Mostrar mensagens com a etiqueta capitais. Mostrar todas as mensagens
Mostrar mensagens com a etiqueta capitais. Mostrar todas as mensagens

terça-feira, abril 20, 2010

Parecidos Razoábeis

Cando hai dous anos andivemos por París, por mor do congreso Urbes Europaeae, unha das visitas que fixemos foi á basílica de St. Denis. Alí é onde se enterraban os reises de Francia, e o edificio é unha das primeirísimas pezas do arte Gótico francés -alomenos polo que toca á súa cabeceira, reformada baixo a dirección do abade Suger-.

Polo que toca á portada, esta sería ao parecer moi semellante ás que tiña a nosa catedral Románica de Santiago na época de Xelmírez. Podedes facer o contraste a través de maquetas e fotografías: esta dabaixo é unha das que saquei in situ:


De tódolos xeitos, o máis vistoso está nas vidreiras do interior, que pouco ou nada lle teñen que envexar aos conxuntos de Chartres, Notre-Dame ou a Sainte-Chapelle. Unha das que tamén retratei contén a famosa 'árbore de Xesé', ou xenealoxía de Cristo que tamén podemos ver en Compostela, no parteluz do Pórtico da Gloria. De volta ás xanelas parisinas, constatar que o bo do abade tivo a pequena vaidade de retratarse nela, no ángulo inferior dereito...

terça-feira, maio 20, 2008

Kafkiana

Dende logo, palabras como esa naceron para describir o edificio principal da Universidade de París 8 (Vincennes-St. Denis), e iso que un, dende a súa inxenuidade provinciana e periférica, pensara telo visto todo no que se refire a facultades atroces. A entrada no edificio non tiña perda: ficaba xusto enfrente da parada do metro. O problema, nembargantes, non era entrar, senón saír, xa que o labirinto interior desnortaba cunha grande facilidade...



Unha vez no interior da balea de cemento, o primeiro espazo que topabas era un engadido posterior, algo menos feeiro que o resto do edificio, con escaleiras mecánicas de subida, unha biblioteca e un longo pasadizo que che levaba ate a vella facultade. Esta era unha especie de patio interior cuadrangular, con escaleiras rubintes en tódolos currunchos cara quen sabe onde, unha descendente cara espazos sen saída (e o que despois descubriríamos que era o comedor universitario), unha pequena e cutre cafetería xusto no alto, e unha sospeitosa sala con tubos de neón (aínda agora discutimos os seus posíbeis usos, xa sexa 'picadero' oficial, bar ou o laboratorio dalgún inventor tolo...). Seguindo o camiño de cartaces (non baldosas) amarelos, tiñamos que tomar polo pasadizo de fronte, e virar á dereita nunha escalinata que viña precedida por unha fonte 'morisca' (???) chantada no chan, sen utilidade aparente (práctica ou estética) mais de certo uso no mapear destas escaleiras parisinas de Escher. Á dereita e á esquerda atopábamos toda unha galería de portas de latón/aluminio suxo e reflectante e algún que outro televisor abandonado antes de chegarmos á planta darriba, onde (sala 251) tiña lugar o Congreso. Eiquí a xeografía tornábanse un chisco máis humana, co cemento das paredes pintado, un balcón amplo e (despois de moito buscar, que non deron aparecido rápido) algún que outro cuarto de baño, a sala do café (que sistemáticamente remataba cando eu entraba nela, independentemente do momento que escollera para facelo) e unha aula de informática.

Con todo, o espazo préstase algo para os mitómanos, xa que os seguidores do Maio Francés, aquela algaradiña estudantil de fai 40 anos da que non me acordei por eses días (o exabrupto da adicatoria espontánea da miña charla foi para a Comuna de París, que tamén cumpría aniversario en números menos vístosos -137 anos- polas mesmas datas), gustarán de lembrar que a Universidade de Vincennes naceu estreitamente vencellada á frustrada revolución. Rápido tornou acubillo dos estudantes e dos profesores máis radicais, sobretodo no departamento de Filosofía (debía ser unha imaxe pavera a de Foucault e os alumnos guindándolle pedras á policía dende dentro da Facultade); os estudantes recomendábanlle os cursos aos mestres -na maior parte dos caso, con temas de materialismo, dialéctico ou non, e un forte tufo maoísta-, entre os cales descolaban o Foucault xa mencionado, Deleuze, Guattari e a filla de Lacan, Judith Miller -pouco tempo despois despedida e reducida a profesora de liceu polas súas 'actuacións'-. Mais todo isto acounteu noutro lugar, creo: nos 80 a universidade 'relocalizouse' en Saint-Denis, e agora limítase a ser a parte 'Disneylandia' do seu balieue (xunto coa basílica e o concello nos arredores; paseando por eses espazos e vendo as casiñas burguesas e axardinadas, custa lembrar que un está no escenario das máis famosas queimas de coches e motíns urbáns que encabezaban as novas o ano pasado).

