Mostrar mensagens com a etiqueta calendario republicano francés. Mostrar todas as mensagens
Mostrar mensagens com a etiqueta calendario republicano francés. Mostrar todas as mensagens

quarta-feira, dezembro 26, 2007

Calendario Republicano

Saúde e Fraternidade, Cidadáns!

O Mantedor confesa que precisamente nestas datas xudeo-cristiás, séntese máis e máis namorado do Calendario Republicano Francés, aquel que impuxeran os Xacobinos durante os trece anos que van dende o 24 de Outubro de 1793 (ou máis propiamente: o 3º de Brumario, ano II) ate o 1 de Xaneiro de 1806 (o día despois do 10 de Nivoso, ano XIV), fecha na que ese déspota e tirano a cabalo que era Napoleón Bonaparte restaurou a conta polo Vello Réxime. Xa con anterioridade se suspenderan algúns dos intentos de crear tempo e reloxos decimais, igual que o metro, mais a iniciativa callou menos aínda que o calendario, que só sería restaurado anos despois, na breve aurora boreal da Comuna de París (do 16 Floréal ao 3 Prairial, Ano LXXIX).



En pequena imitación, hai que dicir que tódalas revolucións (e algunhas contrarrevolucións) crearon calendarios novos, subordinados as máis das veces ao común e universal. Os soviéticos adaptaron a Rusia ao calendario gregorián nada máis tomar o poder (e nos anos 30 experimentaron cunha versión reducida da semana e meses máis regulares para fomentar a productividade laboral); Corea do Norde segue a rexirse polo calendario Juche (que parte do momento da concepción do 'Querido Líder'); en Cuba seguen a contarse os anos dende o triunfo da Revolución, e o Franquismo tenebroso agasalláranos o fenómeno local cos números romanos do 'Ano Triunfal' dende o ominoso golpe de estado...

O Francés, nembargantes, segue coa primacía. Calendario fermoso e racional onde os haxa, malia algúns desaxustes á hora de fixar o comezo do ano (no Equinocio de Outono) e no axuste dos anos bisiestos... Só algúns dos seus meses entraron no imaxinario colectivo, coma o 18 Brumario (o golpe de estado de Napoleón) ou Thermidor, cando rodaron as cabezas dos Xacobinos.

Mentres busco o calendario francés deste ano para ir colgando na parede, déixovos cun programiña que vos permitirá doadamente facer as transferencias...