Como de costume, amoréanseme cousas e imaxes dun xeito impresionista, o que obriga a tecer un lenzo de arabescos e cores contrapostas, anti-harmonías fóra da escala dodecafónica...
Onte, en vez de aplicarme ao sisudo estudo dos valores confucianos (metáfora incompleta dos temarios de opos que con algo de sorte me darán acceso ao mandarinato inferior dos mestres de secundaria...) estiven a pedir papeis e a vaguear por Compostela con ese malvado corruptor de maiores e menores que é
out of time man. Parte do parque de atraccións incluiu a visita ao novo
Couceiro, de numerosas plantas, co gallo de capturar as
'Crónicas de Gáidil', o primeiro xogo de rol en galego e que merece unha reseña máis polo miúdo (en próximos días, que aínda estou a ler o volume...). Polo de agora, agradecementos e entrantes podedes degustalos
eiquí.
Outro sitio onde estivemos e foi no novo restaurante Hindú que abriron en Santiago, cousa ben socorrida, xa que un dos legados da Experiencia Inglesa do mantedor, alén da língua, foi un vicio incurábel polos currys picantes e especiados... Xa fomos dúas veces en dúas semanas...
Dispersos despois polo remol culinario (Pablo abandooume para ir a aulas e logo a unha cea frustrada no restaurante Xaponés), tiven tempo de sobra para pasarme por un recital en Sargadelos, do que supoño aparecerá en breve a Crónica de Sociedade nalgures (no blog de Modesto, quizaves?). Senón, ou se o público a demanda, dareille saída e excusa para unhas liñas e unha entrada.
Tamén me chegou unha carta manuscrita de Sir Gawain dende París. Temos un curioso intercambio epistolar (Les Liaisons Dangereuses), xa que eu sempre lle contesto pola Rede, en parte polo horror vacui que me inspira a miña propia escrita (que insiste en ser árabe e occidental ao mesmo tempo, e merece Pena Capital por delitos de Lesa Maxestade contra a caligrafía). As cartas parisiéns rescatan doutra volta o fetiche da verba escrita e atesourábel en caixóns de sándalo, ou nunha persoal antoloxía da escrita do Meu Moi Querido metaformoseado en Vizconde Valmont, ao que tanto se bota de menos dende que xoga (tamén, noutro travestismo literario) a Gargantúa na Cidade das Guillotinas...
A breve incursión na Cova Filolóxica tamén descubriu a arqueoloxía do saber -sen excavar- dos muros de papel e dos vellos coñecidos e coñecidas que tanto boto de menos este ano, anque quizaves haxa unha posibilidade (estreita, coma ponte pendente sobre o paraíso) de que os poida ver máis a miúdo dentro dun tempo. Xa veremos, xa...
[entre as vistas, por certo, non podía fallar a Doncela de Xenxibre, o que me lembra que teño un texto pendente do Quinteto que me propuxera adicarlle; mans á obra, entón]
P.S.: Antes de liscar, as acuciantes demandas do Nadador e da súa política memeira conservadora e viciosa obríganme a adiantarvos tamén 8 esceas, ou momentos históricos dos que me recomendou falar. Cando estábamos no Instituto, o Mantedor labrárase a mantenta unha fama de articulista longo e infumábel. Nas páxinas da 'Casa da Gramática' podíanse topar baixo a grafía dos seus pseudónimos textos informes sobre os Reis Magos, a mitoloxía eslava, a Revolución Rusa e (oh la lá) máis de doce páxinas adicadas ás relacións comerciais do Exipto Faraónico, parte dun proxecto (afortunadamente) frustrado de trazar unha lectura marxista das Relacións Tributarias na Antigüidade dos Imperios de Oriente Próximo. Mais na Facultade, despois, non cheguei a aprender Sumerio, Acadio e Xeroglífico. E baixo o mesmo título que ese pequeno monstro do meu maxín ('Exipto e o Exterior'), eivos esmiuzar en anacos potábeis os oito momentos dos que me toca predicar.