Mostrar mensagens com a etiqueta Comparatismo. Mostrar todas as mensagens
Mostrar mensagens com a etiqueta Comparatismo. Mostrar todas as mensagens

quarta-feira, fevereiro 15, 2017

Comparatismo

Estes días ando a ler cousas de poetas moi afastados no espazo e no tempo: dunha banda, un volumen dixital e antoloxía da lírica grega arcaica, que acubilla no seu seo algúns anacos de Arquíloco de Paros (c. 680 – c. 645 AC); doutra, unha monografía (estudo-tradución) encol de Xie Lingyun, o Duque de Kangle (385–433).

E non son só as coordenadas da cronoloxía e da terra ás que os separan: a nivel persoal, Arquíloco é unha figura 'plebea' cunha poesía mordaz, ferinte, antiaristocrática (é o presunto fundador do iambo na lírica clásica) anque tamén coas súas fonduras e retrousos gregos (o valor da mesura, o destino coma forza cega que move aos mortais); Lingyun é un nobre refinado e decadente, anque moi cedo seducido pola natureza salvaxe de ríos e montañas e pola mística budista, e porén un pai fundador, él tamén, da poesía paisaxística chinesa.

 Son estas diferenzas as que fan de coro antitético á semellanza que, tradución mediante, parécese albiscar nalgúns dos seus versos: concretamente, un par deles inclúen como elo común a importancia da mesura, de afrontar os auxes e caídas do destino humano cunha certa distancia reflexiva e con fortaleza; as imaxes que empregan son diferentes (o soldado firme sobre os seus pés, expoñendo o peito aos embates; o intelectual reflexivo contemplando o cambio das estacións) pero a mensaxe é a mesma, cubrindo cunha ponte de verbas o abismo que os separa, e tendendo outro lenzo do arco e da estrutura ao futuro que somos nós e que aínda está por vir.

quinta-feira, agosto 26, 2010

Cerimonia Lustral

Pois iso, que este mes cúmprense os 5 anos desque comezou a miña andaina polo Pazo de Trasalba, anque se quixeramos ser precisos, habería que retrotraer os principios da miña actividade virtual uns meses mais atrás, xa que a hoxe clausurada Corte de Camelot puxérase en movemento a mediados de xuño do 2005...

Un lustro da para moito, como podedes comprobar botándolle un ollo ás máis de 300 entradas que se foron acumulando, algunhas con ou centradas en imaxes (que por certo, me tomei onte a molestia de actualizar; un traballazo...), a maioría en textos de diversa índole. En todo este tempo, Trasalba serviu de foro de debate, de diario íntimo e indiscreto e de memoria electrónica na que anotar lecturas, reseñas e os restos variados da escuma dos días que chamaron a atención de FraVernero...

Como son un animal de instintos nostálxicos, póñome voluntariamente a brida, e alén de desexar entreterme e entretervos por outros 5 anos máis e de celebrar a estabilidade afectiva e profesional que me deparou este breve periodo de tempo, aproveito tamén a ocasión para lembrar aos meus amigos e poetas comparatistas, a algúns dos cales (Noel, Javier, Raúl) tiven oportunidade de ver unhas semanas atrás, e que dan comezo despois do verán a brillantes carreiras doutorais en universidades coma Columbia ou Yale, nada menos...

Remato por hoxe con dúas notas de información e censura que xiran (danzaríns xiróvagas) precisamente arredor do Sir Gawain: a primeira é o convite a escoitalo nunha mesa redonda sobre Lois Pereiro que tedes na páxina de radiodifusión; a segunda é un ronsel de improperios e ameazas ao mesmo interfecto para que me devolva, algún ano destes, a miña edición adicada de Mecánicas Celestes. Vale.

quarta-feira, maio 30, 2007

Ecfrase Inversa

Só quedaba un dos poetas comparatistas por poñer na miña bitácora. Despois de moitos meses de insistencia conseguín por fin tomar a praza forte da resistencia de don Adriano de Armado, mote Shakesperián que esconde ao amigo e poeta Adrián Álvarez Meilán e o tapiz de versos que esbaran da súa pluma e do seu maxín.
Últimamente estaba ollando as ecfrases de González Garcés nun dos seus libros, e que colleron categoría de exemplo (como tal aparecen no diccionario de termos literarios do equipo Glifo). Neste caso, pensei facer o camiño inverso, e buscar unha peza artística (pintura ou escultura) que servise de ilustración/explicación ao texto. Do maior ou menor éxito de FraVernero opinaredes os lectores-fitadores. Canto ao poema, que antepón o pórtico aéreo das súas verbas ao engado espectral das imaxes, velaiquí o tedes:


Como penetra o sol na aura da xente!

Recuperando a distancia

que se esquece co tempo

somos seducidos pola plenitude dos extremos

axeonllados da noite.

As oposicións destrúense nunha loita

sen corpos nin mentes

e os amenceres filtran as cores

da luz e os solpores beben e bícanse

no romance enfermizo

da unidade.

