Mostrar mensagens com a etiqueta Música. Mostrar todas as mensagens
Mostrar mensagens com a etiqueta Música. Mostrar todas as mensagens

domingo, janeiro 18, 2015

U

E falando de frikismo, non está e de máis mencionar que no mercado o curioso lector poderá topar con facilidade varias edicións bilingües de textos en inglés-klingon, entre as cales temos dúas obras de Shakespeare (Hamlet e Much Ado About Nothing), o Dao De Jing e a epopeia de Gilgamesh. Cónstame alomenos unha montaxe da traxedia do Príncipe de Dinamarca nesta língua do espacio, da que podedes aprender máis cousas neste documental.

Porén, a manifestación por excelencia da arte klingon é a súa ópera, e novamente os enxeñosos humanos foron quen de elaborar unha versión da lenda de Kahless o Inesquecíbel baixo o título de 'U'  e que se estreou cinco anos atrás na Haia. Agora de xira por terras americanas, e agardando con impaciencia a súa chegada a terras íberas, eiquí tedes unha pequenísima mostra do espectáculo:


terça-feira, março 26, 2013

Concerto no castelo

Uns días atrás tiven o pracer de asistir a un fascinante acto cultural que tivo lugar no castelo de Sobroso, case a carón da fronteira con Portugal. Tratábase nada menos que dun concerto de shakuhachi, un tipo de flauta xaponesa moi popular no pasado entre os monxes da seita Fuke-zen



O músico, Rodrigo Rodríguez, estudou a complexa técnica do instrumento en Xapón e, asentado agora en Galicia, vai percorrer tamén outros escenarios algo menos pintorescos que o castelo.

Recoméndovos encarecidamente escoitalo en vivo, ou nos cedés que xa ten editados. E como aperitivo, eis un pequeno video que gravei durante a actuación:


segunda-feira, dezembro 24, 2012

Reseñas - Gagaku

Gagaku. Court Music and Dance

Masataro Togi, William P. Malm (introducción)

1971, Weatherhill

* * * * (bo)

Unha moi boa introducción á antiquísima danza e á música clásica da corte xaponesa.

Dentro do que son as artes performativas do Xapón, algunhas son máis coñecidas que outras. Case todos escoitaron falar algunha vez dos teatros kabuki e noh, e quizaves do de monicreques (joruri, ou bunraku). Mais soamente os máis avanzados na materia teñan escoitado falar do gagaku e do bugaku, as máis que milenarias artes de música e danza que chegaron á corte xaponesa arredor do século VIII da nosa era procedentes das prácticas artísticas da chinesa dinastía T'ang e que sobreviviron dende entón, mais ou menos fosilizadas e ritualizadas, no mundo pechado da corte imperial.

No pequeno volume de Masataro Togi (non pasa moito das 200 páxinas) temos unha eficaz intruducción a este arte: dividido en tres capítulos, o primeiro (artellado como unha conversa do músico cos espectadores antes dunha función) explícansenos os rudimentos do gagaku, as súas clasificacións, os instrumentos que emprega, os traxes e máscaras, e danse algúns detalles dun par de danzas. Na segunda parte temos unha historia do gagaku dende a súa chegada a Xapón ata a restauración de Meiji (1868). Na derradeira faise unha pequena perspectiva do arte dende Meiji ata a actualidade.

Nembargantes, o texto é realmente breve, xa que a metade, alomenos, do volume, está adicado a ilustracións do texto: as fotos (en branco e negro máis tamén en cor) dannos unha idea da suntuosidade e da beleza estética do gagaku, fan palpábeis as estrañas máscaras e instrumentos, e enriquecen en grande maneira a lectura.  

O único defecto desta pequena xoia, alén do seu pequeno tamaño (imaxino que haberá volumes máis extensos, mais desgraciadamente sen traducir á lingua inglesa) é a falta dun acompañamento sonoro e visual das danzas e da música, anque o tal é un erro sinxelamente subsanábel grazas ás novas tecnoloxías. Só en youtube podedes atopar videos de non menos dunha trintena destas danzas antiquísimas, co que poderedes enriquecer a lectura e facervos unha idea máis exacta da arte en cuestión.

