sexta-feira, setembro 23, 2022
Elegy Written in a Country School
domingo, julho 17, 2022
O Vernero que foi: Xuño/Xullo 11
Nos comezos daquel verán remataba con sentimentos encontrados o meu primeiro curso lectivo dende o outro lado da aula. Botando unha ollada as entradas que escribín, vexo lecturas e reflexións, mais cuberto baixo o velo da discreción está un feito privado de máxima magnitude para o Mantedor: o 9 de xullo casaba coa miña dona e señora e daban comezo once anos de felicidade a carón da mellor muller do mundo, My other self, my council's consistory, My oracle, my prophet, a pedra estábel no medio do meu río de augas turbulentas nas verbas da poeta Tawara Machi que tivo a ben compartir comigo e converter no noso común emblema:
ゆく河の流れを何にたとえてもたとえきれない水底(みなそこ)
As datas epocais fundan as cronoloxías dos pobos e establecen o nacementos de novas eras; na miña cronoloxía privada, a presenza de Noriko na miña vida creou un Antes e un Despois de, e como tódalas transformacións revolucionarias, refixo e e reinterpretou o pasado á súa imaxe e semellanza. Ao respecto, e seguindo o antergo modelo da tipoloxía escolástica, recréome en conectar recordos da infancia e pensamentos da adolescencia con prefiguracións e intentos de descubrir á que daquela era un descoñecida que moraba no outro estremo do globo terráqueo.
Moi lonxe dese país onde nace o sol, perto das costas onde as tropas de Décimo Xunio Bruto imaxinaban escoitar o ruído do astro-rei ao afundirse nas augas, está a miña casa de Tavilo, en cuxa sala de estar tiñamos unha mesiña baixa de falsa decoración laqueada, unha chinoiserie de volutas douradas, madeira negra e groso cristal por enriba que agochaba e protexia a belidas damas orientais flotando entre nubes, pavillóns, e pagodas. O meu maxín infantil fantaseaba con traspasar o vidro e conversar cunha desas doncelas; moitos anos despois, a Imaxe fíxose carne e habitou entre nós, e tiven a sorte de coñecela e de persuadila para que seguise habitando comigo ata o día de hoxe...
sexta-feira, maio 13, 2022
O Vernero que foi - Marzo/Abril/Maio 11
Botando a ollada atrás, pouco que reseñar topo na escuma dos días dos comezos daquela primavera, agás quizaves a impresión de que os ciclos nos que estou iserto nas rutinas da primavera actual son máis ou menos os daquela, na primeira estación florida en que traballaba coma docente de EEOOII. Algo máis interesante foi a pequena visita a Madrid que debín facer aproveitando unha ponte como a deste ano entre fín de semana e Día das Letras Galegas, co gallo de asistir a unhas aulas da cerimonia xaponesa do té.
Na Vila e Corte, en efecto, está o único profesor da escola Urasenke que hai en España, Javier Soei Martínez Gil, e polo tanto, é o único sitio onde se pode un familiarizar con esta arte performativa xaponesa que estetiza de xeito requintado actos tan cotiáns coma os de xuntarse, comer e beber. Coma nunha peza de teatro semi-improvisado, o sadō (茶道) ten os seus actos e esceas, roles e posicións nun taboleiro de catro tatamis e medio mais, parcialmente, o xardín adxacente, xunto con guións máis amplo que mudan paseniñamente co paso das estacións, cos artefactos dispoñíbeis e cos convidados que veñen de visita. Aquí tedes, por exemplo, unha desas esceas: o anfitrión traendo os implementos. Parte disto (dobrar o pano, limpar a culler de madeira) é o que practiquei neses días.
Alén da distancia, outro obstáculo que me dificulta acudir a máis aulas é o problema do xeito formal de sentarse: o seiza require botar longo tempo coas pernas dobradas e sentado sobre os muslos e os xoenllos, o que acaba provocando dor e perda de sensibilidade aos que non están acostumados; a maiores, no meu caso teño uns xoenllos moi sensíbeis: unha vez mesmo sufrín un esvaemento logo de botar uns dez minutos cos xeonllos apoiados nun chan de madeira.
