Mostrar mensagens com a etiqueta Francisco Añón. Mostrar todas as mensagens
Mostrar mensagens com a etiqueta Francisco Añón. Mostrar todas as mensagens

quinta-feira, julho 19, 2012

Adornados de mirto e loureiros

Hoxe comezamos un congreso na Casa da Cultura de Outes arredor da figura de Francisco Añón co gallo do bicentenario do seu nacemento. Ponencias a cargo, entre outros, de Henrique Monteagudo, Ramón Blanco, Xoán Mariño e de min mesmo sucederánse entre o xoves e o domingo.

Se os ocios, traballos e días vos deixan, non deixedes de acudir!

 

domingo, outubro 17, 2010

Epithalamium

Xa sei que vos teño un chisco descoidados, mais estes días ando algo liado, entre programacións para cursos que é moi posíbel que non imparta, arranxar papeleos burocráticos e preparar ponencias case improvisadas arredor do xénero epitalámico e os seus vencellos con Francisco Añón. Os interesados puideron escoitarme e ollar para o powerpoint esta mañá, na Casa da Cultura de Outes...

sexta-feira, abril 25, 2008

Riscos e Outeiros: Añón

A semana pasada tivemos na Serra de Outes unhas xornadas (as segundas) adicadas a Francisco Añón, e organizadas pola Asociación cívico-cultural 'Terra de Outes' , acubillo de mandaríns e aspirantes na que estou inserido. Entre as distintas conferencias do programa, unha que motivara a miña sorpresa foi aquela na que aparecía eu mesmo coma ponente, sob o título ' O Humor en Francisco Añón', tema no que nen moito menos me consideraba un experto, mais que coa axuda dunha pequena torre de libros, notas, conferencias manuscritas e a inestimábel axuda de Ramón, rematou cunha charla (adiantada, amais, en 3 días por enfermidade dunha das persoas) na que salvei os mobles con bastante dignidade -ao cal non é alleo, coma sospeito, certo aplomo retórico e rodamento que axuda a transmitir a imaxe de que en realidade sabes moito máis do que dis-.
Canto ás demais paroladas, en xeral estiveron bastante ben, anque co problema inevitábel (escaseza de fontes) de tornarse por veces un tanto repetitivas no material que ían glosando. Podemos destacar a de Ramón Blanco, sobre as edicións da obra do poeta de Outes, ou a de Gonzalo Navaza, que leva anos preparando e sen sacar un monumental estudo literario da poesía de Añón que imaxinamos verá a luz algo ano próximo...
O mal tempo impediu, o derradeiro dos días, levar a cabo un roteiro 'polas terras de Añón'. Mais xa que non escalamos riscos e outeiros, permítome colar aquí un Risco (Vicente) e un O(u)te(i)ro (Pedrayo) describindo levemente á lira quebrada e outense do Pre-Rexurdimento...


"A fronte despexada, moi ancha, da que vai recuando o cabelo, que semella levado pra tras por un vento de treboada -o vento de que foi xoguete a vida do gran romántico, do gran viaxeiro, que foi un piuco com' as follas secas que cantou Castor Elices, ánimo incerto, que loita desespradamente co-a sorte, que é o vento qu' axita ises cabelos, botados pra tras, co ise peiteado que n-aquil tempo chamban à la Robespierre, en consonancia co-as ideas do autor do Himno dos povos, o cual amostra tamén un bigore castelarino, com' as sobrecellas... Añón tiña un dermatoesquelete repubricán..."
Vicente Risco

"Paralelamente ô verso bárdico 'Os tempos son chegados' dixo Añón: 'O tempo s' apresura -Querida patrea, escoita -Ise xemido rouco que racha o aire ván'. Chegaba unha realidade pol-o entón, redentora. Añón no seu cerne vate da Terra cantou o progreso. Viña pra esparexar a morna priguiza anterga. Inda deitaban por riba do verdecer dos liños, sombras abafantes de estreituras noxentas".
Ramón Otero Pedrayo