Mostrar mensagens com a etiqueta Richard Wagner. Mostrar todas as mensagens
Mostrar mensagens com a etiqueta Richard Wagner. Mostrar todas as mensagens

sábado, abril 14, 2007

Alberich III (2)

2.-GALERIE DES GLACES ou
DEATH BY FIRE - A que tenh´eu por lume d´estes olhos meus”

[mesma escea; os dous espellos, a dereita e sinistra, cúbrense de brumas e luces de cores; escoitase unha pesada voz dende o profundo dos cristais:]
VOZ: Non sempre foi así...
[as imaxes dos espellos acláranse e vense esceas do movemento ANTI-LOU: manifestacións, pancartas, asambleas, panfletos, ... En cada espello maniféstanse dúas persoas de faccións similares a ALBERICH, e que chamaremos I e II]
ALBERICH I of things past: ¿Xa ficaron tan atrás os “días da Revolución”?
ALBERICH II of things present: A SEMENTE CAEU EN TERRA FÉRTIL daquela era doado crer no proxecto ilustrado na utopía na loita nos peches escribir artigos apaixonados en exceso líricos literarios para o xornal estudantil “Asamblea” E O LUME PRENDEU VIZOSO NOS EUCALIPTOS CARBALLOS BIDUEIRAS ALTAS COPAS CAÍAN POR MILLEIROS O BATUME LEVABA ÁS LAPAS DANZANDO DE PARTE A PARTE aquel artigo perdérase sempre son os mellores os que se perden pouco antes do asalto ao reitorado o linchamento frustrado de Darío VIL SÁTRAPA barba-de-cabrón augurabamos nel na sangue/tinta das súas liñas unha Salamina estudantil contra o reitor persa que só choraban os lacaios do poder os coros de cobardes “Land of the East thou mournest for the host / Bereft of all thy sons, alas the day! / For them whom Xerxes led hath Xerxes lost-- / Xerxes who wrecked the fleet, and flung our hopes away! / How came it that Darius once controlled, / And without scathe, the army of the bow, / Loved by the folk of Susa, wise and bold? / Now is the land-force lost, the shipmen sunk below!” a divina Salamina non chegou aínda que medrase a túa paixón por ela a túa paixón por ela fora maior que a de tódolos teus anos de mediocre militancia política só pasaron uns anos dende o ardente LUME
ALBERICH III (incómodo): falar de revolución é excesivo un crime un insulto chámalle como moito alegre algarada estudantil é o mellor das revoltas dos estudantes nunca nos xogamos nada sempre manteñen espírito lúdicofestivo o ex-reitor era é será sempre será segue sendo unha persoa desprezábel
ALBERICH II: CAÍAN COS MONTES AS CASAS AS MURAIAS FORTALEZAS A CIDADE DE PEDRA A PEDRA MESMA ARDÍA COMO GASOLINA CARBÓN VELLO LEÑA SECA lembra as Asambleas das Ideas OS DEUSES DA ESFERA SUBLUNAR SACUDÍAN AS TÚNICAS, PORQUE OS FOGOS FATUOS CORRÍAN TAMÉN DETRÁS DELES
ALBERICH III: só gañamos do noso lado pequenos desterrados do Olimpo Eles os escasos profesores que colaboraron connosco tampouco se xogaban gran cousa e coma nós xogaban a revolucionarios qué lonxe fica aquel París a súa loita era tan sideral como a nosa doutra banda admitirei que eles son serán sempre serán seguen sendo os únicos profesores que merecen o calificativo de mestres
ALBERICH II (malvado): non o dicía por iso volta a memoria o recordo a lembranza as Asambleas celebrábanse na Quintana tí estabas bébedo cos aires da revolta bebías ebriedade emotiva constante E ASÍ ALBERICH-NERÓN-PETER USTINOV CONTEMPLABA ARROBADO A CONSUNCIÓN DA CIDADE E DO PASADO E CANTABA UN CANTO NOVO PARA O SEÑOR CÓMO PODEMOS CANTAR SE ESTAMOS EN TERRA EXTRAÑA MAIS A REVOLUCIÓN É A TERRA DE TODOS PALPAS A LIRA E MENTRAS CAEN OS OUTOS EDIFICIOS E FOXEN AS XENTES POLAS RÚAS BERRAS/DESAFINAS “OMNIVORA FORZA ATROOOOOZ” e á saída namóraste perdidamente da Deusa Fenicia
