Mostrar mensagens com a etiqueta Europa. Mostrar todas as mensagens
Mostrar mensagens com a etiqueta Europa. Mostrar todas as mensagens

sábado, fevereiro 01, 2020

terça-feira, agosto 09, 2016

Contraste

Facendo un pequeno exercicio de historia comparatista, é doado comprobar a semellanza histórica de dous periodos xeográficamente moi afastados: o do Renacemento Italiano e o dos Estados Combatentes en China. Nos dous escenarios contamos cunha area culturalmente unida mais políticamente fragmentada en pequenos estados en permanente competición e hostilidade; temos un pasado idealizado de unión, paz e progreso (o Imperio Romano nun lado; a dinastía Zhou no outro) e oposto a un presente de individualismos e moral laxa, mais de grande creatividade técnica, científica, artística e política; temos unhas sociedades en efervescencia intelectual e filosófica, xerando estados racionalmente xestionados, centralizados, apoiados nunha meritocracia na que o que se ten en conta para os cargos é a habelencia, e non a sangue nobre, e multitude de escolas diverxentes de pensamento... 

Malia que ámbolos dous periodos contan coas súas luces e sombras, é moi significativo o xeito en que foron conceptualizados nas súas respectivas culturas: mentres que para Occidente o Renacemento e os seus valores representan un polo de positividade, o bautismo de modernidade, un primeiro chanzo nunha escaleira que inclúe os descubrimentos transoceánicos (no XVI), a Revolución Científica (no XVII) e a Ilustración (no XVIII), e onde ata os vicios e defectos da época (as guerras e tiranías) son valorados positivamente como mostra do individualismo do home moderno que rompe coas falsas ideoloxías do feudalismo e da igrexa medieval, para o mundo chinés o Periodo dos Estados Combatentes aparece retratado de xeito inexorábel como unha etapa ignoble, decadente e miserábel, onde se dan tódolos 'defectos' que un par de milenios de goberno imperial tentarán facer desaparecer, como a fragmentación política, a diversidade de ideas e o relativismo destas, o individualismo, a aplicación da racionalidade instrumental a tódalas facetas da vida, o escepticismo fronte ao pasado...

Nun exercicio desta volta de historia filosófica, meditaría un tamén en qué medida estes diferentes enfoques influíron na evolución das dúas áreas de civilización, partillando a longo prazo na hexemonía europea sobre o mundo e a natureza, e na decadencia, invasión e humillación exterior do Reino do Medio ao longo dos séculos XIX e XX, e os seus intentos de modernizarse a marchas forzadas. O debate non é orixinal: xa os philosophes da Europa das Luces discutían o tema dende perspectivas moi opostas; hoxe quizaves dispoñemos de maior perspectiva, e asistimos tamén á recuperación por parte de China dunha posición destacada e forte que históricamente sempre lle correspondeu -por medios, por xente, por recursos e por cultura.

domingo, abril 03, 2016

O viaxeiro lionés

"Imaxinemos a un veciño de Lyon, Lugdunum, no século IV da nosa era, que viaxa. Onde comeza para el a sensación de estrañamento total?  En Roma atópase como na casa; en Gades da Bética, tamén, e o mesmo en Cartago. Se pertence á aristocracia senatorial, é probábel que teña fincas en Grecia ou Asia Menor. Non é ningún intruso nos ambientes cultos de Antioquía ou Alexandría. Mais se cruza o Rhin ou o Danubio, está en terra de bárbaros. Todo é estraño para el.

Imaxinemos agora a un veciño de Lyon a comezos do século IX. Xa non se topa coma na casa, para nada, en Cartago, cuxas ruínas están en poder dos árabes, inimigos da Cruz. Tampouco está como na casa en Gades, que forma parte do califato (sic) de Córdoba. En Atenas, Constantinopla, Nicea, e moito máis perto, Ravena, atópase co Imperio de Oriente, terra de cismáticos que falan grego e teñen usos e costumes moi diferentes dos seus. En Alexandría volve a estar en terra de árabes. Mais se vai a Münster, a Osnabrück, a Bremen xunto ao Weser, a Magdeburgo a carón do Elba, a Wurzburgo xunto ao Main, está como na súa casa, anque non fale a língua popular, a lingua vulgar dos habitantes deste país. Mais fala cos sabios, que parolan no mesmo latín ca el (...). Se entra nunha eirexa pode cumprir cos seus deberes relixiosos con facilidade. En Magdeburgo din a misa igual que en Lyon (...). Non só o credo, os mandamentos morais tamén son os mesmos.

Lucien Fevbre, Europa, xénese dunha civilización