Mostrar mensagens com a etiqueta e-book. Mostrar todas as mensagens
Mostrar mensagens com a etiqueta e-book. Mostrar todas as mensagens

sábado, setembro 01, 2012

Wanted

Ollando entradas dun ou de dous anos atrás arredor do tema do libro electrónico, teño que lamentar os escasos ou nulos avances que se teñen producido aínda neste terreo. De feito, o pouco que mudou foi para peor, ao producirse o peche de páxinas coma gigapedia e library.nu que proporcionaban ligazóns de descarga de moitísimos libros interesantes. mentres que os e-readers seguen no marasmo habitual.

Cun ano máis ás costas de experiencia lectora do Kindle, reafírmome en tódolos defectos citados con anterioridade, e que en esencia redúcense en dous: tamaño de pantalla/letra e rixidez de formato.

Cavilando no e-reader ideal que estaría disposto a mercar, as seguintes cousas véñenme á cabeza (acéptanse recomendacións se coñecedes algo así):

1) Tamaño: como mínimo, de tableta (pantalla equivalente a un DIN A4 ou maior). É o mínimo indispensábel para poder ler comodamente un pdf, formato que para ben ou para mal, e dada a súa dispoñibilidade en libros descargados, segue a ser o rei para min (o 96% dos meus libros electrónicos están nel).

2) Tinta electrónica: imprescindíbel para non fundir a vista. É o factor que máis me bota para atrás á hora de mercar unha tableta. O branco e negro resúltame indiferente, anque teño escoitado que xa existe a tecnoloxía da tinta electrónica en cor.

3) Táctil: isto é seguramente o máis realista, xa que a case totalidade dos productos máis recentes xa o inclúen. Non o Kindle co que eu conto, nembargantes.

4) Navegación sinxela: pode que por torpeza ou por incapacidade real, o certo é que non son quen de pasar no meu e-reader a unha páxina calquera que desexe. O único xeito que funciona é pasar pola tal páxina e 'marcala'. Isto é de escándalo, e fai que a navegación electrónica sexa, de feito, máis torpe que a dun libro en papel (!!). Hai que arbitrar un método rápido de ir á paxina que se desexe.

5) Multiformato: Cantos mais poida ler, mellor, evidentemente. O mínimo imprescindíbel debera incluír, alén do pdf, html e epub, que está a converterse nun formato moi habitual (non na tenda de amazon, evidentemente, mais si en libros descargábeis de balde).

6) Internet: dada a posibilidade de ler libros pendurados na rede, non viría mal unha navegación decente. O Kindle conta con acceso á Rede, mais estremadamente limitado e torpe: non deixa ler cómodamente entradas e hiperlibros (anque de novo, pode ser defecto meu e que haxa un medio sinxelo de arranxar isto co Kindle).

7) Obsolescencia: isto é relativo aos custes. Canto máis caro saia o e-reader, maior durabilidade debera de posuír. Dende logo non estou pola labor de pagar 400 ou 500 euros por unha maquiniña que tan só le libros dixitais se aos tres ou catro anos comeza a darme problemas. 

Con isto xa me daría por satisfeito no que se refire ao lector, porque o tema dos contidos é outra historia de nunca acabar. De todos xeitos, a calidade, prezo e dispoñibilidade dos e-books tamén retroalimenta na demanda do lector: mentres os libros electrónicos 'legais' sexan carísimos (todo o que estexa por riba dos 7-8 euros), de formatos raros e con limitacións proprietarias e de país, a utilidade dun e-reader depende tan só da dispoñibilidade de contidos gratuitos e ilegais. Algo tremendamente decepcionante, xa que o que son eu, non tería ningunha pega a pagar polos productos dos que estamos a falar.
   

sexta-feira, julho 15, 2011

Non prende a isca

Por mor das recentes celebracións epitalámicas, xa conto nas miñas mans, como agasallo, o meu primeiro e-reader: nada menos que o Kindle 3 de Amazon. Como xa tiven ocasión de probalo, anque sexa superficialmente, podo voltar ao rego de entradas anteriores arredor dos libros electrónicos, cunha pequena listaxe empírica de virtudes e defectos do aparello:

No lado positivo, temos o escaso peso da máquina (máis lixeiro que un libro paperback), unha capacidade de almacenamento digna, unha batería duradeira e o emprego dunha tinta electrónica que non cansa para nada á vista.

No lado negativo, nembargantes, temos que o tamaño da pantalla paréceme pequeno (o que trae problemas cos tamaños de letra anque dispoñas o texto en horizontal); a imaxe é en branco e negro (tes que renunciar a comics e a libros de arte); a 'interacción' co aparello é algo ríxida e non táctil (unha ventaxa que ten, pola contra, o i-pad); se non estás lendo un libro do formato 'amazon' (azw), as posibilidades de ampliar a letra, consultar palabras ou de ir a páxinas concretas do libro desaparecen (iso no caso de que poidas abrir o formato, claro está). No caso de documentos en pdf onde unha páxina é o escaneo de dúas dun libro físico, o e-book torna totalmente ilexíbel, dado o tamaño minúsculo dos caracteres: hai un sistema de zoom parcial, mais é tremendamente latoso e fai a lectura nada práctica.

O balance acaba inclinándose do lado negativo, é unha impresión que comparte o compañeiro e blogueiro Manuel Lopes, que estes días andivo probando os papyres da biblioteca Ánxel Casal. Pode que o e-reader sexa o futuro, mais polo momento é un presente pouco satisfactorio. Moito máis no meu caso, en que emprego a maquiniña para ler libros descargados de balde en internet e que soen estar en formatos pdf. Ou sexa que lle poño un 4 ao producto, e que se vaian aplicando para setembro: o kindle (verbo inglés que significa 'prender lume', 'quencer') déixame frío e apagado polo momento, anque penso sacarlle bo uso naqueles libros que mo permitan (conversións mediante de formatos varios). It just doesn't kindle me.

sábado, outubro 09, 2010

E-readerízame... tamén

Seguramente lembraredes os fieis desta bitácora algúns dos comentarios e queixas que teño feito arredor dos e-books, os seus actuais defectos e elevados prezos. O problema exténdese e entrelázase co das carcasas para ler os tais libros, os e-readers, que adolecen dos mesmos ou de peores defectos.

Grazas ao descubrimento da gigapedia, estou a facerme nos últimos meses cunha biblioteca virtual bastante interesante, e que non me gorenta demasiado ler na pantalla do computador (máis cando se trata de volumes de varios centos de páxinas). Estaba a cavilar na necesidade de mercar algunha máquina lectora, e maniféstome aberto a suxerencias. Iso sí, o e-reader que me satisfaga debera cumprir coas seguintes condicións:

1) Ser moi barato. Asumo a priori unha taxa elevadísima de obsolescencia tecnolóxica para estes aparellos, o que fai ridículo gastar grandes cantidades en maquinaria que deixará de poder empregarse en menos dunha década.

2) Poder ler sen problemas arquivos en formato pdf, que son a maioría dos que descargo e pirateo. Se aínda por riba le cousas como html ou dejavú, pois mellor que mellor.

3) Capacidade de almacenamento digna. Digamos, non menos de 200 ou 300 libros escaneados...

Todo o demais é negociábel. Non necesito cores nen extravangancias, nen conexións á rede dende o aparello (sempre e cando poida meterlle dalgún xeito, preferentemente a través de porto USB, libros que consiga a través do computador), pero si que non canse en absoluto á vista, e que sexa un aparello mínimamente carrexábel e manexábel.

Any ideas?

quarta-feira, fevereiro 03, 2010

... And a bottle of rum

A última nova nun eido que sabedes que sempre me pon a lingua a pacer é o enfrontamento entre a editorial Macmillan (e nas sombras desta coma marionetista, de Rupert Murdoch, alias 'O Grande Satán' -e non me estou a referir ao de Songoku-) e o portal de e-commerce Amazon. A disputa viña motivada pola pretensión desta última por fixar un tope máximo ao prezo dos e-books (9 dólares con 99), que a editorial rexeita. As cousas foron a máis, e Amazon retirou temporalmente os libros de Macmillan da súa distribución, mais ao final tivo que recuar, dado o monopolio que ten a editorial en case tódolos seus títulos e o forte ruxe-ruxe das demais editoras poderosas do mercado.

