Mostrar mensagens com a etiqueta Ramón Blanco. Mostrar todas as mensagens
Mostrar mensagens com a etiqueta Ramón Blanco. Mostrar todas as mensagens

segunda-feira, fevereiro 05, 2018

O Testamento de Orfeo: Ramón Blanco (2)

Outro fío, quizaves de ideas, quizaves de néboa, lévanos da parte do noso mundo onde se pon o sol á parte onde nace: tanto o prólogo coma a cita/poema final son obra de autores chineses; o prólogo é un dos poemas máis sonados de Xie Lingyun, o Duque de Kanle, contemporáneo de Prisciliano e de Teodosio e fundador da tradición da Poesía Paisaxística (literalmente, shanshui, ‘montañas e ríos’) no Imperio do Medio; un bafo de melancolía escapa das liñas e percorre o noso libro, chegando no seu cumio aos outros versos, separados por 52 páxinas e mil cincocentos anos de distancia, de Wu Shu-teh; a separación tamén é conceptual: do esteticismo melancólico, aristocrático e budista do primeiro á rotundidade didáctica, militante e moderna do segundo. Porén ámbolos dous son ‘falsos amigos’, xa que a influencia chinesa preponderante que hai detrás de Se pedra na brétema é a dos alcumados ‘poetas brumosos’, unha xeración dos oitenta influída polas poesía occidental e as técnicas imaxísticas do modernismo e que rachaba, política e poéticamente, co realismo socialista e os peáns ao Oriente Vermello e a Mao Zedong no remol da Revolución Cultural e da matanza de Tiananmen. O alcume de brumentos, como tantas etiquetas artísticas, nacía con connotacións negativas: a de seren escuros e herméticos, fronte ás claridades evidentes da escrita oficial. Mais ás veces é preciso vestirse de néboa para aprender a ver. Nas verbas de Gu Cheng, no poema “Unha xeración” (“一代人”):

“A noite negra doume ollos negros
e emprégoos para topar a luz”.

A noite negra tamén deu o telón de fondo para unha outra luz “Aquela lámpada / a da luz azulada” que aínda alumea cando a escreben os versos de Ramón Blanco. Ou para a que emiten os seus ollos, “pergamiños iluminados”.

A conexión cos poetas da brétema é tamén persoal: 16 anos atrás asistíamos os membros do Colectivo Sacou á Celebración Mundial da Poesía – World Poetry Day no escenario de pedra e brétema de Santiago de Compostela, e entre os poetas aos que perseguimos e escoitamos –sempre esquecéndonos do seu nome- estaba Li Shizeng, alias ‘Duo Duo’, un dos sonados poetas destas ‘voces na néboa’, e que nos louva o evanescente cando dí, na ‘Luz de Veermer’:

“O que non se sabe, o non dito
é o estremo da beleza”.

Xaora, voltemos, en bustrófedon, ao rego de Ramón Blanco e os seus versos. Non só posmoderno Orfeo, ou Dionisos, o poeta de Cando engade no seu haber ao astuto Odiseo, que entre as súas viaxes percorreu Cimmeria, país de néboas perpétuas, e as portas do Averno; coma o navegante de Ítaca, o noso Ramón, nas aforas do Hades, contempla e comenta cun ollar preciso e sucinto o eterno devalar de todos, ‘baixo as uvas aínda verdes’, apoiado nunha ‘mesa de granito que semella lápida’, e pensando no vagalume atrapado na conca da súa man esquerda. O vagalume podemos ser nós, receptores deste banquete de palabras, ou a verba poética mesma, pirilampos de luz que escapan ate os nosos ollos. De calquera xeito, a luz que racha a brétema e préstalle á pedra o seu esplendor debémoslla a Ramón Blanco Fernández. Que esta luz, como a das taboíñas de ouro, testamento e talismán dos órficos, nos faga de pasaporte no inevitábel percorrido da tebra cotián e da definitiva. “Ela mesma permitirache beber da fonte sagrada. / Daí en diante gobernarás a carón dos outros heroes”

quinta-feira, fevereiro 01, 2018

O Testamento de Orfeo: Ramón Blanco

Eis a primeira parte da presentación que lle fixen ao poeta Ramón Blanco por mor da saída do seu último libro, Se pedra na brétema.


