet Culture' de David Porter e a 'Teoría del hipertexto', que editaron Anxo e Tare.

sexta-feira, setembro 19, 2008

Apocalypse Now!

"El mineralismo va a llegaaaaaar" F. Arrabal Na lóxica perversa dos memes, é a miña obriga continuar a cadea que a Raíña Vermella guindou sobre mín, malia que desta volta o interrogatorio se reduza a cinco breves preguntas-respostas sobre qué facer se o mundo rematase mañá, e un estivese ao tanto. Vexamos... 1) Qué canción che gustaría escoitar? Home (ou muller...), non creo que estivese no mellor dos humores para porme a escoitar música, anque algo apropiado sería 'It's The End of the World As We Know it (and I Feel Fine)', de REM. A miña fixación persoal é coas misas de Réquiem, mais xa abondaría de dramatismo dada a situación... 2) A qué libro lle botarías un ollo? Tería que ser algo breve, quizaves poesía, xa que non é asunto de comezar a lidiar coa 'Busqueda do Tempo Perdido' ou 'Os Miserábeis' cando só contas cun par de horiñas. Algo de Rilke, seguramente os 'Sonetos a Orfeo'. 3) Con quen che gustaría falar? Ocórreseme algunha que outra rapaza... 4) Qué che gustaría comer? Toda a trapallada da cociña híbrida anglosaxona, da que son un case único defensor. A ultrasaturación calórica perdería importancia ante a queima global e inminente de graxas, polo que uns cantos Roasts, 2 ou tres curries, unha bandexa de mince pies, scones con clotted cream, muffins e brownies. 5) Qué farias e qué che quedaría por facer? Soterraría ben fondo unha copia en formato electrónico con toda a gran literatura e arte humanas, gramáticas de tódalas línguas, e unha foto ben grande do Mantedor. Por se outras futuras civilizacións alieníxenas o rescatan. Cuestión de vaidade persoal e da especie. Por facer quedaría a Revolución, anque dado o contexto, tampouco ía ser xa moi necesaria... A quen lle paso o castigo/testigo? Evidentemente, a ex-maré aberta e moitas máis bitácoras, agora transmutado en Emaín; ao Moncho amigo; ao vento furacanado do Suroeste; á tobeira raposil; e á miña replicanta favorita.

terça-feira, setembro 16, 2008

Stephen Greenblatt sobre o teatro isabelino

Un pequeno anaco do artigo 'Invisible Bullets: Renaissance Authority and its Subversion, Henry IV and Henry V', á súa vez incluído dentro do volume 'Political Shakespeare. New Essays in Cultural Materialism', editado por Jonathan Dollimore e Allan Sinfield.
É este un libro que lin fai xa tempo e que me resultara moi interesante (lóxico, se mesturaba dúas das miñas frikadas particulares dende o título: Shakespeare e o Marxismo); tanto que me tomei a licencia de buscar os enderezos electrónicos dos compiladores e enviarlles felicitacións por el (os dous contestaron moi amábelmente, e Dollimore encarreiroume a máis obras súas, que me puxeron ao tanto de bos libros da teoría queer en Teoría Literaria).
O rescate débese á prensenza do texto nun libro que estou lendo e do que quizaves faga unha reseña un día destes, cando o remate...

Para entender a concepción completa que ten Shakespeare do príncipe Hal, de moinante a monarca, necesitamos, de feito, unha poética do poder isabelino, e esta, á súa vez, vaise amosar inseparábel, en aspectos cruciais, dunha poética do teatro. Poñer a proba, rexistrar e explicar son elementos desta poética que está indisolúbelmente xunguida á figura da raíña Isabel, unha gobernante carente de exército permanente, dunha burocracia altamente desenrolada, sen un extenso corpo de policía, unha gobernante cuxo poder se constituía mediante celebracións teatrais da gloria real e a violencia teatral que caía sobor dos inimigos desa gloria. Pola contra, un poder que se sustenta mediante un aparato de policía masivo, unha forte familia nuclear de clase media e un complexo sistema escolar, un poder que soña co panóptico no cal os máis íntimos segredos están á vista da autoridade invisíbel, un poder tal terá a súa apropiada forma estética na novela realista; por contraste, o poder isabelino depende da súa privilexiada visibilidade. Do mesmo xeito que no teatro, a audiencia tiña que estar poderosamente comprometida nesta presenza visual, mentres que ao mesmo tempo tiña que manterse a unha certa distancia respectuosa con respecto a ela. 'Nós, os príncipes' díxolle Isabel a unha deputación dos Comúns e dos Lores en 1586, 'fomos postos enriba de escenarios, expostos á vista e á ollada de todo o mundo'.