Esta foi a pequena tribuna na que pontificamos os días pasados de comezos-mediados de Maio. Mais posto o telón de fondo do edificio, sobre as charlas na aula 251 falaremos noutra ocasión...

sexta-feira, maio 16, 2008

Zazie (ou Vernero) dans le metro

Ah, o metro de París... serpe flexíbel, salmántiga envisgada que te acusa, microcosmos subterráneo, panza da balea con monicreces -non de madeira e orellas de burro, senón de carne, ferro e peluxe mol-, tobeira agochada de millóns de homes, ratas e baldosiñas negras de insectos de charol chic rispando xusto detrás dos azulexos brancos. Parafraseando ao poeta, 'o metro é a virxe / dos tempos modernos'.

Debo confesar a miña rotunda simpatía por este medio de transporte, tanto nas súas glorias como nas súas miserias. O metro (e o de París é o que lle puxo o nome en línguas hispánicas ao transporte baixo terra, coa súa auroral Compagnie du chemin de fer métropolitain de Paris, logo abreviado en Métropolitain, e aínda máis recurtado en Métro) é sempre un dos espazos no que máis me fixo cando viaxo a unha grande cidade; e o tempo que paso estudando as liñas de cor fosforescente é simultanamente de descuberta e fascinio. A súa xeografía ecoa as Cidades Invisibles de Calvino, e cada estación é un mundo de diversa tecnoloxía e adorno, mestura do vello e do novo, de graffitti, suicidas e marcas de humidade tocando un coro en Allegro con fuoco para mellor e máis rapidamente mover a inxente e apretada magma dos corpos en movemento. Espazo de tránsito, espazo público intermediario, que é tamén un corte vertical no fresco ou tapiz da sociedade, xuntando en (non tan) leda camaradaxe ás distintas clases nuns tubiños reducidos onde a violencia reprimida e a desigualdade exuda dos poros co aroma acre a suor de tantos membros apiñocados...

O tópico agora sería Pound (At a metro station) ou as bocas infernais do teatro sacro medieval -ou do Greco: véxase 'O soño de Felipe II'-. Mais como xa dixen, para mín o transporte subterráneo é un espazo de exaltación, tan intensa como as cores das súas liñas, que cifran unha escrita oculta de paradas e de números. Cada liña é unha historia coidadosamente trenzada con outras liñas e historias: o ton ven dado pola lonxitude, a cor aguda, o exotismo agochado nos nomes de persoas e de lugares: Place d'Italie en laranxa, liña 5, onde Goethe descende para ver florecer o limoeiro e recender un chisco das flores de azahar e o clima meridional, liberado dunha prisión inexistente (Bastille) e tropezando co nudo, ou escenario para despois dunha batalla: Stalingrad. Dúas portas (All along the Watchtower) pechan a mini-cidade da liña 4, en Morado: da Porte de Orleáns á Porte de Clignancourt. No medio, a transversal que fai de camiño máis curto corta coa liña 12, de intenso verde esmeralda, serpe emplumada, en Marcadet Poissonniers, a unha parada tan só da destartalada Jules Joffrin (e qué historia se agocha detrás dese nome, tan xordo e baleiro significante pra mín coma calquera ringleira de xeroglifos do templo de Luxor?). Logo a longa liña turquesa, entre azul e verde claro, que lambe lixeiramente o terrón de azucre negro das banlieues: 13 -St. Denís -Université, onde cada un dos pasados días tornábamos á luz dunha facultade incríbelmente fea incluso para o padal máis acostumado a certas feísimas construccións compostelás. E máis liñas, e máis cores, e máis nomes, engrandecido simulacro dos cables da luz cos que xogábamos a facer pulseiras, non mapas da gran cidade, nunha idade que xa parece infinitamente remota...

Ei-lo metro, un chisco do seu encanto e unha proposta, derrotada de antemán, dun mapear inmapeábel da cidade amada, soterrada 'sen que fose nunca nosa'. A outros xeógrafos lego a labor imposíbel, mentres eu sigo xogando cos diversos cables -vellos e novos- da nostalxia.

