Mostrar mensagens com a etiqueta canon (sen pólvora). Mostrar todas as mensagens
Mostrar mensagens com a etiqueta canon (sen pólvora). Mostrar todas as mensagens

sábado, outubro 10, 2015

Sir Terry - to read or not to read? (II)

Comezaba este parladoiro o mes pasado falando das virtudes literarias -ou a ausencia destas- na obra do finado Terry Pratchett, aguilloado polas ásperas verbas de Jonathan Jones. O certo é que poucos días despois da súa diatriba, e no medio dunha desas tormentas nunha taza de té tan típicas das redes virtais, o crítico retrucou cun novo artigo, que non podemos describir como unha retractación malia que antes de redactalo decidise por fín ler unha novela enteira (concretamente, Small Gods) do autor que critica.

Novamente, podo empatizar coas teses que defende no artigo (algo máis agora que amosa unha atitude menos épatant) e que resumidamente serían as seguintes:
-a escrita de Pratchett non é carente de virtudes, entre as que se citan o inxenio e a agudeza, anque máis na liña do humor de Wilde que dos conceptos de Gracián.
-a relevancia temática vese recoñecida (nesta novela, a crítica racionalista ao fanatismo relixioso), anque posta nunha comparación fronte á que desmerece cando pensamos na valentía dun Salman Rushdie enfrentado a fundamentalistas de verdade que o condearon a morte, e non só a espectros de ficción.
-o gran emprego do humor, convertido en 'chascarrillos' que se suceden, divertidos por sí sós mais que logo producen certa saturación lectora, vai unido a un emprego coloquial, sinxelo e pouco artístico da linguaxe, xunto cunha caracterízación dos personaxes que a Jones lle resulta maniquea e simplista. 
-fronte a isto, temos un exemplum á inversa nas novelas de Philip Roth, que o crítico idolatra e que presentarían un emprego literario da linguaxe e unha maior sensibilidade cara a psicoloxía humana e o bizarro fluxo da realidade e do mundo real "en toda a súa impredicibilidade, comedia salvaxe, desexo, monstruosidade, excitación e miseria".

No seu remate, Jonathan Jones ábrenos as augas, coma novo Moisés, para que contemplemos novamente, anque cunha atitude máis tolerante, a fenda entre dúas correntes existentes da escrita: a do entretemento (non censurable por sí, agás cando prentende venderse como outra cousa) e a da literatura; a da distracción e a da arte. Deus recoñecerá aos seus.

Por suposto, o discurso de Jones é un locus communis arredor de ideas do estético, do literario e do valioso que leva a debatirse dende o advento da modernidade, e que ten motivado ríos de tinta e reflexións moito máis sisudas das que eu puidese aportar (e menos, nun espazo limitado). Antes de aprazar (máis unha vez) opinións persoais sobre esta polémica e os méritos, deméritos e usos de Pratchett, permitídeme apuntar á teoría do Campo Literario, de Pierre Bourdieu como unha das elaboracións intelectuais máis satisfactorias, malia defectos, no eido de analizar as confrontacións capital cultural-económico, audiencia de masas e audiencia restrinxida (ou ausente), burguesa ou intelectual, alto ou baixo nivel de consagración... Amais de nos seus estupendos libros, un resumo podedes topalo neste excelente cadro. Reducindo un chisco o tosco determinismo sociolóxico que por veces atenaza ao francés, a súa ollada resulta moi instructiva para percibir sobretodo as dúas grandes contradiccións, ou polos, arredor dos que se ve empurrado o escritor (e o lector): dunha banda unha escrita máis integrada (xa sexa na vertente 'popular', asociada ao entretemento ou na burguesa-académica) e doutra, unha máis apocalíptica (xa sexa na súa variante bohemia ou nas grandes figuras  e movementos formalistas, experimentais e vangardistas).

terça-feira, setembro 08, 2015

Sir Terry - to read or not to read?

Recentemente saiu unha crítica moi criticada no Guardian, a cargo de Jonathan Jones, que podedes ler eiquí. Resumindo, o que ven a dicir é que na súa opinión, o finado Terry Pratchett é un sobrevalorado autor mediocre de bestsellers, que o rebumbio polo seu pasamento foi moito maior que o que seguiu á marcha de Günter Grass ou de García Márquez "verdadeiros titáns da novela", que na sociedade posmoderna en que vivimos se desdibuxan impunemente as fronteiras entre o éxito pecuniario/popularidade e a grandeza literaria, e que a vida é breve de máis para ler potboilers cando hai tantos clásicos aos que nunca daremos chegado por unha cuestión cronolóxico-vital. 