O tema resulta coma sempre complexo, e ningunha das dúas compañías se move por amor ao arte. Amazon quere rendabilizar as vendas do seu e-reader, o Kindle, e para compensar polo seu altísimo prezo, necesita tirar á baixa con prezos moi económicos nos contidos. Ao tempo, busca consolidar a súa posición hexemónica na venda de e-books (para o cal está disposto a vender os e-books por debaixo do que lle custan, e con perdas, polo de agora). Macmillan busca o que tódalas editoriais: seguir mantendo o seu verdadeiro negocio, que son aínda os libros en formato físico, para o cal non lle importa manter prezos absurdos nos libros virtuais. Para eles, é mellor que non despegue ese mercado a que corra o risco de comerlle réditos e vendas dos hardbacks dos que viven.

De tódolos xeitos, non son quen de mirar os touros dende a barreira, xa que percibo que a postura da Amazon é máis razoábel e agoira melloras para o consumidor. Os editores seguen apegados (como antano a industria discográfica) ás inercias do seu modelo, alén de ter a santa vergoña de querernos cobrar ata 15 dólares por unha presada de bits (e xa falamos en varias ocasións de porqué, por moito que insistan, o e-book ten que ser MOITÍSIMO máis barato que o libro en papel (unha vez máis: propiedade limitada dadas as licencias DRM, necesidade de mercar unha máquina de lectura cara e obsolescente e de cargar esta, non-posibilidade de prestar ou de vender os volumes, aforro en gastos de produción e almacenamento, alén de rendas permantes mentres o libro virtual siga pendurado da Rede de Redes, etc...). Pretender (como di Macmillan) que é mellor unha oscilación de prezos negociábel é absurdo dende o punto de vista de que os 9.99 dólares de amazon xa son de por si un sobreprezo ao que considero xusto, anque aceptábel cunha certa resignación e para usos moi concretos (libros que só quero consultar ou ler unha única vez).

Visto o visto, fica agardar as novidades e confiar en que os editores acaben por coller sentidiño, e caer da burra, ou (isto é o máis probábel) a que as nulas vendas no mercado os fagan entrar en razón. Persoalmente, deséxolle todo o mellor ao mundo editorial, grazas ao cal (anque antes, grazas aos autores) podo disfrutar de moitos volumes que me fan feliz e limitan, cada un deles nun anaquiño pequeno máis perceptíbel, as sombras numerosas da miña ignorancia. Mais se proseguen co seu torpe neoluddismo, non me quedará máis remedio que entregarme de cheo á nacente piratería libresca, deixar de velos como (máis ou menos) honestos proveedores no canto de estafadores impresentábeis contra os cales calquer desprezo e ataque son válidos (é o que pasou coas discográficas), e decidir que se non están dispostos a cobrar os libros no que valen, vounos consumir de balde, sen darlles pataco, mentres tarareo en xesto de escarnio a vella balada pirata: Yo Ho Ho...

quarta-feira, dezembro 23, 2009

O libro dixital - A Modest Proposal

Pois seguimos ás voltas co tema, e non só pola pesadez recurrente do Mantendor de Trasalba; outras bitácoras, como a do amigo Mario, seguen a reflexionar, e moi ben, arredor do tema. Engado un pequeno feixe de notas arredor da venta futura dos libros dixitais, coa advertencia previa de que non son libreiro nen editor (seguramente eles terían cousas que engadir ou explicacións que pasar) e que a profecía é labor ingrata e pouco exitosa: carezo das mamelas de Tiresias e non gosto do Oitavo Círculo, bolgia número 4, onde teña que pasar a eternidade coa cabeza revirada...

Xa se falou das ventaxas e inconvintes dos e-books actuais, cun saldo certamente negativo, ao meu entender. Un dos xeitos de resolver o déficit paréceme que podería vir dado polas formas e tempos de edición. Vexamos...