Post Scriptum: Para a miña vergoña e oprobio eterno descubro agora que Jules François Alexandre Joffrin foi un socialista, un dos loitadores desa Comuna de París que tanto admiro e cuxos espazos e restos tanto agocha a grande urbe...

quinta-feira, maio 15, 2008

Entremeses varios

[No sentido cervantino, claro. Deixámoslle o podio aos versos de Agustín de Rojas Villandrando cando dicía aquilo de: 'Y entre los pasos de veras /mezclados otros de risa /que, porque iban entre medias /de la farsa, los llamaron /entremeses de comedias']

Na vida, como na escrita, soen alternarse periodos nos que tes moito que contar e pouco que facer, e viceversa (e tamén os peores, nos que non tes nada que dicir nin que facer). Na bitácora alternan os meses de dique seco cos de entradas case a diario. Estes días andan moi revolucionados, pois alén do anecdotario de París e do Montclair teño a ledicia de anunciar que o compañeiro e amigo Manuel Lôpez Rodrígues gañou a XIVª edición do certame de poesía 'Suso Vaamonde' co seu poemario 'Antítese Nativa'. Agardamos poder pasar polo acto público, o 17 de Maio, e festexar a ben-merecida recompensa e publicación da obra, que tamén agardamos estexa nas nosas mans no máis breve tempo posíbel.
E falando de presentacións... a finais deste mismo Maio debera ter lugar a do poemario 'A Árbore Seca' do tamén amigo e tamén premiado David Souto; creo que será o día 30 en Compostela, anque convén ser escéptico coas datas...

O metropolitán Dragón de San Xurxo agarda para outro día, mentres evoco, para rematar, os dous iconos característicos da Caverna (nin de Saramago, nin de Platón, nin de certo antro famoso de Liverpool onde se estreaban os Beatles, anque comparta con este último o ser un soto húmido e repulsivo) do Infame Montclair, cuxa especialidade dantesca para atormentar os nosos almorzos consistía no célebre 'Pan de Rato' (un pan duro como unha pedra que imaxinábamos ao St. Denís loitando denodadamente por roer, e que ben pouco se asemellaba a aqueles brioches de María Antonieta) e nunhas bandexas terríbeis, de proverbial pestilencia, que un tiña que recubrir con montañas de papel branco para evitar ata a remota posibilidade de que a comida as tocase. Namentras, a Minotaura do soto finxía refregar nelas, e nós xogábamos un complicado xogo malabar evitando as mesas danzarinas para aproximarnos á cafeteira coa que manternos despertos nas longas, insomnes e divertidas xornadas que xa boto de menos -alén de botar de menos a sobredose de cafeína que inxerín en diversas formas nestes pasados 12 días, en cantidade suficiente para asasinar a un pequeno rabaño de elefantes. A resaca e síndrome de abstinencia maniféstase agora nun andar durmido a todas horas...

Máis sobre París, e sobre os premiados, nas próximas entregas!

quarta-feira, maio 14, 2008

A Comuna Montclair e a Hidra de 298 cabezas

Na macedonia de froitas que cociñara antes de marchar xa vos poñía sobre aviso das temíbeis condicións que agardaba topar no Hostel Montclair (alias 'Comuna Dzherzhinsky'). O longuísimo día primeiro de Maio foi un lento transfegar de nervios, premonicións e suores fríos, xogando a Casandra ou Sibila de Cumas na compaña dunha das ponentes; A xeografía de avións lixeiramente destartalados e claustrofóbicos (é o que teñen as aerolíneas baratas, amigos) e de aeroportos surrealistas -Cristal resplandecente, shopping mall no de Barcelona, estraños tubos e pasadizos sci-fi no Charles de Gaulle) eran telón de fondo para a conversa tráxica que xiraba obsesivamente arredor do Hotel, no que xa sabíamos que me tocara unha habitación de 4, con descoñecidos nomes hispanos na maioría, e a ela unha de 6 (!?), con nomes italianos (dende cando os italianos estaban apuntados ao congreso?). Imaxinábamos o peor, e cando nos topamos coa realidade, esta amosou ser un chisco mellor ca iso. Anque non moito, non vos creades...
Por exemplo: o feito de que houbera cuartos de baño nas 'habitacións' (sic...) era moi de agradecer, cando na primeira impresión pensamos que non era así. Certo é, nembargantes, que se trataba duns baños minúsculos, para 4 (ou 6), nos que a auga da ducha saía a presión, fría, carcelaria e inesquivábel, e apagaba despois de exactamente 16 segundos tras premer o botón (chegou a converterse nun exercicio de malabares o contar os segundos e premer o botón novamente no momento exacto).
Tamén tivemos a enorme sorte de que nos tocara en primeiros pisos. Rubir ata o sexto piso pola estreitísima escaleira/navalla de afeitar coma tiveron que facer os estonios é algo que non lle envexo a ninguén. E no caso deles, creo que non tiñan baño no cuarto, e unha soa chave para os tres habitantes da súa comuna...
Tocaría agora asaltar a cova de pedra húmida, abaixo de todo, onde nos daban un peculiar almorzo, e que servía de acubillo para unha familia de ratos cuxo patriarca foi avistado para terror das alemanas (eu propoñía alcumalo 'St. Denis', en homenaxe á universidade á que íamos falar e ao noso rei Cantigueiro; alén, plantexaba a utilidade de entrenalo para que premese as teclas dos nosos powerpoints. E iso sí que sería un verdadeiro 'rato' para o computador...). Mais xa escribín de máis. Sobre o almorzo e a Hidra (que como imaxinaríades, é o Metro de París) falamos noutra xornada...

