Mostrar mensagens com a etiqueta Jüri Talvet. Mostrar todas as mensagens
Mostrar mensagens com a etiqueta Jüri Talvet. Mostrar todas as mensagens

sexta-feira, janeiro 25, 2008

Música e Poesía

Fai uns días chegoume por correo un pequeno libro editado pola Universidade de Tartu e por Jüri Talvet: unha escolma bilingüe (inglés-estonio) do poeta nacional Juhan Liiv baixo o título "Meel paremat ei kannata / The mind would bear no better". Neste pequeno teatro pseudopolinesio que montamos arredor do intercambio de escritores de prestixio, a mín tocoume exportar ás terras do Báltico un exemplar, pequeno e verde, do 'Herba aquí e acolá' de Álvaro Cunqueiro.

Malia os enormes paralelos e semellanzas das literaturas periféricas, faiseme difícil topar un paralelo noso de Liiv, un poeta pobre, atomentado e enfermizo, en dura loita coa enfermidade mental e a melancolía. Hoxe, o premio nacional de poesía máis importante de Estonia leva o seu nome (un premio curioso, amais, xa que somentes é premiado un único poema por ano).

Eis unha mostra, nun pequeno poema que os traductores titularon 'O meu psalmo'. Na lectura que fixen esta tarde do libro, topei un perfecto acompañamento e contrapunto no disco de John Cage 'In a Landscape', que tece un fermoso e lene ruído fragmentario, minimalista, oriental, que vai engarzando moi ben coas imaxes do poeta estonio. Alomenos, esa é a recomendación que vos fago e á que alude o título desta entrada.


Tule, öö pimedus,
võta mind sülle!

Minu päike ei tunne mind,
öö jäänd mulle.

Ainust tähte sääl pole,
minul on kole.

Varja mu üle.


Ven, escuridade da noite,
cólleme no teu colo.

O meu sol non me recoñece,
a noite é o que me queda.

Non hai unha soa estrela,
Teño medo.

Goréceme.

Só un pequeno poema chega para que vexades a inmensa riqueza vogálica do estonio, que ten sido obxecto de fascinación para os lingüístas debido aos seus tres grados de lonxitude fonémica (breve, longo e extralongo), alén de contar cunha vogal tan curiosa como é a súa õ, que me botei a metade do verán tentando promunciar. Unha língua doce que tamén me namorou a mín, atrapándome nas súas redes sinuosas de xeos e ámbares inmensos. E que me serve de metáfora incompleta, case alegoría, desa Doncela de Xenxibre que brevemente voltei a ver o outro día...

sexta-feira, fevereiro 23, 2007

O Amor - Jüri Talvet

é mandamento, así pensaba
Kierkegaard. Mellor será
-penso eu- amar, sen facer
caso dese mandamento.
Recoñecéndose
a alma coa alma,
respostando
o sangue ó sangue,
sen saber, en pleno
voo -cara arriba
ou cara abaixo-,
cal será
o lugar de destino.