Por eses meses andaba tamén atarefado 'on the side' coa tradución ao galego do TAZ de Hakim Bey que me solicitara Roberto Abuín e a editorial Axouxere, e que estaba a realizar a dúas mans co entrañábel Pablo Varela Pet. Un texto curioso e algo psicodélico, mais que recomendo encarecidamente pola súa exploración de 'espacios outros' de liberdade, fuxidíos pero indestructíbeis na súa pervivencia e migración. Saiu publicada en xuño e presentámola nun acto moi entretido na Gentalla do Pichel.
sábado, fevereiro 12, 2022
O Vernero que Foi - Xaneiro/Febreiro '11
Hai periodos da vida inzados de actividade ou lecturas de relevancia; porén, os dous primeiros meses do 2011 pasaron polo meu ser sen deixar moito humus nutricio entre as miñas lembranzas, e unha rápida ollada a correos electrónicos daquela tampouco ilumina demasiado as tebras. Vexo que escribía moi poucas entradas na bitácora naqueles días, seguramente por mor do traballo (xaneiro e febreiro son meses atarefados nas EOIs, cando se ultiman, realizan e corrixen as probas de progreso). Tamén vexo no libro de area dixital que o Colectivo Sacou debeu celebrar a súa propia e peculiar Lupercalia cunha visita ao noso estimado amigo, oráculo e mestre máxico Roberto Abuín: quizaves unha visita rianxeira da que gardo algunhas fotos, ou outra na que fomos brevemente infame turba de nocturnas aves a carón dunha lareira, ou quizaves foi aquela outra cando a editorial Axouxere creou a súa residencia de escritores e os sacousos ficáramos a cear. Algún día eivos falar tamén doutra noite na salvaxe compaña de Roberto e Manuel López nun pazo falando (entre outras cousas) de amores, filosofía, México, o tarot, fume e as Meditacións de Marco Aurelio, pero tornando ao rego deste encontro do mes de febreiro, penso que tirei del un certo compromiso pola miña parte para facer unha tradución do TAZ de Hakim Bey que sairía publicada, penso, ese mesmo ano na colección co nome da miña musa favorita: Clío.
O verquido ao galego desa obriña, malia o seu pequeno tamaño, resultou unha coreografía a dúas mans, coa inestimábel cooperación de Pablo Varela, my favorite pet (e esta entrada xa vai collendo o aire oteriano do Libro dos Amigos). Ámbolos dous nomes aparecen, tímidos e algo fachendosos, na primeira das páxinas:
E anque o mantedor non teña nada de anarquista, místico ou sodomita, haivos cousas moi interesantes á marxe destas no libellus de Hakim Bey, e que fan que vos recomende a súa lectura (e non sexades malpensados, que non cobro dereitos de autor): sinaladamente, a idea da construción nómada de espazos alternativos e de resistencia que pola súa propia natureza -mariposa en cenizas desatada- só poden durar coma pequenos fogos fatuos, correndo daquí para alá, prendendo a lumes bravos e iluminando brevemente os currunchos menos sospeitados. Nese senso é unha utopía pesimista de torres evanescentes, anque por iso mesmo, en última instancia, irreprimíbel e indestructíbel, como a humana natureza.
terça-feira, dezembro 14, 2021
O Vernero que Foi - Decembro '10
Do primeiro que me chama a atención nas entradas de decembro, e en xeral, nas cifras totais do 2011, é o descenso total nos seus números, seguramente atribuíbel ao estrés e á carga de traballo que o primeiro ano na EOI me estaba a xerar. Unha idea que repito con frecuencia é que se precisan arredor de dous anos para "aprender as cordas", que é coma os ingleses lle chaman á adquisición das técnicas e ferramentas básicas dun oficio, e botando a ollada atrás, son consciente das poucas cordas que termaba, e do moito que me ficaba por aprender. Penso que alumnos e compañeiros foron moi pacientes, e agradézollo ben.
Como as aulas na sección eran polas tardes víame na obriga de desprazarme varios días a Pontevedra para realizar o curso de funcionario en prácticas, e penso que levaba os sonetos de Góngora comigo, o que motivou unha pequena conversa con Matilde, compañeira da opo e da EOI de Santiago ese ano e agora, e que logo de ver o libriño amarelo nas miñas mans soltou aquilo de "infame turba de nocturnas aves". Aves de noite e néboa que me acompañaban no percorrido en coche a través do Barbanza e polos altos de Moimenta, onde nunha determinada liña invisíbel do pobo a brétema desaparece ou aparece, segundo se baixe ou suba, un pouco antes dos invernadoiros.
