Mostrar mensagens com a etiqueta frikadas varias. Mostrar todas as mensagens
Mostrar mensagens com a etiqueta frikadas varias. Mostrar todas as mensagens

quinta-feira, julho 07, 2005

Don Quixote Liberado

Eis o título dunha peziña teatral de Anatoly Lunatcharsky, Comisario do Pobo para a Instrucción Pública, 'bolchevique entre os intelectuais, intelectual entre os bolcheviques'. Seguindo os modelos do teatro simbolista, o personaxe cervantino resucita, e continúa a percorrer as terras manchegas, sendo desta volta un testigo idealista de revolta e revolución.
A imaxe liberada penso que me acae ben a min mesmo, agora que estou 'liberado' de exames (que non dalgúns traballiños que farei este fín de semana; do que saque nun virá outra entrada neste blog). Estando xa en vacacións, xa podo dar comezo (ou máis ben, continuación) ás lecturas que tiña atascadas ou en punto morto.
Terei que retomar, xa que logo, o Tristram Shandy, a excelente e subversiva novela de Sterne. Ía polo sexto libro cando tivera que deixalo aparcado. Igualmente, o 'Libro dos Mortos' exipcios leva semanas botando pó. Xa mo han de reclamar na biblioteca da Serra...
E os libros de entretemento: nas horas mortas nas que quería pasar o tempo pero non comezar unha lectura seria ou densa, adicábame a dous textos de distinto signo: Heródoto (os 9 libros de Historia; tamén vou polo 6º) e Terry Pratchett (autor das hilarantes novelas sobre o MundoDisco). Ámbolos dous lense con tremendo gusto. O tipo de libros que che enganchan pola lapela da chaqueta e non che soltan ata que os tes rematados, exaustos, enriba do sofá ou da cama. Sacas un cigarro e comentas as melloras xogadas.
Non deixa de ter un efecto desacougante, de todas maneiras, o feito de que ningún dos dous produce unha maior impresión de realidade que o outro. Quizaves porque o xeito de facer Historia do cidadán de Halicarnaso xa nos quedou moi atrás, sendo empregando na actualidade só nas pezas literarias. As cidades, os coregos, estrategas, e ministros persas e tiranos revoltados de Xonia parecen tan reais ao lector contemporáneo como as pestilentes calexas de Ankh-Morpork, os silencios inquedantes do Patricio ou as cómicas patochadas de Rincewind, aprendiz de Mago.
Lembro que fai moitos anos fora a victoria ateniense de Salamina contra o invasor (lida nos 'Persas' de Esquilo e non na voluminosa obra herodotea) a que me inspirara un artigo chispeante nos días do 'Glorioso Movimento Asambleario' da L.O.U. (xa me sae a vena rancia...). O Artigo perdeuse, e quizais para mellor (alomenos no que a calidade literaria se refire). Comparaba nel aos estudantes cos atenienses sitiados por Darío -víl sátrapa- e auguraba una Salamina que se esborranchou e esluiu totalmente...

Eala þeodnes þrym! Hu seo þrag gewat, genap under nihthelm, swa heo no wære
'...¡Como pasou aquel tempo baixo o xelmo negro da noite, como se nunca fose!'

domingo, julho 03, 2005

Hildegarda e o Carro de Tespis

Fatue, fatue, quid prodest tibi laborare?
Respice mundum, et amplectetur te magno honore*
Ei-lo Demo na súa primeira intervención. Estamos na peza chamada 'Ordo Virtutum' de Hildegarda de Bingen, unha obra de curiosa filigrana escrita para festexar a fundación do convento de Rupertsberg, do que a escritora era a abadesa. A obra foi probablemente representada na estrea por dezaséis das cincuenta monxas do claustro, e o papel do Demo recitado polo único home presente na comunidade, o monxe Volmar, administrador dos sacramentos e secretario de Hildegarda.

