Mostrar mensagens com a etiqueta comida. Mostrar todas as mensagens
Mostrar mensagens com a etiqueta comida. Mostrar todas as mensagens

segunda-feira, setembro 11, 2017

Chutney tasting # 4

Eis o último dos chutneys que fixera nos días folgados de dous anos atrás; nunca fun moi fan dos cabaciños, para mín a quintaesencia da comida san e de dieta: insipida e acuosa, moito mastigar e pouco saborear. O malo é que os condenados danse de vicio, e algo hai que facer con elas. Dado que zugan como esponxas o sabor do que lle botes, algúns empréganos en tortas e biscoitos. Logo de moito buscar unha receita de chutney para eles 'con algo poderoso' que lle metese algo de gusto, topei unha con cervexa negra e fixen a proba...



Por suposto, alén dos dous ingredientes mencionados, había unha boa manchea de aromáticos, allo, xenxibre... o resultado foi o máis escuro e acastañado de todos estes prebes; o sabor segue sendo bastante suave, tirando ao doce.


Ten o apto, anque este ano creo que vou probar cousas máis exóticas, con froitas e herbas aromáticas. E en menor cantidade: aínda teño moitos frascos na despensa coas coccións do verán do 2015...

sábado, outubro 08, 2016

Chutney Tasting # 3

Eis a terceira fornada de chutney que se cociñara o verán do 2015; neste caso, empregáramos tomates verdes, mesturados en certa medida con mazás e cebolas, alén de especies e algún froito seco.

























A cor neste caso é a máis 'acastañada', o cal ten a súa lóxica, xa que os tomates que se empregaron nel non estaban vermellos; no que toca ás especias, creo que empreguei máis ou menos as mesmas que en casos anteriores.

Na primeira cata, o que primeiro me chamou a atención foi unha certa acidez; nas seguintes, o sabor xa se amosou máis complexo, doce, quizaves o máis 'afroitado' dos tres chutneys que se viron ata agora.


Igual que ao previo, voulle conceder un apto; non é nada que quite o senso, mais acompaña de xeito delicioso calquera carne ou comida salgada (especialmente queixos).

sexta-feira, agosto 12, 2016

Chutney Tasting # 2

Toca falar hoxe da segunda fornada de Tomato Chutney que cociñara o ano pasado; a data de cocción como testemuña a lapela, foi o 28 de xullo do ano pasado.

























Xa a partir da foto podedes constatar que a cor desta volta é dun vermello máis vivo e brillante, que pode ser o resultado dun tempo de fervedura menor que co chutney previo; na súa preparación incluín bastantes menos especias que a primeira volta, anque engadín máis pementón picante e guindilla; eis a razón de que o alcumase de 'Hot' na lapela.

Porén, na cata non me pareceu notar ese extra de picante que tería que ter, e que debeu amansar moito no ano que ficou preso e enfrascado. A textura é moi semellante ao previo, quizaves algo menos compacta; o sabor é menos doce e complexo: é moi claramente tomate, con poucos matices.



















Concédolle de sobra o 'apto' na avaliación final, anque confeso que agardaba máis del, sobretodo no apartado do picante. Ao mellor engádolle tabasco a próxima volta...

quarta-feira, julho 20, 2016

Marrow, marrow on the wall

Consonante coa miña teoría de que, se algo medra demasiado ben, non pode ser moi gorentoso, a cabaciña é unha verdura da que non son entusiasta: demasiado acuosa e insípida...

























Porén, como a xente me fala moi ben dela, e como sempre se dan a fartar, algún uso hai que darlles... Noriko andivo a buscar e topou a receita dun pan doce de cabaciña que está bastante bo; ao parecer, tamén vai ben mesturado con chocolate...






































Eu rescatei unha receita que topara tempo atrás de mermelada de cabaciña con xenxibre, e púxenme máns á pota e a cocer...

























A cor resultante é dun dourado moi agradábel; o sabor, segundo a receita, gaña en matices e profundidade logo duns meses; agora mesmo, sabe doce e ben, algo alimonada (levou raiadura, zume e algo máis), delicada. Xa veremos no inverno (se dura ata alá)...


Uns días atrás probara outra receita dixital que xuntaba dúas cousas que me gorentan por separado: dun lado, o ruibarbo, pouco comido en Galicia e moi popular en Europa, cunha agradábel acidez que vai moi ben en crumbles, pies e outras larpeiradas inglesas; doutro, os conos do xenebreiro, que lle dan o seu sabor á bebida homónima, outro clásico das illas británicas.



















A mermelada está moi boa, xuntando un toque agridoce que me tolea dende rapaz co elemento 'resinoso' do xenebreiro; porén, creo que a cocín de máis, o que a fixo moi espesa e 'acaramelada'.


domingo, maio 08, 2016

Chutney Tasting # 1

Anque non é a primeira ocasión en que probo as mostras enbotelladas da xenerosa producción tomateira do ano pasado, decidinme desta volta, e nun futuro, a ser un chisco máis sistemático, e a ir apuntando ingredientes e resultados destes pequenos esperimentos gastronómicos. Comezamos con esta primeira fornada de Tomato Chutney, fervida dous días despois do Día da Patría do 2015.


























Malia pescudas varias, para este receita cinguinme ás indicacións de John Seymour no seu Self-sufficient Gardener, incluíndo cos tomates maduros unha boa porción de mazás, cebola, allo, xenxibre, vinagre, zucre e unha mistura de especias varias, pasas e dátiles que había pola casa. Creo lembrar que fun moi xeneroso cos productos aromáticos: algo máis do que en posteriores ferveduras.

A primeira impresión de textura e cor é bastante positiva: o chutney ten un agradábel ton entre vermello apagado e rubí. A textura é moderadamente consistente.

No padal é moi apreciábel a 'tomaticidade', anque sen acidez, unida a unha certa dozura avinagrada e especiada difícil de concretar. No rebumbio só recoñezo con claridade unhas notas de allo.

























En combinación, funciona ben con queixo, anque se o sabor deste non é moi forte, o do chutney pode ser algo abrumador. Pregúntome como iría coa inclusión (no proceso ou despois?) dalgunhas herbas aromáticas (asubiote? ourego?).

domingo, outubro 27, 2013

Kabuki

Na última visita lóstrego que fixen a Madrid tiven oportunidade de xantar no restaurante xaponés Kabuki da Villa y Corte. O menú foi unha delicia para tódolos sentidos, e hoxe compartireino visualmente eiquí.

Ao xeito nipón, a comida compúxose de varios pratos pequenos, regados cun pequeno xerro de sake. Comezamos cun sashimi de varios peixes (incluído atún vermello!) acompañado de daikon, wasabi e prebe de soia... 


Anque non o vaia a degustar máis, por mor de estar en perigo de extinción, agora sei porqué ten tanta sona o túnido que nos ocupa. Desfaise na boca!
Seguimos a continuación cun sushi de peixe e gambas, con algo de xenxibre para limpar o padal.


O seguinte prato, máis adaptado ao gusto occidental, conformábao unha tempura de langostinos e verduras variadas:


Ao que lle sucedeu unha das miñas larpeiradas favoritas: un peixe estilo anguía feito á grella cun prebe agridoce, cama de arroz e pickles de acompañamento!


O postre consistiu nunha escuma de Yuzu, o rei de tódolos cítricos e o máis aromático do mundo (agardo nun futuro non moi lonxano ter uns cantos plantados na horta):


E para rematar, todo ben regado cun té xaponés (ocha; unha mágoa que non tivesen koicha)...