Mostrar mensagens com a etiqueta verdade. Mostrar todas as mensagens
Mostrar mensagens com a etiqueta verdade. Mostrar todas as mensagens

segunda-feira, junho 21, 2021

Truth and Beauty

Na congreso de Teorías de Cordas do ano pasado, Robbert Dijkgraaf ten unha magnífica conferencia sobre as relacións da física e a matemática, beleza e verdade que estou a volver a ver e que recomendo encarecidamente:



Dijkgraaf, que é o actual director do Institute for Advanced Studies de Princeton fai honor a este e ao lema de dita institución, en cuxo selo fican representadas, unha a carón da outra, a Verdade e a Beleza, que tamén son musas de FraVernero.

segunda-feira, dezembro 21, 2020

Loyalty versus Truth

No Exemplo XXVII do Conde Lucanor, Don Juan Manuel vennos a dicir que a muller ideal é aquela disposta a concordar co seu home en todo e a ver o mundo a través dos seus ollos, e exemplifícao coa historia de Alvar Háñez 'Minaya' e dona Vascuñana, que está disposta a defender que as égoas son vacas, as vacas égoas e a corrente dun río discorre en sentido contrario se tal é a opinión do seu marido. Malia que o autor pretenda moderar un chisco esta sumisión ("Et non entendades que fazía esto por le lisoniar, nin por le falagar"), esta fábula envelleceu mal, e contrasta non pouco coa inmediatamente anterior "de lo que contesçió al árvol de la mentira".

Anque mil anos anterior, resulta moita máis asisada a crítica que cun exemplo similar realiza o Gran Historiador Sima Qian do malvado eunuco Zhao Gao e que deu orixe a un idiom chinés que significa 'mentir deliberadamente'. A frase é 'chamarlle cervo a un cabalo' (指鹿為馬), e a historia que a orixina dí así:

"Zhao Gao estaba a cavilar en traizón, mais tiña medo de que os outros oficiais non fixesen caso das súas ordes, así que decidiu poñelos a proba primeiro. Fixo traer un cervo e presentoullo ao Segundo Emperador, mais alcumouno 'cabalo'. O Segundo Emperador riu, e dixo: 'Estará confundido o chanceler, chamándolle cabalo a un cervo?'. Logo o Emperador preguntou ao cortesáns que o rodeaban. Algúns ficaban calados, mais outros, desexando quedar ben diante de Zhao Gao, dicían que era un cabalo, e outros, que un cervo. Zhao Gao encargouse secretamente de levar ante os tribunais a todos os que dixeran que o animal era un cervo, e fíxoos executar ao instante. A partir de entón, tódolos oficiais ficaron aterrados de Zhao Gao".