Mostrar mensagens com a etiqueta Retórica. Mostrar todas as mensagens
Mostrar mensagens com a etiqueta Retórica. Mostrar todas as mensagens

terça-feira, janeiro 15, 2008

De Gripatore

Non é que vos teña esquecidos, oh. Máis ben é que a gripe triunfa estes días sobre a miña feble resistencia, cunha implacábel labor de zapa e minas soterradas contra as torres da miña saúde. Na fase actual pasou o peor das dores de cabeza e da conxestión, e loito coa flema na gorxa e a total insensibilidade do nariz (o que inclúe na morte nasal a do senso do Gusto, o segundo efecto colateral que máis aborrezo da enfermidade).
Neste escenario, volto a rescatarvos un pequeno texto retórico que me encargaron para a editorial do nº 1 de 'Terra de Outes', que acaba de saír (e que malia o nome, é o segundo exemplar da revista). Igual que a gripe, tendo a detestar os encargos e as súas limitacións. Neste caso, o que me interesa suliñar non é a (dubidosa) calidade do texto, senón o estraño efecto de escrita automática que tiven durante a súa composición. Ese xeito polo que as imaxes e as ideas parecen fiarse soas e ordenar ás palabras en ríxidos renglóns militares, cun teclear ausente por parte do escritor ao que sorprende o texto final tanto coma se o fixese outra persoa...


Eis a Alba no mencer do día: a ledicia e o traballo común que forxaron este pequeno milagre, a delicada arquitectura dun novo exemplar da ‘Terra de Outes’ que novamente poñemos nas vosas mans, e ofrecemos á ollada e á reflexión dos nosos veciños. A mañá do astro-rei que quenceu os eidos e transmutou as raiolas do ouro dourado na máxica alquimia do gran, do trigo ou do millo florecente, logo moído e cocido en permuta de pan quente, tamén operou en nós, derretendo o xeo das ideas acumuladas, en rápidos regatos de ideas, auga cristalina que esvarou en tinta, papel abaixo, ata formar os meandros das letras que agora ledes, nesta caligrafía que nos tira do peito co orgullo doutro número máis, doutro adianto nesta Nave común de esforzos e de desexos. Ou Catedral de Verbas, dentro da cal habedes topar seguro o voso espazo e tema de interese, xa sexa nos labirintos da mitoloxía ou nos xardíns eruditos e rigorosamente cultivados da economía e da historia locais, como no delicado labor (tal as vidreiras) de luz sobrenatural que agochan os textos creativos e a literatura desta nosa terra sempre fértil en poetas, co ollar disposto cara ese Añón fundador que aínda respira nos libros e no busto inxel e impasíbel a carón da Casa do Concello. Os artigos de opinión disfrazan habilmente en bóvedas de crucería, co incisivo enxeño que agurgulla neles como metáfora incompleta dun ronsel de nervios de pedra e redes de tracería debullando un espazo de arcos oxivais. Qué mellor que a imaxe do templo para unha obra común e colectiva na que cada peza do quebracabezas se amosa imprescindíbel, o ton medido para o equilibrio da escala, a cor exacta que rime coa das páxinas que a arrodeen, onde a pedra dos sillares agocha mellor nas verbas desta nosa lingua que latexa e agarda iluminar ao pobo, como orgullosa menorah dourada, ou candeeiro, por outras mil primaveras máis...

Alba do mencer frío, o segundo exemplar chega a vós dende os linteis aterecidos da xiada constante: o nivoso do Calendario Republicano. Un ano novo agárdanos, no que esperamos levar adiante unha manchea de proxectos culturais e cívicos dos que vós, os nosos lectores, sodes artesáns e colaboradores imprescidíbeis. Na vosa axuda contamos para seguirmos adiante coa obra, e para que a semente gardada en pesadas tullas ou huchas de madeira nos tempos de inverno agrome nunha riqueza sen par, no tapiz a tecer a historia común na pescuda da felicidade e dun mellor coñecemento de nós mesmos e do noso entorno, nesta danza arredor de si na que coñecer o mellor de Outes é a clave e a chave que descifra o mellor de nós como galegos e como cidadáns da Cosmópole e da República Universal dos Homes.