Os editores protestan, cando se insiste no alto prezo dos e-books, que o seu marxe de manobra real é estreito. Querse dicir, se suprimimos os gastos inmediatos que suprime o formato electrónico (almacenaxe, que non é cousa pequena; papel e materiais; parte dos intermediarios) poderíase chegar a unha reducción non maior do 25% do custe final (si, a min tamén me resulta escasamente críbel, pero a efectos do debate, aceptemos que isto é así). E uns prezos do 75% do libro físico para unha presada de bits doadamente pirateábeis resultan inaceptábeis para o consumidor actual (máxime tendo en conta as limitacións de dereitos nas obras -licencias DRM- e o ter que mercar uns e-readers ben caros e cun alto porcentaxe de obsolescencia tecnolóxica en poucos anos).

O problema é que os editores plantexan a situación coma se fosen a preparar e a sacar libros só en formato electrónico. Unha lóxica máis racional sería a de considerar o e-book coma 1) o último eslabón da cadea formada pola saída inicial dun libro en formato caro (hardcover), seguida do paperback despois dun tempo e (o engadido que podemos facer agora) do e-book despois doutro prazo a maiores; e 2) unha fonte permanente de ingresos ata que a editorial deixe de existir, sen necesidade de recorrer a gastos a maiores de reimpresión e similares.

Cando saiu o formato paperback dos libros, moitos editores temían que a tal saída ía provocar a debacle e a fin dos libros máis careiros que venden. Nada máis falso: o mercador de maior capital segue accedendo directamente ao libro máis costoso tan pronto sae, e o mercador modesto (que en moitos casos nunca tería mercado o libro caro; non se trata só dos tacañóns) pilla máis adiante o volume de peto. O seguinte engadido lóxico sería un e-book moi barato (por forza máis que o paperback - nunca sobrepasando os 5 dólares/3 euros) que sairía moito máis tarde, e que non ameazaría as ventas dos anteriores. Alén, os custes de maquetación, escolla, promoción, etc... virían xa cubertos coa primeira das edicións, transferíndose ás posteriores. E un podería aceptar as 'limitacións serias' do formato (non impresión, non préstamo, etc...) dados os prezos e as alternativas.

Doutra banda, o consumidor de libros non ultrarecentes e/ou mainstream (díganmo a min, que ando estes días á caza de traduccións careiras dos clásicos xaponeses en tendas virtuais de segunda man) sabe que despois dun prazo limitado, xa non ten acceso a libros publicados por unha casa editorial. 10 anos significan quase-imposibilidade. É unha perda dos dous lados: os editores deixan de vender (e non farán reedicións ata ter garantías amplas de que van ten moitas ventas inmediatas), e os mercadores, de mercar. Os dous problemas resólvense coa descarga dixital permanente e a longo prazo, con ingresos pequenos mais sumativos e temporalmente alongábeis ata un futuro moi lonxano.

Tal é o que estiven a cavilar. De todos xeitos, son escéptico, mais xa veremos o que sae. Agradécense comentarios, críticas e ameazas de morte...

domingo, dezembro 06, 2009

Ilusionado co E-commerce

Do mesmo xeito que sigo nas miñas trece polo que toca ao libro electrónico, debo recoñecer que a Rede de Redes abriu enormes posibilidades no que toca á adquisición de libros tradicionais de papel. Neste eido as ventaxas para os que poidan lidiar coa língua inglesa son inmensas, e de feito levaron a que o 80 por cento dos libros que merco na actualidade sigan a estela das ondas virtuais.
Postos a navegar as ribeiras do lago da fada electricidade, varios son os portais desde os que podedes atopar volumes que evitan as librerías galaicas. Os que máis emprego eu son:

-Amazon: auténtica 'multinacional' do libro, inclúe un catálogo amplísimo de volumes a prezos moi económicos e sobre case tódolos temas imaxinábeis. Alén das opcións de 'primeira man', tamén conta con links a outros vendedores dos mesmos productos (novos ou vellos), moitas veces rebaixados. Aliás, os comentarios e reseñas axudan a navegar entre diferentes opcións do mesmo producto.
O Amazon que máis emprego é o de Estados Unidos, xa que os prezos soen ser máis baratos que o do anglosaxón, máis cercano (as taxas de cambio do euro co dólar axudan moito tamén). Os libros tardan arredor de 21 días en chegar polo correo 'barato' (unha semana dende o portal inglés).