“Toparás á esquerda da casa de Hades unha fonte
e ao seu carón, un ciprés branco.
Non te aproximes á fonte!
Toparás outra, procedente da Lagoa da Memoria,
Burbulleando auga fría; hai gardas diante dela
Dí: ‘Son fillo da terra e do ceo estrelado,
Mais a miña raza é celeste. Vós mesmos o sabedes.
Estou reseco de sede e morrendo; concedédeme entón, prestamente,
Da auga fría que flúe da Lagoa da Memoria’.
E eles mesmos permitiránche beber da fonte sagrada.
Daí en diante gobernarás a carón dos outros heroes”.

Estes que acabo de citar non son versos de Ramón Blanco, anque ben poderían selo, ou quizaves un outro prólogo, non chinés, senón grego, de Se pedra na brétema.  Rescatados dunha lámina de ouro batido soterrada nunha tumba de Petelia, en Italia, forman parte dun pequena serie de textos relixiosos e fórmulas para a salvación da alma no Outro Mundo, unha especie de mini-‘Libro dos Mortos’ heleno conectado cos cultos mistéricos de Dioniso e de Orfeo. Bo introito, xa que logo, para a escrita de Ramón Blanco, un noso ao mesmo tempo secular e divino poeta que ten empregado a figura mitolóxica do Cantor que facía chorar ás alimañas e ás pedras e que descendeu aos Infernos para recuperar á súa dona; Ramón Blanco descende novamente, e por terceira vez (logo do Orfeu en soños do 2005 e da Emily on the road de 2012) para rescatar verbas do Sheol, e moldealas na terceira parte do seu Testamento de Orfeo.

O mito do camiño de ida e volta ao reino tenebroso é tan constante no imaxinario colectivo da especie (Izanagi e Izanami no Xapón, Gilgamesh nas historias sumerias, Quetzalcoatl nas mexicanas, Herakles, Teseo ou Eneas no mundo greco-latino, Dante ou San Brandán no noso medioevo ou nos relatos xamánicos de tódalas épocas) que un ten a tentación de retrotraer ás súas orixes á primeira aurora do pensamento relixioso dos humanos; sexa como for, é unha imaxe poderosa que inspirou a numerosos artistas (da palabra, da imaxe, da escultura, da música) ata acubillarse entre “estas paredes enredadeiras de humidade” que son a morada de Ramón Blanco. Dela sae o poeta-cazador dos peixes, racha as paredes do acuario húmido da memoria, e lembrando a pedra e a néboa, tece con elas un novelo de versos para nos deleitar, para nos ensinar, para facernos máis reflexivos, ou máis quizaves máis tristes; dende logo, máis sabios.

Unha posible lectura desta viaxe órfica estriba no rescate da memoria a través da palabra; un rescate que se nos antoxa paradoxal, pois a palabra mesma é fuxidía e fugaz, ave fénix canora que se extingue no momento de producirse; mais a escrita axuda a escaparnos do paradoxo: a tinta, ‘verme de luz’ fai que a palabra e aquilo que a palabra referencia, perdure; non calquera palabra escrita, senón a palabra poética, a palabra precisa, a complexa e fermosa tracería da linguaxe perfecta e artísticamente empregada que traduce e transmuta nun exercicio de alquimia ou nigromancia a brétema difusa do noso existir, do noso pensar, do noso ser, do noso dicir, en pedra sólida, mole imperturbábel, o sólido que non se eslúe no aire, ‘Só as palabras que aguantan o incendio non murchan’. O libro que hoxe temos entre as mans é un ben absoluto: o da vida fronte ao baleiro, a non-existencia, a nada. Arredor dos seus trazos de tinta, a páxina en branco e as marxes amagan a desaparición de todo o que somos, de todo o que fumos, de todo o que seremos. Mais antes de que chegue a noite, se é que chega, a verba vibrará: ‘Entramos na néboa e a linguaxe vaise esfiañando / peixes prata devorando a memoria paciente / mente unha pedra no útero da auga’.