O gagaku é un dos patrimonios inmateriais da humanidade (cortesía da UNESCO). Non se me ocorre mellor adro para o seu coñecemento e disfrute que este volume, xunto cun documental do que xa vos teño falado e que tamén toparedes na rede, se vos pica o vezo por esta arte.




domingo, outubro 28, 2012

Video et [G]audeo

En efecto, vexo e alédome de ver que, malia que a maioría do material en youtube sexa breve e de escaso valor, de cando en cando aínda se descubren cousas que disfrutar. Recoméndovos varias: temos unha película chinesa sobre a vida de Confucio e que está pendurada íntegra; tamén de moito interese é un documental sobre a antiquísima música da corte xaponesa, o gagaku; e para rematar, tres variacións sobre as flores da ameixeira no guqin, o máis fermoso -física e acústicamente- dos instrumentos tradicionais chineses.

domingo, janeiro 15, 2012

Cores Nocturnas

Cando vou e veño do traballo, acompáñanme habitualmente os sons de Radio Clásica - Radio Nacional de España. Digo habitualmente, que non sempre, porque teñen a mala manía de inserir con demasiada frecuencia programas e tipos de música que aborrezo (zarzuela as mañás do luns, música de banda os martes, e esporádicos aturuxos da miña némese, o flamenco). Mais case todo o podo perdoar a cambio do espazo musical que me acompaña nos retornos: Los colores de la noche, de Sergio Pagán (intérprete, musicólogo e responsábel do departamento de música antiga de Radio Clásica).

É que este oasis melómano, que se autodescrebe coma "Espacio abierto a músicas variadas que nos eleven el ánimo y hagan de esa hora un buen momento para terminar el día", fai moito máis levadeiro os meus percorridos en coche (cousa que, coma o flamenco, me gorenta ben pouco. Xa comentáramos nesta mesma bitácora a sensación funeraria que me produce) e permíteme relaxarme cos acordes da música antiga, renacentista, barroca e clásica. De particular engado foi o programa do martes pasado, adicado a Hildegard von Bingen, Buxtehude, madrigais e Schubert. Un programa do que podedes disfrutar eiquí.

Se as súas horas non vos resultan propicias, non deixedes de escoitar os podcasts do programa naqueles intres que necesitedes pracer, descanso e a agradábel sensación de que os cartos públicos tamén se empregan, por veces, en cousas de valor e de interese. Opinión compartida, por certo, por Antonio Muñoz Molina nunha entrada da súa bitácora na que fala deste mesmo programa, entre outras cousas...

terça-feira, abril 03, 2007

Mmmmmúsica

Pensei que me ía a librar das redes que teceron, mais non foi tal. E xa que a pequena robota medio eslovaca me convidou ao tema este das cancións eróticas, non pode un declinar a participación, anque sexa pola preguiza de idear unha boa excusa. Dez cancións son bastantes cancións, mais confío en que Youtube me surta de exemplares ilustrativos... Valla por diante, iso sí, que como malvado opresor falócrata, patriarcal, eurocéntrico, racionalista, branco, culturalmente colonizado polo Imperio e todas esas cousas, o erotismo éntrame máis polos ollos que polas orellas. 

Comezaremos co 'Gloria' de Patti Smith, unha orixinal versión sobre un tema de Van Morrison ao que lle reescribiu poéticamente a letra. O tema encabezaba o seu primeiro disco, 'Horses', e vale como exemplo do que dicía ela sobre o bo Rock & Roll: é practicar o sexo cunha morea de xente ao mesmo tempo.  Malia ter amigos o suficientemente dexenerados como para atopar atractiva á pacatísima Julie Andrews de 'The sound of music', a canción 'My favourite things', jazzeada por John Coltrane está ben, e podes imaxinar mulleres máis coquetas e sexuais danzando ao seu paso. Alén, o título é apropiado, e inclúe a sombra ausente dunha das cousas favoritas: a cópula considerada como unha das belas artes. Certamente, 'My ding-a-ling' de Chuck Berry é máis unha cómica defensa da masturbación ('sexo coa persoa que máis queres' dixo Allen) do que unha epopea erótica; 'Maybelline' iría mellor, mais non quero facerlle progadanda á compañía do colaborador dos Nazis... Meténdonos máis en pomada, estraio agora 'Kentucky Woman' do 'Book of Taliesyn' de Deep Purple (gran e psicodélica portada a dese disco, amais), co que percorremos os fértiles campos do Heavy, ao que chegou de xeito inverosímil FraVernero na pescuda de cancións de temáticas arredor de Tolkien ou Lovecraft...