A sección de Ribeira comparte edificio co Instituto Número 1, a carón dos areais de Coroso e do polideportivo. Estampas que lembro daquel ano son as do sol de outono quentando lenemente no paseo, os ventos e chuvias de forza considerábel (estabamos en primeira liña de costa, despois de todo) que poñían a un perdido no curto espazo dos desprazamentoas do coche ao centro; o son das sereas dos barcos recalando no peirao ribeirense; a praza algo destartalada e vexetal a carón da escola, onde a rapazada xuntaba nas súas manadas adolescentes, e as columnas de formigón arredor do centro, pintadas de cores nun intento inútil por aliviar a fealdade carcelaria habitual destes espazos.

No soneto gongorino que penduraba da dama que quitándose un anel, pinchábase cun alfinete vexo agora o espectro da miña dona, recén chegada do Xapón ese outono e que pasaba aquel Nadal por primeira vez na nosa casa. Na recén acuñada metáfora, sería eu o círculo de metal duro que a circundaba e traía á nosa terra, e a leve dor e sangue do alfinete o (en xeral) aburridísimo máster de edición de textos que ela tiña que cursar por mor dos problemas do visado. Ao voltar de noite ou polas mañás ociosas había regalarme os oídos con anécdotas sobre arquetipos, aparatos críticos, xeitos de impresión, stemmas, Joseph Bédier ou recén recalados docentes convidados e incertos encol da súa remuneración salarial (onde estará agora o profesor Labrador?).
Mais non anel e alfinete: a metáfora que máis nos gusta empregar para nolos dous é aquela na que ela é pedra e eu son río, extraída dun poema tanka do libro 'Aniversario da Ensalada' de Tawara Machi, e que dí así:
ゆく河の流れを何にたとえてもたとえきれない水底(みなそこ)
domingo, novembro 14, 2021
O Vernero que foi - Outubro / Novembro '10
Unhas semanas atrás fedellaba cun pen vello que deixara de funcionar e que de súpeto resucitou, dándome acceso a cousas que consideraba perdidas, coma o meu horario do curso 2010-11 e a memoria de prácticas de dito ano académico. Repasando sobre todo esta última, vexo que o grupo de Básico 1 que impartía contaba con 19 alumnos, dos que arredor da metade acudían regularmente a clase; os dous de Intermedio 1 tiñan 29 e 28 respectivamente, con asistencia bastante elevada (nunca por debaixo da docena no grupo co maior absentismo); e o DECEL para profesorado tiña 20 no papel, e entre 6 e 12 na aula. Isto casa bastante coa lembranza que teño de clases bastante multitudinarias, sobretodo contrastadas coas actuais.
Fóra das aulas era a época tamén en que colaboraba con artigos mensuais para o suplemento cultural galego do ABC e preparaba algunha que outra ponencia nas xornadas de Terra de Outes (desta volta, concretamente, os epitalamios na poesía de Francisco Añón), en ámbolos dous casos enleado polas malas artes do 'segredario' Ramón Blanco. Aquí o vedes presentando o parladoiro nun espazo pouco ateigado (iso non se ve na foto) da Casa da Cultura:
quarta-feira, setembro 15, 2021
O Vernero que foi - Setembro '10
Comezaba o curso 2010/2011, que ía ser o do meu ano en prácticas e primeiro tamén do meu traballo a tempo completo. Nas entradas literarias daqueles días, porén, nin releo referencia algunha á experiencia das primeiras aulas e reunións en Ribeira e Compostela. O meu horario incluía dous grupos de Intermedio 1 (o primeiro bastante numeroso: serían pouco menos de 30 alumnos), un grupo pequeniño de Básico 1 e outro por determinar (logo de dous meses, concretouse nun curso de nivel Intermedio 2 para profes). Nunca esquencerei os comezos da primera sesión lectiva, na aula "Exeria" do IES Número 1 de Ribeira: o agochado terror e pánico escénico, a morea de caras fitándome, o fervido repasar do lesson plan no libro e na cachola... O certo é que o primeiro ano foi un bo chisco estresante, como cando tes que aprender da nada a facer un traballo por primeira vez. Os resultados penso que foron dignos anque, dende a perspectiva do hoxe, moi mellorábeis, e agardo que os meus discentes daquela, moitos dos cales lembro con bastante claridade, non sufriran en demasía os meus primeiros e algo perdidos pasos docentes.
