Mostrar mensagens com a etiqueta Traxedia Grega. Mostrar todas as mensagens
Mostrar mensagens com a etiqueta Traxedia Grega. Mostrar todas as mensagens

segunda-feira, julho 14, 2025

Reseñas - Sófocles, Three Theban Plays

Hai moitos anos, sendo aínda adolescente, lin tódalas traxedias gregas que se conservan nun volume único en tradución ao español que se agocha nos anaqueis da biblioteca pública de Serra de Outes. Máis recentemente comecei a mercar as edicións bilingües da Loeb Classical Library e xa lin algunhas delas (todo Esquilo, por exemplo). Neste caso, escollín a tradución de 1984 de Robert Fagles (anque xa conto con todo Sófocles en formato Loeb) porque a tiña en formato dixital, incluía as tres pezas tebanas (Antígona, Edipo Rei e Edipo en Colono) que estaban a ser lidas e comentadas no podcast Ascend, the Great Books que escoito e porque era a tradución que alí recomendaban.

Estas obras constitúen, sen dúbida, o corazón da traxedia clásica grega (Aristóteles consideraba Edipo Rei como o cumio de toda a arte traxédica). Unha reseña que trate o seu argumento ou a súa importancia estilística parece innecesaria: son clásicos lidos durante centos de anos, e toda a información sobre eles está facilmente dispoñible ao alcance da man, así que nestas breves liñas limitareime a comentar algúns aspectos desta edición e a relevancia da traxedia sofoclea na actualidade.

Esta edición vén cunha moi boa introdución a cargo de Bernard Knox. Nela, sitúa as traxedias de Sófocles no rico contexto cultural e político da Atenas do século V a.C., unha democracia no seu apoxeo intelectual mais atormentada pola guerra e a inestabilidade cívica. Sinala que, aínda que estas obras beben do mito, abordan preocupacións contemporáneas urxentes, especialmente a tensión entre a conciencia individual e a autoridade do Estado, entre a axencia humana e a vontade divina. Antígona dramatiza o conflito entre o deber familiar e o deber cívico, por exemplo, mentres que Edipo Rei explora a devastadora busca do autocoñecemento e os límites da comprensión humana. Knox tamén subliña o uso da ironía tráxica por parte de Sófocles, a estrutura compacta das súas obras e o papel do coro como ponte entre os actores e o público, elementos todos que intensifican o impacto emocional e filosófico das pezas.

Knox argumenta que, aínda que as tres pezas tebanas adoitan lerse na orde mítica, a súa orde real de composición —Antígona, Edipo Rei, Edipo en Colono— reflicte a evolución da visión traxédica de Sófocles. Advirte tamén contra a lectura destas obras como unha triloxía unitaria, sinalando as mudanzas na caracterización de figuras recorrentes como Creonte. A introdución remata cunha reflexión sobre o poder duradeiro destas traxedias, especialmente á luz da tiranía política e a resistencia no século XX. Knox ve nos heroes tráxicos de Sófocles unha seriedade moral intemporal e unha integridade inflexíbel que resoan co público de todas as épocas, facendo que estas obras antigas resulten fondamente relevantes para lectores e espectadores actuais.

O texto está ilustrado con imaxes —na súa maioría pezas de arte micénica (selos, cerámica, xoias)— que evocan o período no que, miticamente, tiveron lugar estas historias. No que respecta á linguaxe da tradución, Fagles resulta moi agradable de ler: é moderno, fluído e cun dominio elegante da linguaxe e do lirismo que probablemente lle fai xustiza ao grego orixinal. É difícil traducir un clásico e facer que soe como literatura viva, mais creo que o autor fai aquí un bo traballo. O libro tamén inclúe numerosas notas (de Knox) que non consultei, pero que serán moi útiles para o lector común que non estea moi familiarizado coa lenda, a arte ou os costumes gregos.

En conxunto, esta edición é unha excelente porta de entrada a Sófocles tanto para quen se achegue por vez primeira coma para quen regrese ás obras con máis bagaxe. A tradución, como dixen, é accesible e literaria, o material complementario é reflexivo e informativo, e a profundidade temática das obras mantense intacta co paso do tempo (cando menos para quen, como eu, continúa baixo o feitizo dos clásicos e da idea da “Gran Conversa” cos mestres e as obras do pasado). Para min, xa sexan lidas como alegoría política, exploración psicolóxica ou meditación intemporal sobre os límites e deberes humanos, estas traxedias seguen a falar con forza. Para quen queira comprender as raíces do teatro occidental, ou as preguntas perennes sobre o destino, a liberdade e a obriga moral, este volume paga moito a pena.

Unha nota sobre versións en galego e español: as tres pezas están dispoñibles na segunda língua: Tragedias: Áyax, Las Traquinias, Antígona, Edipo Rey, Electra, Filoctetes, Edipo en Colono, Tradución e notas de A. Alamillo Sanz. Introdución de J. S. Lasso de la Vega. Rev.: C. García Gual. Editorial Gredos. Madrid, 2021 (1ª edición, 4ª reimpresión). ISBN 978-84-249-0099-1. En galego hai dúas pezas distintas (Áiax, Electra) traducidas por José Francisco Calaza e que constitúen o número 22 da colección Clásicos en Galego editada por Galaxia e a Xunta de Galicia. Das tres traxedias tebanas só me consta tradución de Antígona, de Felipe de Marzoa (publicada en 1973 en Castrelos) e unha de Edipo Rei de María Fe González Fernández (1999, Clásicos Xuntanza).