'While my guitar gently weeps' é ao meu ver a mellor canción de George Harrison, antes de que lle dese salvaxemente polas ragas interminables e o misticismo Hindú. Nesta ocasión traballa a guitarra que dá gusto, e faime pensar nesa musa popeira que foi Patti Boyd, que fixo sufrir a Eric Clapton, mellor guitarrista que Harrison, as coitas do amor non correspondido ("quien no tuvo (des)dichas heroicas" dicía o poeta, anque no meu caso particular non as afogaba con heroína...), e que deron lugar á famosa 'Layla'.
Por suposto, todo un clásico, e que profundiza no baleiro da non correspondencia ou simplemente do abismo entre a promesa de pracer e felicidade infindas e as limitacións de realidade (ao tempo que seo ritmo apuntala esas mesmas promesas) é o 'Satisfaction' dos Rolling Stones (co cal volvemos, amais ao narcisimo autocentrado da canción de Berry).
Anque sexa repetir aos Beatles, non podo resistirme a meter a canción 'Honey Pie' do Disco Branco, o que máis me gorenta deles, seguramente pola estrema mistura de estilos. Neste caso toca unha peza estilo Ragtime, que sempre me imaxinei cantándolle, cun contrapunto irónico, a algunha das miñas Amadas Inmortais.
Como fanático entusiasta de Bob Dylan (home que ten a habilidade de atraer moitos entusiastas fanáticos), véxome na obriga de escoller unha de entre as súas... Girl from the North Country contén o toque de tristeza lírica, evocación e pouca causticidade axeitadas.
Last not least, podemos rematar con 'I wanna be your dog' desa superavó que é Iggy Pop (como brincaba no Monte do Gozo o animal, e qué peito cos anos que ten e as drogas que tomou...), co que concluímos un fín de festa intenso, suoroso e lixeiramente masoquista...
Fica tan só pasar o testigo (incluíndo as consabidas promesas e ameazas: esta cadea leva en pé dende o primeiro milenio, rachala traerá sobre a túa bitácora as doce pragas, spam interminábel e poucos lectores, etc...). Polo que vai para:
Pris
As Lauridinhas
Suroeste
Lord Elric
Soños de Delft

quinta-feira, novembro 24, 2005

The Willow Song

Este ano non me teño pasado moito polo Cineuropa. A primeira (e sospeito que última) película que fun ver onte non sorprenderá a aqueles que coñezan a miña bardolatría: "Othello", adaptación do clásico shakesperiano dirixida por Stuart Burge en 1965, e con Laurence Olivier (¿quén se non?) e unha xovencísima Maggie Smith nos papeis estelares.
Non é a mellor versión que teño visto. A teatralidade é excesiva -Olivier berra demasiado- e está mal traducida para o medio cinematográfico (escenarios de cartón pedra, xestos esaxerados, texto íntegro da obra, o que arrastra a case tres horas de película...).
E nembargantes, como lle dicía a princesa Leia a Han Solo (perdóenme bologneses, pero un tamén cede ocasionalmente aos encantos da cultura pop): "You have your moments. Not many of them, but you do have them".
A chispa que ameaza benjaminescamenque con facer saltar o continuum da historia está para min nas esceas inmediatamente anteriores ao asasinato de Desdémona. Na atmósfera ominosa, a Señora solicítalle á criada ser soterrada coas sabas da súa boda, para despois cantar a tristísima canción dunha muller que toleou por amor, e finou cantándoa: a canción do Salgueiro:


The poor soul sat sighing by a sycamore tree
Sing all a green willow
Her hand on her bosom, her head on her knee
cho: Sing willow, willow, willow, willow!
Sing willow, willow, willow, willow!
My garland shall be;
Sing all a green willow, willow, willow, willow
Sing all a green willow
My garland shall be.
The fresh streams ran by her, and murmer'd her moans
Sing willow, willow, willow
Her salt tears fell from her and soft'ned the stones.
Let nobody blame him, his scorn I approve
Sing willow, willow, willow
He was born to be fair, I to die for his love,
I call'd my love false love but what said he then?
Sing willow, willow, willow
If I court more women, you'll couch with more men.