Tampouco presentes nas entradas están os trámites para traer á miña wife to be dende o Xapón, enrolándoa nun máster de edición de textos da USC, ou os traballos e os días no suplemento cultural do ABC, entre os que estaba a reseña da Antítese Nativa, de Manuel López. De seguir dito suplemento en pé, habían faltarme meses para todas as reseñas a publicar de Manuel hoxe, tras un par de anos en que recibiu mancheas de premios e outras tantas publicacións - o derradeiro comunicoumo un par de días atrás: o XXV Premio Avelina Valladares de Poesía.
Estes días Noriko anda traballando por Portugal, e xa mercou algúns pasteis de Belém e goiabada para traer de volta este xoves á noite. O ouruboros conecta en eterno retorno cunha das entradas daquel setembro, precisamente adicada á larpeirada lusitana que tanto me gorentaba e gorenta. É que coma dicía o poeta de Sulmo, omnia mutantur, nihil interit.
quarta-feira, agosto 11, 2021
O Vernero que foi - Agosto '10
Logo do triunfo estival nos exames de acceso ao mandarinato, a canícula de 2010 debeu ser unha época de pracer, descanso e lecturas intensificadas, anque a miña escasa memoria ten que recorrer a fotos e entradas vellas para iluminarme. Testemuño dos libros que navegaba son dúas entradas que releo e que me permiten reconstruír o groso de ditas lecturas; un proceso de reconstrucción e loita contra o tempo e o esquecemento facilitado a partir do mes seguinte polo comezo dunha sección/listaxe de libros lidos e/ou en curso como derradeira entrada mensual, e que me vai permitir, dende este setembro, crear unha nova sección de podcasts coas miñas lembranzas, valoracións e e interiorización de ditas lecturas.
Un pouso de fel dame ver a entrada (e a foto) da nosa cadela Clío, desaparecida nestes once anos entre noite e néboa; o libro que ela tamén tentara interiorizar por vía oral fica aínda no piso da rúa Capela, e este tarde funlle a tirar unha foto, testemuño mudo da súa ausencia e da súa inocente trasnada. Con gusto deixaríalle hoxe engulir boa parte da miña biblioteca a cambio de tela de novo a man, tirarlle das orellas e rascarlle o bandullo unha outra volta...
domingo, julho 04, 2021
O Vernero que foi - Xullo '10
Neste cesáreo mes de moitos anos atrás continuaba o proceso das oposicións de inglés con bastantes máis nervios que na primeira parte, xa que logo de que me saíse aquela sorpresivamente ben, apalpaba posibilidades moi reais de sacar a praza. A espera nos corredores do conservatorio de Ourense, baixo a aperta dun calor abrasador e coa ollada ausente a percorrer cartaces de estilos e compositores musicais é o segundo momento de maior tensión do que gardo memoria, só superado polo nacemento prematuro do meu pequeno, dous meses antes de tempo e moitos anos máis tarde...
O día 22 era oficial, e celebraba a miña incorporación á docencia con imaxe e metáfora dos mandaríns do Imperio do Medio, con data e certificado do 進士, cun horizonte de expectativas completamente novo, e cun peche e apertura simbólica de portas que tornan este mes, nun calendario subxetivo, mais no Ianuarius bifronte e bicéfalo ca no mes do Divino Xulio.
