Mostrar mensagens com a etiqueta O Señorito da Reboraina. Mostrar todas as mensagens
Mostrar mensagens com a etiqueta O Señorito da Reboraina. Mostrar todas as mensagens

sexta-feira, abril 06, 2007

O Señorito da Reboirana facendo das súas...

Estou a cavilar que, para ter unha bitácora adicada ao Señor do Pazo de Trasalba, os meus vicios de cosmopolita sen raiceiras lévanme a falar ben pouco del. Por iso decidín dar comezo a unha sección fixa (a primeira! Yeee, Haw!!), na que se incluirá unha entrada mensual adicada á vida e obra de Ramón Otero Pedraio.
E para estrear, un anaquiño picante do 'Señorito da Reboraina', a derradeira novela que escribiu e na que se glosan as singulares aventuras do fidalgo don Xoán Manuel Pereira de Castro, incluíndo a súa breve estadía como embaixador no Imperio Manchú e o seguinte idilio oriental...


-¿Queres o meu amor? Eu non cho negaría. Mais non miras nin amas a unha muller calquera. Son máis ilustre e desditada do que unha princesa das vosas traxedias. Considera, corvo mariño do mar de Vigo, que en ti e en min pode estribar o triunfo do dragón marelo da vella China sobre o bárbaro dragón negro da Tartaria. ¿Miraches a grande árbore que figura columna no salón? E á árbore do nos destino, o eixe da China, o salvado polos fieis; aínda el pode callar nos froitos madurecidos cada dez séculos, en cuio cerne virá ó mundo a cría nova do dragón marelo. Ou, se ti queres, pode na primavera florecer, no outono deitar o froito; e para a outra sazón das rosas, ser espaventado para o deserto, corrido coma can sarnoso, o dragón tártaro... ¡Se te atreves! Polo meu amor...
O da Reboraina preguntaba xa con impaciencia o que había que facer, rubir ó Himalaia ou pelexar cun exército de demos, mirando como a dona medio se espía. Ela díxolle:
-Hai na cambra escura, mergullada nos ensoños do opio, a derradeira princesa, tola e rara, dos Ming. Ten de ser amada por un bárbaro do Occidente que lle guste; ten o sangue do seu razo, despoixa do sacrificio do amor, ser mesturado co sangue do brazo do galán, metido na árbore sagrada, inxectado por un procedemento científico que, dentro de moitos anos, cando deades con el, teredes os bárbaros -¡perdón, meu don Xoán Manueliño!- por descuberta vosa... Non penses se hai ou non hai froito do voso amor; a misión da porca telúrica e primixenia remata no acto do amor, a súa virtude finda co bico do occidental, está no seu sangue, e despois ela morrerá, ou podrecerá en montón de esterco. A enerxía redentora pasa á saiba da árbore e á mazá que leva no seu cerne o dragón...
A don Xoán Manueliño non lle pareceu dificultosa a obriga. Nin se pediu xuramento relixioso nen houbo puñal nen copa de pezoña. Ben comprendía ser os chineses uns bos volterianos, un chisco compracentes para as imaxinacións do pobo e os símbolos dos sacerdotes. Dixo, sorrindo, que si, e ata se encandilaba unha miga pensando no amor dunha princesa, aínda que non fora ningunha flor de pazo... Mais cando dous ó figurar médicos, polos anteollos e os aneis, e outros dous semellantes a leguleios, pola velleza dos pergamiños e as cricas, o levaron á cambra escura ou caverna onde xacía a porca sagrada, telúrica e primixenia, estivo a piques de fuxir como dun polbo ó bañarse na praia de Cesantes. Non hai no Erebo e diccionarios do Inferno epítetos de abondo para describila. Só con ela, nunha luz submarina, aquela cousa manifestou cos brazos pelexudos e foles e os ollares de birolla o seu gusto polo bárbaro "Corvo mouro do mar de Vigo"; e gracias ó talento de Tchun-Tsieou, que se reflexou espida nun espello por tras da morea de almofadas do tobo da princesa, puido o fidalgo, medio rindo, medio sufrindo, asaltar aquela Bastilla de aspavento, de cuia fazaña saíu con menos barbas, con dentadas de tiburón nas fazulas e a noxenta impresión de terse fregado no bandullo dunha elefanta posta de costas.