[Silencio incómodo de Alberich III]
ALBERICH I (irónico): ou grande autocompasivo permite que che refresque a memoria MAIS O LUME TAMÉN ASALTOU CONSUMIU DEVOROU A QUEN O AMABA E NON FACÍA DISTINCIÓNS UNS OUTROS TODOS ERAN MATERIA PRA QUEIMA e ti tamén, Bruto OU MELLOR POBRE ALBERICH-GLAUCE-CREON-CREUSA! CORRE A FOGUEIRA TRAS DE TI ABRÁZACHE ÉNTRACHE POLOS OLLOS POLA BOCA POLOS POROS APÉRTASE A TI COMO HEDRA OU CELOSA NAMORADA “WHY, SHE WOULD HANG ON HIM AS IF INCREASE OF APPETITE HAD GROWN BY WHAT IT FED ON!” DICÍA HAMLET UN TRAXE IGNÍFUGO QUE GORECE-CONSUME FONTE DE SEDE CANTO MÁIS BEBES MÁIS SEDE DÁ E AGORA O TRAXE COMEZA A QUEIMARCHE: “NOW THE GOLD OF COLCHIS CLOSES HER PORES / PLANTS A FOREST OF KNIVES IN HER FLESH / NOW SHE SCREAMS DO YOU HAVE EARS FOR THE SCREAM / AND STILL SCREAMS ARE YOU LAUGHING I WANT TO SEE YOU ALL LAUGH / MY PLAY IS A COMEDY DO YOU LAUGH” polas túas veas corre a semente do amor a apócema máis potente que destilan os ollos de Medea-Astartté a bruxa da cólquida a do irmán esnaquizado nos brazos Ela a que é experta en velenos
ALBERICH III: coñecíaa de vista parecérame atractiva dunha beleza estraña pouco canónica probablemente non tivera significado nada para min de non ser pola asociación inconsciente que fixen dela ese día coa Revolución algo tópico no fondo porqué sempre pensamos na Revolución como unha muller (irónico) será que o eterno feminino / turra de nós para o alto
[pausa; un tenue resplandor de lume foise apoderando do salón mentres durou o diálogo, mais agora resulta cada vez máis evidente; a brétema inicial foise tornando fume e a luz branca en vermella]
ALBERICH III (amargo): non me amaba e a revolución fracasou HA!- ZERTRÜMMERT! ZERKNICKT! / DER TRAURIGEN TRAURIGSTER KNECHT!
ALBERICH I: non tiña ningunha obriga de amarche
ALBERICH II: nin a Revolución de triunfar qué Revolución triunfou a REVOLUCIÓN É UNHA LUNÁTICA ESPIDA TOCANDO O BANDONEÓN DA MEMORIA A REVOLUCIÓN DEVORA OS SEUS FILLOS
ALBERICH III: xa o sei
[mentres cantan a seguinte cantiga galego-portugesa, pola esquerda entra, como unha sombra e sempre en segundo plano, a REVOLUCIÓN-DEUSA FENICIA, espida e con bandoneón; toca nel, como acompañamento á cantiga, unha peza melancólica-melodía de tango; o fume cúbreo todo e o crepitar de chamas vaise facendo pouco a pouco enxordecedor]
ALBERICH I (canta): Amor, em que grave dia vos vi, / pois [a] que tam muit´a que eu servi, / ja mais nunca se quis doer de mi; / e pois me tod´este mal por vós vem, / mha senhor aja bem, pois est assi, / e vós ajades mal e nunca bem.
ALBERICH II (canta): Em grave dia que vos vi, amor, / pois a de que sempre foi servidor, / me fez e faz cada dia peior; / e pois ei por vós tal coita mortal, / faça Deus sempre bem a mha senhor, / e vós amor, ajades todo mal.
TODOS: Pois da máis fremosa de quantas som / [ja mais] nom pud´aver se coita nom, / e por vós viv´eu em tal perdiçom / que nunca dormem estes olhos meus, / mha senhor aja bem por tal razom, / e vós, amor, ajades mal de Deus.
[escuro]

