Mostrar mensagens com a etiqueta Nathaniel Hawthorne. Mostrar todas as mensagens
Mostrar mensagens com a etiqueta Nathaniel Hawthorne. Mostrar todas as mensagens

sexta-feira, outubro 21, 2005

A Letra Escarlata

Chove en Santiago. Da miña retirada vida monacal compostelá tráiovos uns comentarios arredor da última novela que acabo de ler, e que me deixou moi gratamente sorprendido: "A letra Escarlata", de Nathaniel Hawthorne.
Na peza (máis propiamente romance que novela, anque non imos entrar agora na casuística das diferencias) asistimos ás desventuras de Hester Prynne. A Nova Inglaterra do século XVII vese trastocada co nacemento dunha nena, froito de adulterio, que dá a luz a protagonista. Obrigada pola ruda poboación puritana a vestir de por vida a letra escarlata na súa vestimenta, Hester loitará contra o ostracismo e a vergoña, recuperando co tempo a estima da súa comunidade. Con Hester suben ao estrado dos personaxes destacados a súa filla Pearl, 'pequeno elfo', o crego Arthur Dimmesdale e o marido burlado, Roger Chillingworth, na implacábel pescuda de vinganza.



Teño que confesar que a priori partía de bastantes prexuízos con respecto ao autor, que ten fama de abusar das alegorías e do moralismo nos seus escritos, cousa que atestiguan, malia tamén ter unha calidade máis que aceptábel os seus relatos breves 'My kinsman, Major Molineux' e 'Young Goodman Brown'. Nembargantes, a 'Letra Escarlata' (anque inclúa estes elementos) é unha peza excepcional, na que parece producirse a cuadratura do círculo: amena e divertida ao tempo que sólida alimentación estética e espiritual.
Porque a obra fai pensar e sentir, e escapa de mistificacións simplistas. E anque sempre sorría malévolamente cando se esgrimen argumentos sobre os valores morais, éticos e políticos nas pezas literarias, e sobretodo se van na liña dos valores 'humanistas' da escrita, e da aportación que ésta faría ás persoas (facéndonos máis tolerantes, sabios e mellores), debo confesar que esta peziña está moi cercana a cumprir algúns deses obxetivos satisfactoriamente.
Por todo iso, anímovos a que, cando teñades un intre, lle botedes un ollo. Tampouco é demasiado gorda (unhas duascentas e pico páxinas), ou sexa que xa sabedes...