Non sendo eu unha persoa que se emocione doadamente, non puiden resistir o pathos tráxico da escea, non sen repetirme, con certa ironía: "Is it not monstrous that this player here, But in a fiction, in a dream of passion, Could force his soul so to his own conceit That from her working all his visage wanned, Tears in his eyes, distraction in his aspect, A broken voice, and his whole function suiting With forms to his conceit? And all for nothing, For Hecuba! What's Hecuba to him, or he to Hecuba, That he should weep for her?". Pois aquel no que as bágoas riscaban por saír non era o actor/atriz, senón eu mesmo.
Consolémonos pensando que tamén Orfeu arrincara bágoas de ferro ao implacábel Hades. Doutra banda, a música da canción tamén axudaba. A melodía conservouse nun libro para laúdes de 1583, e alomenos un cd de cancións shakesperianas a inclúe. Se podedes, escoitádeo. E ricorditti di me...

sábado, novembro 19, 2005

Keats

Xa que os meus estimados colegas van homenaxear hoxe ao Inmortal Poeta, non xunto aos ríos de Babilonia ("onde nos sentabamos / e chorabamos lembrándonos de Sión / Sobor dos salgueiros, en medio dela / colgábamos as nosas arpas"), senón a carón do Tiber, ese trasunto pagán e helenístico da capital mesopotámica (ben sabía o Profeta do Apocalipse cando boureaba aquilo da Prostituta de Babilonia, "vestida de púrpura e escarlata, enxoiada con ouro, pedras preciosas e pérolas.; levaba na súa man unha copa de ouro chea das abominacións e impurezas da súa fornicación, e na súa fronte un nome escrito que é un misterio"; pero deixemos á prostituta nas noites de Cabiria), tamén quero eu ofrendar unha modesta flor de trapo, ou feixe de verbas segadas do meu escaso maxín, á memoria de Keats.

¿Ousarei evocar a sinestesia? Contemplo na cabeceira da cama unha postal que mercara na súa casa-museo en Londres. Contén o debuxo por parte do poeta dunha urna grega. E ben sabemos que para el -só para el- "A beleza é verdade, verdade beleza, e iso é todo / o que sabemos e necesitamos saber".

Polo fío musical escorrega o terceiro movemento (Finale - Allegro energico) do Concerto para Violino nº 1 de Bruch. Brindo coa copa de Porto, escura coma homérico mar que separa ao poeta da súa patria; e a ledicia desborda dos corazóns cando imaxinamos ao paporroibo cantando en Roma para Keats no seu eterno repouso -non baixo a ameixeira, senón na mandorla cintilante dos seus versos.

"Here lies One Whose name was writ in water"


sábado, outubro 22, 2005

Franco Battiato - Oh sweet were the hours

Colamos eiquí unha colaboración boloñesa que me manda Mourelle dende Italia, onde o último disco de Battiato -xenial compositor pop, alumno de Stockhausen; un dos poucos que sabe mesturar touziño e velocidade- "Come un camello in una grondaia" está a causar furor entre o grupo comparatista.
A música pona o sempre contemporáneo Ludwig van (¿qué peza?), e a letra debe de ser do santón italiano de túnicas anchas. Recende a poesía báquica, anacreóntica -Omar Khayyám zuga nos pousos da derradeira copa de viño e Ibn Quzman esixe que o enterren cunha viña entre os párpados, pámpanos por turbante e follas de mortalla).
Como dato curioso, en breve poderei contemplar o lúdico-cómico 'live in Baghdad' de Battiato na Guerra do Golfo (a primeira), onde a nosa estrela mediática (tamén percorredora do 'Luar' nalgunhas ocasións) abrázase entusiasta a Tareq Aziz e a neniños ao tempo que pide nons á guerra. Cortesía de Panero.

Oh sweet were the hours, when in mirth's frolic throng
I led up the reeds with dance and with song;
When brisk from the fountain, and bright as the day,
my spirits o'erflow'd, and ran sparkling away!
Wine! Come bring me wine to cheer me,
Friend of my heart! Come pledge me high!
Wine! Till the dreams of youth again are near me,
Why must they leave me, tell me, why?
Retourn, ye sweet hours! Once again let me see
Your airly light forms of enchantment and glee.
Come, give an old friend, while he crowns his gay glass,
A nod as you part and a smile as you pass.
Wine! Come bring me wine... I cannot forget you, I would not resign
There's health in my pulse, and a spell in my wine!
And sunshine in autumn, tho' passing too soon
Is sweeter and dearer than sunshine in June.
Wine! Come bring me wine...