O poder real maniféstase aos seus súbditos do mesmo xeito que no teatro, e os súbditos son absorvidos por espectáculos instructivos, pracenteiros ou terríbeis ao mesmo tempo que se lles proíbe a intervención ou unha intimidade profunda. O xogo da autoridade faise depender dos espectadores -'pois son os vosos pensamentos os que deben vestir agora aos nosos reises'- mais a montaxe aparece como totalmente fóra do control daqueles cuxas 'forzas da imaxinación' son as que lle dan a súa forza e significación. Sobre estes asuntos imaxina Tomás Moro ao pobo do común dicindo, arredor dun destes espectáculos, que 'son xogos de reises, coma se fose, pezas de teatro, e na maioría dos casos realízanse nos patíbulos. Espectáculos nos que os pobres homes non son máis que espectadores. E aqueles que son sabios non se inmiscuirán máis nestes asuntos'. Dentro da montaxe teatral hai unha insistencia a destacar sobre os paradoxos, ambiguidades e tensións da autoridade, mais esta aparente produción de subversión é, como xa tivemos ocasión de ver, a condición mesma do poder. Debera engadir que esta condición non é unha necesidade teórica do poder teatral en xeral, senón un fenómeno histórico, un modo particular desta cultura particular...

É precisamente pola forma inglesa da teatralidade absolutista que o teatro de Shakespeare, escrito para un teatro suxeito á censura do estado, pode ser tan incesantemente subversivo: a mesma forma, como forma de expresión primaria do poder renacentista, contén dentro de sí as dúbidas radicais que continuamente provoca... E somos libres de localizar e renderlle homenaxe ás dúbidas das obras tan só porque xa non son unha ameaza para nós. Hai subversión, unha subversión sen fín, só que non para nós.

terça-feira, setembro 09, 2008

Asaltando o Capital

Se fose tan doado...

En todo caso, ao que me refiro polo de agora é á sufrida lectura, para aqueles que non amamos precisamente da economía, do 'Das Kapital' do meu moi admirado Karl Marx, que aínda así se fai bastante levadeiro malia tamaño, temática e densidade pola fluidez e o estupendo estilo do seu autor.
Entre outros volumes, adico estes días á (re)lectura do tomo I da obriña (o único que publicou en vida o seu autor) e non podo menos de agradecer a gran cantidade de recursos online que xurdiron e que auxilian eficazmente a un. Por se vos animades vós tamén, fagamos unha pequena vista de páxaro:

O libro mesmo está colgado na rede (alomenos en inglés, para os que poidades pelexar con este idioma. Por desgraza, ou non, case tódolos recursos tamén están na língua do Imperio. Neste caso, son conservador e prefiro empregar o referente físico, que é a edición en español do Fondo de Cultura Económica, un agasallo de cumpreanos ao que me referirei algún día...). E xunto co libro, tedes resumos máis ou menos detallados, coma o feito for Engels ou a primeira de tres entradas sobre a obra, unha por cada volume, que temos na versión inglesa da Wikipedia. Coma resumos, a súa utilidade é de todas maneiras, limitada: dan unha perspectiva xeral e permiten o 'repaso' despois da lectura dos capítulos pertinentes.

Moito maior interese presentan as seguintes dúas páxinas: nesta tedes unha serie de conferencias (aínda falta a derradeira; son 13 en total), clases 'grabadas' de hora e media cada unha nas que o meu xeógrafo favorito, David Harvey, vai explicando algúns dos aspectos chave nos que fixarse, aos que atender ou reler, do tomo I do Capital. Moi entretida e doada de seguir, alén de con exempla moi levadeiros, é a guía para a lectura do mesmo volume que colgou o profesor e economista texano (e sospeito que zapatista) Harry Cleaver e que podedes consultar eiquí.

Con isto debera bastarvos, coma recursos virtuais e gratuitos, cos que ir descifrando o labirinto e complexa hermenéutica desta obriña. Retorno a ela, e a algunhas outras de Ciberpunk/cibercultura e teoría literaria (tendo a discutir violentamente e en alto co último destes libros.), xunto co recado que me encargou Suroeste (non me esquezo, eh? A ver se cho mando mañá...).

quarta-feira, setembro 03, 2008

Banksy - Bucketboys


Goréntame moito certo graffiti, do que Banksy é un representante ideal. Este anaco esta pintado no muro da vergoña (non, non o de Berlín, que xa é tan só unha reliquia arqueolóxica e unha metáfora incompleta do fracaso de certo tipo de socialismo, senón o outro, en Cisxordania).

Para outra volta deixamos unha reseña de Snow Crash, conmemorar o aniversario da República de Gilán ou comentar o apoio crítico do Mantedor á considerazón europea de Turquía. Acaban de chegarme dous libros por correo, e agardan impacientes que me bote sobre eles...

sexta-feira, agosto 29, 2008

Actancialidade (e outras paranoias)

Moitos dos pensadores que admiro son certamente escépticos da actancialidade humana. Sobretodo dun modelo idealizado, romántico e burgués do individuo activo, xenial, creador, arrastrador das masas, vangardista. É algo que ven de lonxe, e no que artellan unha tea de araña de sorprendente consenso dende os escritos teóricos de Marx, pasando pola Historia Total do Braudel, as reflexións literarias de Trotsky ou o rexeitamento irónico do suxeito do mâitre Foucault.

Pequeno Catecismo, ou micro-escolma de textos ao respeito:


"Se estas disposicións desapareceran tal e como apareceron, se, por calquer acontecemento cuxa probabilidade podemos cando moito presentir, mais cuxa forma e promesa non coñecemos polo de agora, oscilaran, como o fixera, a fins do século XVIII, o chan do pensamento clásico, entón podería apostarse a que o home esluiría, coma nos límites do mar un rostro de area"

M. Foucault, Les Mots et les Choses

"É por iso que cando penso no home individual, sempre tendo a imaxinalo prisioneiro dun destino sobre o que apenas pode exercer influxo algún, pechado nunha paisaxe que se estende antes e detrás del nesas perspectivas infinitas que chamamos da longa duración. Na análise histórica (...) imponse sempre o tempo longo. É un tempo que aniquila unha gran cantidade de acontecementos (...); limita, sen dúbida, a liberdade dos homes e incluso o papel do azar".

F. Braudel, La Méditerranée et le Monde Méditerranéen a l'époque de Philippe II

"Os homes fan a súa propia historia, mais non nas condicións que a eles lles gustarían; non a fan baixo circumstancias que eles mesmos escollen, senón baixo as circumstancias xa existentes, dadas e transmitidas polo pasado. A tradición de tódalas xeracións mortas pesa coma un pesadelo sobor dos cerebros dos vivos".

Karl Marx, Der achtzehnte Brumaire des Louis Bonaparte

"Nembargantes, o conflito entre o persoal e o que supera ao persoal non só pode densenrolarse na esfera relixiosa, senón tamén na esfera dunha paixón humana que supera o persoal: o elemento suprapersoal é, por enriba de todo, o elemento social. En tanto o home non se apodere da súa organización social, esta permanecerá suspendida por riba del coma un fado (...). A loita de Babeuf polo comunismo, nunha sociedade que non estaba preparada para el, é a loita dun heroe clásico contra o seu destino".

Leon Trotsky, Literatura y Revolución

Noutra orde de cousas, a noticia de rigorosa actualidade atópase nas sorprendentes e ofensivas palabras, indignas dun intelectual, que amosou Georg Steiner cara as línguas galega e euskalduna (podedes ler a entevista íntegra eiquí). Xa se verqueron ríos de tinta sobre o tema na blogomillo, e un só quere engadir que resulta triste que a intelixencia (tamén o diletantismo) non salve moitas veces da tontice e do descoñecemento, anque de todos xeitos é moito agardar nun intelectual plenamente do centro do sistema cultural (aínda máis que o tan denostado Bloom) que non siga aplicando caducas clasificacións das línguas aptas para a alta cultura ou desterradas do Parnaso literario...

segunda-feira, agosto 25, 2008

Reseñas - Storming the reality studio

Antes de atacar a Méditerranée (fican arredor de 150 páxinas), o Mantedor tivo tempo de asaltar á abordaxe algún outro volume dos que soe pedir por correo aos territorios transatlánticos. Como o tema elegante dende a estadía en París revira arredor dos que levan a etiqueta 'ciber', un dos que me atraeu (o debuxo da portada tamén axudou moito) foi o de Larry Mc Caffery (ed.) 'Storming the reality studio', baixo sub-titulo 'un libro ilustrativo (casebook) da ficción Cyberpunk e Postmoderna'.

O volume resulta ser unha antoloxía de textos e fragmentos en dous bloques (o literario e o teórico) cos que o editor/escolledor, o señor Mc Caffery, pretende representar a tese que da senso ao libro e que resume o título e a introducción, a saber: que indo cada un pola súa conta e sen contacto co outro, xurdiron liñas comúns e inquedanzas semellantes entre o subxénero da Ciencia Ficción que é o Cyberpunk (e nas artes afíns que se apropiaron tamén desta etiqueta) por unha parte, e no pensamento e a literatura 'Postmodernos' pola outra. É unha tese coa que non podería senón estar máis dacordo. E nembargantes, o libro, malia a innegábel calidade e interese dalgunhas das súas escollas, remata por dar unha impresión lixeiramente contraria á que é a súa liña principal.

Quizaves isto resulta inevitábel do seu carácter como escolma de textos. Unha estratexia que ten elementos positivos, sen dúbida (visión xeral do tema, ampla bibliografía, pequenas mostras literarias e teóricas que abren o apetito para continuar lecturas por aí), pero que tamén evita artellar unha sólida perspectiva global que lle dea algo de carne ao esquelete das ideas unificadoras. Lendo a antoloxía sen consultar os nomes dos autores, un ten a impresión de que resulta moi doado, marcadísimo, demasiado doado, distinguir aqueles textos 'posmodernos' (anacos de Pynchon ou de DeLillo) dos cyberpunkarras (Gibson, Rucker, Sterling...). O mesmo pasa cos ensaios teóricos, onde o estilo máis directo e ao tema duns desentona claramente coa alta teoría ximnosofista dos Derrida, Lyotard, Jameson ou Baudrillard. Ao mesmo tempo, o 'ton' e a calidade de cada anaco (como non pode menos que acontecer nunha escolma) é moi irregular. Temos intervencións lúcidas e clarificatorias sobre o tema, anque ben poucas (os propios artigos de Mc Caffery, de Bruce Sterling, de Mc Hale), 'clasicos da teoría', e logo artigos totalmente descolocados. Notoriamente, hai un dese profeta desnortado que é Timothy Leary e que non pinta nada neste volume, malia agocharse sob o título de 'The Cyberpunk: The individual as reality pilot'; as súas liñas redúcese a lugares comúns fóra do tema -o seu mesmo concepto de Cyberpunk non ten nada que ver co significado habitual da palabra, caendo nos tópicos gastadísimos das 'drogas, o pensamento independente á marxe do poder' e outras hippiadas lisérxicas propias dos anos 60, e non dos 80 (a década do Cyber).

Globalmente, o libro merece o aprobado (sobretodo, como visión panorámica xeral e polo descubrimento dalgúns autores curiosos), mais quen busque unha maior solidez argumental terá que recorrer a outros volumes, unha mostra dos cales podería ser 'Cyberpunk and Cyberculture' de Dani Cavallaro, ou 'Terminal Identity', de Scott Bukatman.

quarta-feira, agosto 20, 2008

Fernand Braudel - A traizón da burguesía

A burguesía do século XVI, adicada ao comercio e ao servizo de el-rei, está sempre ao borde da desaparición. A ruina financieira non era a única causa. Se se enriquece moito ou cansa de correr os riscos naturais á vida comercial, a burguesía comeza a mercar cargos, rentas do Estado, títulos ou feudos, e sucumbe ás tentacións da vida nobiliaria, ao seu prestixio e á súa tranquila indolencia. O servizo de el-rei era o camiño máis curto cara a nobreza; este camiño, que non exclúe aos outros, será un dos axentes que aclararán as filas da burguesía. A nobreza renega con tanta maior rapidez de sí mesma na idéntica medida na que o diñeiro que distingue ao rico do pobre, no século XVI, resulta ser un atributo de nobreza. Amais, no paso do século XVI ao XVII declina o comercio e as persoas prudentes consideran que as terras son a forma máis segura de inversión. E as terras son aristocráticas por vocación. "Entre os principais mercaderes florentinos diseminados ao longo das prazas de Europa -conta o historiador Galluzzi-, foron moitos os que a finais do século XVI repatriaron os seus fondos na Toscana para invertilos na agricultura. Sinalemos aos Corsini e aos Gerini, que retornaron de Londres; aos Torrigiani, que abandonaron a cidade de Nuremberg, e aos Ximenez, mercaderes portugueses, que se fixeron florentinos". Qué estampa tan expresiva esta dos grandes mercaderes que se reintegran á súa terra toscana apenas un século despois de Lourenzo o Magnífico! Pasemos unhas páxinas, e ao chegar o ano 1637, co motivo dun cambio de reinado, xorde unha Toscana nova, estirada, nobiliaria, cortesá... É a Italia de Stendhal, que se viña anunciando de longo atrás, e que, nembargantes, causa sorpresa, nesta cidade onde con tanta forza latexara o corazón libre do Renacemento... Todo un decorado antigo e burgués caera por terra, entrementras. Non cremos que sexa esaxerado, en efecto, falar da bancarrota da burguesía. Esta estaba vencellada ás cidades; e nas cidades coñeceran dende moi cedo unha serie de crises políticas, como a revolta dos Comuneros en 1521, ou a toma de Florencia en 1530. As liberdades urbás saíron moi quebrantadas destes embates. Viñeron logo as crises económicas, pasaxeiras nun comezo, pero que co século XVII se fan persistentes e afectan profundamente á prosperidade das cidades. A mudanza era inevitábel, e xa estaba en camiño.

sexta-feira, agosto 15, 2008

Osetia (2)

Fai case dous anos xa faláramos nesta bitácora de Osetia, tristemente de actualidade máis unha vez dado o conflicto e as mortes que tiveron lugar estes días nesa conflictuosa zona do Cáucaso. Un está moi lonxe de ser un experto sobre o tema, mais xa que é un suceso urxente e o Manuel anda a tocalo na súa Casa, non estará de máis tecer unhas liñas corsarias arredor do conflicto.

Unha mala sorte histórica leva acompañando a este pobo alomenos dende o século XIII, cando as invasións Mongolas devastaron o territorio. Trala caída do estado medieval seguiu a subordinación e asedio polos seus poderosos veciños: no sul os Imperios Persa e Otomano, no norde a Rusia tsarista, coa que os osetos (de relixión ortodoxa na súa maioría) rematarían por aliarse. Á altura de 1809, a maioría do país estaba baixo o control dos rusos.

Unha oportunidade sen precedentes veulles dada aos osetos coa Revolución de Outubro, que proclamou o dereito das nacións á autodeterminación (e na práctica, baixo goberno ruso-soviético, levou á formación de repúblicas autónomas que en boa medida respectaban e fomentaban a cultura e os idiomas propios das diferentes nacionalidades do Imperio). Os pobos da zona formaron a República Montañosa do Norde do Cáucaso (soviética a partir de 1920). Dentro só estaba unha parte dos osetos: o que sería a futura Osetia do Norde. Osetia do Sul tocoulle ao territorio da tamén independente República Democrática de Xeorxia. Insatisfeitos coa separación nacional, os osetos do sul rebeláronse contra o goberno xeorxiano, e apoiaron ao Exército Vermello cando ocupou esas terras. A pesares disto, os soviéticos decidiron non unificar as Osetias por motivos evidentemente interesados: ter repúblicas e comunidades étnicas insatisfeitas dentro de Xeorxia (non só Osetia do Sul, senón tamén Abkhazia e Adjara) íalles permitir facer presión sobre o goberno de Tblisi, coa ameaza da desmembración territorial do seu estado ('Divide et Impera' sempre foi estratexia productiva das grandes potencias e nacións colonizadoras. A outra, que tamén empregaron moito os soviéticos foi 'rusificar' os territorios anexionados das fronteiras, asentando neles a grandes cantidades de rusos nativos coa excusa da industrialización; poboación rusa que aínda é fonte de conflictos e problemas nos países bálticos ou no leste de Ucrania, e que polo xeral rexeitan 'culturizarse' e integrarse nas modernas repúblicas ex-soviéticas).

Á caída da URSS seguiu o estourido das reivindicacións nacionais en todo o territorio, o elemento identitario máis forte que lles quedaba ás poboacións trala caída do socialismo real (un nacionalismo que o goberno soviético fomentara e reprimira a partes iguais). Mais a astuta política rusa garantiu a debilidade dos novos estados-nación, acosados polas divisións étnicas e as nacentes esixencias dos 'ananos', os antigos territorios autónomos dentro das novas repúblicas. Iso non quitou aos rusos de sufrir doses da súa propia mediciña, coma testemuñou o longo e sanguinario conflicto en Chechénia, territorio case veciño das Osetias.

No caso xeorxiano, e co apoio interesado dos rusos (que decidiron castigar así a 'traizón' e distanciamento pro-OTÁN dos seus antigos vasalos), os territorios de Osetia do Sul, Abkhasia e Adjara proclamaron a súa independencia. O goberno de Tblisi só conseguiu someter aos Adjaros. Trala pequena guerra destes días, os outros dous conseguiron a idependencia de feito, malia que baixo o amparo, a 'protección' e o financiamento do goberno de Moscova.

Adoptar unha postura clara sobre o tema, como vedes, faise moi enrevesado. Como nacionalista, non podo deixar de simpatizar coas reivindicacións nacionais osetas, e lamentar que estas só poidan prosperar co cínico apoio ruso (que xa demostraron no Cáucaso a simpatía que lles inspiran os movementos secesionistas). O xeorxianos actuaron tamén de xeito dogmático e imperialista (unha epidemia da que non se libran as pequenas nacións), anque quizaves é inevitábel en calquer proxecto de construcción nacional o de buscar certa uniformidade cultural e lingüística. As súas reinvindacións (con apoio da ONU e dos EEUU) sobre a soberanía e unidade territorial do seu estado resultan hipócritas cando pensamos en feitos recentes, como a proclamada independencia de Kosova. De novo temos dobres raseiros de medir: unha separación 'inconstitucional' e apoiada pola maioría absoluta da súa poboación resulta nun caso refrendada, e no outro negada tallantemente (o que non deixa de remitirnos de novo á hipocresía cínica e contradictoria á que nos ten acostumada a ONU, que recoñece ao mesmo tempo o dereito das nacións á súa autodeterminación, e o dos estados a manter a súa soberanía e integridade territorial, co cal quedamos tan parvos como cando comezamos...).

terça-feira, agosto 12, 2008

Miscelánea

Por estes días morreron dous escritores famosos, nas antípodas ideolóxicas, aos que lín e polos que teño un grande respecto: Aleksandr Solzhenitsyn e Mahmoud Darwish. Os dous son de sobra coñecidos, o que non obsta para adicarlles unha pequena semblanza subxectiva.

O 'Arquipélago Gulag' é unha desas obras que leo con certo horror e pracer masoquista, e que me permitiu ver nunha perspectiva algo máis crítica certas ideas nas que (mal que ben) creo e as súas desastrosas aplicacións prácticas. Non dubido, amais, de que alomenos o 60% do que conta o autor, malia a súa tendenciosidade ultraconservadora e mística (nisto lembra a un espectro de Dostoyevsky) é a verdade sobre o retablo de horrores da tundra siberiá, e deixa establecido un camiño que non se pode volver a seguir desa maneira. Do libro só rescatar a anécdota dunha conversación carcelaria de Genriij Yagoda (o terceiro tchekista-xefe, e representante da decadencia moral desta; se o primeiro fora un cabaleiro cruzado puritano e incorruptíbel e o segundo un intelectual culto e frustrado -aprendeu persa só para poder ler a Omar Khayyám-, Yagoda foi un mero lacaio pervertido: coleccionaba consoladores e pornografía, e o único elemento redentor que tiña era o seu amor apaixonado pola nora de Gorki; de Yezhov ou de Beria mellor xa nen falar...).

