Mostrar mensagens com a etiqueta William Shakespeare. Mostrar todas as mensagens
Mostrar mensagens com a etiqueta William Shakespeare. Mostrar todas as mensagens

segunda-feira, julho 25, 2022

English Gongorism

Aproveitando o ocio estival, e facendo un paréntese literario a lecturas matemáticas e sinolóxicas, onte aproveitei para reler o poema de Shakespeare The Rape of Lucrece, un de dous poemas longos (o outro é Venus and Adonis) en saír da pruma do Cisne de Avon. Ámbolos dous foron inmensamente populares no seu día, mais o paso dos anos transmutou os gustos, e agora o difícil é topar a alguén que lea e que aprece estes textos, e obviamente non xeran as montañas de papel académico que medran arredor das súas comedias, traxedias e historias de William.

O que máis me sorprendeu nesta relectura foi o forte carácter gongorino do poema: se Don Luis tivese coñecido a lingua inglesa, de seguro había de darlle a estes versos o seu visto e prace. Cada estrofa está inzada de conceits, astutas metáforas e xogos de palabras, paralelismos e inversións. É unha mostra de retórica pirotécnica en estado puro, e dun ἐπύλλιον ao xeito helenístico e barroco que pouco lle ten que envexar á Fábula de Polifemo y Galatea.

Por outra banda, e dada a súa temática (a violación dunha matrona romana, o seu suicidio e a vinganza xusticieira que provoca, extinguindo a antiga monarquía romana), sorpréndeme un chisco que certas correntes da crítica actual nun busquen reaproprialo dende as súas perspectivas e prexuízos. Imaxino que o pouco interese pola poesía en xeral, incluído entre os académicos, e certa superficialidade lectora que fica co horror temático e cos valores do mundo isabelino versus os nosos (problemas que afectan en grado semellante a The Taming of the Shrew, Titus Andronicus ou The Merchant of Venice) terán algo que ver...

domingo, outubro 13, 2013

Taming the Tamers

Relendo The Taming of the Shrew, constato que en efecto, non é das mellores obras de Shakespeare, malia que presente os habituais e altamente creativos usos de linguaxe que fan famoso ao cisne de Avon, e algúns outros elementos redentores; constato tamén que é unha obra moi difícilmente dixeríble para a sensibilidade actual, polo seu discurso misóxino indisimulable (na liña co antisemitismo xocoso de The Merchant of Venice ou co desprezo á chusma e á democracia de Coriolanus). Porén, resúltanme moitísimo máis insoportables os intentos por parte de certa crítica dogmático-sectaria por branquexar os textos. É tan difícil aceptar que as obras e autores xeniais doutros tempos e lugares poidan ofender e opoñerse á nosa ética, moral e ideoloxía, e aínda así poder respectar e aprezar os tales libros e escritores, malia tales diverxencias?. 

Falando de textos 'clásicos' e da súa inevitable acumulación de capital cultural, é de agardar unha feroz loita polos significados e as interpretacións (ou a prédica directa á eliminación directa dos cánones). Reactualizar un texto (e polo tanto, convertelo realmente nun clásico para cada xeración que se enfronta a el) sen dúbida require a súa reapropriación e relectura en relación aos nosos intereses, inquedanzas e xeitos de ver o mundo, mais non me parece moito pedir esixirlle aos lectores contemporáneos o mínimo esforzo de honestidade intelectual que require, alomenos nunha primeira lectura, tentar aprezar obra e autor estrictamente baixo as coordenadas intelectuais, estéticas e ideolóxicas do seu presente e do seu mundo, e aceptar a tal lectura como relevante e valiosa; só despois se podería proceder, coa conciencia tranquila, aos equilibrismos, arquitecturas (re)interpretativas e reconstruccións persoais que se desexen...