segunda-feira, maio 12, 2008

Il Ritorno d'Ulisse in Patria

Pois iso, que xa estou de volta por terras galicianas, anque o feito de que hoxe durmise 2 horas (e a semana pasada, unha media de 4-5 horas diarias) réstame forzas para empezar a narrar o periplo parisién. Dende alá a cousa estivo algo atravesada para cronicar, dado o moito traballo nos seminarios e nas visitas, o escaso acceso á Rede de Redes e a infernal malevolencia dos teclados franceses. Mais paciencia, que mañá empeza a caixa dos tronos con todas esas anécdotas sainetescas e tráxico-cómicas que tanto gorentan ao meu público eiquí...



Post Scriptum: acabo de ler un textiño pequecho de Deleuze, e topo para o meu estupor que estou totalmente dacordo co que dí. Supoño que será o primeiro síntoma do 'mal francés' que debín de pescar alá polas orillas de Lutecia, no ventre da besta-metro-monstro subterráneo...

sábado, julho 14, 2007

Dende Riga

Ben, estou canso como un burro, física e mentalmente, ou sexa que non agardades ningunha floritura...

Hoxe fan xa tres días que levo en Riga, a capital de Letonia, e pequena pausa turística denantes de que comece o curso de estonio que é a excusa que me trouxo eiquí. A viaxe en Ryanair foi, como de costume, un intercambio tedioso no mercado voador do gando. A breve pausa en Stansted aproveitada para facé-la compra ritual do libro de Pratchett e dunhas chocolatinas (non habí­a tempo nen para xantar ou mercar algo un chisco m­áis consistente). Despois chegar á casa de Ric e Diga, nas aforas arboradas de cidade (o arrabalde chámase de feito Meža Parks, 'Parque do Bosque'. Antes da Guerra era a zona señoritil, polo que o Glorioso Exército Vermello os enviou a todos, do primeiro ao último, a Siberia. Segundo Ric, malevo, en realidade só foi para quedarse coas casas...). Está un chisco lonxe do Casco Vello, mais por 30 céntimos de Lat (o equivalente aos vellos vinte pesos) un tranvía ponche no centro en media hora...

A primeira noite foi mesa redonda (en realidade, cadrada) cos donos do hostal e varios inquilinos, entre eles un matrimonio afro-americano/alemán moi simpático. Iso sí, baleiraríamos unhas seis botellas grandes da cervexa local, Lacplesis, para lubricar tanta parola...

Ao día seguinte (propiamente, 'o primeiro') visito con Rodney e Claudia o Museo da Ocupación, un edificio achaparrado e soviético, con aires de porcoespiño chantado no medio da Vella Riga (a min non me pareceu antiestético, pero son o único). O museo, como podedes imaxinar, é unha longa serie de artefactos, fotos e textos sobre o malísimos que foron os Rusos e Papá Stalin con eles. Os nazis tamén, pero menos. Diante do edificio resiste un dos escasos monumentos do Ancien Regime, unha estatua rosada adicada aos Fusileiros Letóns, gardacostas de Lenin e salvadores da Revolución nos duros primeiros días despois de Outubro...

O resto do tempo foi pasear pola vida medieval, as rúas e as Igrexas. Arquitectura hanseática do tixolo, por veces colorista. A Catedral, San Pedro e a Igrexa (a única das grandes que segue sendo católica) de Santiago. Austeridade luterana e sinxela nos interiores, e torres altísimas deixando impronta na liña urbana. As vellas sedes dos gremios (a grande e a pequena) parecen tartas de pastelería nas que metese a man un amante do kitch gótico...

Hoxe tocou o Museo da historia da cidade e da navegación (dúas horas de percorrido por salas ateigadas de obxectos), a igrexiña dos Anglicanos, que só se enchía cando chegaban os mariñeiros ingleses), a fantasía teutona do Gremio dos Mouros (derrubado polos rusos, que o consideraban exemplo de 'arte alemá decadente') e as rúas mais destacadas polo estilo Modernista Local, cheo de caras berreantes e formas retorcidas, horror vacui de xeso e cemento e tódolos recursos habidos e por haber...

Mañá toca a Torre da Polvora, a solitaria que fica en pé, e irse despedindo da cidade, camiño de Tartu...

