terça-feira, junho 30, 2020

Libros do Mes

Plato and the Trial of Socrates de Tom Brickhouse e Nicholas Smith [E]

The Book of Documents de Bernhard Karlgren [E]

Why Socrates Died de Robin Waterfield [E]

Bureaucracy and the State in Early China de Li Feng

*Gems of  Chinese Verse de W.J.B. Fletcher [E]

*A History of Western Appreciation of English-translated Tang Poetry de Lan Jiang [E]

*Plato de Benjamin Jowett (tr.)

*Lenguaje matemático, conjuntos y números de Miguel Delgado e Mª José Muñoz

sábado, junho 20, 2020

Gained in Translation

Lendo varios textos encol das traducións da poesía Tang ao inglés, adéntrome no mundo fascinante das mediacións interculturais que todo intento de verquer a excelencia estética dun sistema literario a outro implica. Anque sexa de sentido común que a tradución, por moito que o intente,  sempre crea un texto novo que fracasará ou triunfará dependendo de condicións extrínsecas ao orixinal (habelencia do tradutor, maior ou menor facilidade de verquido á nova língua polas características do poema e a súa linguaxe, encaixe nos gustos, modas e sensibilidades estéticas da comunidade da língua receptora...), non deixa de resultar curioso ver isto na práctica, e ver cómo afecta ao canon literario e á orde de apreciación dos autores na língua orixinal.

Por un lado, os autores máis radicalmente centrais e canonizados en China da dinastía Tang (que serían, probábelmente nesta orde, os poetas Du Fu, Li Bai e Wang Wei) soen manter as súa posicións de preminencia en traducións inglesas (tanto en libros monográficos como en antoloxías inglesas); alén da súa calidade intrínseca, é o prestixio máximo do que gozan o que seguramente lles garanta esas posicións, pensen o que pensen os traductores (e temos casos sinalados de rexeitamento persoal: Arthur Waley non gustaba nada dos versos e da figura de Li Bai). Mais saíndo dos primeiros chanzos, a situación xa varía moito: topamos a autores bastante valorados na língua A que resultan máis valorados na língua B (Bai Juyi por exemplo, polo seu estilo e linguaxe relativamente sinxelas, e do que se soe dicir que sufre menos na translatio que outros autores máis gongorinos); autores relativamente pouco valorados na língua A e moi valorados na língua B (é o caso de Li He, cuxa poesía completa conta con 2 traducións á língua de Shakespeare, e cuxo emprego de imaxinería do sobrenatural e valores pouco ortodoxos o marxinan do canon chinés; nunha medida un pouco menor, tamén é o caso de Meng Jiao); e -o máis sorprendente, e quizaves merecedor do maior comentario- autores pouco ou nada valorados en língua A e moi valorados na língua B. Este é o caso da colección de poemas de Han Shan: pola súa escrita en vernáculo, temática budista e linguaxe 'tosca', a literatura chinesa relégaos tan só a prensencia en antoloxías comprensivas (coma Quan Tangshi, que inclúe a totalidade dos poemas conservados da dinastía, arredor de 50,000!). As razóns do seu éxito en occidente incluirían a minimización/obliteración das diferenzas no verquido, a sorte de topar bos tradutores que 'melloren' o texto, a adaptabilidade dos versos para a traducción pola relativa sinxeleza, e a conexión espiritual do seu contido con preconceitos sobre o 'Pensamento Oriental' e a cultura New Age dos anos 60.

terça-feira, junho 02, 2020