quarta-feira, janeiro 17, 2018

Hispanici Libri - addendum

No caso de que algunha alma munificente pensara en empregar a lista duns días atrás para facerme un agasallo, que saiba que Ramón Blanco xa lle tomou a dianteira no que toca ao primeiro dos volumes, e que os pensamentos de Michel Eyquem en breve hanse sumar á miña biblioteca -da Tour de Montaigne á Casa de Muxía-.

sábado, dezembro 30, 2017

Convite

0


XOÁN X. MARIÑO REINO Presidente da A.C.C. Terra de Outes



Comprácese en convidar a vde. á presentación do libro Se pedra na brétema, de Ramón Blanco, premio de poesía Eusebio Lorenzo Baleirón 2016. Acto de que terá lugar o sábado, 30 de decembro, na Casa da Cultura da Serra, ás 8 da tarde e no que intervirán Xoán Mariño, presidente da A.C.C. Terra de Outes; Antón Lopo, editor; Manolo del Río, profesor no IES Virxe do Mar; e o propio autor, cunha introdución musical a cargo de Pablo Sax.

Ao remate estaremos gustosos de que asista tamén na cantina da mesma Casa da Cultura a tomar uns viños en compaña do escritor, con que poderá dialogar sobre a súa poesía.

quinta-feira, julho 20, 2017

καὶ σὺ, τέκνον

"... e no oitavo ano da era 永工作, ao Mandarín Marabilloso foille asignado o posto permanente de Maxistrado do condado de Dunhuang, no remoto Norde, anque polo tempo presente, renovóuselle por un ano a súa estadía e goberno temporal da prefectura de Lang-chou. Asemade, o seu dilecto colega 白 忠告 'O Alto' superou ese ano o Exame de Talentos Florecentes, e foille concedido desempeñar de xeito permanente a posición que xa viña disfrutando de Cabaleiro Gardián das Portas de Oricalco".

dos Anais Básicos do Mandarín Marabilloso



domingo, março 15, 2015

Liberum donum

Moi agradecido a Ramón Blanco polo agasallo da Muqaddimah de Ibn Khaldun (مقدّمة ابن خلدون), un libro que dende os anos xa remotos da miña primeira carreira estaba na lista dos 'debe' para mercar...


quarta-feira, fevereiro 13, 2013

segunda-feira, dezembro 31, 2012

A alma escolle a súa propia compaña

Con estas verbas comeza o recitado que, a carón do mar, fai Ramón Blanco dun anaco do seu Emily on the road. A xira do libro entra na súa recta final, cunha pequena serie de recitais a comezos de xaneiro, mais contamos con ir ilustrando de xeito virtual os recitais xa feitos, xunto cuns videos con preguntas e respostas arredor do libro que gravamos a comezos da xira e aínda non tivemos tempo de montar. Eis un aperitivo privilexiado para vós, que podedes acompañar, de gustardes, coas reflexións escritas que o autor pendurou recentemente na súa bitácora arredor do nacemento do poemario en cuestión.


segunda-feira, dezembro 17, 2012

Recalada - Navy Bar

O sábado pasado a xira 'Emily on the Road' tivo a ocasión de recalar na cidade olívica, mais concretamente no local da asociación cultural Bou Eva, no que resultou unha estupenda velada cun público entregado, e unha ocasión de reencontro -después de tantos años- con Oriana e Alberto.  Non desaproveitedes a ocasión de visitar o local social se pasades por Vigo!

Trala lectura completa de onte á noite no Fina Stampa (Noia), a xira vai chegando á súa fin, mais as presenzas virtuais hanse intensificar cando en breve comecemos a pendurar videos dos actos. Dende esta bitácora en concreto iremos insertando os anacos dunha longa entrevista que tivo lugar pouco despois da saída do libro e que de seguro han axudarvos na navegación literaria das súas páxinas...


sexta-feira, novembro 16, 2012

A Rose for Emily

Non, non se trata daquela solteirona sureña de nome Emily Grierson sobor da que teceu un relato breve o xenio de William Faulkner, senón dunha rosa persoal de homenaxe a Emily Dickinson e ao libro de poemas Emily on the road que, baixo a firma de Ramón Blanco, acaba de publicar a editorial Acha Escrava, e que hoxe presentamos na Serra de Outes.