terça-feira, maio 11, 2021

La règle de bienséance

En máis dunha ocasión téñovos falado da biblioteca municipal de Outes, a cova de Zaratustra da que tiraba exemplares para ler e cultivarme cando aínda non gañaba para libros. Penso que foi na tardo-adolescencia cando lín completo dos seus anaqueis, en traducións españolas, todo Shakespeare (na edición de Aguilar, 1969, con ilustracións francesas), o teatro grego clásico -Esquilo, Sófocles, Eurípides, Aristófanes e Menandro- en dous volumes na mesma editorial ca William, as traxedias latinas de Séneca (neste caso, estou menos certo; penso que era un libriño vermello de tapas duras, ao mellor da biblioteca de Outes ou senón da do instituto) e Racine (un volume de tapa branda da Editora Nacional). Lembro tamén que para o meu gusto daquela, non pouco influído polo cinema, e especialmente por Tarantino, resultábame ennervante o 'recurso do mensaxeiro', a pouca acción e os longos discursos no caso das obras gregas e francesas. Podería obxetarse que, dado que se trataba de teatro lido, tanto lle ten ao lector imaxinar as esceas directamente coma a través das verbas descriptivas do ἄγγελος; mais o caso é que sen episodios de acción, a obra fica reducida a longos e estáticos exercicios de retórica. Tales recursos xustificaríanse posteriormente por convencións e/ou regras do decoro, anque sospeito que os motivaba no caso grego a escaseza de actores e medios escenográficos e o costume de escoitar longos cantos corais e relixiosos, ou as tiraxes da épica cando aínda recendía a arte oral-formulaica, medio improvisada polos aedos a partires da Materia Troiana e semellantes.

Estes días estou a ler (non diría reler, xa que se trata doutra tradución, obra de Alan H. Sommerstein, desta volta en inglés co grego orixinal na páxina oposta) a traxedia esquílea; anque pasaron moitos anos e son outra persoa en mente e gustos, máis receptiva aos engados artificiosos da linguaxe poética, non deixa de chamarme a atención a estaticidade monocroma de Πέρσαι, que pode resumirse nunha longa ladaíña de lamentos por parte dun coro de nobres persoas, da raíña, do espectro finado de el-rey Darío e, finalmente, de el-rey Xerxes. Todo moi patriótico e con verbas, imaxes e metáforas ben engarzadas, pero algo ríxido como espectáculo para o lector contemporáneo, tal esa rixidez arcaica do κοῦρος, anque nos salve non pouco a descrición da batalla de Salamina, moi próxima ao meu corazón e metáfora empregada nun meu texto perdido contra certo vil sátrapa de nome persa nos días lonxanos da LOU...

domingo, março 25, 2012

Reseñas - The Cambridge Companion to Greek Tragedy

The Cambridge Companion to Greek Tragedy

P.E. Easterling (editor)

1997, Cambridge University Press

* * * (regular/ben)

Estudos en monografías algo dispersas (e algo posmodernas) arredor da Traxedia grega.

O formato anglosaxón do 'companion' refírese a unha tipoloxía moi variada de libros, que só teñen como eixo común o da súa presunta función ancilar sobre o tema que tratan. Quérese dicir, a súa vocación é a de ser complementos, anotacións, aclaracións sobre un obxecto de estudo amplo.

Como digo, a súa forma pode ser moi diversa. Así, o Indiana Companion to Classical Chinese Literature, por exemplo, é un diccionario de autores, xéneros, formas e obras das letras chinesas arcaicas. Postmodernism: a reader de Thomas Docherty é unha colectánea de artigos, ensaios e fragmentos das meirandes e máis sobranceiras figuras no eido; E o libro que nos ocupa é unha serie de monografías algo ceives sobre a traxedia grega clásica.

A priori, teño que dicir que o libro que recopila artigos é un formato que cada vez me gusta menos, anque entendo que resulta mais cómodo de levar adiante que un estudo exaustivo por parte dun só investigador arredor dunha area de coñecemento. As monografías están ás veces mal fiadas e mal conectadas, reiteran os mesmos temas ou son dun contido tan académico e especializado que non engaden moito aos lectores que quixeran ter unha visión xeral e un libro de consulta. En parte, este problema aqueixa ao Cambridge Companion. Dividido en tres seccións, os artigos da primeira parte céntranse na traxedia 'histórica'; os da segunda entran algo (anque non moito) a comentar obras concretas e algúns outros aspectos de socioloxía e pensamento; os da terceira reflexionan por extenso sobre a recepción e adaptacións da traxedia en tempos posteriores.

Os estudos son todos de certo interese, anque agás os da primeira parte, o certo é que non axudan a ter unha visión moi detallada da Traxedia ática. As obras non son obxecto de comentario ou estudo minucioso (agás aspectos moi concretos que lle interesan a algún dos autores participantes) e a sección sobre recepción é demasiado extensa para o meu gusto: se leo un libro sobre este tema, o que me interesa de verdade é o espectáculo teatral-literario do século V a. C., e moi pouco as lecturas posteriores e reapropiacións que se fixeron del. Nisto confeso a deformación clasicista que é patrimonio do voso reseñador, e que o me fai moi hostil aos elementos de discurso posmoderno que tamén fan entrada soterrada no libro (relativismo e limitación histórica das interpretacións da traxedia, sobrevaloración dos seus aspectos 'deconstructivos', liminais, etc...).

Con todo, non sería facerlle xustiza ao volume o menosprezar a calidade académica dos seus artigos e o interese puntual de varios destes. Mais globalmente, teño a impresión de que o companion da editorial Blackwell arredor do mesmo tema toca en mais detalle tanto as obras coma unha visión minuciosa de tódolos aspectos da traxedia grega da antigüidade.