O truco mnemoténico é nesta ocasión 'besbella', que así me sonaba a parada de tranvía que collo polas mañás. O nome real é Visbija (pola illa de Visby)...

quarta-feira, junho 20, 2007

Mamma Roma

En vista de que Tío Pepín me recrimina a miña preguiza á hora de actualizá-la bitácora (eu tamén teño exames, señores!) e xa que nos puxemos a falar de capitais, resulta inexcusábel que non mencione brevemente algunhas experiencias e vistas de Roma, cidade que tiven oportunidade de visitar por uns cinco días alá polo anos 2001 ou 2002.
Era unha visita, por suposto, moi planificada: a excursión anual dos alumnos de Arqueoloxía Xeral. Nun primeiro momento ancoramos na pequena vila napolitana de Bacoli, onde FraVernero e os seus compañeiros de habitación tiveron a oportunidade de botar unhas boas risas coas condicións verdadeiramente prehistóricas do aloxamento. Dende ese centro puidemos visitar (cos nosos mestres facendo de guías) as fabulosas ruinas de Paestum, as cidades soterradas, sumerxidas na pedra dura, de Pompeia e Herculano (non sei se sabedes que o que iniciou as excavacións alí foi un antepasado do Borbón, o que daquela era Rei de Nápoles e despois sería Carlos III de España), e o Museo Arqueolóxico Nacional de Nápoles, que incluía case tódolos mosaicos chulos arrincados das mencionadas vilas (como ese tan famoso no que saen Alexandre Magno e el-rei Darío), momias e mármores varios (a Venus Kallipygos, o Hercules Farnese) ou o bronce do pseudo-Séneca. Para a nosa mala sorte, tamén había unha exposición temporal sobre obxetos sexuais e o erotismo na época romana á que non puidemos acceder...

[por suposto, son consciente de que cada espazo, e tamén os que seguen, merecería unha entrada de por sí, mais polo de agora imos mapeando unha panorámica, e xa veremos se entramos nun futuro nos detalles, os preciosos detalles...]

Roma eran tan só dúas liñas de metro, laranxa e azul (ou Battistini-Anagnina chocando en Termini coa Rebibbia-Laurentina), o que tamén se agradecía, ao ser a primeira vez que o Mantedor viaxaba neses espazos subterráneos que tanto o fascinan agora. Tamén era unha calor e sede interminábel, os pés destrozados polas camiñatas e os brincos de entusiasmo ao ver calquera das marabillas da Cidade Eterna e uns macarróns malísimos que tomamos unha noite de cea nun chilote de mala morte. A pirámide de Cestio e o Coliseo xusto á vista despois de saír das estacións de metro correspondentes. O xigantesco tamaño das termas (de Diocleciano, de Caracalla). Pasear dun estremo a outro dos Foros Romanos, e visualizando a cada paso nas ruinas os feitos da historia. Na Rostra, un Marco Aurelio/Marlon Brando de Mankiewicz solta o seu famoso discurso (outros pensan máis ben en Mario e Sila nas novelas de Colleen McCullough). O Arco de Tito e os xudeus escravos (Iudea Capta) carrexando a Menorah para regocixo do proletariado romano, esixente amante de espectáculos públicos. No pazo de Augusto, no Palatino, o discreto encanto do Ninfeo ovalado. Santa Maria Maggiore, o antigo templo de Cybeles e agora seductor despropósito do luxo interior dunha igrexa que deixa pampos aos que xa estaban acostumados ao esplendor local do Apóstolo-Drag Queen e de volta de todo. O Panteón, mistura de imposíbel fachada clásica con interiores de mezquita, nunha pequena praza acolledora e de fonte ridente, moi perto da Piazza Navona (onde estaba aquela xeladería que adorábamos, e as fontes e fachadas de Bernini e Borromini que fan o orgullo da Roma Barroca). Logo a Fontana di Trevi coas monedas acostumadas que hai que guindar e o espectro de Fellini no inconsciente, a pescuda fructuosa daquela igrexa agochada onde fita con orgullo o Moisés de Miguel Anxo. A espera impaciente para entrar nos restos da Domus Aurea. As carreiras na pescuda da Rocha Tarpeia, de onde os Romanos guindaban aos traidores. Podería adicar un libro enteiro só a describir as cousas que vimos de pasada na Capela Sixtina, nos interminábeis Museos Vaticanos ou en San Pedro, mais tampouco me collerían as imaxes, e só anoto a tremenda frustración de non ter un mes ou unha vida enteira para fitar tanto arte...
A ollada inquisidora e arqueolóxica refugaba da Roma Moderna coma un cancro extendido sobre a cidade soñada de Cónsules, Emperadores e Tribunos, Cola di Rienzo e Alarico, e unha longa procesión de Papas, todos montados en sedia gestatoria. Con ansia imaxinábamos o derrube de tódolos edificios que non tiveran máis de trescentos anos de Antigüidade...
Mais non todo ía ser arte. Remato por hoxe con dúas estampas, ámbalas dúas fillas da embriaguez nocturna das demasiadas botellas de birra e de limoncello: a discusión entre os amigos arredor do mellor Emperador Romano (os fanáticos do filósofo rei, Marco Aurelio, a quen víramos ese día acabalo, conseguimos silenciar aos discrepantes, seguidores de Augusto ou de Hadriano) ao tempo que mirábamos, con asombro e grima, a horterísima fealdade do Monumento a Vittorio Emanuele II, o cal deixa a nota agre que sempre se cola incluso na maior das felicidades terreais.