-Abebooks: este xa é un portal específico para libros de segunda man, e foi o primeiro espazo de e-commerce ao que acudín. É especialmente bo para volumes vellos e descatalogados, os prezos son moi económicos e os gastos de envío soen ser menores aínda que os do portal anterior (case nunca pasan de 15 dólares, arredor de 10 euros; en comparanza, os envíos de paquetes equivalentes por correos ascende á frioleira de 36 billetes, facendo o e-commerce da península co exterior unha imposibilidade práctica).

-Ebay: esta é unha casa de subastas, anque moitas veces tamén permite opcións de compra directa do producto, ou de facerlle unha oferta máis barata ao seu posuídor. É o portal que menos emprego dos tres, e nembargantes tamén é moi útil ás veces para libros moi concretos que non atopas nos demais enderezos.

Mais alá destes focos, hai outras tendas menores que é oportuno visitar de cando en vez, para ver se ofertan os mesmos libros un chisco máis baratos (nesa pescuda, google é o teu amigo). Para os tomos en español, o equivalente na península sería o portal da Casa del Libro, mais non quedei moi satisfeito cos seus servizos, nen os recomendo agás que o que busques só o teñan eles (son lentos, non avisan se o libro encargado está ou non en stock -neste caso fanche agardar ata que llo traen da editora- e a maioría do que teñen telo tamén nas librerías de Santiago).

quarta-feira, outubro 14, 2009

Escéptico co E-Book

Certamente, o aparato conta con tódalas miñas beizóns. E as posíbeis ventaxas son moi seductoras: posibilidade de carrexar nun formato confortábel centos ou incluso miles de libros, emprego de procedementos mecánicos de pescuda, marca-páxinas e navegacións hipertextuais, acceso doado a volumes doutra maneira difíciles de atopar... E nembargantes, o que parece un terreo prometedor está estancado, e non ten visos de mellorar no curto ou medio prazo.

Algúns dos problemas teñen que ver coa tecnoloxía en sí: o e-book require unha versión careira nunha carcasa (o e-reader), tanto máis dispendiosa debido ao espectro de obsolescencia tecnolóxica que acompaña sempre aos aparellos electrónicos, alén dos perigos da Bruxa Avería. O aparato necesita recargar baterías e enchufes cercanos, e o cabalo de bataia segue sendo unha resolución absolutamente non-cansina da vista, comparado co papel. Relacionado coa autonomía enerxética, as imaxes a cor de alta resolución (que son as que máis problemas dan) tamén requiren de axustes e de melloras.

Mais o problema maior ven dado ao meu ver pola torpeza e timidez das empresas do ramo, xunto coas súas arcaicas estratexias de control e de dereitos. Os e-books dispoñibles presentan unha variedade incompatíbel de formatos, e unha obsesión enfermiza por evitar os perigos da piratería que concretiza en menos dereitos para o comprador de e-books (por exemplo, non podes facer copias, e incluso a compañía pode hipotéticamente retirarche acceso ao libro que xa mercaches). Se a isto lle unimos uns prezos absurdamente caros (actualmente, moitos dos e-books custan case tanto coma os equivalentes en papel), enténdese a irrelevancia dos nichos de mercado que acadaron. Non quixera xogar a Casandra, mais temo que as limitacións dos empresarios e a ausencia dunha forte inversión improductiva e anterior ata que o sector poida manexarse por si só (que foi o que pasou con Internet) parecen condenar ao sector ao marasmo ata dentro dunhas cantas décadas, é unha situación que lamento. O fetichismo propio polo libro de papel non exclúe as utilidades innegábeis do novo (por exemplo, e como dicía, para libros 'raros' que agora teño que pillar por correo, carísimos e de segunda man), e incluso é posíbel imaxinar unha convivencia harmónica onde o libro tradicional ocupe un nicho de 'mercadoría de luxo', con mellores edicións en papeis de calidade. Mais polo momento, as posibilidades non cristalizan máis alá de soños calderonianos, 'y los sueños... sueños son'.