terça-feira, agosto 09, 2016

Contraste

Facendo un pequeno exercicio de historia comparatista, é doado comprobar a semellanza histórica de dous periodos xeográficamente moi afastados: o do Renacemento Italiano e o dos Estados Combatentes en China. Nos dous escenarios contamos cunha area culturalmente unida mais políticamente fragmentada en pequenos estados en permanente competición e hostilidade; temos un pasado idealizado de unión, paz e progreso (o Imperio Romano nun lado; a dinastía Zhou no outro) e oposto a un presente de individualismos e moral laxa, mais de grande creatividade técnica, científica, artística e política; temos unhas sociedades en efervescencia intelectual e filosófica, xerando estados racionalmente xestionados, centralizados, apoiados nunha meritocracia na que o que se ten en conta para os cargos é a habelencia, e non a sangue nobre, e multitude de escolas diverxentes de pensamento... 

Malia que ámbolos dous periodos contan coas súas luces e sombras, é moi significativo o xeito en que foron conceptualizados nas súas respectivas culturas: mentres que para Occidente o Renacemento e os seus valores representan un polo de positividade, o bautismo de modernidade, un primeiro chanzo nunha escaleira que inclúe os descubrimentos transoceánicos (no XVI), a Revolución Científica (no XVII) e a Ilustración (no XVIII), e onde ata os vicios e defectos da época (as guerras e tiranías) son valorados positivamente como mostra do individualismo do home moderno que rompe coas falsas ideoloxías do feudalismo e da igrexa medieval, para o mundo chinés o Periodo dos Estados Combatentes aparece retratado de xeito inexorábel como unha etapa ignoble, decadente e miserábel, onde se dan tódolos 'defectos' que un par de milenios de goberno imperial tentarán facer desaparecer, como a fragmentación política, a diversidade de ideas e o relativismo destas, o individualismo, a aplicación da racionalidade instrumental a tódalas facetas da vida, o escepticismo fronte ao pasado...

Nun exercicio desta volta de historia filosófica, meditaría un tamén en qué medida estes diferentes enfoques influíron na evolución das dúas áreas de civilización, partillando a longo prazo na hexemonía europea sobre o mundo e a natureza, e na decadencia, invasión e humillación exterior do Reino do Medio ao longo dos séculos XIX e XX, e os seus intentos de modernizarse a marchas forzadas. O debate non é orixinal: xa os philosophes da Europa das Luces discutían o tema dende perspectivas moi opostas; hoxe quizaves dispoñemos de maior perspectiva, e asistimos tamén á recuperación por parte de China dunha posición destacada e forte que históricamente sempre lle correspondeu -por medios, por xente, por recursos e por cultura.

Sem comentários: