terça-feira, maio 31, 2016

Libros do Mes

The Elegant Universe de Brian Greene

Mundo cuántico de R.A. Alemañ Berenguer

Las matemáticas de la naturaleza de Carlo Frabetti

Persiguiendo a Einstein de Antonio e Eduardo Acín

*Midnight’s Children de Salman Rushdie

*Love and Math de Edward Frenkel [E]

*Basic Math & Pre-Algebra for Dummies de Mark Zegarelli [E]

quinta-feira, maio 19, 2016

Reseñas - Mundo Cuántico

Mundo Cuántico. Guía de viaje para peatones

Rafael Andrés Alemañ Berenguer

2015, Batiscafo

* * * (regular/ben)

Unha decente introducción para leigos no mundo da física cuántica.

O libro do que falamos hoxe é a segunda entrega da colección 'Descubrir la ciencia' de divulgación científica ' a cargo de Materia III. O volume en cuestión ten coma fin o de facer accesíbel aos non iniciados a disciplina da física que estuda o moi, moi pequeno, e os seus 'paquetes' mínimos de información, os cuantos. Sinónimo habitual de escuridade, dificultade e conceptos anti-intuitivos, a física cuántica atopa neste pequeno volume unha máis que aceptábel explicación, resumo e difusión.

Ao longo das súas páxinas vaise desnovelando o nacemento desta póla da Física, produto moi peculiar do século XX, xunto coas súas figuras senlleiras e os seus descubrimentos máis destacados: Max Plank, primeiro formulador da teoría; a cuantización da luz e as visións críticas de Einstein; o modelo atómico e o relativismo subxetivista de Niels Bohr; a dualidade onda-corpúsculo de de Broglie; o Principio de Incertidume, de Heisenberg, ou os gatos vivos e mortos de Schrödinger. Tamén conta o libro con explicacións dalgúns experimentos, descubertas, aplicacións prácticas e posibles prediccións neste eido para o futuro.

É de louvar a claridade expositiva e o limitado emprego de fórmulas que fan este breve volume moi accesíbel, xunto coa presenza de imaxes e biografías dos científicos máis ilustres do eido, e a bibliografía final. Quizaves a extensión e a profundidade puideran ter sido maiores (anque o formato e tamaño imaxino que están dictados e estandarizados para toda a colección). 

No negativo, o máis salientábel é en moitas ocasións o ton sentencioso e pouco obxectivo que abrolla de xeito repetitivo. As críticas á pseudo-ciencia e aos empregos populares e pouco serios da etiqueta 'cuántica' receben reiterada atención (anque seguramente estexan xustificadas nunha obra divulgativa que pode chegar a un público potencialmente receptivo ou pouco crítico coas supercherías). O autor insiste algo machaconamente nos defectos de divulgacións previas da física cuántica, e nalgunhas ideas que el comparte mais que imaxino non son consensualmente aceptadas por toda a comunidade científica: dous exemplos serían a súa visión realista da ciencia e da física cuántica (fronte ao idealismo relativista que nega a existencia non-perceptual dos seus fenómenos) e a súa minusvalorización da Teoría das Supercordas; á marxe de que un poida estar ou non dacordo coas opinións do autor (anque bastante leigo, tópome concordando co primeiro destes puntos, mais non co segundo), quizaves sería de agardar unha posición un chisco máis equidistante.

O libro é unha lectura recomendábel, anque moitas das súas teses e formulacións xa as topara moi ben explicadas noutros lados (sobretodo na primeira parte do The Elegant Universe de Brian Greene, onde se descrebe con detalle e habelencia narrativa o sonado experimento das dúas rendixas de luz e as súas consecuencias). Se non líchedes ren sobre isto, é unha boa e amena primeira exploración do terreo.

domingo, maio 08, 2016

Chutney Tasting # 1

Anque non é a primeira ocasión en que probo as mostras enbotelladas da xenerosa producción tomateira do ano pasado, decidinme desta volta, e nun futuro, a ser un chisco máis sistemático, e a ir apuntando ingredientes e resultados destes pequenos esperimentos gastronómicos. Comezamos con esta primeira fornada de Tomato Chutney, fervida dous días despois do Día da Patría do 2015.


























Malia pescudas varias, para este receita cinguinme ás indicacións de John Seymour no seu Self-sufficient Gardener, incluíndo cos tomates maduros unha boa porción de mazás, cebola, allo, xenxibre, vinagre, zucre e unha mistura de especias varias, pasas e dátiles que había pola casa. Creo lembrar que fun moi xeneroso cos productos aromáticos: algo máis do que en posteriores ferveduras.

A primeira impresión de textura e cor é bastante positiva: o chutney ten un agradábel ton entre vermello apagado e rubí. A textura é moderadamente consistente.

No padal é moi apreciábel a 'tomaticidade', anque sen acidez, unida a unha certa dozura avinagrada e especiada difícil de concretar. No rebumbio só recoñezo con claridade unhas notas de allo.

























En combinación, funciona ben con queixo, anque se o sabor deste non é moi forte, o do chutney pode ser algo abrumador. Pregúntome como iría coa inclusión (no proceso ou despois?) dalgunhas herbas aromáticas (asubiote? ourego?).

quinta-feira, maio 05, 2016

Garden Guests - Shungiku



Se o anterior era un chisco melindroso, o hóspede que vos amoso hoxe é, pola contra, un todoterreo: multiplícase só e abondosamente, e con tanta forza que non se diría que é unha planta anual. Tampouco é que debera sorprenderme tanto, xa que o Glebionis Coronaria é unha asterácea nativa do Mediterráneo; porén, é no estremo oriente onde a empregan como verdura comestíbel baixo o nome de shungiku ('Crisantemo de primavera') e cun sabor moi peculiar, 'floral' e fresco.