Mahmoud Darwish foi ata a morte a voz inquebrantábel do pobo Palestino: comunista, testemuña elocuente de exilios e sufrimentos, e un grandísimo poeta, autor de máis de 30 libros de versos, entre eles Awraq Al-Zaytun ('Follas de Oliveira'), al-Kitabah 'ala dhaw'e al-bonduqiyah ('Escribindo baixo a luz da pistola') e Ahad 'asher kaukaban ('Once planetas'); curiosamente (ou non tanto...) apenas foi traducido ao inglés. Sobre o facer poético dixera elocuentemente:

"Pensaba que a poesía podía mudalo todo, podía mudar a historia e podía humanizar, e penso que a ilusión é moi necesaria para impulsar aos poetas a que se impliquen e para que crean, mais agora penso que a poesía cambia tan só ao poeta".

Pechar a necrolóxica cunha mención a Aimé Césaire, que xa morreu pouco antes de marchar eu pra París, e que ten conquistado un lugar no corazón do mantedor especialmente pola súa pequena 'Tempête' ou o 'Caderno de retorno ao país natal'.

No eido dos vivos, destacar que Xose Luís Méndez Ferrín acaba de xubilarse do Santa Irene despois de numerosas décadas como profesor de liceu. Agardamos que o tempo libre lle permita dar ao prelo algún libro novo e sustancioso -alomenos, un chisco máis que os dous últimos, que ei confesar me resultaron un pouco decepcionantes-.

sábado, agosto 09, 2008

(aínda) máis kitsch socialista

'Os imperialistas son tigres de papel'. Xa o dicía Mao Zedong, e repite (en canción algo irónica e popeira) Jean-Luc Godard en La Chinoise, de 1967...



sexta-feira, agosto 01, 2008

Cortezas de Faia (4)

O verán é sempre unha época socorrida para a lectura intensiva. Nunca lemos tanto como planeamos, pero de todas maneiras, facemos adiantos bastantes bos...

Entre os proxectos que tiña para este incluíase o remate de lecturas interrumpidas de obras mastodónticas. Destacan os segundos tomos do 'Mediterráneo e o Mundo Mediterráneo en tempos de Felipe II" de Fernand Braudel e "Decadencia e caída do Imperio Romano", de Edward Gibbon (as dúas son obras clásicas da escrita da Historia). A lectura a medias viu facilitada no seu día pola cesura temática drástica entre os volumes (o segundo tomo de Gibbon, malia o título, e só historia bizantina; o de Braudel pasa a falar das Sociedades e da Historia Política). Están en postos altos na lista de espera, e este mes teño que lles comezar a botar o dente...

Competindo con estes dous están as relecturas. Neste caso, trátase do tomo I do 'Capital' de Don Carlos, e dunha versión da Divina Commedia que mercara en Bologna, en tres volumes e con infinitas notas. Con rematar o 'Inferno' daríame por satisfeito (sobretodo pensando que cada canto me leva arredor de 3 horas, entre a lectura en Italiano, coas notas, a traducción e a re-lectura do texto orixinal de novo).

As obras de novo cuño soenme vir por correo. O 'Cybertext' de Aarseth que puxera fai uns días no fotolog entre varios a escollerme polo público lector xa está rematado (ei colar un anaco algún día destes), xunto con 'Mona Lisa Overdrive', de William Gibson (o último que pecha a súa célebre triloxía do Sprawl).

Por último, en proceso de dixestión está 'Mao, a historia descoñecida' de Jung Chang e Jon Halliday, e que malia a coñecida tendenciosidade anti-maoísta, me seduciu polo seu prezo de saldo (a edición saiume por 6 euros namais). A súa lectura é parte do exercicio habitual de masoquismo e depresión descorazonadora ao que me someten os meus ideais marxistas alomenos dende a lectura de Orwell. Basta conque a décima parte do que se conta no libro sexa certo para pedir arsénico por compaixón e dubidar enormemente do emancipador proxecto ilustrado...

quarta-feira, julho 09, 2008

Mini-Croissant

Aínda estou ocupado cos exames. Con algo de sorte, darán remate arredor dos días 16-18 do presente mes.

Só dúas liñas para comentar que antonte tivo lugar a presentación compostelá de 'A Árbore Seca', de David Souto Alcalde, acto no que fixemos de presentadores un humilde servidor, Fernán Vello e a 'presidenta' Iria Lago.

