Mostrar mensagens com a etiqueta amigos. Mostrar todas as mensagens
Mostrar mensagens com a etiqueta amigos. Mostrar todas as mensagens

sábado, dezembro 15, 2018

My Tess

Uns días atrás, co gallo da ponte da Constitución, aproveitei para facer unha visita rápida ao Reino Unido e pasar un tempo cos familiares que teño alá. Porén, unha das xoias que rescatei de xeito imprevisto foi esta foto do meu primeiro colexio anglosaxón, o Corpus Christi de Boscombe, alá polo curso 1989/90. 


Anque en xeral gardo boas memorias escolares, este grupo e este ano académico son os que acubillo con máis afecto nos recunchos da miña memoria por varias razóns. Unha delas é que era un estudante bastante popular e aprezado polos meus compañeiros (algo que poucas ou nulas veces había acontecer despois); outra é que entre esta tropa xurdiu o primeiro dos meus mellores amigos, Darren (comezando dende atrás, de esquerda a dereita, o cuarto rapaz da segunda ringleira), que foi case coma un irmán para mín e do que lamentei amargamente ter que separarme naqueles días anteriores ás redes sociais cando o cambio de país implicaba unha ruptura total de contactos. 

A terceira razón tamén ten nome, apelidos e posición na foto; na terceira ringleira, en sexta posición, podedes ver sentada a Teresa Frith, a primeira persoa da que o Mantedor estivo tolamente namorado (head over heels, coma din os ingleses), cunha desas querencias limpas, puras e infantís que só son posíbeis denantes da pubertade e son pasto da nostalxia no devalar adulto. O afecto e a persoa só vivían dende moitos anos atrás no máis profundo do meu maxín, fosilizado en imaxes fermosas coma flores topadas entre páxinas dun vello libro, serenas coma o silencio que segue ás badaladas dunha igrexa rural e afastada; mais grazas a esta descuberta podo volver a poñerlles carne (ou celuloide), comprobando que o recordo, que é traizoeiro, non mentía desta volta.

Van case trinta anos dende que se tirou esta estampa. Gorentaríame moito volver a conectar con esta xentiña -con todos-, e máis que nada, volver a saber do Darren e da Teresa, de cómo lles foi a vida, e quizaves quedar nun futuro imperfecto e non moi lonxano a tomar unha pinta con eles e parolar un chisco. Co primeiro xa contactei: acabou traballando de actor e agora vive en Polonia. Coa segunda, xa se verá.

segunda-feira, janeiro 11, 2016

The Three Magi

Unha das cousas para as que a aproveito as vacacións de Nadal é para facer unha pequena reunión cos bos e vellos amigos Javier Rodríguez, Pablo Varela e David Fernández; alén de intercambiar lembranzas, anécdotas e humoradas varias, tamén nos agasallamos libros, co que estos tres se converten nos meus reis magos particulares. Porén, as nosas xuntanzas soen coincidir co Día dos Inocentes, o que tamén da que pensar...

Coincidindo cos seus gustos, carácter e ideas, David, o 'vello bolxevique' engadiu aos meus estantes dous volumes de Mike Davis, un xeógrafo e urbanista marxistón-apocalíptico, que me virán moi ben para a tese; Pablo, o 'nutty professor' e bo coñecedor da banda deseñada, tráeme o célebre cómic arxentino 'El Eternauta'. Javier, o noso literario e clasicista Saulo de Tarso amojamado na estepa castelá, preséntame as reflexións de Stefan Zweig encol de Dostoievski, Balzac e Dickens...