Pechadas as Portae Belli, topaba xa máis tempo para lecturas e reflexións; unha que rima con inquedanzas actuais é unha peza de cerámica Mogollón; recentemente lín sobre outra mostra de arte pre-colombina dos actuais Estados Unidos: unha paipa para consumo ritual de tabaco con forma de londra e que se agocha agora non nos túmulos do Mississippi, senón nas paredes do British Museum. E falando de portas que abren e que pechan, qué mellor que rematar con aquelas das que fala Penélope nos versos de Homero:
quarta-feira, junho 09, 2021
O Vernero que foi - Xuño '10
Nos comezos do verán do 2010 tivo lugar un feito que transformou radicalmente a vida do mantedor: as oposicións de ensino secundario - inglés ás que me presentei e que, con certa sorpresa, fun quen de aprobar. Como penso que xa vos teño comentado en máis dunha ocasión, que me presentara este ano por esta especialidade fora accidental, e motivado pola ausencia de oposicións de historia. Non era moi optimista: levaba aceptábelmente ben preparados algo menos de trinta temas (e de xeito moito máis precario do que levara os de historia), anque podía contar coa ventaxa comparativa da miña fluidez quase-nativa na língua de Shakespeare. Superar oposicións case sempre implica unha combinación de preparación e de sorte; cando un caluroso día de San Xoán, no conservatorio de Ourense, os administradores do exame nos leron os temas escollidos no sorteo, deuse a grata fortuna de que podía redactar tres dos cinco, e concretamente, aquel que escollín, o sesenta e un ("The impact of cinema on the diffusion of literary works in the English language"), era o que mellor podía facer con diferenza de todo o temario, tanto por interese e cultivo persoal coma polo recén rematado máster que fixera o ano anterior e que me dotara de moitas ferramentas e coñecementos a maiores nese eido.
Os exames continuarían o mes seguinte, éses con moito maís estrés e nervios, motivados en boa medida porque sabía que a proba escrita me tiña que ter saído moi ben e que quizaves tiña posibilidades moi reais de superar o proceso. Entrementras, coa programación xa feita e ensaiada, seguía a darlle voltas no maxín a un dos meus hobbyhorses daquela e de agora, as obras literarias de William Gibson e a posibilidade de facer unha tese doutoral encol delas. A mesma idea segue no aire coma un proxecto que sempre adío por unhas ou por outras razóns, mais son moderamente optimista de que a tal tese estará redactada e presentada antes de que pasen outros once anos e bote a ollada atrás ao (agora) presente desta escrita.
quinta-feira, maio 06, 2021
O Vernero que foi - Abril/Maio '10
Nunha algo frialleira primavera do presente e con resfriado de cambio de temperaturas engadido, boto a ollada atrás ao muro de néboa dos meus tempos idos, tentando lembrar (con axuda das vellas entradas) os costumes e o que me andaba no maxín once anos atrás. Supoño que andaba moi atarefado estudando os temas da inminente oposición (anque só se transparenta parcialmente nunha entrada sobre o Keywords de Raymond Williams). Topaba tempo, porén, para varias lecturas que se transparentan (as memorias da Pasionaria, o opúsculo contra a posmodernidade de Alex Callinicos) e por suposto, para facer tartas e conservas de moi diverso tipo, que despois enguliría con larpeira delectación.
O que máis me chama a atención e a foto da feixoeira, que sufrira os embates dun vento afuracanado no inverno que a tronzara severamente; en abril botou a brotar e anos despois podédela ver esplendorosa, auténtica cornucopia de produtividade, na seguinte imaxe que lle tirei hoxe á mañá:
Coa perspectiva dos anos, permítome xogar a ler un aquel profético no evoluír da mirtácea da nosa horta: a pranta mancada simbolizaba as miñas malas perspectivas laborais daquela, un humanista e tradutor no medio do vendaval da Grande Recesión e coa táboa de salvación da función pública flotando coma un espellismo no horizonte. Meses despois, tal o peregrino errante de Góngora, había saír a flote dun océano de adversidades:
Del siempre en la montaña opuesto pinoAl enemigo Noto
Piadoso miembro roto
—Breve tabla— delfín no fue pequeño
Al inconsiderado peregrino
Que a una Libia de ondas su camino
Fió, y su vida a un leño.