domingo, março 04, 2007

Alberich III

1.-GALERIE DES GLACES

[luxoso salón envolto en brétema; apenas visibles molduras, candelabros, estatuas...; no centro da composición, fortemente iluminado por unha luz branca, érguese ALBERICH III, escoltado a dereita e esquerda por sendos espellos barrocos de tamaño desmesurado e dubidoso gusto, nos que se ve reflectido]

ALBERICH III: eu son Alberich TERCEIRO “o das cousas que serán” rei dos Albas Alberich o negro Alberich da noite rei dos nibelungos anano espírito da noite irmán de Mime pai de Hagen maldicente do amor creador do anel ideador do Tarnhelm co que me convertera en serpe e en sapo moro no corazón do solo na catedral da terra no imperio plutónico no meu fogar castigo os meus servos HELF´ ICH EUCH LAHMEN? - o pobo triste de escravos DER NIBLUNGEN NÄCHT´GES HEER - que súa e traballa na escuridade de Nibelheim ¡¡cavade galerías furade tuneis pasadizos mazmorras raspade-lamede na mollada e dura pedra!! por séculos construían a Metrópole subterránea roubáronlle a TERRA NEGRA NAI os seus tesouros que amorearon aos meus pés baixo a tépeda luz das forxas as máquinas da Metrópole subterránea forxaban flores de ferro armas de morte a espada Tyrfing o anel Draupnir o colar Brisingamen LIBRE CORRÍA A RIQUEZA COMO UN RÍO aos meus pés baixo a tépeda luz das forxas as máquinas da Metrópole subterránea dedos torres lanzas que se erguen e feren ás bóvedas soterradas sen luz onde o nocturno tropel dos Nibelungos raza escrava se multiplica como moscas danme escravos fillos de escravos netos de escravos toda a raza que para min súa e traballa na escuridade de Nibelheim...
Voltan outra vez máis como mulas de carga asfixiándose baixo o peso das xoias do ouro da prata amorean DORT ZU HAUF /SCHICHTET DEN HORT! mais desta vez será distinto xa que estou farto do corazón do solo da catedral de terra do imperio plutónico do meu fogar e ata do castigo aos meus servos érgome e canto sobre min mesmo:

OS QUE DURMIMOS
SOBRE LEITOS DE MARFÍN,
RECOSTÁMONOS EN DIVÁNS
COMEMOS CARNEIROS DO RABAÑO
E CUXOS DO ESTABLO
OS QUE CANTAMOS A BERROS
AO SON DA ARPA
E NOS INVENTAMOS, COMO DAVID
INSTRUMENTOS DE MÚSICA;
OS QUE BEBEMOS O VIÑO EN ÁNFORAS
E NOS UNXIMOS CO PERFUME MÁIS FINO,
POR ISO AGORA IREMOS DESTERRADOS
Á CABEZA DOS CAUTIVOS
E CESARÁ O XÚBILO DOS SIBARITAS

érgome a toda présa e antes de que os servos poidan reaccionar escapo a correr túnel arriba na ardente escuridade greto os meus pés descalzos coas rochas afiadas coma coitelos o sangue flúe docemente sobre o seixo as micas os esquistos os basaltos vago por horas -o tempo fluía como un río- sen rumbo co eco das voces dos meus escravos diluíndose como unha música de fondo cada vez máis lonxana atopo unha fenda unha luz cegadora e ferinte como nunca vira igual ascendo repto por ela saio do útero e volto despois de mil anos á superficie da terra e ao pobo dos homes...