Para domear aos domeadores desta obra, nada mellor que unhas verbas finais de Jonathan Miller, director dunha das adaptacións televisivas desta peza: "Penso que é unha cousa irresponsable e parva converter á obra nun panfleto feminista: empregala coma un xeito de demostrar que as mulleres teñen sido humilladas e sometidas polo chovinismo machista. Hai outro xeito máis complexo de lela, consistente en vela como unha visión particular e da época sobre como debera organizarse a sociedade para restaurar a orde a un mundo caído. Agora, a día de hoxe, xa non cremos que sexamos herdeiros do pecado de Adán, ou que a orde só se poida manter a base de cederlle o poder a maxistrados e soberanos, a pais e maridos. Mais o feito de que algunha vez se pensou así é innegable, e as produccións que tentan agochar isto e que tentan sabotear a obra para facer que se enfronte a problemas modernos sobre a posición actual das mulleres na sociedade tórnanse aburridas, simplonas e sectarias".

segunda-feira, janeiro 24, 2011

Oneiros

Último soño da noite, antes de espertar: unha versión libre de Hamlet, adaptada e dirixida polo meu inconsciente. Eu fago de Príncipe de Dinamarca, e Ramón Blanco de Horacio. Nesta montaxe, Horacio é condeado a morte. Mentres preparan a execución e acordonan a nosa sección do Castelo, Margaret Thatcher produce un discurso hipócrita e lacrimoso de loubanza a deus, patria e rei (neste claso, pra el-rei Claudio), da xustiza da pena de morte e dos gorros que lle debemos á Súa Maxestade. Detrás dela, entre unha pequena morea de xente, Stan Laurel e Oliver Hardy parodian cómicamente as súas verbas, e elaboran un gag pavero no que xogan con chapeus.

Qué pensaría Shakespeare?

domingo, setembro 05, 2010

notas encol do Cymbeline

Non é a mellor obra de William, mais non deixa de presentar aspectos interesantes, e como últimamente topei tempo para repasala, deixo algunhas notas arredor de cousas que me chamaron a atención, e que poderían chegar ao bo porto dun artigo ou dunha reflexión máis alongada...

1) Imaxes de violación: é un tema recurrente en Shakespeare, tanto a consumada (Titus, The rape of Lucrece) ou a que fica en tentativa (Measure for Measure, Pericles, The Tempest), como é o caso do Cymbeline. O repertorio imaxinístico clásico sempre se moviliza nestas circumstancias, centrándose na historia de Lucrecia e no episodio de Tereo e Filomela (nas Metamorfoses, de Ovidio). Neste caso, a protagonista, Innogen, le antes de durmir o libro e a escea ovidián, allea a que o asaltante en potencia fica agochado nun baúl da súa alcoba. O dormitorio inclúe elementos tratados en semi-écfrase (tapices, doseis, cheminé) que conectan tamén coa deusa Diana (a castidade ás veces asaltada) e Tarquino.

2) Cymbeline é realmente un 'patchwork play', xa que nel topamos unha síntese e mestura de tódalas formas e xéneros shakesperiáns (coma diría Polonio, 'tragical-comical-historical-pastoral'). O trasfondo histórico lembra aos Roman Plays e ao King Lear, a temática coincide en boa medida coa de Much ado about nothing ou cos 'romances cabaleirescos' Pericles e A Winter's Tale (grandes saltos temporais, intervencións sobrenaturais, anagnorese, celos). O 'final feliz' faríaa comedia; o seu ton tenebroso e o seu título orixinal, traxedia. A ambientación pastoral lembra a As you like it. O travestismo da protagonista, a Twelfth Night. Incluso evoca aos 'History Plays', xa que despois de todo, a trama xira en parte sobre un rei de Britania en loita contra os invasores (coma en King John). Mais coidado, posmodernos! Esta 'hibridación' vai da man, ao meu ver, dunha pobreza e simplificación de caracteres fronte ao que noutras ocasións nos agasalla o cisne de Avon.

3) Innogen: a protagonista feminina é das máis insulsas e resignadas de Shakespeare, e das máis claramente sometidas á sociedade patriarcal e puritana que a forxa e a ningunea progresivamente. Non estraña que a obra gorentara tanto aos victorianos, mais que hoxe en día ande de capa caída (non conta con ningunha adaptación fílmica).

4) Laus britanniae: interesantes os episodios en 3.1 e 3.4 que describen e exaltan á Illa. Comparar co célebre exemplo do Henry V. A obra tamén proporciona un bo e macabro exemplo de gallow's humour, na que o verdugo fai chistes e unha velada crítica da pena de morte (ver os enterradores de Hamlet e Measure for Measure).

