Mostrar mensagens com a etiqueta Hildegard von Bingen. Mostrar todas as mensagens
Mostrar mensagens com a etiqueta Hildegard von Bingen. Mostrar todas as mensagens

terça-feira, março 07, 2006

Cinco Libros e Cinco Mulleres

Fai moitos anos adicáralle a un dos meus mellores amigos un estraño cumprido: 'es unha mistura de libro e muller'. Anque poida soar extravagante, a formulación consegue xuntar as dúas cousas que máis pracer me dan e que máis desexo, respectivamente.
Dado que na miña outra casa xa fixen unha entrada sobre libros de historia que tiña que mercar e ler urxentemente, hoxe vai tocar aquí unha lista doble de libros -non de historia- a mercar e ler a medio prazo (alomenos, despois dos da lista anterior), e de mitos eróticos do mantedor. Nalgúns casos, unha cousa solápase coa outra, como veredes...

5 Libros
-'O bosque dos raposos aforcados', de Arto Paasilinna; este home é, ao parecer, un novelista de culto no seu país, Finlandia. A obra foi vertida ao galego polo meu amigo Tomás González Ahola, polo que alén do interés meramente literario entran en xogo factores sentimentais. É tamén o primeiro proxecto, creo (xunto con 'Seda', de Baricco), dunha nova e valente editora adicada á traducción de textos ao galego: Rinoceronte Editora.

-"Vida y visiones de Hildegard von Bingen", publicado por Siruela, con cd de música e pinturas da propia autora. Hildegarda é unha ben coñecida mística, visionaria, escritora, compositora... e abadesa de mosteiro. Neste caso confésovos que o seu espectro persegue as miñas pulsións libidinosas, anque ao contrario de Patti Smith, non me masturbe coas imaxes de escritoras mortas

-"O Anti-Edipo. Capitalismo e Esquizofrenia"
, de Deleuze e Guattari (publicado por Paidós no 73) ten fama de ser unha obra densa e inintelixíbel, aínda dentro da habitual retórica barroca dos filósofos posmodernos. Encargárao fai uns meses nunha librería, pero terei que probar de novo...

-"Heike Monogatari": incríblemente, este clásico da literatura xaponesa acaba de ser traducido e publicado por Gredos (unha famosa colección de tapas gris e marrón que habedes coñecer, e que saca libros carísimos e interesantes).

-e last, not least, o primeiro tomo de "Mito y Epopeya", de Dumézil, un clásico da mitoloxía comparada que está editado por Seix Barral.
5 Mulleres

-Sophie Scholl: a loitadora antifeixista e membra da 'Rosa Branca' está agora de nova actualidade polo estreo na carteleira dunha producción alemana, nominada aos Óscar e dirixida por Marc Rothemund. Nalgunha ocasión ideara un texto cursi sobre ela e outras víctimas do Totalitarismo, incluíndo a metamorfose en raposa amarela de sete colas, que afortunadamente non cheguei a escribir...

-Rosa Luxemburg: ben lembramos aquilo de que 'a liberdade é sempre liberdade para disentir'. A demasiado lúcida revolucionaria e teórica alemá (ou polaca, ou xudea...) foi asasinada o día anterior á miña onomástica, e arrebolada con Liebknecht a unha canle que visitei cando estiven en Berlin.

-Virginia Woolf é para min a grande escritora modernista, e a novela 'Ao faro' ('To the Lighthouse'), unha das lecturas máis pracenteiras das que teño memoria (anque nos comezos atascárame algo na primeira parte; a central ('Time passes') é unha auténtica delicia, trala cal xa estás enganchado á novela). Coñézolle dúas fotos, nunha das cales sae moi avellentada, pero na outra, de nova, está estupenda e lixeiramente espectral.

-Ingerborg Bachmann é unha das miñas poetas favoritas. A nativa dunha Carintia rural e reaccionaria seguiu os pasos de Goethe e de Zacarías Werner na pescuda do limoeiro florecido; publicou poucos pero selectos títulos (recoméndovos dous en Hiperión: 'Invocación á Osa Maior' e 'Non sei doutro mundo mellor').