Tedes unha pequena entrevista que lle fixeron ao autor en Galicia Hoxe eiquí. E un pequeno texto que Noel Blanco mandou dende Francia para que se lera no acto (anque chegou demasiado tarde) é o que vos paso a colar:

Todos os poetas saben que hai un momento que se prolonga dun xeito esclarecedor sobre os outros momentos para sempre. Este momento non é un absoluto dominante, como ben soubo ver Jean-Marie Schaeffer, senon que recompon o tempo dotandoo dun contido experiencial particular que damos en considerar estético. A experiencia estética non esta caracterizada por unha serie de éxtases contemplativos como os dos personaxes que espertan douscentos anos despois nas fabulas medievais. A experiencia estética non esta caracterizada por unha serie de momentos intransitivos. A experiencia estética esta caractereizada por unha ollada que pretende fuxir do tempo coa destra mentres coa sinistra se agarra con furia a materia. Non podo falar sensatamente dun libro como A arbore seca: a carne e os osos que hai detras significan demasiado no meu propio proceso de formacion creativa e amo demasiado o seu autor. A arbore seca é un pouco meu na medida en que pertence as intimidades de meu. E o amor non é para a agora, como Platon ben sabia malgré lui. O feito que me une a este libro ten que ver con que o casares co rei da Francia a duquesa Anne de Bretagne deixounos coas mans baleiras e cun signo de interrogacion os poetas periféricos e nesas estivemos David Souto e mais eu. E nesas sospeito que estaremos, como dixo o cantor da catedral de Nantes, cen veces mil e mil auroras ainda. E en relacion con isto, coa periferia e o seu signo fuxitivo, atopo, se a comparacion procede, que os dous unicos poetas pertinentes da literatura galega hoxe son David Souto Alcalde e Xosé Luis Mosquera Camba. Eles son os unicos que ensinan que a poesia non se esposa coa eternidade nin co sua imaxe invertida disfrazada de canto urxente. A poesia apodrece no seu transito. A poesia consumese e cuspese: o xeito de dicilo non é paradoxalmente dicilo, esta é a leccion mais pertinente do libro de David Souto, senon adoptando o que Tsur chamaria un estilo cognitivo que se adapte a esa finitude.

con afecto,

Noel Blanco Mourelle en Morlaix à 7 de xullo do 2008-07-07

terça-feira, junho 10, 2008

Ghost Town: Bannack, Barkerville, Chernobyl

Ocupadísimo estes días cos exames confucianos e as probas de acceso ao mandarinato inferior. Só deixar unha nota para os fieis advertíndolles que a bitácora será unha cidade pantasma ate alomenos a metade do mes de xullo...

Canto menos tempo libre tes, máis gañas e mellores ideas se che ocorren para facer cousas. Ándame agora detrás da orella un ensaio artellado a través das partes do Palazzo del Te, de Giulio Romano... xa veremos se segue ou non a estela das ideas canabináceas, que só parecen boas no momento...

Ata pronto!

domingo, junho 01, 2008

Marc Chagall


Dende que teño memoria, é un pintor que sempre me gorentou moito. E cando era máis novo, non é só que me gustase: é que representaba para mín o modelo ideal do artista. Daquela estaba moi influído polas ideas sobre arte da Xeración Nós, e Chagall encarnaba físicamente para mín o proxecto, a ansiada fusión, da que sempre andan a parolar Castelao, Otero e Risco entre o raibosamente nacional (no seu caso, a cultura yiddish do leste de Europa, que para mín colleu corpo e vida a través dos seus cadros e das novelas e relatos de Bashevis Singer) e o cosmopolitismo e a vangarda (Chagall foi dos inquilinos de Montparnasse e dos cafés parisiéns, amigo e co-artista de xente coma Apollinaire, Léger e Delaunay). Xa sabedes, 'Galicia, célula de universalidade'...

Visto en perspectiva, o artista de Vitebsk tiña moitos outros tesouros e xoguetiños cos que engaiolarme. A intensísima e atraínte cor das súas pinturas resultábame moi seductora (niso non sei se o inflúe máis o fauvismo ou a tradición dos lubok e dos iconos). As súas composicións soen ter un forte compoñente narrativo (coma 'o soldado bebe'), simbólico e lírico, o que fai que resulten máis atractivas para un lector impenitente e textocéntrico coma mín (cos tics que iso xenera e que transladamos ao consumo das outras artes). Poderíase dicir que fai poemas con imaxes (ao revés que os imagists anglosaxóns, que facían imaxes con poemas), nas que sobre o telón de fondo dunha cidade rusa nevada aparecen violinistas de cara verde, vacas voadoras en vermello ou violeta, reloxos, candeeiros para Hannukah ou o Sabbat, galos e noivas, a torre Eiffel...