Del Océano, pues, antes sorbido,
Y luego vomitado
No lejos de un escollo coronado
De secos juncos, de calientes plumas
—Alga todo y espumas—
Halló hospitalidad donde halló nido
De Júplter el ave.
terça-feira, março 02, 2021
O Vernero que foi - Marzo '10
Foi o marzal do 2010 cando descubrín unha certa vocación pasteleira, que me levou a realizar unha decena de tartas neste mes e seguintes, e a reencarnar dun certo xeito a fantasía do musical sobre un pasteleiro trotskista de Nanni Moretti, anque no meu caso non me botase a cantar, escoltado por vedettes e música de fondo...
quarta-feira, fevereiro 24, 2021
O Vernero que foi - Xaneiro / Febreiro '10
Algunhas cousas parecen non mudar nunca. Botando a ollada atrás ao que me irritaba nos comezos da segunda década do século, vexo as miñas protestas polos e-books caros (aínda faltaban por sumarse as relacionadas co tamaño e tinta electrónica dos e-readers). Como un terreo que xa dou por perdido, as miñas queixas actuais céntrase na descendente calidade dos libro impresos. A impresión baixo demanda pode ter cousas boas (por exemplo, dispoñibilidade permanente dos libros do catálogo) pero faise ao prezo de libros materialmente miserábeis, colados (con indiferencia de seren de tapa branda ou de tapa dura), impermanentes.
Outras cousas sí que mudan, e considerábelmente. Non falo das avances da idade, ou da (algo máis ca unha) década prodixiosa deste docente; neste par de meses que rememoro, e alén de abandosa literatura xaponesa clásica, lín un libro, que reseñei, e que influiu de xeito moi relevante nunha mudanza masiva no meu xeito de ver as cousas, políticamente. Non é que xurdira da nada, mais cando trazamos historias (xa sexan persoais ou nacionais) hai eventos concretos que consideramos catalizadores de cambios, marcadores definitivos de inicio e de fin. Anque non o pareza de todo no ton que adopto na devandita reseña.
domingo, dezembro 13, 2020
O Vernero que foi: Decembro '09
Finaba un ano máis, o derradeiro que me ía pillar sen emprego estábel e incorporado á orde mandarinesca para a cal daquela seguía a estudar. Anque non vexo referencia algunha na bitácora, penso que foi por decembro cando saiu o anuncio da convocatoria de 2010, anuncio que me deixou xeado ao non incluír Xeografía e Historia entre as especialidades e obrigándome, moi ao meu pesar, a preparar de xeito apresurado e pouco optimista as de secundaria - Inglés. É que como canta o himno de William Cowper, God Moves in a Mysterious Way.
Alén de ler ao Dante a moita literatura xaponesa, andaba ás voltas con contos do e-book e do e-commerce. O 2009 era o quinto ano desque comezara a mercar libros por Internet; algunhas cousas cambiaron moito dende aquela: os gastos de envío internacionais dende EEUU multiplicáronse por 4, por exemplo, o que en boa medida explica que usaba moito o Amazon usano e agora emprégoo ben pouco. A tenda amazónica expandiu tamén e absorveu a outras empresas ás que lle mercaba, coma Abebooks ou (máis tarde) Bookdepository. Ebay resultaba útil de cando en cando naqueles días, pero a día de hoxe xa non fai subastas e vende máis caro que o Grande Competidor. Unha das poucas cousas que non mudou en absoluto é a inutilidade das alternativas hispanas: Casa del Libro segue a ser igual de lenta e ineficiente, anque parece que xurdiu un novo portal para conectar directamente libreiros e compradores que debera resultarme útil á hora de mercar libros patrios (cousa sempre complicada, xa que as editoriais destrúen moi rápidamente stocks vellos, e a distribución é daquela maneira. Non sabedes a de voltas que tiven que dar recentemente para conseguir a versión de Mío Cid que publicou a RAE non van tantos anos atrás).
Facendo un pequeno exercicio numérico, nos anos 2008-2009-2010 vexo que mercaba arredor de 30 libros online por ano (logo de ascender ao mandarinato, subirían ata a cifra relativamente estábel de 50-60 que continúa na actualidade). Dos exactamente 29 do 2009 uns 2 procedían de Ebay (7%), 3 de Abebooks (10%), 4 do Amazon británico (14%) e 20 do americano (69%). Facendo a comparativa con este ano onde abusei algo máis do habitual-, dos exactamente 65 do 2020 uns 2 viñeron de Ebay (3%), 5 de Abebooks/Iberlibro (8%), 1 do Amazon británico (1.5%), 5 do americano (8%), 15 do español (23%), 1 do alemán (1.5%), 12 de Alibris (18%), 3 de Thriftbooks (5%), 13 de Springer (20%), 1 de Wallapop (1.5%) e 7 doutros vendedores (10.5%). Pódese concluír que diversifiquei un chisco os espazos das compras electrónicas.