O dito: con vós contamos. ‘Roubáronnos o sol’, dicía o poeta, e tal é o rapto que dura o tempo cifrado dos meses invernais. Mais o sol retorna, non só no globo radiante que escala ás mañás o Tremuzo con botas de sete leguas: o sol retorna, brillando, con cada gran de interese, esforzo e laboura colectiva que nos xunta nunha angueira e casa común na que todos sodes convidados a forxar o voso espazo e a tecer os vosos soños e inquedanzas cos nosos. Eiquí agardaremos por vós.

quinta-feira, novembro 01, 2007

Estudantes de Antano

[Ah, sí. Un exercicio de arqueoloxía persoal. Nesta 0casión rescato o meu intento de arenga na época remota do Glorioso Movimento Asambleario que se erguera en Compostela co gallo da L.O.U. nos meses do Inverno do Noso Descontento do ano 2001. Odiseas da terra, e non do espacio, e unha das escasísimas causas nas que o Mantedor ten crido fanáticamente e cun amor cobizoso, intenso e correspondido, malia que breve...
O texto foi escrito a finais de Novembro ou comezos de Decembro dese mesmo ano, e publicado o día 12 na nosa folla voandeira, o 'Asamblea'. Sobre o movimento anti-Lou poderíamos falar longo e tendido, mais por hoxe chega cun texto e con convite aos demais membros da blogosfera, de varios dos cais me consta a camaradaxe conxunta naqueles lonxanos días...]

Aló polo século XIII, un fato de estudantes parisinos, considerándose a sí mesmos como unha clase aparte, non dubidaron en baterse polas súas liberdades en contra do seu bispo e da burguesía vilega. Trala intervención da policía real e a subseguinte masacre, os mestres tomaron o partido dos alumnos, e todos abandonaron París, retirándose á cercana Orleáns por espazo de dous cursos enteiros. Esta gran folga, que durou dende 1229 ata 1231, non puido ser doblegada polo poder establecido, que remataría por renderse ante os estudantes; e nese mesmo ano de 1231, San Luís e Branca de Castela recoñecerían solemnemente a independencia da Universidade, sustraída da autoridade episcopal. O facho prendería rapidamente por todo Europa, asistíndose por todos lados ao nacemento e desenvolvemento destes centros de ensinanza autónomos e progresivamente máis laicos, e por cuxos descendentes (máis ou menos lexítimos) pasamos nós, estudantes deste comezo de século e milenio.
Moitas cousas teñen mudado dende ese remoto e brumento século XIII, mais por moitas cousas máis poderiamos tomar por certa a vella máxima latina do nihil novum sub sole; e se me permitides a licencia poética, paréceme ver moi claramente o delgado fío prateado que conduce dende ese grupo de estudantes medievais loitando polos seus dereitos aos compañeiros e compañeiros que nos opoñemos con unllas e dentes (e moita imaxinación) aos intentos soterrados do noso goberno dereitoso pola de-construcción da Universidade Pública e das súas duramente conseguidas liberdades.
Poderiamos esbozar brevemente unha imaxe dos nosos compañeiros de antano. Mozos de tódolos países e de tódalas condicións sociais aproximábanse aos grandes centros do saber (que xa daquela había Universidades de prestixio e grandes mestres, como Pedro Abelardo) na aprendizaxe das diversas carreiras: Dereito, Medicina, a Teoloxía (moito máis frecuente daquela), as Artes... Polas aulas resoaban os comentarios e as disputas da física aristotélica, da astronomía de Ptolomeu, das matemáticas de Euclides e da mediciña hipocrática, así como doutras disciplinas, máis chocantes para a nosa visión actual (como a alquimia e a astroloxía). Fóra das aulas e dos exames tamén sabían daquela divertirse: tabernas e timbas de cartas sempre correron detrás da estudiantina. Por outra banda, moitos dos rapaces que desexaban aprender non tiñan fortuna, véndose na obriga (onte, coma hoxe) de traballar para poder costearse os estudos.
Frivolidades á parte, hai algo que na miña opinión nos une máis fortemente cos compañeiros de tantos séculos atrás. únenos unha verba fortemente representativa das virtudes dos estudantes e da xente nova de tódolos tempos: a audacia. Audacia de erguerse ante o que non é xusto, e de tentar pararlle os pés, teña a quen teña detrás. Atrevimento de crer e de loitar por un mundo mellor e máis xusto que aquel que nos legaron, sen deixarse arrastrar nen seducir por tradicións e costumes ancestrais. E ousadía de ir máis aló de onde os tépedos corazóns carcomidos de comenencia están dispostos a chegar.
Por iso me permito pedirvos dende eiquí que recollamos a estrela cintilante que lanzaron os nosos remotos compañeiros do XIII, e que brillou en tantas ocasións; sen ir máis lonxe, na propia Compostela dos griseiros anos 50, mediocre universidade franquista na que o cálido corazón duns mozos deu inicio a protestas que encabezaron as do Estado e comezaron a fender a laxe da besta feixista. Hoxe volta a lucir no mesmo sitio, afirmando que nós non imos ser menos que os que estiveron antes.
Máis unha vez á cabeza das protestas, quixera rematar arengándovos coas verbas doutro París (o da Gran Revolución) e ditas por boca de Danton: "Audacia, máis audacia, sempre audacia!!".

