Mostrar mensagens com a etiqueta natureza. Mostrar todas as mensagens
Mostrar mensagens com a etiqueta natureza. Mostrar todas as mensagens

sábado, abril 25, 2015

Quod me nutrit me destruit

Tal é o lema latino, significando "o que me alimenta, destrúeme" que aparece nun presunto retrato do ano 1585 do dramaturgo isabelino Christopher Marlowe, notorio pola súa vida disipada e misteriosa morte. Para gustos máis (pos)modernos, é tamén unha das tatuaxes de Angelina Jolie, mais hoxe, o lema non me ven ao maxín por mor de ningunha das dúas celebridades, senón como resultado de investigar o axente activo presente no insecticida co que nos días pasados estiven a combatir ás insidiosas pulguiñas da col que me querían deixar sen crucíferas.  O tal axente (imidacloprida) é un neonicotenoide, un derivado sintético inspirado na nicotina do tabaco, e que resulta altamente tóxico para moitos insectos, e especialmente para as abellas. 

O curioso é que recentes investigacións científicas demostraron que abellas alimentadas con solucións azucaradas con pequenas doses do pesticida tórnase 'adictas' a el dun xeito similar ao dos humanos aos cigarros, preferíndoo ás mesmas solucións azucaradas libres da nefanda sustancia química. Para que logo falemos de fumadores pasivos...

sábado, maio 01, 2010

Mutilado de guerra

O novembro pasado informaba do triste dano que a tormenta e impulso fixeron sobre unha feixoeira da horta. Actualmente, e maila agromar un chisco, a árbore segue presentando un aspecto lamentábel, tan antitético co seu ser orixinal outo, florecido e cheo de froitos...

A estas alturas da primavera, o dano segue, ou quizaves empeorou, como parecen apuntar as manchas de barola verde nas súas zonas expostas. Unha pequena galería de imaxes (esta que vos pego só unha mostra) e de consellos que me dan ao respecto varios especialistas en frutais tédelo eiquí.


O luns pasarei pola agraria, a ver o que me aconsellan alí, e para pillar a masilla cicatrizante. Non creo que me atreva a cortar polo tocón, ou sexa que xa veremos o que sae...

segunda-feira, novembro 30, 2009

Tristia (2)

Fai unhas semanas, un aire cruel, parente encrequenado de furacáns e tifóns, ceivou un cáliz de iras e de arrebatos sobor das galaicas terras. Á mañá seguinte descubrín con infinda tristura que os ventos tronzaran dúas das tres pólas dunha feixoa que tiñamos na horta, unha árbore nobre e espléndida onde as haxa, que daba perennes follas dun verde intenso nos meses de inverno; belidas flores rosadas na primavera, coma dedas da aurora; sombra fresca no verán, e froitos doces e numerosos no outono.

Ignoro se a árbore se recuperará desta derrota. Fica a carraxe de querer castigar ao céfiro traidor e de mallar nel, tal coma el-rei dos Persas, nun día lonxano, dera ordes de azoutar ao Helesponto. É que o dano da árbore afectou o meu ánimo coma se fose o dunha persoa querida, ergueu un áspero memento arredor da fraxilidade da vida e do paso do tempo, cómplices ambos que prestaron dentes ao vento canalla que roeu de xeito sádico no compañeiro vexetal; compañeiro do que agardo que siga a agasallar a outros con beleza e feixoas cando o que escrebe estas liñas non sexa máis que unha presada de cinzas e de húmido humus, pra que o meu espírito errante e insatisfeito poida pousar uns intres ao seu redor e pensar aquilo de Serán ceniza, más tendrá sentido...