sábado, novembro 28, 2020
O Vernero que foi: Novembro '09
Botando a ollada atrás, vexo que un feroz vento outonal fería gravemente á feixoeira que temos a carón das escaleiras da horta; ben lembro a imaxe e a mutilación, e nalgures (pensei que na bitácora, pero non) pendurara fotos do dano; mais coma a Besta do Apocalipse, a árbore sandou e segue ergueita, nobre e poderosa a uns cantos metros de mín no intre de escribir estas verbas. Debera engadir a xenerosidade entre as súas virtudes, pois segue ceibando ofrenda abondosa de froitas na temporada.
Lía naquel Ventôse solitario, entre outras tarefas e repasos de temario, o Diario Poético da Dama Daibu, que disfrutei grandemente, e do que aínda hoxe me custa entender a displicencia coa que o seu tradutor o trataba; pode que comparada con outras obras coetáneas sexa convencional e estereotipada, mais tivo o privilexio de ser dos primeiros textos do seu xénero que lín; a maiores, a miña simpatía polo clan dos Taira non podía máis que elevar nos meus ollos a unha cortesá que gozou dos éxitos e sufriu os ocasos destes. Anos atrás tiven ocasión de homenaxear con incenso e xenuflexión aos guerreiros e cortesáns Heike moi perto das ondas da súa derradeira derrota, en Dan-no-ura, nos estreitos de Shimonoseki, e de escoitar a unha artista cantando anacos da súa épica tralas portas vermellas e brancas do santuario de Akama (赤間神宮).
Once anos despois sacudo o po acumulado do Diario e busco un poema axeitado para esta noite; logo dunha pequena pescuda, doume por satisfeito con este:
A crocante xiada encol
das eiras amurchadas,
quarta-feira, outubro 14, 2020
O Vernero que foi: Outubro '09
Viaxando a través das vellas entradas ao outubro de van once anos, aparéceme diante dos ollos o Mantedor daquela e a súa vida; o máster do universo ficaba rematado, e ancorado nun certo día da marmota, a miña vida cotián nos últimos meses do 2009 volvía en parte a dous anos atrás. Os días adicábaos a ir preparando de novo as oposicións de Historia, pulindo os temas ata o troppo finito, e con algo de exercicio físico na forma de carreiriñas de arredor dunha hora. Ficaba enraizado na casa á que non había tanto que nos mudáramos, con moi pequenas excursións máis alá, incluíndo a sonada e multitudinaria manifestación a prol do galego do 18 de outubro, que acapara dúas breves entradas visuais, ou unha pequena visita a Rianxo para conectar cun dos numerosos e fascinantes proxectos do filósofo e mestre máxico Roberto Abuín, e que me enleou para traducirlle o TAZ de Hakim Bey para a súa nacente editorial Axouxere. No eido das lecturas, albisco que andaba ás voltas co excelente The Black Jacobins, de CLR James, apoixonada e épica crónica da revolta de escravos de Haití (1794-1803), e co teatro noh. Por esas ou similares datas chegábanme tamén de América e lía Keywords: A Vocabulary of Culture and Society de Raymond Williams, unha especie de mini-diccionario marxistón da cultura e The Jews of Khazaria de Kevin Brook, unha crónica dun curioso estado turco alto-medieval cuxas élites se convertiran ao xudaísmo.
Navegando no correo topo como curiosidade un texto literario que debín escribir para a revista Terra de Outes -encirrado por Ramón Blanco- encol da capela de Santiago, no centro da vila. Para o voso disfrute, aquí vos vai esta Danza Tumultuosa do Espectro Arquitectónico:
Mas no de esotra parte en la ribera / Dejará la memoria en donde ardía. Coma nos versos de Quevedo, destoutra parte da ribeira do Tines ardeu nos tempos da guerra e de paixóns encadeadas a capela de Santiago. Mais as chamas deste incendio que a asaltaban non eran das metafóricas, e esfarelaron coa pedra vella e o espazo sacral. Corresponderíalle despois ao réxime nacional-catolicista dar comezo á reconstrución nos falsos anos da paz, mais de novo a metáfora insire, tenaz, na construción arquitectónica. Tal como testemuña a fotografía e a realidade actual do que se acerca ao templo, os soños neo-románicos ficaron reducidos á parte baixa do templo, onde o simulacro das arquerías fai un pétreo arco-da-vella por riba duns capiteis ben modestos e lonxanos da reviravolta bestiaria ou naturalista que ascendeu ao alto en San Martín de Frómista ou nos capiteis historiados das catedrais. A reconstrución incompleta transmuta a pedra polo modesto tixolo e encalado e os grosos cristais esmerilados (branco e verde en forma de cruz) que fan un pálido eco das vidreiras.