Do mesmo xeito que outro dos meus ídolos artisticos primeirizos (Kandinsky), Chagall colaborou por pouco tempo cos bolcheviques. O goberno nomeárao comisario de arte para a súa rexión natal, onde fundou escola e decorou os tellados das casas coas súas vacas e violinistas de múltiples cores. Moi cedo chocou coa hostilidade dos novos vangardistas (Malevich, Lissitsky) do UNOVIS ('Campións do Arte Novo') e marchou para Francia, onde densenrolaría boa parte da súa producción serodia, entre a que destacar os frescos na Ópera, en París, ou certas vidreiras para a ONU e para a Sinagoga do centro médico Hassadah, en Xerusalén. Estas últimas lémbrame moito a algunhas das cartas do Tarot de Aleister Crowley...

terça-feira, maio 27, 2008

Pride and Prejudice

Si, miñas donas e meus señores. Confeso o pecado. Son o meu propio fiscal Vyshinsky, e declárome culpábel deste terríbel delito. Eu tamén teño os meus prexuízos. Nunha xerarquía negativa, e por orde crecente de antipatía, estarían:

1) Os actores

2) Os franceses en xeral

3) A cultura española (sobretodo a peninsular)

As raíces da animadversión soen ser as mesmas nos tres casos, a saber: trátase de grupos de xente que (alomenos no trato que teño tido con eles) amosan unha incríbel arrogancia, están inmensamente pagados de sí mesmos e satisfeitos de terse coñecido. A soberbia é algo que se perdoa, anque desagrade, cando alomenos ten detrás unhas virtudes e capacidades claras e evidentes. Mais nestes casos, non soe ser sempre así, nen moito menos...

No que se refire aos actores, certo é que pesa tamén o meu textocentrismo radical, que me fai velos como un estorbo menor (ou maior) na posta en escea de textos teatrais (que leo moito máis do que os vexo represantados). A simpatía do mantedor vai cara os dramaturgos, normalmente hábiles, intelixentes, bos escritores, ou por defecto, cara os directores (sobretodo cando falamos dun director-estrela, un Laurence Olivier, un Vsévolod Meyerhold, un Tadeusz Kantor, un Peter Brook, un Erwin Piscator). O problema é que os actores teñen unha enorme tendencia ao divismo e a pensar que son máis listos que os anteriormente citados (o que rara vez se cumpre. Unha notoria excepción é sir Ian Mc Kellen, 'Gandalf' para os frikies, 'Serena' para os amigos). Escoitar unha reportaxe de making-of (véxase, por exemplo, aos actores do 'Richard III' de Loncraine) ou simplemente as súas tertulias de café é dabondo para, no mellor dos casos, ruborizarse en extremo, e no peor, para sentir cómo o cerebro se licua e vai escorregando orellas abaixo...

O dos franceses é tamén antolóxico, xa que con rarísimas excepcións, todos os que teño topado son uns bordes arrogantísimos. Neste caso, diría que o motor é a súa posición de Lingüicidas Confesos e Imperialistas Fracasados, agora que París xa non é a capital do século XXI (e moito menos do XX), e que os da periferia miramos cara outros centros e estudamos inglés. Non toleran o de tornarse provincianos! Esta arrogancia borde tamén se da entre os grandes escritores e filósofos que teñen e que tanto me gorentan, mais como eses son xenios, teñen algún tipo de excusa. Ao respeito, quédome cos comentarios de Sir Gawain en París ('eiquí, o truco para que che atendan en calquer tenda ou restaurante é amosarte aínda máis chulo e faltón ca eles') e coas moitas risas que me provocaba a súa constante atitude de 'perdoarnos a vida'. Certo é, en aras da xustiza, que unha das rapazas do congreso (Clotilde) era a amabilidade e o encanto en persoa, e que malia que se fumasen case tódalas charlas, os franceses deste ano nos prepararon unha soiree moi divertida nunha das pasadas noites parisinas...

Last, not least, a cultura española. Neste caso, como de costume, son un mal calco dos franceses, tamén nos seus defectos (lévanos imitando con pobres resultados dende o XVIII polo menos, tamén nas institucións políticas). Evidentemente, como separatista visceral, xa miro con lentes escuros á institución cultural que pretende fagocitarnos e exibir o seu estátus asentado na 'utilidade' , 'calidade' e 'cosmopolitismo' das súas letras. E nembargantes, é a cultura española unha de inmensos abismos e saltos (na modesta opinión do mantedor, todo o que escribiron entre 1700 e 1910 podería guindarse a un enorme caldeiro de lixo. Irónicamente, poderiamos dicir que eles tamén viviron os seus 'Séculos Escuros'.), e unha na que o que actualmente máis me interesa se produce na súa periferia (a saber o mundo Latinoamericano).

FraVernero é, de todas maneiras, home de mentalidade mol e flexíbel, e agradeceríalle aos acusados (ou vítimas) dos seus resquemores que se puxeran en contacto con el e o axudasen a saír do pozo tenebroso das súas anti-afinidades electivas. Despois de todo, sería o primeiro en recoñecer a parcialidade mendaz destes criterios ('Y yo el primero, por la senda constitucional') e en celebrar o enterramento de prexuízos (e aproveito para publicitar o monumento ás víctimas homosexuais dos Campos de Concentración que acaban de construír en Berlín, no Tiergarten).