quarta-feira, maio 02, 2007

De Oratore (e 2)

Ben sabido é como nos últimos anos, a língua e a literatura inglesas veñen asistindo á como a periferia apropia e reescribe os antergos discursos imperiais das metrópoles, antes a Gran Bretaña e hoxe os Estados Unidos (‘Empire writes back’, como dí o título dun suxerente libro). O Poscolonial trascendeu das modas académicas, e os escritores do Terceiro Mundo asaltaron as máis altas cátedras do recoñecemento e a lectura. Estamos a pensar en nomes coma Derek Walcott, Wole Soyinka, Salman Rushdie ou (máis no eido da teoría) Edward Said. Unha maior interrelación vai unida a unha maior sensibilidade polo local, polas línguas e as culturas autóctonas e o seu tapiz entretecido de loitas, resistencias, absorcións e rexeitamentos aos que dou lugar. É a nosa responsabilidade á de estar á altura das circumstancias e a de loitar porque estes vencellos, re-escritos e patas para arriba, tornen cada día máis inclusivos e máis xustos. Para darlle a voz ao subalterno e para conducir á hibridación e á mestizaxe fértil que nos faga a todos máis ricos, máis conscientes do que nos une e do que nos separa, en definitiva, máis libres. Só dende os miles de Outros que arden en cada individuo, en cada língua e en cada comunidade podemos construir unha cultura mellor -as aleacións fan máis fortes e dúctiles aos metais-. Cultura verdadeiramente humana; cultura cultivada (eis o espectro da etimoloxía: pois cultura ven do latín colere, cultivar), e na que todos sexamos xardineiros partícipes das Selvas da Linguaxe. Unha función tanto máis clara cunha língua como a Inglesa, que sempre refugou de monoloxismo estéril, trenzando en espiral inacabábel a diversidade saxona, céltica, escandinava, latina e francesa nas estructuras máis íntimas e resistentes da súa estructura e sintaxe. Casa plural de raíz, de significantes ceives, tanto máis ceives agora que deletreamos un London tropical, asiático e africano como Ellowen Deowen e facemos saltar os candados vellos do Monoculturalismo.
Queda trazado o reto e a proposta da revolución permanente, xunto coa confianza que deposito nos meus avispados compañeiros (no meu mal inglés, my waspy comrades) para que conquisten as altas torres no percorrido de candanseu hobby-horse e batalla de Namur. Dun xeito moito mellor ca mín o reflexou Roland Barthes, e onde dí ‘texto’ podemos engadir nós a glosa da língua, da fala, da cultura que temos (teremos) que re-apropiar dos seus ate o de agora avarentos posuidores e administradores:

“Agora sabemos que un texto non é unha serie de palabras que liberen un significado único, teolóxico (a 'mensaxe do Autor-Deus'), senón un espazo multidimensional no que unha variedade de escritos, ningún deles orixinal, mestura e choca. O texto é un tecido de citacións arrincadas de innumerables centros de cultura ... o escritor pode tan só imitar un xesto que sempre é anterior, nunca orixinal. O seu único poder é o de mesturar escrituras, confrontar unhas con outras, de tal xeito que nunca descanse plenamente en ningún en concreto. Se o que quixese fose expresar o seu ser, debería alomenos saber que a 'cousa interior' que desexa transmitir é simplesmentes un diccionario previamente elaborado, as súas palabras só explicables a partir doutras palabras, e así indefinidademente”.

Todo dito, fica tan só retornar ao barco co que comezábamos e (homenaxe a Shakespeare, o noso verdadeiro santo patrón), renunciar aos máxicos poderes da retórica, rachar o bastón, guindar os libros ao mar e poñer rumbo cara a Nápoles ou o Milán de cada quén, desexándonos próspero viaxe e mellores metas acadadas. Pois:

Our revels now are ended. These our actors, As I foretold you, were all spirits, and Are melted into air, into thin air; And, like the baseless fabric of this vision, The cloud-capped towers, the gorgeous palaces, The solemn temples, the great globe itself, Yea, all which it inherit, shall dissolve, And, like this insubstantial pageant faded, Leave not a rack behind. We are such stuff As dreams are made on; and our little life Is rounded with a sleep”.