– Non sairán máis coches dos aparcadoiros,

son demasiados os transeúntes.

As direccións estreitábanse nos retornos.

Tecidas as vidas non quedan futuros

que nos agarden nin pasados que neguen

a nosa habilidade. “Recoñecerse en cada

instante”. O sangue escorrega

polas molduras metálicas dos espellos.

Aquela frialdade do ilimitado

percorre tódolos camiños de asfalto

derretíndose baixo os teus pes feridos.

A humidade é mortal para os peixes,

deténse a consciencia e abrimos

os nosos úteros de escamas.

Xamáis o saberemos, que importa?

Xa terá pasada a quenda

e as preguntas empuxarán ó home

ó abismo.

domingo, março 19, 2006

Im Grau

"No Grís é o punto e final do meu periodo dramático"
(Kandinsky en 1936 a Hilla von Rebay, pintora e coleccionista)


'No Grís' é un dos escasos traballos da época rusa de Kandinsky. Unha breve consulta ao volume de Taschen danos a súa data (1919) e algúns detalles: complexa composición sen dirección clara, 'óleo en xeroglíficos abstractos que xiran e flotan nun fondo gris indefiníbel (...). A pintura da época moscovita parace máis sobria e fría grazas a grandes superficies abstractas de cores'. A súa obra futura, moi influída polos suprematistas e os compañeiros da Bauhaus xermana, seguirá un camiño máis 'visual abstracto-xeométrico'.
Anque deteste o biografismo simplón, é posíbel empregar este cadro fascinante e lixeiramente deprimente como metáfora da insatisfacción do pintor no país dos Soviets. Director do Instituto para a Cultura Artística, Kandinsky tópase co rexeitamento das súas posicións entre os vangardistas, que as consideran 'subxetivas e irracionais'. Eses mesmos que o critican, nembargantes, contarán co dubidoso honor de compartir con cadros seus unha futura exposición na Galería Tretiákov de Moscova, en 1937: contra unha parede, os cadros 'Nublado', de Kandinsky; a 'Composición núm. LXIV', de Rodchenko; 'Suprematismo dinámico' e 'Cadrado negro sobre fondo branco', de Malévich. En tiras de papel, a frase: "A arte da burguesía, no calexón sen saída do formalismo e a autonegación".
Agora o biografismo barateiro é cando se estende a min mesmo, pois hoxe teño un deses domingos preguizosos e estériles, no que as ideas escapan e o gris tórnase nota dominante -tan dominante como para empregar o cadro de Kandinsky como excusa para unha entrada-.
Estou enpantanado co Mark Twain e o seu 'Huckleberry Finn', que non dou rematado. Estame a resultar unha novela aburrida (case un oxímoron), e cústame crer que haxa persoas que a inclúan entre as obras que loitan polo mítico, griálico título da 'gran novela americana' (NOTA: se alguén quere discutirme as súas virtudes, agradézolle os argumentos de antemán, anque son escéptico). Tamén me pesa a mala conciencia e a necesidade de atacar con rigor os temarios das Oposicións para acceder ao mandarinato inferior...
No inmediato, estou a debatir internamente se me resisto aos cantos de serea do Heroes of Might and Magic IV ou dou comezo ás miñas programadas 'sesións de opera' dominicais: escoitar os cedés no computador ao tempo que os sigo cuns librettos en rede.
Mentres me decido, podedes ir botándolle un ollo a isto, que xa me mandaron o outro día: os comparatas atacan de novo. O último exemplar da Revista das Letras está adicado aos novos poetas de filoloxía, e non podían faltar os meus queridos bologneses...

quarta-feira, janeiro 04, 2006

Noel Blanco Mourelle said...

Dun Blanco pasamos a outro Blanco, sempre dando no idem da diana. Ámbolos dous comparten bonhomía, intelixencia estremada e imensa capacidade poética. Eu conto coa sorte das súas amizades.
Velaiquí tedes unha reflexión que me mandou Noel dende a Cautividade Babilónica do Comparatismo en Bologna. Anque isto non é de todo certo: onte estiven con el en Santiago -pequeno paréntese antes de que o vaia visitar ao norte de Italia, quizaves en Marzal-.
Estou seguro de que as atoparedes tan interesantes como as topei eu.

MEMORIAL

(para X.L.M.C.)