Aqueles que fiquedes perto e que amedes a boa poesía estades convidados a esta sesión, que terá lugar na Casa da Cultura dende as 8 e media en adiante. Caso de que vos veña mal, podedes consultar na bitácora de Acha Escrava a axenda coas diferentes presentacións en numerosas cidades e vilas do país.

http://profile.ak.fbcdn.net/hprofile-ak-snc6/211221_432923236754776_187636110_n.jpg

quinta-feira, março 10, 2011

Constructivismo Polonés (e algo máis)

Varias lecturas recentes volveron a poñerme en contacto coa miña vangarda favorita: o constructivismo. Mais non co seu espazo máis definitorio (a Rusia Soviética), senón na cercana Polonia. É que o Círculo de Belas Artes presentou unha exposición recentemente con fondos do célebre museo museo Sztuki de Lodz. O tal museo foi, no seu tempo, unha magna obra común patrocinada polos constructivistas polacos (nomes coma Wladislaw Stzeminski, Henryk Berlevi ou Katarzyna Kobro) e por figuras europeas de primeira orde. Un modelo, vamos, de anti-Cidade da Cultura, e de todo o que esta podería ser e non é.

























Outra inauguración que merece cita e aviso é a da bitácora do compañeiro e poeta Ramón Blanco. Dende comezos desta semana é posíbel disfrutar dunha outra banda dende a que os días idos, as imaxes a as reflexións desta autor enriquecen o noso periplo polas ondas virtuais...

segunda-feira, agosto 31, 2009

Pedra da Serpe



Na última crónica das súas Flores de Papel (ver o número 8 do Artes & Letras Galicia que tira o ABC) o compañeiro Ramón Blanco adícase a glosar a tarde de paseo e excursión que tivemos o mes pasado polo norte do país, centrándose na famosa Pedra da Serpe de Corme, citada tamén por Risco e os etnógrafos de Nós como testemuño mudo de antergos cultos pagáns e da chegada dos celtas á nosa terra. O artigo, titulado 'O camiño da serpente' terá continuidade no próximo exemplar, e anívovos a todos a seguir a senda, tortuosa e sabia, dos seu ofidios de tinta...




quarta-feira, março 01, 2006

Convite

A Editorial Toxosoutos e o Colectivo Sacou teñen o pracer de convidalo á presentación do libro Orfeu en soños de Ramón Blanco.

Acompañarán ao autor Iria Lago García, presidenta do Colectivo Literario Sacou, e Xosé Agrelo Hermo, director de publicacións da Editorial Toxosoutos.


Venres, 3 de marzo de 2006
Ás 20:30 h.
Casa da Cultura de Noia

terça-feira, janeiro 24, 2006

Orfeu en Compostela

Brevemente, aproveito este espazo virtual para facer saber a tódolos lectores e lectoras desta bitácora que o XOVES, 26 de Xaneiro terá lugar a presentación do poemario 'Orfeu en Soños', de Ramón Blanco Fernández, en Santiago de Compostela. O acto desenvolveráse na Galería Sargadelos a partir das 8 da tarde, e estará presentado por David Pérez Iglesias e Paulino Vázquez.

Se podedes, non deixedes de acudir.


"Esperta este Orfeu en soños de vedraia tumba de marbre, nun illote fronte ás costas de Tracia, erguendo a fonte limpa do seu canto e a súa profética sombra (Pantasma de dubidoso aspecto) dende as primeiras páxinas do libro. Mais non recalará a súa lira nas costas mediterráneas –homérico mar, escuro coma o viño–. Na súa singradura escorregan ronseis e hexámetros clásicos sobor das ondas, e os timoneis –de Ulises a Derek Walcott e Manuel Antonio– sucan por mares nunca de antes navegados. O obxetivo son as Illas Afortunadas, metáfora ou paráfrase incompleta da Arte e da Poesía Boa. Cada poema é arquipélago de seu; os versos, as imaxes corren en carreira desbocada, iluminan uns instres antes de apagarse –como chama– e seren sobrepasadas na carreira. Recalada nunha illa: rubimos entre o recendo de rústicas flores a tortuosa xeografía da sintaxe".

