Mostrar mensagens com a etiqueta Kiel. Mostrar todas as mensagens
Mostrar mensagens com a etiqueta Kiel. Mostrar todas as mensagens

domingo, abril 13, 2008

Mínima

Ben... despois dunha prolongada estadía lonxe do teclado por razóns que non veñen ao caso, será cousa de ir voltando un chisco, e non deixarvos de todo punto abandonados, non?

Máxime cando dentro dunhas semanas me poño camiño a París, no post-ludio daquel congreso de cidades europeas en Kiel que tanto xugo me dou fai agora algo máis dun ano, e do famoso curso de verán Dorpatense. Os graciosos sainetes glosados coa ironía e humor negro cortesía da Casa repetirse han na capital do século XIX (ma non troppo, agardemos...).

Como brevísimo preludio, tivemos o xoves pasado á Doutora Bischoff and her merry men, vestidos de estudantes cansos da Universidade de Paderborn, rematando o camiño de Santiago e escoitándome a mín e a María López Sández (se les isto, felicidades de novo por todo, libro e fillo) parolando sobre a literatura galega. No caso de María, un percorrido xeral. No meu, unha lectura comentada da poesía galega do século XX (paradiando ao Ferrín, diríamos: 'De Cabanillas a Noel Blanco'), cunha pequena guía posterior pola Cidade de Pedra e Auga (máis auga que pedra desta volta, e as persoas epicúreas e comodonas preferimos ver a chuvia dende outra perspectiva -unha xanela nunha habitación seca e caldeada, e con outras persoas mollándose-).

A noticia, nun ton algo menos jocoso tédela tamén na bitácora do extinto Colectivo Sacou. Nada máis por agora. Tede paciencia, e seguide á espreita...

quarta-feira, janeiro 03, 2007

Campo Vermello das Lascas de Sílex

Eis o poético e estrafalario nome co que -etimoloxía ao xeito de San Isidoro- traducía para mín a rúa en que nos hospedamos durante o noso periplo xermánico: Flintkampsredder, 11. Un sinxelo exercicio de mnemotecnia aderezado cunha lectura á inglesa das palabras alemás, e pensando nos nosos sufridos diálogos cos taxistas na pescuda da residencia perdida.
Os profesores paraban máis abaixo, no centro-cidade, a carón da Igrexa tardogótica de San Nicolás e do Alter Markt, unha das varias praziñas nas que agromaran os tenderetes para a feira de Nadal.




A foto pode dar unha impresión enganosa, anque só sexa porque estivemos nela en pleno inverno e sen bandeira ondeando a un vento cortante coma pedernal. Dende a xanela do meu dormitorio podía contemplar polas noites unha paisaxe digna de Caspar Friedrich, coas árbores desfolladas axitando as pólas baixo un romántico ceo, mil tonalidades de grís e reflexos nouturnos das tremelocentes luces de Nadal.
E malia o seu carácter industrial e aséptico, a rápida sensación de fogar. Das Heim. Seguramente axudaban a calefacción alta, o ter unha galega no cuarto do lado e os chocolatiños de xenxibre e mandarina enriba do escritorio. Despois, outro galego entrando pola porta aberta e dando comezo a unha amena conversa; logo as estonias, falándonos en inglés e buscando onde apousentá-la cabeza.
Enriba do escritorio, unha presada de papeis: guías de buses, mapas parciais da cidade, publicidade da Universidade Christian-Albrechts... Todos materiais que me puxen a estudiar con fervor nun intento parcialmente exitoso por absorver a xeografía descoñecida, e mapear as rutas cara o dispersísimo campus que teríamos que percorrer os días seguintes.
A nosa residencia é un dos espazos que lembro con nostalxia de Kiel, e que me permito antropomorfizar coma unha sorrinte rapaza alemana coa toda a luz do Báltico atrapada nos ollos, montando nunha bicicleta cara estas liñas, os meus pensamentos e, quizaves, algún texto do futuro.
Os espazos nunca vistos (como a Max-Reichpietsch-Platz, adicada ao mariñeiro socialista executado por axitación en 1917. Ou a estraña habitación de cristal e luces vermellas onde -segundo me xurou un amigo estonio- podía verse o espectro de Marx pola noite, ou talvez un retrato) fican para unha próxima, improbábel, visita, ou para o reino da imaxinación. Despois de todo, menos nesta última, somos seres limitados.
Feliz Aninovo a todos!!

domingo, dezembro 17, 2006

O País do Chocolate

Ése é en efecto Alemaña, como a miña estadía e un capítulo dos Simpsons puideron demostrar. E non só chocolate: calquer tipo de larpeirada estaba dispoñíbel por estos días nas prazas de recendo medieval, tixolo vello, de Kiel. Curiosos tenderetiños de madeira vendían champiñóns salteados, pretzels con beicon e queixo, cámemberts rebozados, biscoitos navideños de Dresde, viño quente con especias de forte hálito shakespearián, corazóns de chocolate e galleta... Nada menos que o banquete de Lúculo ou as bodas de Camacho para un larpeiro coma mín...



Mais non pensedes que as causas da miña estadía eran gastronómicas. O profesor Abuín tivo a ben convidarnos a Noel Blanco e a mín mesmo a asistir, con algúns outros galegos, vascos, estonios e franceses a un seminario internacional sobre Literatura e Cidade. Organizaba o Profesor Javier Gómez-Montero, catedrático de Línguas Románicas na Universidade Christian-Albrechts de Kiel.
Foron dúas semanas intensas que produciron unha fecunda colleita de ponencias, discusións e contactos... O percorrido polos lugares (e non-lugares) da literatura podedes contemplalo sumariamente no programa de actos.
O anecdotario é amplo, polo que iremos aos poucos. Polo momento só cronicaremos un acto á marxe do programa: o recital-xusta poética que tivo lugar o penúltimo día na Literaturhaus da cidade. Recitaba Juri Talvet, e competían varios poetas alemáns co simpatiquísimo granadino Juan Andrés García Román (libro en Hiperión) e o noso Noel Blanco Mourelle. Nunca vira un recital tan ateigado de xente...
E aconteceu o que tiña que pasar. O noso poeta, laborioso encetador de mecánicas celestes, foi coroado de loureiros, cal novo Petrarca. O profesor Victor Ferretti facía de papa Piccolomini, e todos brindamos metafóricamente con champán (xa que a non metafórica botella que se lle agasallou ao gañador fica aínda sen abrir).
Por iso, e polas festas inminentes de Nadal, Fra Vernero alza de novo a copa. E añora as dúas semanas no país do Chocolate...