-Para rematar, acabo coa xa citada Patti Smith, musa rockeira, e a única que segue viva destas particulares mitoloxías que dibuxei hoxe para vós ('Pandoroloxías' sería máis axeitado). É unha das poucas mulleres á que son capaz de perdoarlle estéticamente a poboada mata que coroa os seus sobacos (anque creo que iso xa é cousa do pasado, cando cultivaba aquel look andróxino de Raíña-Poeta do Punk; tralo matrimonio con Fred Smith pasou a tocar o clarinete e a voltar a encaixar nun imaxinario feminino máis clásico).

domingo, julho 03, 2005

Hildegarda e o Carro de Tespis

Fatue, fatue, quid prodest tibi laborare?
Respice mundum, et amplectetur te magno honore*
Ei-lo Demo na súa primeira intervención. Estamos na peza chamada 'Ordo Virtutum' de Hildegarda de Bingen, unha obra de curiosa filigrana escrita para festexar a fundación do convento de Rupertsberg, do que a escritora era a abadesa. A obra foi probablemente representada na estrea por dezaséis das cincuenta monxas do claustro, e o papel do Demo recitado polo único home presente na comunidade, o monxe Volmar, administrador dos sacramentos e secretario de Hildegarda.

Que est hec Potestas, quod nullus sit preter deum? Ego autem dico, qui voluerit me et voluntatem meam sequi, dabo illi omnia. Tu vero, tuis sequacibus nichil habes quod dare possis, quia etiam vos omnes nescitis quid sitis**
É esta amais unha obra marabillosa que vos recomendo; conxuga tres das miñas aficións: o teatro, a música e a Idade Media. Porque o texto vai acompañado dunha música altamente orixinal e seductora.
O caso é que o Demo sempre dou moito xogo como personaxe literario. Na Biblia fai aparicións breves de 'artista convidado' (presentador no libro de Xob; serpe sibilina na Xénese), reservando as mellores esceas para o final, co lago de Xofre, as bestas e todo o atrezzo da imaxinería apocalíptica. Dante dalle un papel algo titánico, ríxido (capital románico) e engolado no seu Inferno, chantado no medio do Cocito mentras chucha os ósos de Bruto e de Xudas. O Mefistófeles do Fausto parece un tipo simpático co que pasar a noite de Walpurgis tomando cervexas e acariñando as coxas de rollizas mulleres tedescas. Pero o mellor, para o meu gusto, é o Satán de Milton: heroico, fermoso e contradictorio. Un pensa que, inconscientemente, o puritano Milton fai del a personaxe máis interesante da súa obra, e quizais ao seu pesar; o hálito de Cromwell, os levellers e a Revolución Inglesa que decapitou ao Rei cheirase na pólvora que levan os anxos rebeldes ao reino dos ceos.
(asaltar os ceos: cousa da que saben os bolcheviques)
O último Risco, meapilas e nacional-catolicista, tamén tentou sorte cun tema que o fascinaba. A súa 'Satanás. Historia del Diablo' é entretida, malia os lastres que arrastra a beatería de baratillo do seu autor.
Voltando ao tema do teatro: éste é un medio que sempre me interesou, anque probablemente (cousas dun lector impenitente) sempre o enfoquei dende a perspectiva do texto, e non tanto da representación (tampouco teño ido a tantas). Fai un tempo estaba nun grupo de teatro aficionado (agora pechado por derribo), e a verdade é que se pasa ben sobre as taboas, dándolle vida a personaxes aos que aprendes a amar.
E dentro do teatro, os textos estranos, lonxanos da nosa mentalidade e do mundo. Non se trata de facer arqueoloxía, senón de levar a cabo o tour de force que lle devolva a vida a textos que morreron para nós (ou que nunca viviron): as pezas litúrxicas medievais, o teatro noh, as sombras balinesas, commedia dell arte, os xoglares, a traxedia clásica (sobretodo Esquilo)...
Nun pasado xa relativamente remoto, adicábame a chatear (tiña moito tempo libre) baixo o mote de "Tespis", o afamado inventor do teatro grego. No seu percorrido polos templos arrastraba un carro (como o que vedes no selo) no que levaba os enseres do seu oficio e profesión.





Igual que o fundador, os membros de "éteatro" temos un fértil anecdotario de viaxes e postas en escea, de viaxes en 'carro' dignos dun camarote dos irmáns Marx. Mais por hoxe xa falamos dabondo. O anecdotario quede para outro día.

*Parvo, Parvo, ¿de qué che serve o traballar? Volta ao Mundo, que él che abrazará con grandes honores.
**¿Qué é este poder, como se non houbese ningún máis que Deus? Eu digo que a calquera que queira seguirme e facer a miña vontade, dareillo todo. Canto a tí, Humildade, non tes nada para darlle aos teus seguidores: ¡ninguén de vós sabe tan sequera qué sodes!