sábado, junho 16, 2007

Solovio e París

Adrián afundíase na selva humana con gosto de se perder e descubrir. Un ledo cansazo. As arcadas de Rivoli. No tempo de Chateaubriand aínda se estaban erguendo, e pola praza da Concordia escoaba o machadazo fatal. Castiñeiros que deron sombra á testa romántica de Michelet. Adrián, gran lector de Balzac, comprendía o asombro e o interese da Comedia humana. A grande vila era entón cousa nova. Napoleón movera grandes exércitos, e inda tiña memoria de abondo para coñecer a faciana de cada un dos granadeiros da vella Garda. Balzac manipulaba multitudes e inda podía coñecer todos os banqueiros e todas as mundanas de París. Hoxe hai que proceder por nacións, e por continentes. En troques, a síntese non pode abranguer todas as particularidades dun xeito satisfactorio. E ¿ata que punto respondía o París arquitectural ás arelas de hoxe?

Ramón Otero Pedrayo, Arredor de Sí

sábado, junho 09, 2007

Virginia Woolf - Mrs. Dalloway


Pensaba metervos unha traducción, ou o orixinal, dun poema de Emily Dickinson; máis que nada porque estaba a cavilar na enorme forza do desexo frustrado que se respira nos seus versos (por exemplo en Wild Nights) e na sublimación que fai neles a autora, na que ven a defender as súas insatisfaccións co argumento de que a forza do desexar sempre fai palidecer o actual pracer da consumación.
E nembargante, para mudar algo do meu tema obsesivo e aderezar o voso padal con novas especias agridoces do remoto Oriente, pensei en colarvos un anaquiño do Mrs. Dalloway co que estiven a traballar ultimamente. Algo relacionado coa loucura, ou con eses médicos castradores que adoban as páxinas do romance e que se fan inmensamente odiosos.
A traducción vaille adicada, vestindo o formato dunha carta que escrebe este Peter Walsh camiño da India á súa amante Clarissa Dalloway, se ela quere coller o testigo.

"Os ingleses son tan calados", dixo Rezia. Dixo que lle gustaba. Respectaba a estes ingleses, e desexaba ver Londres, os cabalos ingleses, os sombreiros feitos en xastrería, e era quen de lembrar o ter escoitado o marabillosas que eran as tendas dunha tía que se casara e que vivía no Soho.
Podía ser posíbel, pensaba Septimus, fitando para Inglaterra dende a xanela do tren, cando deixaron Newhaven; podía ser posíbel que o mesmísimo mundo carecese de sentido.
Na oficina ascendérano a un posto de considerábel responsabilidade. Estaban orgullosos del; gañara medallas. "Cumpriches co teu deber; o mínimo que nós podemos facer é..." comezou a dicir Mr. Brewer; e non puido rematar, tan pracenteiramente o invadía a emoción. Alugaron un aloxamento admirábel ao pé da rúa de Tottenham Court.
Unha vez eiquí, abriu de novo a Shakespeare. O choio daquel rapaz sobre a intoxicación da linguaxe -Antonio e Cleopatra- murchara totalmente. Cómo detestaba Shakespeare á humanidade (o vestir traxes, o facer nenos, a sordidez da boca e do bandullo)!. Isto foille revelado agora a Septimus; a mensaxe agochada na beleza das palabras. O sinal segredo que unha xeración lle pasa á seguinte, disfrazado, é o detestar, o odio, a desesperanza. O mesmo con Dante. Esquilo (traducido), o mesmo conto. Rezia sentaba a carón da mesa, arranxando sombreiros. Arranxaba sombreiros para as amigas de Mrs. Filmer. Arranxaba moreas de sombreiros en cada hora. Parecía pálida e misteriosa, coma un lirio afogado baixo as augas, pensou.
"Os ingleses son tan calados" dicía, poñendo os seus brazos arredor de Septimus, a súa meixela a carón da súa.
O amor entre o home e a muller era repulsivo para Shakespeare. O asunto da copulación era lixo para el antes da fin. Mais, dicía Rezia, tiñan que ter un fillo. Levaban cinco anos casados.
Foron xuntos á Torre de Londres; ao Museo de Alberto e Victoria; estiveron entre a multitude para ver a apertura real do Parlamento; e logo estaban as tendas - tendas de sombreiros, de roupa, tendas con bolsos de coiro no escaparate, onde ela ficaba queda, fitando. Mais tiña que ter un fillo.
Tiña que ter un fillo coma Septimus, dicía. Pero ninguén podía ser coma Septimus, tan delicado, tan serio, tan listo; Non podía ela ler tamén a Shakespeare? 'Era Shakespeare un autor difícil?', preguntáralle ela.
Un non pode traer fillos a un mundo coma este. Un non debe perpetuar o sufrimento, ou aumentar a cría destes animais luxuriosos que carecen de emocións duradeiras, tan só caprichos e vaidades, mudándoas agora nesta dirección, agora nestoutra.