[no interludio narrativo o Autor, para relaxarse, plántase por uns minutos diante da televisión -“Worship!” cried the clown, “I´m a T.V. making bandsmen go clockwork”- onde asiste estupefacto a un “western” mexicano lonxanamente reminiscente a “Que viva México” con Bud Spencer, Terence Hill e o actor de “Tuco” en “O Bo, o Feo e o Malo”. Tuco fai desta de “Kakopoulos”, e atado polos outros dous, permítese un excurso lírico sobre a súa ascendencia grega: “o meu avó era grego, como Sófocles, como Platón, como Ulises –e como Ulises, viaxou moito”. A cultura clásica aínda serve, logo, para facer guións. Noutras cadeas tertulianos teatrais recrean os temas “voyeurs” e a “literatura do ouriñal” do teatro e dos novelóns naturalistas. Cavilando despois o Autor na posibilidade de insertar nunha (imposible) representación teatral este pequeno excurso, fago que Alberich III se coloque por riba unha máscara do Autor ou, na súa falla, do teatro clásico, con pitillo nos falsos beizos e copa de whisky na man; un televexo posto en escea pode emitir varias imaxes para que as vaia comentando ao seu gusto]

ALBERICH III-AUTOR: A súa paixón por retornar cos humanos e buscar o verdadeiro amor que só se dá entre libres arricara a Alberich das covas / da escuridade / do reino tenebroso mais aínda tardou un tempo en acostumarse á natureza e aos raios ferintes do sol a nova vida florecía fortaleceuno e fíxoo sentir máis novo máis forte púxose por meta a Cidade da Pedra e cara alí encamiñou os seus pasos entrando nela como un Conquistador que retorna mais que o único tesouro que trae de volta das súas viaxes é el mesmo nela viviu aprendeu sorprendeuse creu e loitou por causas que cría nobres namorouse quereu e non foi querido perdeu ilusións / esperanzas ardeu e consumiuse no Lume Amargo das cinzas sempre amargas sairía un novo Alberich O ICH TROPF! ICH TRÄUMENDER THOR! WIE DUMM TRAUT´ICH DEM DIEBISCHEN TRUG! FURCHTBARE RACHE RÄCHE DEN FEHL! (quítase a máscara de Autor) voltei para o meu piso xa non contemplaba os bicos obscenos que lanzaban as lampreas dende as súas gaiolas da Rúa da Tristeza deixei de buscar ás doncelas do Rhin deixei a facultade mediocre que só salvaban as ringleiras de libros abandonados que ninguén le pero entre as que é agradable pasear refuxieime no piso Napoleón engulía reinos e testas coroadas HEGEL PERCORRÍA AS RÚAS DA CIDADE ARDENTE E SAQUEADA COA FENOMENOLOXÍA DO ESPÍRITO NOS PETOS MENUDOS PETOS DEBÍAN SER eu traguei libros e mais libros e con eles erguinme unha outa fortaleza un castelo impenetrable de verbas e pensamentos as obras acugulábanse en almeas troneiras dinteis elevadas lanzas foxos pontes levadizas e sobre a entrada dous dísticos gravados a lume:
“SÓ AQUEL QUE DESPREZA A FELICIDADE CHEGA AO COÑECEMENTO”
e
“SENTIMENTO NO INTRE DUN ESTADO SEMELLANTE Á MORTE: TÓDOLOS HOMES SON DIGNOS DE AMOR. AO ESPERTAR, SENTES A AMARGURA DO MUNDO; NELA ESTÁ TODA A TÚA CULPA IRREDENTA; A TÚA POESÍA É UNHA EXPIACIÓN IMPERFECTA”
lambía Alberich as feridas do seu corazón doído e lume sobre terra pechouse en sí mesmo O INFERNO SON OS DEMAIS voltouse escéptico e amargado con tódalas causas e grandes principios só usaba do seu saber para humillar os que estaban por baixo escondendo a Gran Renuncia detrás dunha nova bandeira “¡VIVA LONGOS ANOS / A POSMODERNIDADE!” e así foi como renunciou ao amor:
“SO VERFLUCH´ICH DIE LIEBE ”