5) Hermeutica escura: o tema por excelencia de C. xira arredor da falsidade das apariencias, artellado a través dun complexísimo labirinto textual e narrativo na que o contraste da superficie-realidade abrolla a cada minuto. Moitos dos personaxes pasean con nomes falsos, disfrázanse de homes sendo mulleres, ou de romanos e de salvaxes sendo británicos e cortesáns. Non hai figura que non disimule en certo grado (a raíña finxe amar ao rei, os cortesáns finxen respectar a Cloten, anque o insultan na mesma escea, en apartes). A escea sobrenatural non escapa tampouco da escuridade: o adiviño romano ten unha visión que 'interpreta' mal, e Xúpiter pousa unha placa cun texto ambiguo enriba do protagonista encadeado. Todas as contradiccións parecen resolverse no longuísimo 5º acto, mais deixan un sabor insatisfactorio no padal, de falsa síntese nun entorno dialéctico onde a loita pola verdade e a conclusión é un bucle infinito e eterno.

terça-feira, setembro 16, 2008

Stephen Greenblatt sobre o teatro isabelino

Un pequeno anaco do artigo 'Invisible Bullets: Renaissance Authority and its Subversion, Henry IV and Henry V', á súa vez incluído dentro do volume 'Political Shakespeare. New Essays in Cultural Materialism', editado por Jonathan Dollimore e Allan Sinfield.
É este un libro que lin fai xa tempo e que me resultara moi interesante (lóxico, se mesturaba dúas das miñas frikadas particulares dende o título: Shakespeare e o Marxismo); tanto que me tomei a licencia de buscar os enderezos electrónicos dos compiladores e enviarlles felicitacións por el (os dous contestaron moi amábelmente, e Dollimore encarreiroume a máis obras súas, que me puxeron ao tanto de bos libros da teoría queer en Teoría Literaria).
O rescate débese á prensenza do texto nun libro que estou lendo e do que quizaves faga unha reseña un día destes, cando o remate...

Para entender a concepción completa que ten Shakespeare do príncipe Hal, de moinante a monarca, necesitamos, de feito, unha poética do poder isabelino, e esta, á súa vez, vaise amosar inseparábel, en aspectos cruciais, dunha poética do teatro. Poñer a proba, rexistrar e explicar son elementos desta poética que está indisolúbelmente xunguida á figura da raíña Isabel, unha gobernante carente de exército permanente, dunha burocracia altamente desenrolada, sen un extenso corpo de policía, unha gobernante cuxo poder se constituía mediante celebracións teatrais da gloria real e a violencia teatral que caía sobor dos inimigos desa gloria. Pola contra, un poder que se sustenta mediante un aparato de policía masivo, unha forte familia nuclear de clase media e un complexo sistema escolar, un poder que soña co panóptico no cal os máis íntimos segredos están á vista da autoridade invisíbel, un poder tal terá a súa apropiada forma estética na novela realista; por contraste, o poder isabelino depende da súa privilexiada visibilidade. Do mesmo xeito que no teatro, a audiencia tiña que estar poderosamente comprometida nesta presenza visual, mentres que ao mesmo tempo tiña que manterse a unha certa distancia respectuosa con respecto a ela. 'Nós, os príncipes' díxolle Isabel a unha deputación dos Comúns e dos Lores en 1586, 'fomos postos enriba de escenarios, expostos á vista e á ollada de todo o mundo'.

O poder real maniféstase aos seus súbditos do mesmo xeito que no teatro, e os súbditos son absorvidos por espectáculos instructivos, pracenteiros ou terríbeis ao mesmo tempo que se lles proíbe a intervención ou unha intimidade profunda. O xogo da autoridade faise depender dos espectadores -'pois son os vosos pensamentos os que deben vestir agora aos nosos reises'- mais a montaxe aparece como totalmente fóra do control daqueles cuxas 'forzas da imaxinación' son as que lle dan a súa forza e significación. Sobre estes asuntos imaxina Tomás Moro ao pobo do común dicindo, arredor dun destes espectáculos, que 'son xogos de reises, coma se fose, pezas de teatro, e na maioría dos casos realízanse nos patíbulos. Espectáculos nos que os pobres homes non son máis que espectadores. E aqueles que son sabios non se inmiscuirán máis nestes asuntos'. Dentro da montaxe teatral hai unha insistencia a destacar sobre os paradoxos, ambiguidades e tensións da autoridade, mais esta aparente produción de subversión é, como xa tivemos ocasión de ver, a condición mesma do poder. Debera engadir que esta condición non é unha necesidade teórica do poder teatral en xeral, senón un fenómeno histórico, un modo particular desta cultura particular...