Que est hec Potestas, quod nullus sit preter deum? Ego autem dico, qui voluerit me et voluntatem meam sequi, dabo illi omnia. Tu vero, tuis sequacibus nichil habes quod dare possis, quia etiam vos omnes nescitis quid sitis**
É esta amais unha obra marabillosa que vos recomendo; conxuga tres das miñas aficións: o teatro, a música e a Idade Media. Porque o texto vai acompañado dunha música altamente orixinal e seductora.
O caso é que o Demo sempre dou moito xogo como personaxe literario. Na Biblia fai aparicións breves de 'artista convidado' (presentador no libro de Xob; serpe sibilina na Xénese), reservando as mellores esceas para o final, co lago de Xofre, as bestas e todo o atrezzo da imaxinería apocalíptica. Dante dalle un papel algo titánico, ríxido (capital románico) e engolado no seu Inferno, chantado no medio do Cocito mentras chucha os ósos de Bruto e de Xudas. O Mefistófeles do Fausto parece un tipo simpático co que pasar a noite de Walpurgis tomando cervexas e acariñando as coxas de rollizas mulleres tedescas. Pero o mellor, para o meu gusto, é o Satán de Milton: heroico, fermoso e contradictorio. Un pensa que, inconscientemente, o puritano Milton fai del a personaxe máis interesante da súa obra, e quizais ao seu pesar; o hálito de Cromwell, os levellers e a Revolución Inglesa que decapitou ao Rei cheirase na pólvora que levan os anxos rebeldes ao reino dos ceos.
(asaltar os ceos: cousa da que saben os bolcheviques)
O último Risco, meapilas e nacional-catolicista, tamén tentou sorte cun tema que o fascinaba. A súa 'Satanás. Historia del Diablo' é entretida, malia os lastres que arrastra a beatería de baratillo do seu autor.
Voltando ao tema do teatro: éste é un medio que sempre me interesou, anque probablemente (cousas dun lector impenitente) sempre o enfoquei dende a perspectiva do texto, e non tanto da representación (tampouco teño ido a tantas). Fai un tempo estaba nun grupo de teatro aficionado (agora pechado por derribo), e a verdade é que se pasa ben sobre as taboas, dándolle vida a personaxes aos que aprendes a amar.
E dentro do teatro, os textos estranos, lonxanos da nosa mentalidade e do mundo. Non se trata de facer arqueoloxía, senón de levar a cabo o tour de force que lle devolva a vida a textos que morreron para nós (ou que nunca viviron): as pezas litúrxicas medievais, o teatro noh, as sombras balinesas, commedia dell arte, os xoglares, a traxedia clásica (sobretodo Esquilo)...
Nun pasado xa relativamente remoto, adicábame a chatear (tiña moito tempo libre) baixo o mote de "Tespis", o afamado inventor do teatro grego. No seu percorrido polos templos arrastraba un carro (como o que vedes no selo) no que levaba os enseres do seu oficio e profesión.





Igual que o fundador, os membros de "éteatro" temos un fértil anecdotario de viaxes e postas en escea, de viaxes en 'carro' dignos dun camarote dos irmáns Marx. Mais por hoxe xa falamos dabondo. O anecdotario quede para outro día.

*Parvo, Parvo, ¿de qué che serve o traballar? Volta ao Mundo, que él che abrazará con grandes honores.
**¿Qué é este poder, como se non houbese ningún máis que Deus? Eu digo que a calquera que queira seguirme e facer a miña vontade, dareillo todo. Canto a tí, Humildade, non tes nada para darlle aos teus seguidores: ¡ninguén de vós sabe tan sequera qué sodes!

domingo, junho 19, 2005

¿Porqué o Senescal Kay?

Sir Kay era o medio irmán de el-rei Arturo. Nas lendas galesas do Mabinogion dise del que "Kay tiña esta peculiaridade, que aguantaba nove días e nove noites baixo a auga, e que podía pasar nove días e nove noites sen durmir. As feridas da súa espada non as podía sandar médico algún. Moi sutil era Kay. Cando lle pracía, podía tornar tan alto como a meirande das árbores do bosque. E tiña outra peculidaridade: tan grande era a calor da súa natureza que cando máis chovía, calquera cousa que levaba quedaba seca unha palma por arriba e outra por debaixo da súa man; e cando os seus compañeiros tiñan frío, era para eles como combustible para acender o seu lume".
Na Mort d´Arthur, Kay acude a un torneo, esquecendo a súa espada (ou crébaselle noutras versións). Manda ao xoven Arturo na pescuda dunha, é entón cando éste arrica a famosa Excalibur da pedra en que estaba presa. Proclamado Rei, nomea a Kay o seu Senescal.