segunda-feira, maio 28, 2007

Diario de Berlín

Cando tocan as eleccións, FraVernero soe sair do seu marasmo habitual e tecer algún fío de crónica política. Namentras vou aclarando as ideas, deixovos cun anaco do libro Goodbye to Berlin, de Christopher Isherwood que estiven a ler por estas datas, e que constitúe unha certa forma de homenaxe a unha das miñas cidades favoritas.

Esta noite, por primeira vez neste inverno, fai moitísimo frío. A intensa friaxe apreta á cidade nun silencio total, semellante ao silencio de intensa calor no mediodía dunha xornada de verán. No intenso frío a cidade parece contraerse, encollerse nun pequeno punto negro, apenas meirande que centos doutros puntos, isolado e duro de atopar, no inmenso mapa de Europa. Fóra, de noite, máis aló do último bloque de pisos de cemento recén construído, onde as rúas rematan en conxelados xardíns alugados, están as chairas prusianas. Pode sentilas todo ao teu redor, esta noite, movéndose lentamente cara a cidade, coma a intenso páramo dun océano estraño -salpimentado de pequenos bosques desfollados, lagos xeados e pequenas aldeas que se lembran tan só coma nomes distantes de campos de batalla en guerras medio esquencidas. Berlín é un esquelete que sufre co frío: é o meu propio esquelete sufrindo. Sinto nos osos a dor aguda da xiada nas columnas do tren elevado, no traballo de ferro dos balcóns, liñas de tranvía, lámpadas, letrinas. O ferro vibra e encolle, a pedra e os tixolos doen en silencio, o enlucido é insensíbel.

Berlín é unha cidade con dous centros -o racimo de hoteis caros, bares, cines e tendas arredor da Igrexa-Memorial, un núcleo escintilante de luz coma un diamante falso no raído entre lusco e fusco da vila; e o autopercibido centro cívico de edificios arredor de Unter den Linden, coidadosamente ordenados. Nos seus grandiosos estilos internacionais, copias de copias, afirman a nosa dignidade de cidade capital -un parlamento, un par de museos, o banco estatal, a catedral, a ópera, unha docena de embaixadas, o arco triunfal; nada foi esquecido. E son todos tan pomposos, tan, tan correctos (todos menos a catedral, que traiciona na súa arquitectura, un destello desa histeria que alumea sempre detrás de cada fachada gris, grave e prusiana. Extinguida pola súa absurda cúpula, é, a primeira vista, tan sorprendentemente graciosa que un tende a buscarlle un nome apropiadamente ridículo: a Igrexa da Inmaculada Consunción).

Mais o verdadeiro corazón de Berlín é un pequeno, húmido e negro bosque -o Tiergarten. Nesta época do ano, a friaxe comeza a espantar aos rapaces campesiños fora das súas aldeas desprotexidas cara a cidade, á pescuda de comida e de traballo. Pero a cidade, que ardía tan brillante e invitadora no ceo nocturno por riba das chairas, é fría, e cruel, e está morta. A súa calor é unha ilusión, un espellismo no deserto do inverno. Non recibirá a estes rapaces. Non ten nada que darlles. O frío destérraos das súas rúas, cara o bosque que representa o seu corazón cruel. E alí encóllense nos bancos, morrendo de fame e frío, mentras soñan cos fornos das súas afastadas casiñas.

sexta-feira, dezembro 08, 2006

O ceo sobre Berlín

Pois sí, aprezados lectores. O voso FraVernero anda estes días (en realidade, xa leva case unha semana) por terras alemanas co gallo dun congreso sobre Literatura e Cidade. O noso centro neurálxico é Kiel, centro pesqueiro rente ao mar do Báltico (moi apropiado para Zacarías, que inscribe nas arquitecturas da cidade un imposíbel caderno de retorno ao país natal). Mais este fín de semana temos translado, e paseamos polas rúas de Berlín, 'Capital Irreal', que dicía Heiner Müller.
Unha curiosa carambola quixo que parásemos eiquí no mesmo hotel (un hostal para a xuventude no barrio vermello, a carón da Igrexa Derruída adicada a Guillerme I) e -case me atrevería a xuralo- na mesma habitación da última vez: o mesmo octógono de literas e vista ao cartel grande da rúa de enfronte... A historia, dicía Marx, repitése como traxedia e como comedia. Agardaremos un final feliz...
O tempo remata no computador do hotel... Unha manchea de crónicas prusianas agardo que enchan nuns días as páxinas desta bitácora.
Un saudo para todos, e un brinde co alcool quente con especias que tanto toman eiquí os alemáns.