É precisamente pola forma inglesa da teatralidade absolutista que o teatro de Shakespeare, escrito para un teatro suxeito á censura do estado, pode ser tan incesantemente subversivo: a mesma forma, como forma de expresión primaria do poder renacentista, contén dentro de sí as dúbidas radicais que continuamente provoca... E somos libres de localizar e renderlle homenaxe ás dúbidas das obras tan só porque xa non son unha ameaza para nós. Hai subversión, unha subversión sen fín, só que non para nós.

quinta-feira, março 01, 2007

Traballos de Amor perdidos

'I Get a Kick Out of You' é unha canción bastante famosa de Cole Porter, que aparece por primeira vez no musical Anything goes (1934). Moitas veces versionada, unha das clásicas é esta de Frank Sinatra, cortesía do Youtube, que tedes en ligazón ao final.
O que estaba a buscar en realidade é a versión cómica que fixo dela Timothy Spall (no papel de D. Adriano de Armado) na adaptación cinematográfica de 'Traballos de Amor Perdidos', de Kenneth Branagh, pero non houbo tanta sorte. A translatio de Shakespeare ao formato do musical romántico de Hollywood pareceume unha idea excelente (creo que o director a repite ata certo punto na pastoral xaponesa do ano pasado en que transmuta 'As you like it' que aínda non tiven posibilidade de ver). A acción transladábase á Europa do ano 39, mesturando cancións do Broadway dos anos 30 e montaxes estilo noticiario.
Quizaves algúns actores non daban a talla, e os bailes e cancións soaban algo a falsete. En calquera caso, a película foi un desastre absoluto en taquilla...
...e a falta do video en cuestión, que tanto me presta polo seu tratamento tan autoirónico da convención amorosa (xa Maiakovski, romántico ferido ate as cachas, sentía a imposibilidade de non caer na cursilería coas formas manidas de abrir o seu corazón aos demais), déixovos polo momento con Sinatra rasgando as súas cordas vocais, eu mesmo cantándoa dende as patas para a miña Amada Inmortal. Un exercicio sinceiro de paixón sentimental e autodeprecación aos que son tan dado, como ben saben os que me coñecen...
Que vos preste!

sexta-feira, janeiro 05, 2007

Twelfth Night

En efecto, hoxe é a 'Noite de Epifanía, ou o que gustedes', unha das mellores comedias de William Shakespeare e o último día das festividades tradicionais do Nadal na Inglaterra Isabelina. Doce días que facían as veces do noso carnaval -abondosa comida e copas cheas, roles sociais postos patas para arriba, e o goberno do 'Señor da Desorde', contra o que tanto berraban os teólogos, católicos e protestantes.
A obriña de Shakespeare (como tantas de época) foi no seu día parte das celebracións (concretamente, na noite de epifanía de 1612 ten lugar a súa primeira posta en escea, no Middle Temple Hall de Londres).
Nada mellor para festexá-lo aniversario e o remate das vacacións que o visionado da adaptación cinematográfica de Trevor Nunn. E quizaves, tamén (xa que a película non a podo compartir convosco) unha imaxe e unhas liñas. A imaxe é a de Laurence Olivier facendo o papel de Malvolio na montaxe da Royal Shakespeare Company de 1955:

"My masters, are you mad? Or what are you? Have you no wit, manners, nor honesty, but to gabble like tinkers at this time of night? Do you make an alehouse of my lady's house, that ye squeak out your coziers' catches without any mitigation or remorse of voice? Is there no respect of place, persons, nor time in you?"
II.iii.83-89

(Meus señores, sodes uns tolos? Ou qué sodes? Non tedes acaso sentido, modais ou honestidade máis que para apostar coma compoñedores a estas horas da noite? Facedes unha taberna da casa da miña señora, berrando as vosas cancións de borrachos sen remorso ou mitigación da voz? Non tedes respecto ningún por sitio, persoas ou hora?)

E non deixaremos de facernos eco da resposta de Sir Toby, que igual vale para tódolos esmorgantes de tódalas épocas e lugares fronte aos aburridos puritanos:

"Dost thou think because thou art virtuous there shall be no more cakes and ale?"

(Ou pensas que porque es virtuoso non debería haber festa para ninguén?)