Se se pretende contar unha vida son necesarias poucas palabras, máis se se trata da vida dun escritor: naceu, escribíu e despois morreu. Deste ou doutro xeito semellante llo explicaba Heidegger a alumnos que pensaban atopar quizais certa iluminación na entidade casual dun discorrer de vivencias. Ver non é todo; a atmosfera en suspensión entre os corpos representa un nivel primeiro porque do seu rexistro parte a máis enganosa e sibilina das representacións falsas do obxecto: ubicación histórica da alegoría do espello. Cando o conto trata do suxeito non paciente o diálogo sobrevén a si mesmo amplificándose e convertindo a súa comparecencia en xustificación, o seu motor externo en necesidade.
Constatación lectora – a cada suxeito correspóndelle unha dramática posición que a separa doutro calquera por un salto cualitativo (fundamento aritmético da teoría da cultura). Non debe ser tido por casualidade que as palabras que eleximos asociar como signo histórico a esa inestable unidade de medida que a socioloxía decidíu denominar como masa sexan (tamén): Ich bin die Revolution! [Je suis la revolution!].
Tamén a provocación é unha unidade de medida derivada de dimensións retóricas específicas.
Hai na escolla un valor afirmativo (inalienable) da categoría institucional que debe ser abordado no senso de acción-cara-o-enfrontamento. No momento en que a entidade consumidora devén, analizada, espectro, desdobramento en imaxes de procesos sucesivas que encerran dentro de si as posibilidades alternativas encontro/desactivación, a ubicación de carácter xenérico, ubicación a priori, e a máscara das regras que esta ubicación comporta dispoñen a favor dun funcionamento do texto en tanto entidade material (le texte n’existe pas) e alén da súa condición de percorrido temporal como virus inoculado nun sistema. É posible que o texto enfronte a natureza do mercado con ela mesma e, así, a ubicación deba ser necesariamente incerta. A infección e as consecuencias que comporta son de todos intuídas aínda que o seu ataque sexa diferente dos movementos frontais. Que unha afirmación de orixe deveña movemento da maquinaria non ten, polo demais, nada de particular. O consumidor, a pesares disto, pode estar en disposición de advertir matices que non revelen un senso positivo, senón que leven a cabo a descrición parcial dunha imprevisibilidade.
O lugar do consumo será o da inquietude. Non tendo rexistradas variacións categoriais o suficientemente precisas, o suxeito poderá repensar percorridos e abrazar a un tempo hipóteses excluíntes. Tal é o carácter necesario desa variación, tal a posibilidade de terrorismo de desestabilización das correntes de producción/consumo.
Dedúcese que o límite do fenómeno literario está sempre en continua expansión, reorientando a dialéctica centro-periferia e planificando os mecanismos de asunción por parte do mercado. A lóxica da expresión estará sempre por tanto fóra de si mesma, a arquitectura interna incluirá elementos perturbadores e a ubicación xenérica será sempre difícil.

O espazo entre suxeito e multitude é un salto cualitativo da capacidade de acción. Ubicar novamente calquera debate en torno a unha antinomia entre “acceso” ou “non-acceso” ó texto por parte do consumidor, entre non-elitarismo e elitarismo comunicativo, resulta banal. Tales posicións proxectan sombras alongadas. Afirmar por tanto a farsa do monumental cadáver exquisito que a historia da literatura devén hoxe en tanto conto da experiencia da sucesividade leva a pronunciar un non ó igualitarismo estético (considerando que a estética si é necesaria como sismógrafo das posibilidades de subversión). O xesto da periferia será fundamental: a súa lectura vai ligada a un perfil de formación específico do consumo. ¿Intelligentsia?, ¿elitismo? En realidade nada que se pareza a etiquetas xa gastadas. Deberá entenderse un lugar de consumo fundamentado pola opción dramática da desalienación permanente: do recoñecemento do non-obvio como categoría productora de discurso.

sábado, novembro 19, 2005

Keats

Xa que os meus estimados colegas van homenaxear hoxe ao Inmortal Poeta, non xunto aos ríos de Babilonia ("onde nos sentabamos / e chorabamos lembrándonos de Sión / Sobor dos salgueiros, en medio dela / colgábamos as nosas arpas"), senón a carón do Tiber, ese trasunto pagán e helenístico da capital mesopotámica (ben sabía o Profeta do Apocalipse cando boureaba aquilo da Prostituta de Babilonia, "vestida de púrpura e escarlata, enxoiada con ouro, pedras preciosas e pérolas.; levaba na súa man unha copa de ouro chea das abominacións e impurezas da súa fornicación, e na súa fronte un nome escrito que é un misterio"; pero deixemos á prostituta nas noites de Cabiria), tamén quero eu ofrendar unha modesta flor de trapo, ou feixe de verbas segadas do meu escaso maxín, á memoria de Keats.

¿Ousarei evocar a sinestesia? Contemplo na cabeceira da cama unha postal que mercara na súa casa-museo en Londres. Contén o debuxo por parte do poeta dunha urna grega. E ben sabemos que para el -só para el- "A beleza é verdade, verdade beleza, e iso é todo / o que sabemos e necesitamos saber".

Polo fío musical escorrega o terceiro movemento (Finale - Allegro energico) do Concerto para Violino nº 1 de Bruch. Brindo coa copa de Porto, escura coma homérico mar que separa ao poeta da súa patria; e a ledicia desborda dos corazóns cando imaxinamos ao paporroibo cantando en Roma para Keats no seu eterno repouso -non baixo a ameixeira, senón na mandorla cintilante dos seus versos.

"Here lies One Whose name was writ in water"