Mostrar mensagens com a etiqueta Galicia. Mostrar todas as mensagens
Mostrar mensagens com a etiqueta Galicia. Mostrar todas as mensagens

quinta-feira, dezembro 05, 2019

O son da buxaina

Co gallo do "Día do Peón" que a Rede Galega do Xogo Tradicional Brinquedia leva organizando dende van 15 anos, e de celebrarse desta volta o seu acto central en Outes, o Concello solicitoume un manifesto que procedimos a ler hoxe á mañá, ao terse adiado ata agora o tal acto por mor do mal tempo. Velaí vos vai:

Dicía o poeta romano Ovidio que ‘Todo cambia, para nada desaparece de todo’. Dicíao, amais, en latín, e aplicada á mesma língua, ben certo vemos a súa verdade no galego que estamos a falar, que é un latín que cambiou pero non desapareceu de todo. É frase tamén moi acaída coma un introito á hora de falar dos xogos tradicionais (sinaladamente, do trompo) e daquel tempo das nosas mocidades onde reinaba supremo nos intres de ocio de de lecer, xenerosamente escoltado polas bolichas, as chapas, a chave ou os primeiros álbumes de cromos.

Mais antes de perdernos nas avenidas da memoria, convén que fagamos unha reviravolta de buxaina encol da nosa atitude cara as tradicións do pasado na época do presente. É o sino dos nosos tempos -alomenos dende a Ilustración - o de fitar sempre para adiante, a de valorar e prestixiar a novidade e o moderno polo seu carácter do inédito, e ás veces do lonxano e do exótico. Isto (en contradición co fetichismo do pasado da maior parte das xeracións que nos precederon) non tería que ser malo de por sí, mais coma tódalas cousas levadas a exceso, fai que perdamos de valorar toda a arca de saberes, tesouros e riquezas que nos legaron os devanceiros e unha tradición da que aínda somos membros, querendo ou sen querer. As tradicións, as costumes, os xogos tradicionais son un elo, unha práctica cultural de primeirísima orde, parte dun patrimonio inmaterial que só vive (e pervive) cun acordo renovado dos novos, coa perpetua renovación das xeracións, nunha reviravolta menos cósmica e permanente que os movementos dos astros ou as estacións, mais por iso mesmo tanto máis valiosa ao nacer do consenso e da vontade humanas de facer cousas e de manter prácticas que nos identifican coa xentes que habitaron noutro  tempo o noso espazo.

Vivimos, xa que logo, tempos de aceleración e de cambio permanentes, ata tal punto que o que nos resulta estraño a día de hoxe é concibir un futuro próximo onde non empreguemos tecnoloxías totalmente diferentes ás de agora. Volvendo atrás aos anos 80 do século pasado, a revolución ía paseniñamente conquistando os lugares remotos e rurais do país, ma non troppo. Aqueles habitantes de Outes que comezaban daquela a escolarización básica (e o ensino en galego!) vivían nun mundo no que o alumbrado e o saneamento ía entrando na aldea, e un mundo de consumo e de xogos moi modesto dende a perspectiva do presente: os chicles, por exemplos, só contaban con dous sabores (amorodo e menta), e unha larpeirada máis modesta eran os caramelos acartonados de Nata (a peseta a unidade). Nos recreos e nas tardes desa década, o novum dos televisores e videoconsolas (éstas últimas patrimonio só de privilexiados curmáns urbanitas) convivía cos tirabogas e os castelos de carozos, a pita cega ou o salto á comba. Era de certo unha sociedade máis pobre materialmente que a nosa, mais tamén máis rebulideira: había moita máis rapazada, e os nosos xogos tiñan unha compoñente social e colectiva, e dende logo, máis sana e deportiva. ¡Boas sudadeiras nos gastábamos!


Non se trata, porén, de idealizar o pasado e denigrar o presente. A xente segue sendo xente, os nenos seguirán sendo nenos, e coma dicía Ovidio, as cousas que se perden saen de novo a superficie transmutadas, metamorfoseadas, pero novamente vivas; mais moito se perde no camiño se se tronza a continuidade coas tradicións. Porque non desexamos que éstas existan coma pezas de museo, libros ou documentais etnográficos que soterrar baixo os grosos muros de Santo Domingo de Bonaval, a seren explorados de cando en cando por turistas ou escolares en visita a Compostela. Porque  na súa modesta carne de madeira, metal e corda, a danza xiróvaga da estornela arrastra consigo o que fumos, o que somos e o que seremos. Nunha época en que a UNESCO incluiu os muros de pedra seca na súa listaxe de Patrimonio Inmaterial; na que as tradicións galegas do Samaín recuncan e recuperan terreo fronte ao globalizado Halloween anglosaxón; nun tempo en que os Composteláns andan a recuperar os taboleiros de tres en raia (167 descubertos nas laxes e adros de igrexas da capital), tanto ou máis importante é que os trompos non deixen de xirar. Os castros ficaron abandonados, e as línguas castrexas esquencidas. Non se diga que non aprendemos as leccións de historia, e hoxe, mañá e sempre, transmitámoslle ás novas xeracións a beleza e o aprezo por un xogo e por un pasado que nos fan mellores e máis ricos, e que constitúen un punto de apoio do que somos cuxo centro de gravidade, retrouso do da buxaina, nunca cae. ¡¡Trompos ao camiño, e que nunca deixen de danzar!! 

sexta-feira, outubro 29, 2010

John Adams en Galicia

(anaco do Canto LXV de Ezra Pound)

As leises dos visigodos e de Xustiniano aínda en uso en Galicia,
13 mulas 2 arrieiros chegando a Coruña ás 7
o porco deste país excelente e delicioso
tamén o touciño, o Xustiza Maior infórmame de que
a maior parte deles
engórdanse con castañas e millo
outros porcos din que se ceban con víboras
posíbeis importacións a España:
grans de tódalas clases, brea, trementina, madeira,
peixe salgado, espermaceti e arroz.
Tabaco xa teñen das súas colonias,
asi coma anil,
do tabaco do Rei toman 10 millóns de arrobas ao ano
Observei a damas que tomaban chocolate á española
comín a bordo da Belle Poule
Galicia, non hai pisos, senón o chan apisonado ata volvelo lama polo
home os porcos cabalos e mulas
non hai cheminé a medio ascenso ao rubir á recámara
había un lugar cuberto de palla
na cal estaba un porco para o engorde
enriba, o millo estaba pendurado de paus e de fendeduras
e nun curruncho unha arca chea de semente de nabo silvestre, ou colza
e no outro un celeiro cheo de avea
entre a cal durmín mellor que en ningures desque a miña chegada a España
En xeral os montes están cubertos de biorto
escasamente atopas olmo carballo ou outra árbore