Só unha última recomendación: non deixedes de escoitar, se cae nas vosas mans, un Cd de cancións isabelinas do que xa teño falado nesta bitácora. Unha das máis bonitas é 'Oh mistress mine', que pertence a esta peziña de teatro.

quinta-feira, julho 20, 2006

Pericles, Príncipe de Tiro

Ben, sabíades que isto ía a pasar. A ese fanático bardólatra que é Fravernero, modelo do intelectual colonizado, espello de cosmopolitas sen raíces, xa lle tardaba meter unha entrada sobre o Cisne de Avon e as súas obras.
A crítica, baseándose no primeiro Folio das obras de Shakespeare, tende a dividir éstas en tres grupos: as Historias, as Traxedias e as Comedias. Outros prefiren separar da última sección o que chaman os 'Romances Cabaleirescos'. Os Romances serían obras tardías do autor (de 1607 en diante), cercanas aos romances medievais. As súas características máis suliñables: tramas enrevesadas con reencontros familiares e final feliz; elementos máxicos e fantásticos; frecuentes Deus ex machina na forma de deuses gregos; e a mestura de esceas 'pastorais' e de ''civilización".
O Pericles é unha desas obras, e probábelmente, unha das peores (xa comentarei noutra ocasión a miña filia coas obras malas de Shakespeare). A autoría é compartida con George Wilkins, coñecido proxeneta da época e resposábel das primeiras (e sosas) nove esceas do Pericles.
Só contamos cunha versión moi corrupta desta obra (non foi incluída no Folio), un texto pirata probábelmente reconstruído de memoria por algún asistente ao teatro (igual que a versión 'mala' de Hamlet de 1603). No seu día, foi un dos maiores éxitos do seu autor, con varias edicións contemporáneas e unha versión novelada, The Painful Adventures of Pericles que nunha nota proclama seguir a mesma estructura que a obra de teatro.
Malia os seus defectos e unha trama rocambolesca, a obra ten momentos de beleza desacougante. Dende as cabezas cortadas nas portas portas de Antioquía ao poeta medieval John Gower facendo de prologuista á estatua parlante ou o emotivo reencontro de Marina e Pericles na escea 21:

"I am great with woe, and shall deliver weeping.
My dearest wife was like this maid, and such
My daughter might have been. My queen´s square brows,
Her stature to an inch, as wand-like straight,
As silver-voiced, her eyes as jewel-like,
And cased as richly, in pace another Juno,
Who starves the ears she feeds and makes them hungry
The more she gives them speech. -Were do you live?"

Só queda recomendarvos, cando teñades tempo, tecer o fío solto das esceas do Pericles. Pois o mosaico incompleto e fragmentario ten unha estética que na actualidade estamos a reivindicar. E que o disfrutedes tanto coma min.

quinta-feira, novembro 24, 2005

The Willow Song

Este ano non me teño pasado moito polo Cineuropa. A primeira (e sospeito que última) película que fun ver onte non sorprenderá a aqueles que coñezan a miña bardolatría: "Othello", adaptación do clásico shakesperiano dirixida por Stuart Burge en 1965, e con Laurence Olivier (¿quén se non?) e unha xovencísima Maggie Smith nos papeis estelares.
Non é a mellor versión que teño visto. A teatralidade é excesiva -Olivier berra demasiado- e está mal traducida para o medio cinematográfico (escenarios de cartón pedra, xestos esaxerados, texto íntegro da obra, o que arrastra a case tres horas de película...).
E nembargantes, como lle dicía a princesa Leia a Han Solo (perdóenme bologneses, pero un tamén cede ocasionalmente aos encantos da cultura pop): "You have your moments. Not many of them, but you do have them".
A chispa que ameaza benjaminescamenque con facer saltar o continuum da historia está para min nas esceas inmediatamente anteriores ao asasinato de Desdémona. Na atmósfera ominosa, a Señora solicítalle á criada ser soterrada coas sabas da súa boda, para despois cantar a tristísima canción dunha muller que toleou por amor, e finou cantándoa: a canción do Salgueiro:


The poor soul sat sighing by a sycamore tree
Sing all a green willow
Her hand on her bosom, her head on her knee
cho: Sing willow, willow, willow, willow!
Sing willow, willow, willow, willow!
My garland shall be;
Sing all a green willow, willow, willow, willow
Sing all a green willow
My garland shall be.
The fresh streams ran by her, and murmer'd her moans
Sing willow, willow, willow
Her salt tears fell from her and soft'ned the stones.
Let nobody blame him, his scorn I approve
Sing willow, willow, willow
He was born to be fair, I to die for his love,
I call'd my love false love but what said he then?
Sing willow, willow, willow
If I court more women, you'll couch with more men.


Non sendo eu unha persoa que se emocione doadamente, non puiden resistir o pathos tráxico da escea, non sen repetirme, con certa ironía: "Is it not monstrous that this player here, But in a fiction, in a dream of passion, Could force his soul so to his own conceit That from her working all his visage wanned, Tears in his eyes, distraction in his aspect, A broken voice, and his whole function suiting With forms to his conceit? And all for nothing, For Hecuba! What's Hecuba to him, or he to Hecuba, That he should weep for her?". Pois aquel no que as bágoas riscaban por saír non era o actor/atriz, senón eu mesmo.
Consolémonos pensando que tamén Orfeu arrincara bágoas de ferro ao implacábel Hades. Doutra banda, a música da canción tamén axudaba. A melodía conservouse nun libro para laúdes de 1583, e alomenos un cd de cancións shakesperianas a inclúe. Se podedes, escoitádeo. E ricorditti di me...

terça-feira, julho 19, 2005

O Debuxo de Peacham

¿E de qué está a falar esta vez o Senescal, preguntarédesvos? ¿Qué é o debuxo de Peacham? Ben, calquera persoa moi fanática ou versada nas obras do Cisne de Avon poderavos dar unha sinxela resposta. Corría o ano 1596. O aínda mozo William Shakespeare acababa de escribir unha das súas pezas menos coñecidas e aprezadas (anque o público da época non pensou o mesmo): Titus Andronicus. Despois dalgunhas montaxes en Londres, os teatreiros teríana circulado por provincias, e o primeiro de Xaneiro dese ano de 1596 tivo lugar unha función na casa de campo de Sir John Harington. Aquí é onde entra o noso Peacham.
Henry Peacham é un coñecido debuxante da época, autor de obras como 'The art of Drawing with the Pen', 'Minerva Britanna' e 'The Complete Gentleman'. Debeu de estar na función que mencionamos, xa que nun manuscrito coa súa firma e con ese ano topamos unha transcripción de pasaxes do Titus e unha verdadeira xoia: a única ilustración contemporánea da escea shakesperiana.
Como podedes supoñer, trátase dun documento de valor inestimábel á hora de reconstruir o vestiario e a imaxe que podía ter o teatro shakesperiano. Nembargantes (como soe acontecer nestes casos), o material é causa de tantas preguntas como respostas.
Anque a escea sexa recoñecible (Acto I, escea 1; a raíña Tamora implóralle a Tito Andrónico pola vida dos seus fillos. Nembargantes, na obra a raíña está a implorar por un terceiro fillo, Alarbo, que non aparece debuxado e que será sacrificado polo inflexible romano ad manes fratrum), non estamos ante unha recreación directa. A figura da estrema dereita (o malvado mouro Aarón) non pinta ren nesta ocasión, e menos con esa espada e atitude. Isto non é, contodo, un problema: nas ilustracións de textos teatrais da época soíanse misturar varios episodios e personaxes da obra no mesmo gravado. Dunha balada contemporánea inspirada tamén na lenda de Tito Andrónico conservamos un gravado en madeira no que se compaxinan esceas de caza, o castigo de Aaron e a execución dos fillos de Tamora, Lavinia escribindo en terra os nomes dos seus violadores e o banquete grotesco no que Tamora engule unha empanada cos seus propios fillos de raxo.
Canto ás roupas, é doado comprobar que hai unha alternancia: os soldados (personaxes secundarios) aparecen en escea vestidos con roupas contemporáneas (podemos supoñer que os personaxes menores das obras rexiríanse por este criterio). Pola contra, coas figuras principais hai un esforzo maior por 'crear ambiente' (máis nesta obra 'romana', anque sexa totalmente ahistórica), con túnicas, sandalias e elementos similares de atrezzo.
Isto ven ao caso, alén de polo meu frikismo por William, por un simpático paralelismo actual. Unha das miñas aficións na literatura pop é Terry Pratchett e as súas novelas do MundoDisco. As portadas destas (podédelas atopar no enderezo www.lspace.org), obra exquisita de artistas como Paul Kidby ou Josh Kirby, obedecen unha lóxica similar. Deste xeito, unha das diversións (alén da lectura do libro) é a de contemplar a fermosa portada e tentar adiviñar o contexto e as esceas. Algúns personaxes son doadamente identificables. Os novos de cada novela, non...

Nada novo baixo o sol. Pero moi bonito, de tódolos xeitos.