Moitas grazas.

segunda-feira, abril 30, 2007

De Oratore

Ese son eu, hoxe. Despois duns días de traballo estresante, volto a ter un minuto para escribir unhas liñas. Anque só un minuto. Quixera aproveitar a miña creatividade, reprimida nos días pasados, para escribir algo. Por iso teredes que conformarvos por hoxe coa tortura chinesa do discurso que preparei para o acto de licenciatura pasado, trala petición formulada polos meus pares. Como é algo longo, terá que vir en dous anacos.
Consoládevos, amais, coa promesa da versión galega de K.O.D.A.K., un poema de Patti Smith (chegoume fai pouco por correo unha antoloxía da súa obra temperá).
Canto aos xogos de retórica, velaí van...

Compañeiros e compañeiras; Miñas donas, meus señores…

Fixemos unha nobre competición, chegamos á meta da carreira”. Permitídeme comezar, amigos, pois sodes amigos, co antepórtico destas verbas prestadas de Saulo de Tarso e que tan ben se prestan para torcerlas no senso que hoxe nos reúne eiquí. E unha metáfora gastada: a da Nave dos Tolos e a da fín da nosa singradura. Apiláronse as follas sen data do noso diario de abordo, e a nosa nave barroca, panzuda e artillada, chega ao bo porto do que habemos saír, todos nós, espallando a nosa tolemia aprendida, na pescuda dun brillante futuro profesional. Un futuro dende o que botar unha ollada nostálxica - Eala þeodnes þrym! Hu seo þrag gewat, genap under nihthelm, swa heo no wære, que dicía o poeta en Inglés Antigo. Ou, "Como pasou aquel tempo baixo o xelmo negro da noite, como se nunca fose!"- cara estes cinco anos seminais e formativos que botamos xuntos, e na presada de experiencias, de contactos e amizades, de métodos e coñecementos que fomos arrecadando neles, algúns dos cales nos acompañarán, seguramente, para o resto das nosas vidas.
E non pensedes que pretende ser un tropo gratuíto a invocación desa vella alegoría do Narrenschiff; unha constelación oculta tece o poema de Brant e a pintura do Bosco coa portada do Norton Shakespeare, na que, como quizais lembredes, o globo terráqueo fai as veces de cabeza de bufón, ben armado de cascabeis, orellas longas e cetro da sinrazón (the fool’s bauble). Daí o brinco é doado á nosa formación filolóxica, a ese amor apaixonado pola vera luz do logos, á alquimia da palabra viva, tortuosa, oculta e cobregueante que constrúe as arquitecturas imposibles da linguaxe e da literatura, e da que de agora seremos nós testemuño vivo, templo móvil, asilo da chama inextinguíbel. Marabillosa loucura a do logos, tanto máis meritoria nunha época que pareceu rendirse aos encantos do audio-visual, ao seductor embruxo das imaxes. Eis unha plataforma de resistencia e de conciencia cívica, a barricada textual desque a ir desnovelando os sistemas de signos, gardiáns custodios contra esas outra loucuras, máis insanas e perigosas, que se infiltran coa acrítica non-resistencia aos Textos. Eis unha misión a desempeñar xunto con aqueles traballos máis específicos, dende a docencia á traducción, a edición e a corrección de textos, a investigación crítica e as tarefas editoriais, algunhas das portas que habemos de cruzar os aquí presentes. E non pensedes que a especialización actúa como freo; ben o demostra Noam Chomsky, lingüísta que tivemos a oportunidade de coñecer, e que soubo levar tan ben e ergué-la ponte dende os seus traballos específicos en gramática transformacional e nos Universais da Linguaxe aos deberes da Ética e o compromiso coa Verdade con V maiúscula.
Outra metáfora reflexa, creo que dun xeito moi acertado, unha misión máis específica que, no actual mundo globalizado, nos corresponde a todos aqueles que imos traballar dende unha posición de forza, dominio e coñecemento de línguas e culturas estranxeiras. Ésta é a da evolución (no seo das figuras das Humanidades) dende unha posición de Lexisladores a outra de Intérpretes. Por suposto, non me refiro ao senso máis ‘mecánico’ da palabra ‘interpretador’: ás xa mencionadas labouras de traducción de textos. Non, estou a pensar ao respecto no importante papel de mediación intercultural que podemos e debemos desempregar e que, fluintes coñecedores dalgunhas das falas globais, especialmente o inglés no noso caso – a nova koiné e língua franca da especie-, e que armados das ferramentas da lectura crítica e desciframento, estamos en posición inmellorabel para desempeñar.