sábado, julho 15, 2006

Espectros

Un dos primeiros sitios que visito cando estou nunha capital estranxeira son os seus cemiterios. Nada de morboso ou de filias estrañas, non pensedes mal. O meu legado católico actívase no inconsciente e lévame polo camiño común do culto ás reliquias. Neste caso, a peregrinaxe soe incluír a grandes escritores, artistas, filósofos e algún dos escasos políticos que respeto.
Cando estiven en Berlín, a visita obrigada tería sido, quizaves, o Friedrichsfeld, que é onde repousan os meus admirados Karl Liebknecht e Rosa Luxemburg alén doutros revolucionarios asasinados. Pero non: na guía coa que contaba, o único de interese que aparecía era o Dorotheen, a carón da Oraniemburger Strasse. Neste caso, tocaban dous dramaturgos xeniais como son Bertold Brecht e Heiner Müller e dous filósofos (nada menos que Hegel e Fichte, ámbolos dous soterrados un a carón do outro).
Igual ca hoxe, era un calurosísimo día de verán; o sol batía como unha capa de chumbo, o que se xuntaba en conspiración coas bochas dos pés para ralentizar o meu percorrido. Na mesma rúa de Orianemburg parei un chisco para visitar a Gran Sinagoga da capital, unha curiosa mestura de influencias neo-bizantinas e mouriscas coroada cunha enorme cúpula dourada. Estrañoume a esaxerada presencia policial arredor e dentro dela.




O Dorotheen resultou ser un cemiterio exemplar, moi estético: tumbas neoclásicas e vexetación exhuberante, un bo lugar polo que pasear un pouco e darlle algo de respiro ao corpo lonxe do sol de xustiza berlinés. Algunhas das tumbas que buscaba atopeinas con facilidade: Brecht estaba a carón da entrada, e o dúo Hegel-Fichte un pouco máis adiante.
E foi a carón destes dous cando sucedeu: como aparecido da nada, un home de mediana idade estaba sentado nun banco de pedra, detrás miña, garabateando cousas nunha libreta. O alemán, moi amábel, dirixiume unha pregunta en inglés, e durantes uns minutos intercambiamos unha amena conversación sobre a cidade e os filósofos enterrados aí.
O caso era que a face do alemán timbrábame algún tipo de corda interior. Eses lentes, ese cabelo, ... tiña a impresión de telos visto nalgures. Lembrei unha revista teatral co texto de Hamletmachine, e para o meu desacougo, o meu conversador resultábame estremadamente parecido á foto que viña co texto.
Algún truco mental, pensei. Unha suxestión, froito do ambiente especial, da mala memoria e da activación deses neurotransmisores (como a acetilcolina) que se activan cando estamos soñando. Ou quizaves o interlocutor meu podía ser o fillo da personaxe da foto. Non me atrevín a preguntarllo, e ao máis que ousei foi a preguntarlle polo que o meu subconsciente me berraba que era a súa propia tumba:
"Do you know where Heiner Müller´s grave is, sir?"
O alemán sorriu enigmáticamente. Fixo un xesto vago indicando descoñecemento, ao tempo que me indicaba un lugar cara á esquerda onde, segundo el, estaban soterrados os persoeiros da extinta DDR.
Saín noutra dirección, e despois dun tempo de pescuda, atopei a tumba de Heiner Müller. No lugar erguíase unha columna de ferro oxidado con algúns pitillos na parte superior.
Pouco despois saía do cemiterio. Da zona onde estaba o alemán coa libreta flotaba unha pequena nube de fumo de cigarrillo. Pouco acostumado a este tipo de enfeitizamentos, preferín non mirar atrás e gardar como un tesouro o máis parecido a unha experiencia sobrenatural que un ateo confeso coma mín é capaz de recoñecer.
Agardo toparmo se algunha vez volto a Berlín. Desta volta xa teño máis cousas lidas del, polo que serei menos tímido nas preguntas. Terei que levarlle tamén algúns cigarrillos turcos, xa que sospeito que este morto os apreciará mellor que a sangue animal...
"A sheep to Tiresias only, black, and a bell sheep.
Dark blood flowed in the fosse,
Souls of Erebus, cadaverous dead, of brides (...)
I sat to keep off the impetuous impotent dead,
Till I should hear Tiresias
".