No restante da historia, Sir Kay é unha personaxe secundaria; o vello cabaleiro soe amosarse prepotente e patrocinador cos cabaleiros noveis. No romanceiro aparece parodiado como necio e fanfarrón.
Este mote puxéronmo os meus compañeiros, os 'poetas comparatistas' da Facultade Compostelá. Despois de todo, son o máis vello, e divírtenme os discursos sentenciosos e facer valer a miña auctoritas. Doutra banda, como aficionado teatral, sempre me gustou que me vestisen con roupas alleas, ou sexa que me quedo co tituliño de marras.
Unha de cal e unha de area: a nosa corte comparatista quitoulle ferro ás asociacións máis negativas do personaxe, insertando outro elemento de espello/comparación/metáfora: Horkheimer, o máis vellote dos filósofos da Escola de Frankfurt.
Abrumádesme, caros...
A ver se me poño a teorizar, logo. A eclipse da Razón e O Estado Autoritario quédanme grandes de máis, pero farase o que se poda.
Hoxe agardemos que a dialéctica negativa nos saia ao dereito unha vez, e consigamos botar ao Fragasaurio.
Sexa a que sexa, plaxiaremos a Biblia, como sempre -Lamentacións de Xeremías ou poemas á liberación de Israel-.

Caeu, caeu Babilonia a grande
e tornouse en morada
de demos,
acubillo de todo espírito impuro,
refuxio de toda ave inmunda e odiosa
Ça irá - ou non...

sábado, junho 18, 2005

Benvidos a Camelot



We're Knights of the Round Table. We dance whene'er we're able. We do routines and chorus scenes With footwork impeccable. We dine well here in Camelot. We eat ham and jam and spam a lot. We're Knights of the Round Table. Our shows are formidable, But many times we're given rhymes That are quite unsingable. We're opera mad in Camelot. We sing from the diaphragm a lot.
Monty Python - Os cabaleiros da Táboa Cadrada





Dende o alto das torres do castelo, un rebumbio de trompetas anuncia a vosa chegada.
Máis sonidos se xuntan á polifonía cando as reixas enferruxadas -vellas de séculos- se erguen lentamente, mentres baixa a ponte levadiza -estrondo da madeira ao caer-. Logo os cascos do teu cabalo retumban sobre as pedras do pavimento.
Mudan os sons agora: berro de corvos e badaladas ecoan na praza rebosante. No centro, un traidor encadeado. Nas gradas, El-Rei e malia corte comtemplan hieráticamente mentres un batallón de soldados escolta ao preso torre arriba, onde será aforcado cos propios ferros que o custiodian.
O sonido das cadeas caendo... Un pescozo rompe.
Deixamos as fantasmagorías sanguiñentas do Macbeth visualizado por Polanski e pasamos ás de Almereyda. Noutra torre máis moderna -cemento e cristal- un Hamlet posmoderno e ensanguentado dispara sobre Kyle MacLachlan: "I can no more. The king, the king´s to blame".
¿Torre da Derrota?
As imaxes xa non nos afectan. E o cisne de Avon colousenos no cadro prerrafaelista da nosa Idade Media. Mais se buscamos gore, velaiquí que polas portas do Castelo entras agora como Cabaleiro Verde o día de Nadal, armado de xigantesca albarda. Adiántase desafiante fronte aos paladíns artúricos e reta ao máis valente a cortarlle a cabeza dunha tallada. Gawain colle a machada das túas mans, sopésaa: a folla cae, tronza o teu pescozo. Érgueste e, coa cabeza debaixo do brazo, emplazas a Gawain a que reciba, dentro dun ano, o golpe que lle corresponda: 'Loke, Gawan, þou be grayþe to go as þou hettez, And layte as lelly til þou me, lude, fynde, As þou hatz hette in þis halle, herande þise kny3tes; To þe grene chapel þou chose, I charge þe, to fotte Such a dunt as þou hatz dalt -- disserued þou habbez To be 3ederly 3olden on Nw 3eres morn. Þe kny3t of þe grene chapel men knowen me mony; Forþi me for to fynde if þou fraystez, faylez þou neuer. Þerfore com, oþer recreaunt be calde þe behoues.'
Mais por hoxe xa temos sangue dabonda.
Benvidos a Camelot!