Porén, obviando o pésimo gusto de falar mal dos mortos e a miña persoal e coñecida devoción polas novelas do Mundodisco, o certo é que podo empatizar coa maior parte dos argumentos do señor Jones, anque non con algunhas das súas conclusións, ou a reviravolta pedante coa que se gaba de non ter máis que folleado algunha novela de Pratchett, e de non necesitar máis para emitir o seu xuízo de valor. 

Pódese emitir un xuízo sobre un autor e unha obra con tan pouco input de lectura? Un tendería a dicir que non, que é arrogante, simplista e cómodo. No caso que nos ocupa, Sir Terry ten unha producción de case medio cento de exemplares, entre os que hai diferentes grados, madurez, cualidades e calidades estéticas. O cal non quita para que, aplastados polas montañas de papel que se publican, moitas veces teñamos que guiarnos por criterios indirectos e autoridades para escoller o que ler. Son este tipo de criterios os que me levan a mín, por exemplo, a rexeitar de antemán adicarlle tempo á 'Casa de la Troya', de Pérez Lugín, ás múltiples sombras de Grey ou á poesía española do XVIII. Mais sería intelectualmente deshonesto que escribise unha crítica publica e censura publicada destas obras sen antes pasar polo case seguro calvario da súa lectura previa.

Sen dúbida podo aceptar o argumento, digamos, 'altocultural' de Jones: que existe a Literatura con l maiúscula, composta de obras 'clásicas' de grande complexidade formal e conceptual e calidade estética, de lectura non sempre sinxela, e que atesouran a potencialidade de ampliar os nosos horizontes morais, intelectuais e históricos; que as tales 'grandes obras' son pouco lidas e menos aprezadas na sociedade de consumo tardocapitalista, xa sexa dende a dereita (apoiándose nun utilitarismo tosco, no libre mercado e na conversión da lectura nun mero ocio mol, opiáceo sinxelo e pouco esixente) ou dende a esquerda (apoiándose no rexeitamento aos valores ideolóxicos evidentes ou soterrados dos 'homes brancos mortos' que compoñen a maioría do canon). Mais aceptar este argumento segue sen implicar un acordo á súa peculiar cruzada anti-Pratchett. O porqué, razoarémolo na seguinte entrada (ou entradas).

domingo, outubro 13, 2013

Taming the Tamers

Relendo The Taming of the Shrew, constato que en efecto, non é das mellores obras de Shakespeare, malia que presente os habituais e altamente creativos usos de linguaxe que fan famoso ao cisne de Avon, e algúns outros elementos redentores; constato tamén que é unha obra moi difícilmente dixeríble para a sensibilidade actual, polo seu discurso misóxino indisimulable (na liña co antisemitismo xocoso de The Merchant of Venice ou co desprezo á chusma e á democracia de Coriolanus). Porén, resúltanme moitísimo máis insoportables os intentos por parte de certa crítica dogmático-sectaria por branquexar os textos. É tan difícil aceptar que as obras e autores xeniais doutros tempos e lugares poidan ofender e opoñerse á nosa ética, moral e ideoloxía, e aínda así poder respectar e aprezar os tales libros e escritores, malia tales diverxencias?. 

Falando de textos 'clásicos' e da súa inevitable acumulación de capital cultural, é de agardar unha feroz loita polos significados e as interpretacións (ou a prédica directa á eliminación directa dos cánones). Reactualizar un texto (e polo tanto, convertelo realmente nun clásico para cada xeración que se enfronta a el) sen dúbida require a súa reapropriación e relectura en relación aos nosos intereses, inquedanzas e xeitos de ver o mundo, mais non me parece moito pedir esixirlle aos lectores contemporáneos o mínimo esforzo de honestidade intelectual que require, alomenos nunha primeira lectura, tentar aprezar obra e autor estrictamente baixo as coordenadas intelectuais, estéticas e ideolóxicas do seu presente e do seu mundo, e aceptar a tal lectura como relevante e valiosa; só despois se podería proceder, coa conciencia tranquila, aos equilibrismos, arquitecturas (re)interpretativas e reconstruccións persoais que se desexen...