sexta-feira, dezembro 30, 2005

Ramón Blanco no Patíbulo

Fai uns días congratulábamonos pola saída de 'Orfeu en soños', primeiro libro de poemas de Ramón Blanco. Onte tivo lugar a súa presentación na Serra de Outes. Exposto coa súa obra en pública picota, varias cores alternaban sucesivamente na face do autor mentres se desnovelaba o acto.
E nembargantes, malia a lixeira incomodidade que este tipo de cousas provoca, Ramón podía estar tranquilo. Despois de todo, o público non lle arrebolou froitas, pedras e animais mortos. Igual que a crítica que ten saído ate o de agora -tanto en xornais como no boca a boca-, a recepción do libro foi do máis eloxiosa. O noso autor é tamén profeta na súa patria.
Non deixou o poeta de evocar o seu primeiro recital, nunha situación semellante, anos atrás. Gañador do certame local de poesía 'Francisco Añón', o acto tivera lugar nun parque público entre varias esceas carnavalescas e música de Sabina.
Surrealismos aparte, o parque da Cruz non conta con picota propiamente dita á que amarrar ao autor, anque o Cruceiro que ten podería suplir á pedra medieval. Mais non queremos deixar pasar a ocasión sen agasallarlle cunha picota persoalizada, que poderá estrear nos sucesivos actos que en breve terán lugar en Noia e Santiago (estaredes avisados).


As góticas teñen o seu encanto, anque se a víctima busca algo máis persoalizado, pode modificar a presentada, engadíndolle gradas, catro cabezas de dragón no alto ou corpo cadrado e escudo de pedra coas súas armas esculpidas.
Outro dos cadalsos polos que pasou o autor cifrouse nunha entrevista no ABC, da que contades aquí cunha versión resumida para consultar.
E finalmente, esta miña casa e os vosos comentarios constitúen tamén a última proba da que estou seguro -como das outras-, Ramón sairá máis que ben parado.

domingo, novembro 20, 2005

Orfeu en soños

Hoxe é día de banquete e celebración. Xa teño nas miñas mans un exemplar de 'Orfeu en soños' -e así se chama o primeiro libro de poesía publicado por Ramón Blanco, cifra de letras nas que se esconde o home de ben, xenial poeta, o amigo xeneroso. Marcará esta saída, anunciada con sopros de tuba de prata, o nacemento dunha estrela na constelación de novos e bos autores dos que tan necesitadas andan as nosas letras.
"E o terceiro Anxo tocou a trompeta, e unha enorme estrela, brillante como un facho, caeu do ceo sobor da terza parte dos ríos e das fontes de auga - o nome da estrela é Absinto. Un terzo das augas tornáronse amargas, e moita xente morreu das augas que se tornaran amargas".
É este libro complexo artefauto de verbas e Absinto, pois alimenta dos que beben nel e só cataliza o veleno naqueles que xa están estragados por dentro, "e son consumidos polo lume".
Baleiro a copa de cristal para un novo brinde; o licor verde esmeralda danza nas gorxas -a fada verde- e alédame ofrendarvos unha mostra -o primeiro poema- deste noso "miglior fabbro", o mellor escritor do Colectivo Sacou.

IN GIRUM IMUS NOCTE ET CONSUMIMUR IGNI

(Salutación de Guy Debord aos espectadores e ao Conde d Paço Tristão)

Cinza sombra deste incendio
que se estende
máis alá
das marxes do (h)orto,
lonxe do martirio da sintaxe
e do fogo que arde sen se ver e que alí afina
a ígnea corrupción do centro de madeira
do violín tatuado,
tocando a pel ardente
papel queimado.

Pode que os mortos aínda respiren
nestes versos igual que os vosos ollos
escoitaban na película a noite
americana ou o testamento de Orfeu,
fumando no leito baldío
despois de escribir Sonata de inferno cos ollos irritados cubertos
polo fume, ascendendo despois cara ao teito,
na lámpada a vista baila
atrapada no círculo do desexo

O danse mon papillon noir!

Aínda que tarden en arder as follas murchas unha tarde
han entrar xirando polas xanelas abertas
nas almas de mil douscentos e pico
perdemos o sen,
buscades asento na escuridade,
cando xa comezou o espectáculo
e imos en círculo na noite e somos consumidos polo lume.