Mais o lume, coma nos heroes homéricos, consumiu a carne –ou a pedra– que facía de cárcere e prisión inxusta para os anhelos da igrexa. A súa pantasma asenta as raíces e a nova pedra fundacional nas ribeiras máis tépedas e tenebrosas do Leteo; co tempo decide quizais emigrar nunha peculiar viaxe ou peregrinación á Pantasma das Cidades, un espazo plátonico e ideal onde conviven en tumultuosa danza e disharmonía tódalas cidades e edificios que algunha vez foron nalgún lugar da terra. Miles de formas e de estilos estenden en todas as direccións, tecendo un tapiz onde as torres, os minaretes, os pazos e templos e as prazas son coma cores dun cadro, ou notas dunha complexísima e interminábel melodía. A carón de espléndidas avenidas, a Capela de Santiago contempla as estatuas e as árbores mortas, e admírase dunha cidade carente de habitantes vivos e cuxa razón de ser é a de rememorar os espazos perdidos para os homes.
Miramos de novo para o abano matizado de grises da estampa que o tempo quixo apreixar para sempre: o edificio a medio facer evoca o encanto da ruína, a noción do tempo e da prisión de Cronos, o implacábel, o ancián que remata adiantando a todos na carreira. É ben sabido que os arquitectos historicistas de finais do século dezanove gorentaban de construír falsas antigüidades e construcións ruinosas coas que agasallar ao paseante de parques e xardíns. Na peza a medio facer inscríbese un teorema de posibilidades pasadas ou futuras, espirais de tinta rosada, escarlata e cobalto, e un aviso terminal e certeiro do carácter inxenuo, ilusorio e da insatisfacción última que conleva a pedra final ou a restauración máis ou menos afortunada. Mellor xogue o espectro e dance a arquitectura invisíbel; despois de todo as pedras Serán ceniza, mas tendrá sentido. Na poeira desta cinza erguemos unha nube e escalamos (asaltamos) os ceos para negrumear dende as alturas e seguir á igrexa inmaterial no seu paseo pola Pantasma das Cidades.
sábado, setembro 12, 2020
O Vernero que foi - Setembro '09
A chegada do outono topábame co máster do universo rematado e ben rematado, e coa volta á rutina de estudo e preparación de oposición que deixara aparcada por un ano. Contaba erradamente, como se demostraría uns meses despois, con que o ciclo bienal -tal as cenouras- había traerme en 2010 un segundo intento de acceder ao mandarinato inferior de Xeografía e Historia, e comecei a repasar novamente o temario. On the side, proseguía a miña colaboración co suplemento cultural do ABC galego, que neses días me deparou a agradábel sorpresa dunha entrevista a Salman Rushdie na Fundación Caixa Galicia de Coruña, onda mariña de cristal e metacrilato adentrándose nos cantóns da cidade medieval.
De Rushdie só lera daquela Os Versos Satánicos, cortesía dos fondos sen fondo da facultade de filoloxía; levaba para asinar a recén saída A Encantadora de Florencia (edición en inglés de tapa branda; moi difícil conseguir en pouco tempo unha edición máis permanente), que había ler tempo despois, xunto coa que discutíbelmente é a súa mellor novela, Os Fillos da Medianoite. A seguinte que querería ollar é Shame, mais (volvendo ao rego do fetichismo das edicións) aínda non dei topado unha edición boa que mercar.
A entrevista (breve, e moi mellorábel; seguramente a poidades topar logo dalgunha pescuda virtual) permitiume, porén, estar perto do Grande e parolar un chisco con este xenio de Mumbai, algo que un mitómano coma mín non deixa de agradecer.