Para domear aos domeadores desta obra, nada mellor que unhas verbas finais de Jonathan Miller, director dunha das adaptacións televisivas desta peza: "Penso que é unha cousa irresponsable e parva converter á obra nun panfleto feminista: empregala coma un xeito de demostrar que as mulleres teñen sido humilladas e sometidas polo chovinismo machista. Hai outro xeito máis complexo de lela, consistente en vela como unha visión particular e da época sobre como debera organizarse a sociedade para restaurar a orde a un mundo caído. Agora, a día de hoxe, xa non cremos que sexamos herdeiros do pecado de Adán, ou que a orde só se poida manter a base de cederlle o poder a maxistrados e soberanos, a pais e maridos. Mais o feito de que algunha vez se pensou así é innegable, e as produccións que tentan agochar isto e que tentan sabotear a obra para facer que se enfronte a problemas modernos sobre a posición actual das mulleres na sociedade tórnanse aburridas, simplonas e sectarias".

quinta-feira, julho 29, 2010

I would have to take the Englishman

Comenta Harold Bloom que cando lle preguntaron a James Joyce qué libro levaría a unha illa deserta, este respostou que 'Desexaría responder que Dante, mais tería que levar ao inglés, porque é máis rico'. O 'inglés' é, por suposto, Shakespeare, e a ironía e a tristeza de tal recoñecemento polo irlandés, eterno sometido ao Imperio ata nos falares, sinxelamente reafirma de xeito incontrovertíbel para Bloom as virtudes inmortais do cisne de Avon. Ao fío disto pensaba eu na miña peculiar constelación de afinidades electivas, que na literatura castelá xiran no eixo da tradición esteticista, latinizante e escura que agroma a cabeza na cuaderna vía, prosegue a súa marcha triunfal con algúns adubíos italiáns e alegóricos en Juan de Mena e toca o seu celme no Barroco culteranista e noutro poeta cordobés: Luís de Góngora y Argote. Estes días de tórrida canícula transládome a outro verán ardente (Salamandria de sol, vestido estrellas, latiendo el Can del cielo estaba...) mitolóxico e sicilián, e abrolla en mín un intenso aprezo polas arquitecturas do Píndaro andaluz, e un desexo de compartilo e aprezalo con outras persoas...

Ma non troppo. Porque hai outro contemporáneo deste home que leva a palma da miña rendida adoración. Falo do 'inglés' John Milton, o xenial autor de Paradise Lost, e que se en metáfora e hipérbato, no latinismo xeralizado e no traballo formal pouco lle ten que envexar a don Luís, supera amplamente a este na profundidade da súa épica, na súa trascendencia e creación de herdeiros, e aínda moito máis, na pulsión ética. A risco de caer no biografismo que tanto me teñen criticado algúns amigos meus, recoñézome incapaz de esquecer que Milton é o valeroso home xusto que publica panfletos no século XVII a prol do divorcio e da liberdade de pensamento, que se pon á cabeza da Revolución e xustifica en perfecto e pulido latín o corte das cabezas reais cando éstas amosaron incompetencia. É o poeta cego e perseguido cando retornan as perrucas piollentas dos Estuardo e o país vai esquecendo The Good Old Cause...

Por iso á famosa illa (no noso caso, o máis perto serían as Cíes, a de San Brandán ou aquela adicada a Santa Tecla que fabulou un monxe medieval galego na 'Viaxe de Trazanzonio') levaría ao inglés; de feito, xa o levei a Estonia, como lembraredes. Mais confeso sentir un chisco, minúsculo, de remorso; despois de todo, como dicía Marx, os homes fan a súa propia historia, mais non poden escoller as circumstancias que lles veñen dadas. Na 'Castilla miserable / ayer dominadora, / envuelta en sus andrajos / desprecia cuanto ignora' da Contrarreforma e dos Austrias Menores, abondo fixo Góngora en semear bolboretas en cinza desatadas que, moitos séculos despois, habían atopar acubillo nos poetas da Xeración do 27, nos meus dilectos comparatistas e na miña modestísima persona...